Leite para todos?

A comunidade científica segue sen se pór de acordo sobre a idoneidade ou non de consumir leite durante toda a vida
1 Abril de 2008
Img alimentacion listado 477

Leite para todos?

/imgs/20080401/alimentacion.01.jpgÉ un dos eternos debates na alimentación: as vantaxes ou os inconvenientes de tomar ou non tomar leite durante toda a vida. Polo momento hai tantas respostas como preguntas. E ninguén posúe a razón absoluta. A evidencia da alerxia ao leite, os numerosos casos de intolerancia á lactosa (azucre do leite) e mais a disxuntiva do exceso de mucosidade relacionado co consumo de lácteos en xeral e de leite en particular son temas que avivan o debate sobre a idoneidade do seu consumo.

A estas cuestións únense outras máis polémicas, en moitos casos sen a evidencia suficiente como para extraer conclusións contundentes. As investigacións que tratan de asociar o consumo de leite co desenvolvemento de diversas patoloxías, entre elas distintos tipos de cancro -próstata, ovarios ou mama-, son tan numerosas como controvertidas. Tamén o son as que tratan de xustificar o maior consumo de lácteos na idade adulta para previr ou tratar as fracturas óseas ou a osteoporose.

O leite non é imprescindible, como non o é ningún alimento concreto. Non obstante, a cultura que prevalece en moitos países, entre eles España, arredor do leite e dos seus derivados xustifica que sexa defendible o seu consumo racionado dentro do concepto dunha dieta saudable equilibrada. As calidades nutritivas deste alimento, en calquera caso, son indiscutibles.

O dilema do calcio

/imgs/20080401/alimentacion.02.jpg
O leite contén nutrientes básicos para o correcto crecemento de nenos e adolescentes, para a formación e fortalecemento de ósos e dentes. Amais do calcio (maior constituínte da masa ósea), ten outros nutrientes, como vitamina D, lactosa e unha adecuada proporción de fósforo, que favorecen a absorción de calcio no organismo e a súa fixación e acumulación na masa ósea. Dado que o leite é un alimento típico da nosa gastronomía, considérase un vehículo excelente para a nutrición infantil.

Aos 25 anos de idade, o óso deixa de medrar e entre os 30 e 35 anos a masa ósea comeza a decrecer. Dito isto, cómpre ter en conta que manter un nivel de calcio axeitado -o pico de masa ósea, é dicir, a reserva de calcio nos ósos- serve para compensar as futuras perdas. Non obstante, a crenza dos beneficios de consumir en maior medida lácteos durante a madureza, en particular as mulleres, para previr fracturas ou a osteoporose non está xustificada porque non resulta efectiva. Así se constata no maior estudo prospectivo a nivel mundial, o Nurses’Health Study’.

En 1997 publicáronse no American Journal of Public Health os resultados da análise de 77.761 mulleres de entre 34 e 59 anos elaborada durante 12 anos consecutivos. O estudo examinou se a maior inxestión de leite e/ou outros alimentos ricos en calcio durante a idade adulta pode reducir o risco de fracturas. Non atoparon probas que asociasen unha maior inxestión de calcio do leite, dos lácteos ou da dieta total, cunha redución do risco de fractura de cadeira ou antebrazo.

Todo apunta a que o consumo de lácteos, a partir de certa idade, non axuda a fortalecer os ósos. O risco de fracturas ou de osteoporose é menor se se melloran as condicións de absorción intestinal do mineral e se eliminan os factores que producen perdas de calcio dos ósos. A clave parece residir na redución do consumo de sodio e de proteínas animais da dieta, xa que o seu exceso se asocia á descalcificación ósea; aumentar o consumo de vexetais -hortalizas de follas verdes, froitos secos e legumes, tamén ricos, en calcio-, e practicar exercicio.

Superar a alerxia

/imgs/20080401/alimentacion.03.jpg
O leite, o primeiro alimento que o neno recibe en cantidades importantes, tamén é un dos primeiros antíxenos (substancia que xera anticorpos) cos que o organismo humano entra en contacto. Non é estraño que sexa un dos alimentos que máis reaccións alérxicas causa na infancia. En España, a incidencia de alerxia ás proteínas do leite de vaca no lactante móvese entre o 0,4% e o 1,9%.

O neno alérxico debe seguir unha dieta estrita prescindindo do leite de vaca, dos seus derivados (manteiga, nata, iogur, queixo, leite calado) e de todos os produtos nos que se usa como ingrediente (flan, cremas, arroz con leite, algúns caramelos). Tamén debe descartar os produtos que inclúan entre os seus ingredientes proteínas de leite de vaca, que poden aparecer baixo diversas denominacións (caseinato de sodio, de calcio, de potasio, de magnesio, hidrolizado proteico, caseína, soro láctico, H4511, H4512, lactoalbúmina, lactoglobulina, e mesmo lactosa, que podería estar contaminada con proteínas alerxénicas).

