Antidepresivos: a clave está na dose
A depresión e os trastornos e enfermidades mentais preocúpanlle á comunidade científica, e moito. En primeiro lugar, porque a súa expansión é un feito. Segundo a OMS, será a principal causa de incapacidade laboral no 2020, amais dun grave problema de saúde pública os vindeiros anos. En segundo lugar, porque aínda queda moito por investigar sobre a súa orixe e tratamento. O último estudo, realizado polos psicólogos Irving Kirsch, da Universidade de Connecticut, e Thomas Moore, da Universidade George Washington (ambas as dúas dos EEUU), vén de pór en tea de xuízo a efectividade dos tratamentos farmacolóxicos administrados a pacientes afectados de depresións leves e moderadas.
Os resultados da investigación xeraron unha polémica a nivel planetario. No seu estudo, baseado nun amplo grupo de enfermos diagnosticados con depresión, os investigadores detectaron que apenas se observaban diferenzas se a enfermidade, de carácter leve ou moderado, se trataba con antidepresivos ou cun placebo (substancia inactiva que se administra como se fose o medicamento).
Son útiles os antidepresivos?
A ciencia médica, en particular a psiquiatría, evidenciou que a depresión ten tratamento e que unha elevada porcentaxe dos casos cualificados como leves e moderados se curan. Do mesmo xeito, tamén se verificou que os antidepresivos, usados de maneira correcta, son eficaces nunha porcentaxe moi significativa de pacientes. No tocante á psicoterapia, comprobouse que segundo o caso os resultados ata poden ser máis positivos ca un tratamento con medicación.
A pesar diso, hai un número de depresións severas que non responden a ningún tipo de tratamento. Son as que presentan maior risco de se converteren en crónicas e, co tempo, provocar incapacidade no enfermo. Neste punto o consenso entre os psiquiatras é moi amplo.
Os modernos fármacos antidepresivos son eficaces sempre que se cumpran as pautas de tratamento. Ao contrario do que acontece cos analxésicos, que alivian a dor nuns minutos, un antidepresivo require longos períodos de tempo para que se perciban os seus efectos, normalmente de seis a oito semanas. Ademais, hai que manter a medicación durante, polo menos, seis meses. Se a resposta non é a axeitada, o psiquiatra asociará outro fármaco ou prescribirá un novo. O tratamento precisa tempo e constancia, pero tamén apoio psicolóxico.
O estudo norteamericano que provocou a controversia non fixo máis que evidenciar algo que os psiquiatras saben dende hai moito tempo: o papel fundamental que xoga a psicoterapia (o apoio psicolóxico) no tratamento das depresións leves e moderadas, que son a gran maioría. A conclusión non é que os antidepresivos se deban evitar nestes casos, senón que cómpre administralos con maior cautela e deixando a porta aberta a outras opcións terapéuticas. Os resultados do estudo tamén son concluíntes no tocante á automedicación: debe evitarse en todos os casos.
A depresión, unha enfermidade
A Enquisa Nacional de Saúde do Ministerio de Sanidade e Consumo pon de manifesto a alta prevalencia de trastornos mentais entre a poboación española. A depresión e mais a ansiedade ocupan no documento os primeiros postos. Segundo estimacións recentes, unha de cada vinte persoas, un 5% da poboación, padece depresión, cunha prevalencia dúas veces maior entre mulleres respecto a homes.
A depresión caracterízase pola profunda sensación de tristura e de decaemento emocional e vital que acompaña a quen a padece. Non son en absoluto estraños outros síntomas como o cansazo, a falta de concentración, os sentimentos de culpabilidade, o pouco ou moito apetito ou o insomnio. En casos moi severos pódense apreciar tendencias autodestrutivas.
Aínda que as incógnitas por despexar son moitas aínda, parece claro que unha das posibles causas de depresión é unha alteración xenética que trastorna o normal funcionamento dos neurotransmisores químicos no cerebro. Nestes casos hai autores que falan de depresión xenética e, aínda que non está probado, non se descarta a súa posible transmisión de xeración a xeración.
Un segundo tipo é o resultado do consumo e abuso de certas drogas, como as anfetaminas e o alcohol. É unha depresión biolóxica, pero non xenética. A depresión tamén pode darse en suxeitos que sufriron unha infancia difícil, traumática, e que non resolveron de modo satisfactorio.
O cuarto tipo, o máis frecuente na nosa sociedade, é o derivado do sentimento de que algo grave nos sucede. Un problema familiar, laboral ou económico, ou unha crise persoal, como pode ser o divorcio ou a perda de traballo. As causas deste tipo de depresión, de carácter reactivo, son múltiples.
A depresión pode ser leve, moderada, severa ou grave, dependendo da intensidade da sintomatoloxía. Agora ben, en todos os casos require un tratamento, sobre todo no caso dunha depresión severa. Aínda que o tratamento difire para cada caso, hai un denominador común para todos eles: a prescrición de antidepresivos e a psicoterapia.