A seguridade non marcha de vacacións
Os amigos do alleo non veranean, polo menos en xullo e agosto. É nestes meses cando hai que extremar as precaucións, tanto na propia vivenda, coma durante a viaxe e no lugar de vacacións.
Os datos non enganan: segundo reflicte o Balance de criminalidad, publicado polo Ministerio do Interior, no primeiro trimestre de 2012 producíronse 31.851 roubos con forza en vivendas, o que supón un 22,3% máis que no mesmo período do ano pasado. E presúmese que estas porcentaxes aumenten durante as vacacións de verán. As únicas comunidades nas que diminuíu o índice de roubos entre xaneiro e marzo foron o País Vasco e a Cidade Autónoma de Melilla. Por iso, aconséllase adoptar unha serie de medidas de seguridade en vacacións.
Mentres se permanece na vivenda
- En función do presuposto doméstico, convén instalar na casa a maior cantidade posible de sistemas de seguridade: portas blindadas, reixas, cerramentos de terrazas, alarmas etc. Colocar unha porta blindada ou acoirazada pode custar entre 800 e 1800 euros con instalación incluída.
- Ante a presenza de persoas en actitude sospeitosa que roldan polos arredores da vivenda, o mellor é avisar a policía.
- Antes de abrir a porta hai que comprobar polo asexadoiro da porta quen chama. Accionar o porteiro automático a descoñecidos compromete a propia seguridade e a do resto dos veciños. Neste sentido, a instalación dun videoporteiro reforza a seguridade do edificio.
- Convén ter cautela ante supostos empregados do servizo de subministracións (auga, gas, electricidade etc.) que acoden ao domicilio. Hai que solicitarlles a identificación e mantelos fóra da casa mentres se fai a comprobación.
- Aínda que só se vaia saír uns minutos, aconséllase pechar as ventás e utilizar todas as medidas de seguridade das que se dispoña.
- Non se debe durmir coas ventás e balcóns totalmente abertos. A maioría dos roubos nocturnos en vivendas con persoas no seu interior prodúcense entre a unha e as tres da madrugada, cando o sono adoita ser máis profundo.
- Se se reside en zonas illadas, un can adestrado pode ser moi útil fronte aos ladróns.
Ao saír de vacacións
- Non hai que divulgar o proxecto da viaxe, xa que o perigo de informar sobre os destinos e as datas das vacacións nas redes sociais é moi alto.
- As compañías aseguradoras recomendan que se deixe algo de roupa tendida e que non se baixen totalmente as persianas para que pareza que a casa está habitada.
-
As portas, ventás e balcóns, e os accesos desde o garaxe ou o xardín son os puntos máis vulnerables para acceder a unha vivenda. Por iso, deben quedar totalmente pechados. Recomendacións para aseguralos:
- Se hai un acceso directo ao domicilio desde o garaxe, esta porta debe ter as mesmas medidas de seguridade que a principal de entrada á casa.
- As ventás que poden ser accesibles desde o exterior sen gran dificultade, teñen que estar pechadas e se é posible, protexidas por reixas.
- Aconséllase instalar un sistema de alarma cando se trata dunha vivenda unifamiliar, unha planta baixa ou un ático. Unha alarma no domicilio dificulta a intrusión de ladróns e, ademais, adoita abaratar o prezo da póliza do seguro do fogar entre un 15% e un 20%.
- Convén informar algún veciño de que a vivenda vai quedar baleira para que, se oe ruídos ou movementos estraños, avise a policía. Ademais de deixarlle un teléfono de localización, unha persoa de confianza debe encargarse de recoller a correspondencia para que non se acumule na caixa de correo.
- Nunca se debe colocar a chave baixo o felpudo ou unha maceta, nin deixar na porta unha nota que indique a ausencia do domicilio.
- Os ladróns, aínda que tamén rouban obxectos de valor, prefiren o diñeiro en metálico. Por iso, convén non ter moito diñeiro, nin demasiadas xoias na casa. Pódense depositar en caixas de seguridade bancarias ou baixo a custodia de persoas de confianza.
- Non se debe gardar o talonario de cheques xunto con outro tipo de documentación no que apareza a propia sinatura.
- O máis axeitado é viaxar con todos os documentos de identificación persoal (DNI ou pasaporte) e a tarxeta da Seguridade Social.
- Non se debe levar enriba grandes cantidades de diñeiro en efectivo. É mellor utilizar tarxetas de crédito, cheques de gasolina etc.
- Cando se usa o vehículo hai que evitar deixar obxectos de valor á vista.
- No aeroporto, nunca se debe facturar como propio a equipaxe de persoas descoñecidas.
- Se se viaxa en tren ou autobús hai que vixiar as maletas, especialmente nas paradas intermedias.
- No cuarto do hotel ou no apartamento non se debe deixar á vista diñeiro ou outros obxectos de valor. É preferible alugar unha caixa de seguridade.
- Nos vestíbulos e nas zonas comúns dos hoteis e en espazos de grandes aglomeracións (espectáculos, mercados etc.) non hai que descoidar os bolsos, as carteiras e demais obxectos persoais.
- Hai que desconfiar dos requirimentos de descoñecidos (avisos de manchas na roupa, indicacións de avarías no coche etc.) e non participar en xogos de azar na rúa xa que, xeralmente, se trata de enganos.