Os funerais case duplicaron o seu prezo nos últimos dez anos
Dous mil euros, ese é o custo medio dun funeral económico en España (con enterro; o 80% das familias aínda se decanta pola inhumación, e non pola incineración ou cremación), a nada que inclúa féretro (o máis barato), acondicionamento sanitario do cadáver, traslado en coche fúnebre (dentro da mesma localidade), servizo relixioso, unha coroa de flores sinxela, gastos de xestión e tramitación do expediente, certificado de defunción e taxa de inhumación, amais da necrolóxica de tamaño máis habitual no xornal de maior difusión de cada provincia.
A finais de febreiro, CONSUMER EROSKI púxose en contacto con 100 empresas de pompas fúnebres, todas elas de titularidade privada, que operan en 18 provincias de toda España, para solicitarlles as súas tarifas, a partir das cales se confeccionou o custo dun funeral modesto, o máis barato dos que ofrecían sempre que incluíse os servizos descritos. Os orzamentos máis onerosos superaron os 3.000 euros, se ben os máis económicos non chegaron aos 900 euros, diferenza dificilmente comprensible tratándose de funerais tan similares. O encarecemento dos servizos funerarios nos últimos dez anos foi do 90%, case o triplo ca o IPC acumulado, o 36%. Un funeral similar a este custaba en 1998 só o equivalente a 1.040 euros de media (aínda non chegara o euro, eran 173.000 pesetas), tal e como concluíu o informe publicado daquela por CONSUMER EROSKI.
Os servizos funerarios máis caros páganse hoxe en Madrid (2.566 euros de media), Valencia (2.466 euros), Murcia (2.181 euros ), Alacante (2.175 euros) e Sevilla (2.105 euros); e os máis baratos, en Barcelona (1.604 euros), Málaga (1.650 euros), Valladolid (1.705 euros) e Córdoba (1.755 euros). Pero convén consultar prezos: dentro de cada provincia e de cada cidade as tarifas que rexen son moi distintas segundo a funeraria de que se trate. En Alacante, este funeral modesto pode custar dende 843 ata 3.066 euros, e en Madrid, dende 1.269 ata 3.040 euros, e non son casos illados: en trece das dezaoito provincias comparadas a diferenza entre o funeral máis barato e o máis caro superaba os 800 euros, unha posibilidade de aforro que parece xustificar o esforzo de visitar varias funerarias, tal e como fixo esta revista. Certo: non é o dó pola desaparición dun ser querido o mellor momento para se pór práctico e facer contas, pero sempre se pode encargar do asunto o familiar ou achegado ao que menos lle desagradan este tipo de xestións.
Cómpre indicar aquí que a tarefa non resultará sinxela: non é este un sector que facilite as cousas a quen busca información. Para acadar as tarifas da mostra necesaria, un cento de funerarias, CONSUMER EROSKI tivo que se pór en contacto con máis de 900 destas empresas: a negativa foi a resposta maioritaria, malia a que na solicitude se lles garantía que o informe non daría o nome de ningunha funeraria. Ademais, neste custo dos funerais en España non se inclúe o da concesión temporal dun nicho ou sepultura nun cemiterio. E evitouse facelo porque a oferta é tan diversa e as taxas municipais tan dispares, que a comparación en termos homologables era case imposible.
A licenza para a cremación ou incineración dos restos (o permiso, ao igual ca no caso do enterramento, realízase tamén no Rexistro Civil) é o primeiro paso que hai que dar se se opta por esta fórmula, que na actualidade se elixe no 20% das defuncións. Amais dos gastos xerais, na cremación súmase o da propia incineración e o da urna para depositar as cinzas, aínda que se evita o desembolso do enterramento e da adquisición ou concesión da sepultura, foxa ou nicho, que adoita ser considerable.
