Nicholas Negroponte, experto en Internet e Novas Tecnoloxías

"Dentro de poucos anos haberá máis obxectos ca persoas conectados a Internet"

Nicholas Negroponte, un dos máis prestixiosos expertos a nivel mundial en Internet, fundou o Media Laboratory de Massachusettes Institute of Technology (MIT), referente educativo actual nos Estados Unidos en materia de revolución tecnolóxica no ámbito da información, e sacou á luz a revista "Wired". E escribiu, hai xa cinco anos, "O mundo dixital", un libro hoxe case mítico no que predixo as pautas e a evolución do que hoxe é Internet.
1 Novembro de 2000
Img entrevistap 109

¿Continuará Internet deparándonos grandes sorpresas?

Claro que si. Hai 10 anos estaba nunha xuntanza con trinta especialistas considerados como os pais de Internet e lanzouse a pregunta de cántas persoas estarían conectadas á rede no 2000. Eles responderon que uns 10 millóns, mentres que eu dixen que polo menos 1.000 millóns de persoas navegarían por Internet no 2000. Olláronme atónitos e compasivos, pensando que estaba mal da chaveta. Pero atinei: a finais deste ano uns 1.000 millóns de individuos estaremos conectados mediante a Rede.

Fálase moito do comercio electrónico. ¿Que cifras podemos barallar sobre esta nova maneira de mercar, para facérmonos unha idea?

Aquí tamén hai previsións para tódolos gustos. Hai uns anos, algúns expertos anunciaron que no 2003 o volume de vendas do comercio electrónico sería de 327.000 millóns de dólares. Alporiceime e pregunteilles de ónde sacaran o pico dos 27.000 millóns. Cada vez que facemos unha predicción erramos, pero eu vou lanzar unha: no 2002, o comercio electrónico suporá, en todo o mundo, uns 2 billóns de dólares. Estímase que dentro de tres anos o 50% do comercio electrónico se realizará nos Estados Unidos, o 40% corresponderalle a Europa, un 5% ó Xapón, Corea e Taiwan e o resto do mundo repartirase o 5% restante. Pero coido que dentro de cinco anos este comercio on line predominará nos países en desenvolvemento, sobre todo en América Latina, porque, se se conta cun mínimo de infraestructura tecnolóxica, o fundamental é que exista unha cultura dixital, intuitiva. Se tivese 20 anos menos, investiría os meus cartos en Latinoamérica. É unha gran zona onde só se falan dous idiomas (español e portugués), o que facilita o desenvolvemento de Internet, e a metade da poboación ten menos de 22 anos. A isto engadiríalle a mellora e ampliación da infraestructura das telecomunicacións, e que ningún dos 50 países máis pobres do mundo está en Iberoamérica. Se bailan a samba, ¡como non van navegar por Internet!

¿Como se pode supera-la marxinación dos países pobres no acceso ás novas tecnoloxías?

A diferencia non é tanto entre ricos e pobres, senón entre os que teñen acceso a Internet e os que non. A solución é proporcionarlle acceso á Rede a quen non conta con el. E iso non quere dicir que lle haxa que mercar un ordenador a cada neno. Nalgúns países do Extremo Oriente, moitas persoas comparten unha conexión a Internet nun café, e todos teñen o seu propio enderezo de correo electrónico. ¿De onde procedía o virus ‘I love you’? Das Filipinas, e non é unha casualidade. Agora ben, tamén hai circunstancias que dificultan o futuro de Internet nos países en vías de desenvolvemento. En África, a corrupción dos gobernos e a pobreza actúan en contra do desenvolvemento, e tamén da implantación de Internet. Mentres nos países do norte de Europa hai un teléfono por persoa, en África só hai un por cada 50 individuos. Esta escaseza de equipamentos e infraestructuras de comunicación xoga na súa contra, pero a situación sociopolítica deste continente é o seu principal lastre para o desenvolvemento.

¿Cal é a situación de Internet en Europa, a data de hoxe?

Europa podémola dividir en tres franxas. Unha é a dos países escandinavos, onde a penetración de Internet é mesmo maior ca nos Estados Unidos; outra é a dos países máis ricos (Francia, o Reino Unido, Alemaña, Suíza…) e outra a dos países do sur (España, Portugal, Italia, Grecia). Nestes últimos, a infraestructura non é tan boa pero mellora día a día. E mantense a cultura do traballo por horas, da economía somerxida, de buscarse a vida, do non respecto san á autoridade… que lle vai ó pelo a Internet e ó comercio electrónico. O modo de vida latino, menos ríxido, menos regulamentado e máis espontáneo, está máis acorde coa cultura dixital cá mentalidade xaponesa ou alemana. O consumidor de Internet encaixa ben nunha sociedade con moita economía subterránea, xa que a Rede se nutre de pequenas iniciativas a miúdo pouco ou mal organizadas e non completamente regulamentadas, das que os máis espelidos se poden aproveitar. O que quere dicir que se terá que revisa-la lexislación en moitos aspectos, entre outros os impostos, taxas e aranceis. As leis de moitos países non están preparadas e deberanse adaptar á economía de Internet.