Non obstante, as últimas investigacións sosteñen que a alerxia ás proteínas do leite de vaca se pode superar a idades temperás. O comité de alerxia aos alimentos da Sociedade Española de Inmunoloxía Clínica e Alerxia Pediátrica (SEICAP) propón unha pauta que se demostrou segura. O neno recibe doses controladas de leite de vaca que aumentan de xeito progresivo (2 ml, 5 ml, 10 ml, 25 ml, 50 ml, 100 ml, e 150 ml) a intervalos de 60 minutos, e sempre baixo supervisión médica, durante 1, 2 ou 3 días. Se o menor non amosa ningún tipo de reacción clínica, séguenselle achegando proteínas lácteas a cotío durante os 15 días posteriores á proba de tolerancia. Pasado ese tempo, se non sufriu reacción alérxica ningunha, pódese considerar que o neno xa tolera as proteínas de leite de vaca.

Intolerancia á lactosa

/imgs/20080401/alimentacion.04.jpg
Trátase dun trastorno xeneralizado en todo o mundo. Estímase que o 70% da poboación mundial ten hipolactasia ou baixos niveis de lactasa, o encima do intestino delgado capaz de dixerir a lactosa. A diminución de lactasa adoita darse durante a infancia, aínda que tamén pode suceder máis tarde, na adolescencia. A taxa de perda de actividade da lactasa tamén varía en función da etnia. Isto explica que a intolerancia á lactosa se manifeste aproximadamente no 10% da poboación europea, o 90% da asiática e en máis do 65% da poboación africana.

A deficiencia de lactasa está determinada pola xenética. O xene da lactasa foi identificado de modo recente, o que xera expectativas para a curación deste trastorno nun futuro non moi afastado.

O Departamento de Gastroenteroloxía da institución Guy ‘s and St Thomas’ NHS Foundation Trust de Londres (Reino Unido) publicou o pasado mes de xaneiro na revista Alimentary Pharmacology & Therapeutics unha revisión sobre numerosos estudos clínicos acerca da intolerancia á lactosa. A conclusión máis salientable á que chegou é que algunhas persoas con esta intolerancia -aínda que non todas- poden consumir leite e produtos lácteos (en particular fermentados como o iogur e o queixo) sen desenvolver os síntomas.

Isto sucede cando a inxestión de lactosa se limita a 12 gramos ao día (o equivalente a 240 ml de leite) repartida ao longo do día (cereais con leite, cortado, té con leite, ou outros). Así e todo, cóidase que boa parte das persoas que cren que son intolerantes á lactosa non teñen problemas para dixerir tal azucre, un indicador de que os síntomas dixestivos que padecen son doutra índole, polo que moitas persoas están a limitar a súa dieta sen que sexa necesario.

Exceso de mucosidade?

A asociación do consumo do leite de vaca co exceso de mucosidade ou coa asma infantil segue sendo obxecto de debate. Segundo unha revisión recente protagonizada pola Unidade de Alergoloxía do Departamento de Dermatoloxía do Hospital Universitario B.W en Zurich (Suíza) e publicada no 2005 no Journal of the American College of Nutrition, non hai probas firmes que expliquen o mecanismo polo que aumenta a mucosidade logo do consumo de leite ou de lácteos.

Tras analizar diferentes investigacións, os expertos vinculan a un proceso de suxestión das persoas afectadas a sensación de que o consumo de lácteos lles produce maior mucosidade. Comprobouse en distintos estudos que as persoas que están convencidas da asociación entre leite e mucosidade amosan máis síntomas respiratorios.

É posible que a mestura dunha emulsión, como o leite coa saliva, poida explicar en parte esa sensación, xa que non se atoparon cambios significativos na función pulmonar e respiratoria antes e despois de tomar leite ou lácteos. Polo tanto, as persoas con asma ou con problemas respiratorios que evitan os lácteos terán que compensar con outros alimentos a posible falta de nutrientes que achegan estes alimentos.

Asociacións polémicas

Os estudos que tratan de asociar o consumo de leite co desenvolvemento de diversas patoloxías, como cancro de próstata, ovarios e mama, son cuantiosos e polémicos.
Algunhas investigacións asocian o desenvolvemento de cancro de próstata ao consumo excesivo de lácteos, mentres que noutras, a pesar de non estaren implicadas, obsérvase unha asociación entre o exceso de calcio no organismo e a maior probabilidade de cancro de próstata, con independencia da orixe dietética do mineral (sexa de leite, lácteos ou outros alimentos ricos en calcio). Á luz desta controversia, os especialistas están de acordo en que son necesarios máis estudos epidemiolóxicos que axuden a dilucidar tales cuestións.