O custo medio da cremación e da urna (tamén se fixou a opción máis económica) é de 470 euros, un 13% máis ca hai cinco anos. As tarifas máis elevadas atopáronse en Almería (843 euros de media), Alacante (703 euros), Madrid (666 euros) e Valladolid (600 euros). E as máis económicas en Córdoba, Zaragoza e Sevilla (non chegan aos 335 euros). Cómpre sinalar que no caso da cremación tamén se utiliza féretro (neste caso consta dunha caixa exterior máis outra caixa con tapa no interior de material axeitado para a súa eliminación na cremación). A caixa exterior pódese reutilizar e adoita ser similar ao féretro común.
Os distintos servizos que ofrecen as funerarias
Se a familia da persoa falecida desexa ou precisa aforrar nalgún dos moitos gastos dun funeral, seralle útil coñecer que case dúas terceiras partes do custo total corresponden á suma do prezo do féretro (33%), do uso do tanatorio (17%) e da necrolóxica no xornal (14%), polo que os seus esforzos poderían encamiñarse a reducir ao máximo, e mesmo a eliminar, o custo dalgún destes servizos, os máis onerosos.
Os primeiros trámites tras o óbito son os burocráticos. Pódenos cumprir os propios familiares ou ben pódenlle ser encomendados á empresa funeraria, aínda que esta opción ten un sobrecusto. Consisten na obtención do certificado médico de defunción e na inscrición do falecemento no Rexistro Civil (xestión que hai que realizar nas 24 horas posteriores ao falecemento). Ademais, é indispensable conseguir a licenza de enterramento ou incineración, no caso de que se opte por ela en vez de pola incineración ou cremación (oito de cada dez familias así o fan). Os gastos de xestión varían tanto no prezo coma na forma de calculalos, xa que algunhas empresas cobran unha taxa porcentual (arredor do 5%) do custo total do funeral. As empresas funerarias cobran unha media de 135 euros pola xestión destes trámites administrativos, con diferenzas entre os máis de 220 euros de media que cobran as empresas funerarias de Zaragoza ou Álava, ou os pouco máis de 75 das de Granada ou Barcelona.
Unha vez obtidos os permisos, a familia debe afrontar a adquisición do féretro, que supón, de media, unha terceira parte do gasto, polo que se trata do aspecto que mellor explica a enorme diferenza entre os funerais dunhas e outras funerarias e entre as dunhas e outras provincias. O prezo medio do féretro máis barato sitúase nos 660 euros, un 61% máis ca no estudo de hai dez anos. A provincia máis cara ao respecto é Madrid, cun custo medio de 883 euros, e a máis barata Barcelona, con 462 euros. Tamén resultan caros os prezos en Alacante, Sevilla e Zaragoza (por riba ou preto dos 800 euros). Amais de Barcelona, os féretros máis baratos ofrecéronse en Córdoba (500 euros de media), Álava (512) e Biscaia (523). Se se comparan todas as funerarias analizadas, o féretro máis barato atopouse en Barcelona, a só 203 euros (o máis caro dos económicos nesa provincia custaba case 5 veces máis), e o máis caro, en Alacante, onde unha funeraria ofrece o seu féretro máis barato a case 1.500 euros.
O custo medio do transporte do cadáver en coche fúnebre (o máis económico de cada funeraria) é de 144 euros. Tan só Biscaia se sitúa moi por riba, cunha media por funeral de 253 euros. Tamén por riba da media aparecen as funerarias consultadas en Almería (186 euros), Zaragoza, Murcia e Madrid (entre 165 e 175 euros). Entre as tres máis baratas, o desprazamento do cadáver en coche fúnebre é realmente económico: en Navarra supón de media 78 euros, e en Granada e Guipúscoa, 93. En xeral, o desprazamento en coche fúnebre máis barato ofrecíase nunha funeraria de Barcelona (48 euros) e o máis caro, nunha de Biscaia (451 euros), case dez veces máis.
