Unha de cada tres cidades aínda conserva barreiras arquitectónicas para ser accesible
Imaxínase a vida nunha cadeira de rodas? Accións como dar un paseo pola súa cidade ou subirse a un autobús urbano convértense en grandes probas que superar cada día. En España, o 6% da poboación padece algún tipo de minusvalía relacionada coa mobilidade. EROSKI CONSUMER quixo comprobar se este colectivo de persoas pode realizar tres actividades cotiás para o resto da poboación como facer un percorrido pola cidade (dun máximo de vinte minutos), desprazarse en autobús (tomouse unha liña ao chou) e nadar nunha piscina municipal. Para iso, técnicos da revista realizaron estas tres visitas durante o mes de maio acompañados por unha persoa en cadeira de rodas en 18 capitais do país: A Coruña, Alacante, Barcelona, Bilbao, Cádiz, Córdoba, Granada, Madrid, Málaga, Murcia, Oviedo, Pamplona, San Sebastián, Sevilla, Valencia, Valladolid, Vitoria e Zaragoza. Ademais, para comprobar o nivel de accesibilidade en cada unha das visitas, contouse coa valiosa colaboración de numerosas organizacións de usuarios con dificultades de mobilidade.
Este é o listaxe de entidades colaboradoras: Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI), a Confederación Española de Personas con Discapacidad Física y Orgánica (COFEMFE), a Asociación de Lesionados Medulares y Grandes Discapacitados Físicos (ASPAYM), a Federación Coordinadora de Personas con Discapacidad Física de Bizkaia (FEKOOR), a Federación Gaditana de Personas con Discapacidad Física y Orgánica (FEGADI), a Federación de Asociaciones de Minusválidos Físicos y Orgánicos de Córdoba (FEPAMIC), a Plataforma Representativa Estatal de Discapacitados Físicos (PREDIF), a Coordinadora de Disminuidos Físicos de Navarra (ACODIFNA), a Asociación de Esclerosis Múltiple de Guipúzcoa (ADEMGI), a Asociación de Personas con Discapacidad Física de Álava (EGINAREN EGINEZ) e Disminuidos Físicos Aragón (Fundación DFA).
A conclusión máis evidente do informe é que aínda que nos últimos anos as cidades se esforzaron en adaptarse ás necesidades de accesibilidade das persoas en cadeira de rodas, aínda queda moito camiño por percorrer. E é que a cualificación final do estudo foi de “aceptable”. Esta nota varía en función das cidades: mentres Pamplona e San Sebastián aproban cun “moi ben”; as peores avaliacións, cun “regular”, foron as de Bilbao, Málaga e Sevilla. A Coruña, Cádiz e Oviedo quedaron no “aceptable”; e Alacante, Barcelona, Córdoba, Granada, Madrid, Murcia, Valencia, Valladolid, Vitoria e Zaragoza superaron o exame cun “ben”.
Un paseo con barreiras
Andar polas rúas da cidade non é tan doado como parece. As persoas con mobilidade reducida seguen atopando obstáculos e barreiras arquitectónicas que llelo impiden. Así o comprobou EROSKI CONSUMER durante o percorrido, de dez a vinte minutos, en diferentes zonas das 18 cidades.
Os traxectos obtiveron unha nota final de “aceptable”, aínda que as cualificacións varían dunha cidade a outra. Os de Pamplona, San Sebastián e Valladolid foron accesibles e valoráronse cun ‘moi ben”. Non así os da Coruña, Cádiz e Sevilla, onde foron de “regular”. Ademais, mentres os percorridos realizados en Barcelona, Bilbao, Córdoba, Madrid, Oviedo, Valencia e Zaragoza lograron un “ben”; os de Alacante, Granada, Málaga, Murcia e Vitoria quedaron no “aceptable”.
Durante os percorridos, os técnicos da revista e os seus acompañantes en cadeira de rodas comprobaron que na metade das ocasións, nalgunhas zonas o pavimento non era estable: lastros levantadas, baldosas rotas e soltas, fochas, buratos ou socavamentos eran algúns dos problemas máis evidentes e que podían ocasionar situacións de perigo, en especial na Coruña, Barcelona, Bilbao, Cádiz, Granada, Oviedo, Sevilla, Vitoria e Zaragoza.