¿Ve algún freo para este imparable desenvolvemento de Internet?

O problema máis perentorio, e cómpre tomar medidas porque non está tan lonxe no tempo, é que, como consecuencia do seu grande uso, a Rede poida chegar a conxestionarse e deixe de funcionar cun mínimo de rapidez e calidade. A conexión debe estar dispoñible en todo momento, porque se non o instrumento tornaríase inútil. Cómpre evitar este colapso nas redes mellorando todo o posible as infraestructuras das telecomunicacións.

¿Pode aventurar un perfil-tipo do consumidor de Internet nun futuro próximo?

Vou darlle outro dos meus vaticinios que tanto sorprenden: dentro duns cinco ou dez anos haberá máis obxectos conectados a Internet ca persoas, especialmente os máis comúns nos fogares, os xoguetes e os electrodomésticos. O consumo de xoguetes é tan enorme que axiña haberá máis Barbies conectadas á Rede ca persoas (en USA, cada nena ten de media máis de seis destas bonecas), e as Barbies de todo o mundo contaranse as súas confidencias en distintos idiomas. As lavadoras, tamén conectadas a Internet, regalaránolas o fabricante, que nos cobrará por cada lavado e pola actualización dos programas informáticos que fan funciona-lo electrodoméstico. Ademais, os circuítos substituirán ós códigos de barras nos productos e permitiranlles dialogar entre eles: unha camisa, por exemplo, poderalle comunicar a unha lavadora o programa máis axeitado para o seu tipo de tecido e cor. Todos posuiremos entre 5.000 e 10.000 microprocesadores comunicándose entre si, o que dará pé a todo tipo de industrias hoxe aínda inimaxinables.

¿Que opina dos hackers, ou piratas informáticos?

Vexo positivo que existan mozos autodidactas con ambicións e que reúnen curiosidade e coñecementos. O futuro é da mocidade, e hai que pensar nos hackers como investigadores que crean e colaboran no desenvolvemento das novas tecnoloxías.

¿Que nos di sobre a Internet dos móbiles? ¿Seguirá tendo vantaxe Europa sobre os Estados Unidos neste eido?

A vantaxe que tiña Europa sobre os Estados Unidos na telefonía móbil vaise reducir porque as recentes subhastas de licencias de telefonía móbil UMTS, que lles reportaron cuantiosas sumas de diñeiro ás arcas dos gobernos europeos, repercutirán ese sobreprezo no peto do consumidor. O custo de mil dólares por usuario, que representa o desembolso realizado polas operadoras, implica directamente o fracaso da terceira xeración deses móbiles, que teñen como valor engadido a posibilidade de conectarse a Internet. Deste xeito, a vantaxe que Europa tiña sobre os Estados Unidos na telefonía móbil desaparecerá, e non o fará só por culpa da voracidade financeira dos gobernos, senón tamén porque a tecnoloxía na que se basea -UMTS- non está suficientemente avanzada. Outros sistemas de comunicación sen fíos quitaranlle posibilidades á coñecida como telefonía de terceira xeración. Tanto o GPRS, sistema semellante ó UMTS, que permite conectarse a Internet a unha velocidade maior, como as redes Peer-to-Peer (de igual a igual) competirán co UMTS.

¿E que acontecerá coas televisións?

A televisión é un medio excelente para conectarse a Internet. Dentro de cinco anos, convivirán a TV por cable, as plataformas dixitais e as televisións tradicionais adaptadas ós novos medios. Iso si, todas elas ofrecerán unha programación moi semellante.

¿Por que Estados Unidos é máis activo ca Europa á hora de montar negocios na “nova economía”?

En Europa predomina unha mentalidade moi conservadora. Impúxose a idea de non correr riscos e de ter un traballo fixo para toda a vida; prima o valor da seguridade. A todo isto, haille que engadi-lo medo ó fracaso que estigmatiza ó mozo que non consegue sacar adiante un novo proxecto. Se en Europa se tarda seis meses en poñer en marcha unha nova empresa en Internet, nos Estados Unidos faise en dous días, e se o negocio non funciona, non pasa nada. O peor que che pode acontecer se fracasas nun proxecto ambicioso e arriscado é que aprenderas algo novo. Nos Estados Unidos, o contorno invita a asumir estes riscos. Valórase moito socialmente ó que asume grandes riscos e triúnfa. Un dos aspectos máis importantes da nova economía é que hai que escoitar á xente nova e valora-las súas iniciativas.