No tocante ao custo do acondicionamento sanitario do cadáver, algunhas funerarias (en concreto un 6%) inclúeno no prezo do féretro. Así e todo, a media representa 91 euros (16 euros máis ca no 2003, un 22% de aumento) e nalgunhas provincias este labor representa un gasto medio importante: Álava (126 euros), Madrid (119 euros) e Alacante (114 euros). Os custos medios máis económicos rexistráronse en Biscaia, Almería e Navarra (arredor dos 65 euros, é dicir, a metade que en Álava).
Non por prescindible é menos habitual o gasto en flores e en necrolóxicas na prensa, así como os posibles oficios relixiosos para despedir ao falecido conforme ás súas crenzas. O prezo medio da coroa de flores máis común (con caraveis, crisantemos, algún gladíolo, algunha rosa, etc.) nas 100 funerarias que forman parte do estudo é de 131 euros (está condicionado tanto pola época do ano como polas variedades florais elixidas), un 49% máis ca hai dez anos. Ao igual ca nesa ocasión, o maior prezo atopouse nas funerarias de Navarra (187 euros de media) e Álava (175 euros) e o máis barato nas de Granada e Córdoba (apenas 103 euros). O custo medio era tamén considerable en Zaragoza, Asturias e Barcelona (preto de 150 euros). A coroa de flores máis barata atopouse nunha empresa de pompas fúnebres de Guipúscoa (a 60 euros) e a máis cara (convén salientar que se trataba da máis económica en cada funeraria) nunha de Navarra, a 214 euros.
O despregamento de servizos ofrecidos polas empresas de pompas fúnebres españolas aumentou de xeito considerable nos últimos anos: dende as técnicas de tanatoplastia ou tanatoestética (destinadas a retoques estéticos para a perfecta conservación do cadáver) aos servizos para preservar a memoria dos mortos (por exemplo, álbums con fotos, nos que se recolle tamén unha breve descrición do falecido e unha crónica xornalística sobre como se desenvolveu a cerimonia da súa despedida), pasando polo acompañamento de música para o velorio (con intérpretes), coches de comitiva, autobuses para o traslado de familiares ou achegados, alugueiro de limusinas, etc.
- Compare prezos. Estas empresas están obrigadas a expor un cartel visible con toda a información relativa ás súas tarifas, modalidades de pagamento e servizos ofertados. A consulta dos prezos pódese facer, ademais, chamando por teléfono as funerarias.
- Servizos sociais. En ausencia de familiares do defunto ou falta de recursos económicos, os concellos ofrecen servizos funerarios gratuítos.
- Orzamento por escrito. Sempre que sexa posible, o acertado é solicitar con tempo un orzamento por escrito e detallado polo miúdo.
- A letra pequena. No pagamento polos servizos funerarios inclúese o IVE, pero se engloba outros conceptos como suplidos (é dicir, que os proporciona outra empresa), a funeraria non debe aplicar ese imposto.
- Total liberdade. Non está obrigado a pactar todos os servizos cunha mesma funeraria aínda que, neses momentos delicados, adoita resultar máis cómodo. Mesmo se o falecido conta cun seguro de decesos, os familiares poden optar por outra empresa de pompas fúnebres diferente á que teña xa concertada a aseguradora.
- Calma e reflexión. O mellor nestes casos é, se procede, reunirse co resto de familiares e decidir, logo de estudar con calma todas as posibilidades, cal é a empresa que mellor se adapta ás súas necesidades e condicións económicas. Falar cunha persoa que non estea afectada de xeito directo por esta morte pode axudar a ver todo dun xeito máis obxectivo. Unha decisión atinada pode reducir o cuantioso gasto que supón o funeral.
- Coidado con tácticas agresivas. Non se deixe levar polos ofrecementos que os comerciais das empresas funerarias lle fagan no hospital no mesmo momento da morte do seu ser querido. A falta de escrúpulos dalgúns destes “profesionais” pode facer que chegue a acordar servizos de maneira impulsiva, aínda que non sexa o que necesita ou desexa.