É importante que cando unha persoa en cadeira de rodas pasea pola cidade, a beirarrúa teña unha anchura de paso libre de obstáculos igual ou maior a 120 cm, condición que non se cumpría nunha de cada catro ocasións. Destaca a capital gaditana, onde se atoparon moitos obstáculos que impedían o paso: papeleiras, bancos, testos para plantas, reixas de ventilación, sumidoiros ou elementos dos sumidoiros, cadeiras e mesas no exterior dos bares, dificultaban en ocasións o paso.
En Málaga, San Sebastián e Vitoria a beirarrúa e a calzada atopábanse ao mesmo nivel en todo o percorrido, pero non era o habitual. Cando isto acontece, os bordos non deben ter unha altura superior aos 14 cm, pero nun de cada tres percorridos isto era así. Ao chegar a unha intersección é fundamental que a beirarrúa estea rebaixada e coincida co nivel da calzada; algo que non sucede na metade das ocasións. Por exemplo, en Alacante a persoa en cadeira de rodas viuse obrigada a seguir o seu camiño pola calzada uns 20 m ata que atopou un vao con rampla e puido subir á beirarrúa. Aínda así, nos lugares onde había un rebaixe, tamén atoparon fundamentalmente dous problemas: remataba nun pequeno chanzo (en Granada e Valencia) ou a rampla tiña demasiado desnivel (Málaga e Valladolid).
Obviamente, a presenza de escaleiras é un dos impedimentos máis importantes; atopáronse nos percorridos dunha de cada cinco cidades. A instalación de ramplas é unha medida para sortealas, como se observou na Coruña, Cádiz, Murcia e Zaragoza; aínda que nalgunhas delas se atoparon algúns defectos: a pendente era demasiado pronunciada, non había suficiente espazo para manobrar etc.
Unha viaxe sen sorpresas
Os autobuses urbanos son un medio máis de transporte, aínda que non parecen selo tanto para as persoas en cadeira de rodas. Durante a visita, aseguraron que non o utilizaban en exceso e menos sen alguén que os acompañe. De feito, dous dos acompañantes en cadeira de rodas (en Bilbao e na Coruña) recoñeceron que nunca o usaran. Os problemas, en xeral, céntranse no mal funcionamento das ramplas e na pouca empatía que perciben nos condutores.
Malia isto, os traxectos en autobús que realizou EROSKI CONSUMER valoráronse cun “ben”. As mellores cualificacións foron as de Alacante, Cádiz, Granada, Málaga, Pamplona, San Sebastián e Vitoria (‘moi ben”); e A Coruña, Barcelona, Madrid, Murcia, Sevilla, Valencia e Valladolid (cun “ben”). As peores notas quedaron en Bilbao, Córdoba, Oviedo e Zaragoza (un “aceptable”), aínda que non houbo ningún suspenso.
A accesibilidade do servizo debe comezar nas paradas. Con todo, no 22% das que se visitaron non había espazo abondo para a cadeira de rodas (nas de Alacante, Bilbao, Cádiz e Valencia). Nunha de cada catro atopáronse obstáculos: na Coruña había coches aparcados; na cidade bilbaína unha árbore estaba demasiado preto da marquesiña; na gaditana había bancos; e na ovetense, faltaban lastros e había un burato perigoso. Aínda así, en todas as cidades, o pavimento das paradas era estable e sen grava, area ou terra solta. Cando chegaba o autobús, observouse que o de Murcia e o de Valladolid non levaban os adhesivos que indicasen que estivesen adaptados. Iso si, todos contaban coa plataforma elevadora, rampla ou piso baixo, aínda que en Bilbao se atascou ao principio. En Córdoba, tamén funcionaba, pero a rampla tiña unha pendente moi pronunciada.
Á hora de acceder ao autobús, comprobouse que as portas de todos os vehículos analizados eran o suficientemente anchas (cunha anchura de polo menos un metro). Aínda así, cancelar ou pagar o billete convertíase nunha odisea se non había un acompañante en Bilbao, Cádiz, Córdoba, Granada, Madrid, Sevilla, Valencia e Zaragoza. Nestes casos, a máquina para cancelar atopábase xunto ao condutor, é dicir, lonxe de onde accedía a persoa con dificultades de mobilidade. Na parte positiva cabe destacar que en todos os urbanos había unha zona adaptada para persoas con cadeira de rodas.
Deporte para case todos
Son os centros deportivos municipais con piscina accesibles para todos? A cualificación media do estudo nesta terceira proba foi de “aceptable”. Mentres que en San Sebastián logran un “excelente”; e en Alacante, Granada, Madrid, Valencia e Zaragoza obteñen un ‘moi ben”; en Barcelona, Cádiz, Córdoba, Murcia, Pamplona e Vitoria conseguiron un “ben”. As notas máis baixas quedaron na Coruña e Valladolid (“aceptable”), e Oviedo (“regular”).
