A autoestima: un equilibrio necesario, pero complexo
O valor que cada persoa se outorga a si mesma é de vital importancia para o propio benestar e para as relacións persoais. Un xuízo pouco realista e negativo pode ocasionar decepcións reiteradas que non farán máis que manter un ánimo decaído. Se, pola contra, se dan animado as propias calidades, sen atender en exceso aos defectos persoais, é posible mellorar o xeito de afrontar tanto as situacións favorables como as adversas. Ademais, se se dá cambiado a comunicación con un mesmo e cos demais de modo que ninguén saia prexudicado, o benestar está garantido.
A nosa propia valoración
A autoestima é a valoración que fai cada persoa de si mesma. Ten moito que ver co autoconcepto, que é o modo en que cada un se percibe. Este “autoconcepto” constrúese a través do tempo mediante a información que chega dos demais e que se engade ao concepto que se ten dun mesmo. De aí que unha boa autoestima adoite provocar un efecto positivo en cadea na vida das persoas e os distintos procesos aos que lles hai que facer fronte afróntanse con seguridade, motivación e cunha dose extra de optimismo. É obvio pensar que, con estes elementos, quen goza dunha autoestima elevada ten un maior número de probabilidades para triunfar na vida laboral, familiar e social.
Pola contra, os efectos dunha baixa autoestima adoitan ser negativos. A persoa que non está satisfeita de si mesma raramente afrontará a vida coa decisión e optimismo necesarios. Este déficit desemboca en falta de confianza e convértese nun motivo máis para reforzar a valoración negativa que unha persoa realiza de si mesma. É o que se coñece como “a profecía de autocumprimento”, un efecto que se produce cando alguén non se valora en exceso, rende por baixo das súas posibilidades e xera un circuíto pechado de acontecementos nos que a autoestima se mantén por baixo do normal, xa que os “malos” resultados confirman a mala opinión que un individuo ten del mesmo.
A autoestima forma parte importante da comunicación humana. De feito, a confianza que desprende un individuo cunha boa autoestima é vital para o mantemento de relacións sociais sas, xa que non só se conseguirá o respecto dos demais, senón que ademais servirá para conservar un bo autoconcepto. Tamén a falta de confianza nas relacións causada por unha baixa autoestima se fai evidente ante os demais: as relacións son desiguais, de baixa calidade e créase un círculo que se retroalimenta e que se mantén no tempo.
Pódese modificar a autoestima?
Co fin de que a autoestima dun mesmo sexa maior, cómpre facer un exercicio de autoavaliación realista. Isto pode ser tan sinxelo como escribir unha lista de calidades persoais na que se inclúan tamén algúns defectos. Para iso, é aconsellable relaxarse, buscar un momento tranquilo sen que estímulos externos distraian a atención.
Unha vez efectuada a lista, debe gardarse como algo moi valioso, porque convén concienciarse de que as calidades persoais son as ferramentas das que dispón unha persoa para afrontar os distintos acontecementos, tanto positivos como negativos. A inclusión dalgúns defectos tamén é necesaria, xa que é importante aceptalos como parte dun mesmo. Non existe a “persoa sen defectos” e, por este motivo, deben ser tolerados e comprendidos, pero sen que cheguen a tomar protagonismo. O listado serve ademais para recordar as bondades que hai nun mesmo e utilizalo cada día como a parte máis importante.
Hai que ter en conta que a autoestima se constrúe coa experiencia de cada un e é a que permite a valoración do autoconcepto, que inflúe no que nos dicimos a nós mesmos e que se coñece como o “auto-fala”. As persoas con baixa autoestima adoitan manter unha auto-fala negativa sobre si mesmas, cualifican as súas accións por baixo do normal e de maneira pouco realista. Pór atención nas afirmacións que cada persoa realiza de si mesma e das accións que leva a cabo é de vital importancia para identificar as que priman a perspectiva negativa do seu autoconcepto. Enunciacións como “non podo” ou “é imposible” deben cambiarse por outras positivas como “podería” ou “intentarei” para non pechar a mente a posibilidades máis optimistas.
O mesmo acontece coa opinión sobre os propios defectos, que aparecen como sentenzas que autoavalían de xeito negativo. É aconsellable modificalas por outras máis positivas que realcen as calidades máis ca os defectos. Non obstante, se se fai demasiado difícil substituílas, pódese recorrer a colocar un “pero” ao final da frase para introducir algunha das calidades persoais que axudará ao optimismo: “custarame conseguilo, pero manterei a miña constancia para intentalo”.
Unha das condicións para reforzar a autoestima pasa por atender como se desenvolve a comunicación cos demais. Se se exercita o que chamamos asertividade (capacidade de autoafirmar os propios dereitos, sen deixarse manipular nin manipular aos demais) para a comunicación interpersoal, a autoestima aumenta e a comunicación mellora. Se se logra respecto cara aos propios valores e opinións sen sentirse culpable, sen impor ningún criterio e sen desprezar o punto de vista alleo, a sensación de benestar con un mesmo en relación aos demais non tardará en aparecer.
Se se engade, ademais, un ton seguro e firme, aínda que non ofensivo, conseguirase que as outras persoas acepten de bo grao opinións e iniciativas, o que redundará de xeito beneficioso no autoconcepto. Deste xeito mellorarase a autoestima persoal sen que ninguén se sinta inferior e evitará o propio menosprezo.
Pero, que sucede no caso contrario?
Polo tanto, manter unha boa autoestima é moi san, e faise indispensable coidala e mantela nun estado óptimo. Agora ben, en exceso pode causar efectos nocivos, similares aos que poden sufrir as persoas cun déficit. E é que non debe confundirse unha boa autoestima cunha actitude fachendosa, que si pode inducir incomodidade nos demais e xerar relacións desiguais que acaban prexudicando o benestar propio e do contorno.
Ademais, quen se estima en exceso non é moi consciente diso, e moito menos dos problemas que lle ocasiona. Por este motivo, é importante atender á opinión dos demais. A sobreestimación dun mesmo pode causar unha actitude defensiva e intolerante e mesmo hostil.
Unha persoa que se sobreestima, á súa vez, minusvalora aos demais e iso provócalle máis conflitos nas súas relacións. Neste caso, serve de pouco intentar convencela de que se trabuca actuando deste xeito. Así e todo, pódese realizar o mesmo exercicio de comunicación que coa autoestima baixa: practicar a asertividade. Así, pódese manter un punto de vista firme pero sen causar danos nin conflitos innecesarios. É máis, a asertividade espertará nos demais o respecto e admiración que a persoa desexa, pero dunha maneira sa e controlada.