- Condicións hixiénicas. Esixa sempre que os servizos que lle ofrezan cumpran as obrigatorias medidas sanitarias e que o trato do persoal desa funeraria sexa en todo momento axeitado e respectuoso, tal e como require o momento.
- Inhumación. Se opta por enterrar o defunto, debe informarse ben do límite temporal dos alugueiros de nichos e sepulturas no caso de que, transcorrido o prazo, sexa preciso aboar outra cantidade para que os restos do seu familiar se sigan conservando nese lugar.
- Autopsia. Cando se trata dunha morte non natural, este trámite médico non ten custo ningún.
A necrolóxica no xornal
A inserción dunha necrolóxica informativa no xornal supón un importante desembolso (representa o 14% do gasto). As de tamaño máis habitual nos xornais de maior audiencia de cada provincia ascenden, de media, a 277 euros, aínda que a suba con respecto aos prezos de 1998 se limita a un 35%, similar ao aumento do IPC acumulado nos últimos dez anos.
Os prezos medios máis caros localizáronse na Coruña (463 euros de media por necrolóxica), Madrid (435 euros) e Valencia (416 euros). Tamén por riba da media atópanse Biscaia (361 euros), Barcelona e Navarra (arredor dos 335 euros). As máis económicas publícanse nos xornais de Sevilla (110 euros de media), Valladolid (134 euros) e Málaga (165 euros). Amais do xornal e do tamaño elixido para a necrolóxica, cómpre ter en conta que a publicación en domingo é un 25% máis cara ca no resto dos días da semana.
O tanatorio: un servizo caro, aínda que en auxe
Os tanatorios vanse consolidando en España como espazos habilitados para velar a persoa falecida, onde se ofrece un contorno máis amable para os momentos de do co corpo do defunto presente, aínda que supón outro desembolso máis. O prezo deste servizo, no seu concepto máis básico (utilizando só a sala, sen contar con outros servizos como minibar, duchas, etc.), supón un desembolso medio de 325 euros (un 33% máis ca hai cinco anos), e representa, tras o féretro, o segundo maior importe do custo global do funeral. Non obstante, os datos varían de modo considerable entre unhas provincias e outras: dende os 500 euros de Murcia, os 479 de Sevilla e os 447 de Valencia, aos económicos 180 euros de media dos tanatorios de Málaga ou os 220 de Barcelona.
A última prestación do funeral establecido por CONSUMER EROSKI é o servizo relixioso, opción requirida por máis do 90% das familias españolas. Na actualidade, a maioría das empresas funerarias ofrecen salas multiconfesionais para estes actos. O prezo do oficio relixioso adoita situarse arredor dos 73 euros, aínda que esta cantidade pode variar. Os custos do servizo relixioso máis caro ofrécense na Coruña (115 euros de media) mentres que os máis económicos danse en Navarra e Barcelona (arredor dos 40 euros de media). O servizo relixioso inclúeno no 92% das funerarias contactadas. Ademais, nun 18% disponse da posibilidade de instalar unha mesa de sinaturas. As funerarias que cobran este servizo á parte (un 48%) esixen unha media de 43 euros.
No cemiterio
A taxa de inhumación ou enterramento establécena os Concellos onde se sitúan os cemiterios públicos. Os prezos varían en función do lugar no que se procede ao enterramento: non é o mesmo facelo nunha foxa ca nun nicho ou nun panteón, e mesmo as denominacións son diferentes segundo as localidades. En realidade, trátase de concesións administrativas de bens de dominio público, é dicir, concesións de distintos tipos de unidades de enterramento a distintos prazos, diferentes en cada cidade ou aldea, polo que a comparación resultaría, no canto de esclarecedora, confusa. Ademais, para comparar as tarifas cómpre coñecer que servizos engloban: prazo da concesión (moi diferente segundo cada cemiterio, que pode ir dende os 5 ata os 99 anos), traballos correspondentes ao peche da sepultura, colocación de lápida, retirada e incineración dos restos ao vencemento do prazo (nalgunhas localidades cóbrase e noutras non), etc. Así e todo, as taxas de inhumación máis caras, segundo a información facilitada polas funerarias, recolléronse en Madrid (271 euros), Málaga e Guipúscoa (preto de 250 euros), mentres que as máis económicas son as de Granada (44 euros de media), Zaragoza (49 euros), Almería e A Coruña (arredor de 60 euros).