Paga a pena destacar os casos de Bilbao, Málaga e Sevilla. Como no resto das cidades analizadas, accedeuse ata a recepción para pedir permiso e ver as instalacións porque a persoa en cadeira de rodas tiña a intención de practicar natación e quería comprobar primeiro se as instalacións estaban convenientemente adaptadas. En Málaga e en Sevilla non se permitiu o acceso ás instalacións. En Bilbao, en cambio, foi imposible acceder ao centro debido á existencia dun chanzo duns 20 cm e oito escaleiras no interior do edificio que impedían o acceso á persoa con dificultades de mobilidade. O persoal do centro informaron de que non estaba adaptado e lle recomendaron acudir outro máis novo.
Nas 15 cidades restantes, xa na entrada, o máis conveniente é que esta estea ao mesmo nivel que a rúa e así aconteceu en Córdoba, Murcia, San Sebastián, Valencia e Vitoria. No resto, pola contra, había ramplas ou escaleiras con ramplas que salvaban o desnivel. Ademais, a porta debe ser o suficientemente ancha para que caiba unha cadeira de rodas. O peor exemplo atopábase no centro deportivo municipal de Vitoria cunha porta manual que pesaba moito e era estreita.
Durante o traxecto cara á piscina, se se topaban con escaleiras (en once das visitadas), había medios alternativos para continuar: ascensores (en Barcelona, Cádiz, Córdoba, Madrid, Murcia, Oviedo, San Sebastián, Vitoria e Zaragoza) ou ramplas (A Coruña e Valladolid). Unha vez na piscina, en todos os casos, a porta de acceso era ancha (mínimo 80 cm) e permitía pasar unha cadeira de rodas. Con todo, observáronse carencias en canto a sistemas de accesibilidade que axudasen as persoas con dificultades de mobilidade a meterse na auga: faltaban ramplas de acceso á zona de menor profundidade (en nove das 15 piscinas visitadas), plataformas elevadoras que funcionasen baixo a auga (en sete), escaleiras de acceso adaptadas (en seis) e guindastres ou elevadores (en cinco). Por último, case todos os centros contaban con aseos e duchas adaptadas, aínda que en Oviedo recoñeceron que tiñan outro uso (un almacén improvisado).
A cara B de cada cidade
- A Coruña: Percorrido pola cidade: regular. Producíronse situacións de perigo pola falta de acondicionamento e polo tráfico dunha das zonas que obrigaron a persoa con mobilidade reducida e o seu acompañante a cambiar de percorrido polo risco que supoñían.
- Alicante: Percorrido pola cidade: aceptable. Durante o percorrido, comprobouse que o pavimento non era de todo estable (había moitas baldosas rotas e os sumidoiros sobresaen) e nalgunhas zonas era escorregadizo. Así mesmo, algúns bordos non están rebaixados polo que a persoa con mobilidade reducida vai obrigada a ir pola calzada uns 20 m.
- Barcelona: Centro deportivo municipal: ben. No interior dos ascensores do centro, a cadeira de rodas non podía manobrar con facilidade (as medidas mínimas son 100 cm de ancho por 125 cm de profundidade). Na piscina, non había escaleiras de acceso adaptadas, nin ramplas de acceso á zona de menor profundidade, nin tampouco plataformas elevadoras que funcionasen baixo a auga.
- Bilbao: Centro deportivo municipal con piscina: non é posible acceder. O acceso ao centro tiña un chanzo de 20 cm sen ramplas ou ascensores que o salvasen. Unha vez dentro, había que baixar unhas oito escaleiras ata o posto de información. Ademais, o mostrador de recepción non tiña unha altura axeitada que permitise á persoa en cadeira de rodas aproximarse. Non se puido continuar a visita e en información suxeriron ir a outro polideportivo remodelado recentemente.
- Cádiz: Percorrido pola cidade: regular. No traxecto, as beirarrúas eran estreitas nalgunhas zonas e atoparon algúns obstáculos (a beirarrúa debe ter unha anchura de paso libre de obstáculos igual ou maior a 120 cm): papeleiras, bancos, testos para plantas, reixas de ventilación, sumidoiros ou elementos dos sumidoiros e cadeiras e mesas no exterior dos bares. Ademais, os bordos tiñan unha altura superior a 14 cm e algúns non estaban rebaixados. Por último, atopáronse escaleiras durante o percorrido.
- Córdoba: Autobús urbano: aceptable. A rampla para subir ao autobús era moi elevada e xa no interior do autobús comprobouse que a persoa en cadeira de rodas non podería pagar se fose el só xa que a máquina expendedora se atopaba ao outro lado do vehículo. Ademais, o condutor non axudou e a súa actitude foi bastante arisca e incómoda.
- Granada: Percorrido pola cidade: aceptable. O pavimento era irregular e escorregadizo nalgunhas zonas. Aínda que os bordos estaban rebaixados, había un resalte duns dous centímetros entre a calzada e a beirarrúa que complicaba o paseo á persoa en cadeira de rodas. Ademais, os pasos de peóns eran algo estreitos (o mínimo son 1,80 m) nalgunhas zonas e as reixas de ventilación, sumidoiros ou elementos dos sumidoiros supoñían un obstáculo.
- Madrid: Percorrido pola cidade: ben. Os bordos non están rebaixados nalgunhas zonas, o que obrigou a dar un rodeo. Ademais, as reixas de ventilación e as cadeiras e mesas dos bares supuxeron un obstáculo durante o percorrido, e os lastros tamén foron un estorbo porque provocaban que as rodas da cadeira se trabasen, correndo o risco de caer ao chan.
- Málaga: Centro deportivo municipal con piscina: non permiten o acceso. O acceso fíxose con moita dificultade a través dunha porta xiratoria moi estreita. Aínda que en recepción ofreceron algunha información, non permitiron a entrada.
- Murcia: Percorrido pola cidade: aceptable. Algunhas zonas da beirarrúa non tiñan unha anchura de paso libre de obstáculos igual ou maior a 120 cm (vehículos e cadeiras e mesas dos bares impedían o paso). Atopáronse escaleiras salvadas por ramplas, pero estas non tiñan unha anchura mínima de 120 cm nin había suficiente espazo para manobrar.
- Oviedo: Centro deportivo municipal con piscina: regular. O mostrador non ten a altura axeitada (máximo 80 cm). Só se pode acceder a unha das piscinas mediante escaleiras (non hai ramplas nin ascensores). Existen aseos e vestiarios adaptados, pero destínanse a outros usos. Nas piscinas, non hai escaleiras de acceso adaptadas, nin ramplas de acceso á zona de menor profundidade, nin tampouco guindastres, elevadores ou plataformas elevadoras que funcionen baixo a auga.
- Pamplona: Centro deportivo municipal con piscina: ben. Na piscina, faltan escaleiras de acceso adaptadas, ramplas de acceso á zona de menor profundidade e plataformas elevadoras que funcionan baixo a auga.
- San Sebastián: Percorrido pola cidade: moi ben. Algúns bordos non están ben rebaixados e causan algunha dificultade para superalos coa cadeira.
- Sevilla: Centro deportivo municipal con piscina: non permiten o acceso. O acceso era difícil porque aínda que había unha rampla para salvar o desnivel da entrada, era moi empinada. En recepción, o mostrador tiña unha altura maior de 80 cm. O resto de aspectos non se puideron comprobar porque non permitiron o acceso ao centro.
- Valencia: Percorrido pola cidade: ben. Nalgunhas zonas, os bordos non estaban ben rebaixados porque había un chanzo e os pasos de peóns estaban desgastados. En ocasións, os colectores supoñían un obstáculo no percorrido.
- Valladolid: Centro deportivo municipal con piscina: aceptable. O mostrador de recepción tiña unha altura axeitada pero non contaba cun oco na parte inferior para que o usuario en cadeira de rodas puidese aproximarse. Na piscina, non se viron escaleiras de acceso adaptadas nin tampouco ramplas de acceso á zona de menor profundidade.
- Vitoria: Percorrido pola cidade: aceptable. Nalgunhas zonas había fochas, baldosas rotas e sumidoiros abolados. Ademais, noutras partes do percorrido, a beirarrúa non tiña unha anchura de paso libre de obstáculos igual ou maior a 120 cm e houbo que realizar manobras. Tamén se atoparon obstáculos: testos para plantas, adornos de comercios e mesas no exterior dos bares.
- Zaragoza: Autobús urbano: aceptable. A máquina para cancelar atópase lonxe para que unha persoa en cadeira de rodas poida validar o billete. O condutor non espera e arranca o autobús antes de que a persoa en cadeira de rodas estea completamente situada e ben fixada.