O desembolso notable dos gastos funerarios e as molestias inherentes aos trámites que hai que afrontar tras a morte dun familiar son as principais razóns para contratar unha póliza de deceso. Arredor de 20 millóns de españois (único país europeo no que se comercializan este tipo de produtos) están cubertos na actualidade por un seguro de decesos, polo que as aseguradoras asumen a obriga de garantir a prestación dos servizos funerarios a cambio dunha prima anual. Como se trata, por regra xeral, dunha póliza de carácter familiar, inclúense nela varios asegurados. As dúas fórmulas máis comúns para lle facer fronte a esta póliza son renovar todos os anos a prima, que irá subindo en función da idade, ou aboar, nunha serie corta de anos (entre 3 e 5) os gastos que supón un funeral.
O obxecto do seguro de deceso é que a súa cobertura abonde para lles facer fronte ás custas de funeral e enterro, das flores, dos desprazamentos, das necrolóxicas, etc. Por termo medio, cada asegurado debe pagar entre 90 e 175 euros ao ano, pero esta cantidade depende de varios factores, como os servizos que se solicitan, a poboación de residencia ou a idade dos beneficiarios (a maior idade, máis cara a prima).
Entre as principais obxeccións a este produto, sobresae a deficiencia informativa aos asegurados sobre o alcance das prestacións e o custo total das primas deste tipo de seguros. Estudos recentes indican que a proporción entre o total de primas satisfeitas polo asegurado medio e o custo da prestación dos servizos funerarios é de 3 a 1.
Antes de contratar un seguro de decesos
- Se goza dunha economía saneada ou ten subscrito un seguro de vida que ampare aos seus tras o seu falecemento, quizais non lle interese un seguro destas características.
- A recomendación principal é valorar o custo que un seguro deste tipo pode supor ao longo do tempo de subscrición, considerando á súa vez outras posibilidades de financiamento dun funeral.
- Solicite orzamento en varias aseguradoras. Compare a súa relación calidade-cobertura-prezo, sopesando as vantaxes e desvantaxes de cada unha delas. Estude en profundidade o que lle ofrece cada aseguradora, incluída a letra pequena.
- Concrete se a póliza é de prima natural (o seu importe aumenta coa idade do asegurado polo incremento de risco de morte) ou de prima nivelada (permanece invariable durante a vixencia do risco).
- Lea con atención a póliza, pregunte sobre os termos do contrato que non coñeza e pida unha explicación das cláusulas que non entenda.
- Lembre que cando paga un seguro de decesos para cubrir os gastos que xeran os servizos funerarios, o que contrata é unha prestación de servizos e non os dunha compañía en concreto, polo que ten total liberdade para elixir a funeraria que prefira, aínda que a aseguradora teña concertados os servizos cunha determinada empresa.
- Asegúrese de que conste por escrito que se o custo do servizo é menor ao capital asegurado na garantía de decesos, a cantidade sobrante lle será devolta aos beneficiarios.
- Se dispón dun seguro de decesos, informe aos seus achegados do número de póliza ou da compañía á que deben chamar.
- O incremento da prima débelle ser notificado ao cliente por escrito e polo menos dous meses antes do vencemento da póliza.
- Débense estudar as pretendidas melloras nos servizos contratados que alegan as aseguradoras para xustificar o aumento da prima e valorar se compensa esa suba. As prácticas abusivas por parte das compañías aseguradoras son denunciables ante a Dirección Xeral de Seguros.