10 balóns de fútbol

Un dos máis baratos é case tan bo como o da Eurocopa. Sete cumpren coas especificacións da FIFA, pero só un o indica
1 Xullo de 2008

10 balóns de fútbol

Se houbo un regalo polo que deveceron milleiros de nenos, ese foi un balón “de regulamento”. Pero, que características ten un balón para ser “de regulamento”? O que a lexislación esixe nestes balóns é o mesmo que o que reclama en calquera outro artigo deportivo. Por iso, para realizar este comparativo utilizáronse as normas da FIFA, organización privada que rexe o destino do fútbol e que define como debe ser un balón para que se poida empregar nunha competición internacional oficial ao aire libre.

A FIFA sinala tres niveis de certificación para lle conceder a súa marca a un produto: FIFA Approved (“Aprobado pola FIFA”, o máis esixente), FIFA Inspected (“Inspeccionado pola FIFA”, algo máis laxo) e IMS (que son as siglas inglesas de “Balón Internacional Estándar”). As dúas primeiras requiren que o fabricante do balón lle pague unha cota á FIFA, mentres que a terceira pode lucila calquera balón que supere os mesmos criterios técnicos de FIFA Inspected, sen que medie ningunha relación coa entidade reguladora, é dicir, sen que o fabricante pague polo selo. Queda en mans da empresa comprobar que o seu produto realmente cumpre co estándar.

Analizáronse dez balóns de fútbol de tamaño 5 (o “oficial”), que custan dende os 12,50 euros de Umbro ata os 30 euros de Astore. Entre eles están o Adidas Europass Replique (24 euros, que se vende como idéntico ao utilizado na Eurocopa que vén de acabar) e Nike LFP 2007-2008, o empregado na última Liga española de fútbol (ao non ser competición internacional non está obrigado a aterse ao establecido pola FIFA). O único dos utilizados que lucía un distintivo FIFA era o de Adidas: FIFA Inspected. Nesta análise todos os balóns se mediron segundo a norma do Balón Internacional Estándar. As normas da Liga española son máis laxas ca as da FIFA. Só definen o material (“coiro ou similar”), a forma (“esférica”, sen indicar canto) e o tamaño e peso.

Sorprende que o diámetro calculado en Nike, o balón oficial da Liga, non chega ao mínimo, aínda que só por dous milímetros (67,8 cm fronte a 68 cm).

A mellor relación calidade-prezo é Puma Big Cat II, de 13 euros, un dos máis baratos, e que cumpre coas máximas especificacións da FIFA, salvo pola lonxitude da súa circunferencia, un milímetro inferior ao establecido (unha diferenza pouco relevante). Outra opción interesante é o balón de Adidas, o único que cumpre estritamente coas máximas especificacións da FIFA: non só leva o selo FIFA Inspected, senón que cumpre cos requisitos superiores de FIFA Approved. Polo tanto, podería ser utilizado en competicións internacionais oficiais. É o único dos analizados que encaixa de modo rigoroso na definición de balón “de regulamento”, se ben Diadora e Puma non o son por un par de milímetros de circunferencia, desviación pouco significativa. Mikasa FT-5 é unha boa opción para os que xogan decote sobre terreos mollados ou con lama: é case impermeable.

Tamaño e peso

O peso dos dez balóns estaba comprendido entre o máximo e mínimo que fixa a norma. O máis pesado foi o de Nike (436,7 g), seguido de Astore (436,1 g). O balón máis lixeiro foi o de Joma (421,8 g). No tocante á súa circunferencia, debe estar comprendida entre os 68 cm e os 70 cm. Tres balóns quedaron por baixo: Matt (67,5 cm), Umbro (67,7 cm) e Nike (67,8 cm), se ben a marxe de erro da técnica non permite asegurar que suspenden esta proba.

As culturas mesoamericanas foron as primeiras en xogar con pelotas que rebotaban, xa que as confeccionaban con caucho e látex. Na actualidade, a precisión no rebote dun balón é un dato esencial para descubrir a súa calidade, xa que un xogador ten que poder anticipar o bote que dará a pelota no seu corpo (peito, cabeza, coxas…) ou no chan. As probas fanse a 5 ºC e a 20 ºC para simular diferentes condicións ambientais que poden alterar o comportamento do produto. Os balóns déixanse caer dende dous metros sobre unha lámina de aceiro e mídese ata onde rebotan: para seren aptos en competicións oficial deben ascender entre 115 cm e 165 cm na proba a 20 ºC e por riba dos 110 cm na proba a 5 ºC. O rebote non só debe ser elevado, senón tamén uniforme: cada balón lánzase dez veces e a diferenza entre o maior e menor rebote non debe superar os dez centímetros. Todos os balóns aprobaron: o que deu un rebote maior foi Diadora (147 cm a 20 ºC e 138 cm a 5 ºC), mentres que Umbro (123 cm e 113 cm) e Softee (128 cm e 121 cm) obtiveron os resultados máis discretos.

Absorción de auga

Un balón mollado rebota menos e é máis complicado de xutar, sobre todo se se lle quere dar efecto. Para comprobalo, simúlase o que acontece nun campo de fútbol húmido: colócase o balón nun recipiente cunha cantidade determinada de auga e sométese a ciclos de compresión. A proba faise sobre tres balóns de cada modelo: cada un deles non debe absorber máis do 20% do seu peso en auga, e a media das tres unidades non debe superar o 15%. Os dez situáronse moi por baixo destes valores: Nike (5,6%) e Diadora (5,3%) foron os modelos que máis auga absorbían. Mikasa demostrou un excelente comportamento: só absorbe o 0,2% do seu peso en auga.

Un balón debe chegar ao minuto 90 sen dar síntomas de fraqueza, e preparado para a prórroga e ata para os penaltis. Comprobouse se perdían aire nun período de tempo e cunha actividade similar. De ser así non responderían con uniformidade aos diferentes toques e tanto os pases longos como os cruzamentos profundos resultarían case imposibles. Infláronse todos os balóns a unha presión de un bar e deixáronse en repouso durante tres días, tras o que se comprobou a súa presión. Non deben perder máis do 25% da presión: Softee (21%), Matt (20%), e Adidas (19%) obtiveron os resultados máis discretos. Joma e Nike perderon só o 7% da súa presión.

Calidade global

Adidas é o único balón analizado que cumpre coa normativa máis estrita da FIFA en todas as probas realizadas, pero non o indica na súa etiqueta (di que é de FIFA Inspected, de calidade inferior). Puma e Diadora superaron as esixencias para este mesmo estándar, salvo por un par de irrelevantes milímetros na circunferencia. Mikasa, Softee, Astore e Joma non chegan á máxima calidade, pero cumpren coa norma menos esixente IMS, se ben non o indican. Nike e Matt (os dous rozan o límite de diámetro mínimo requirido) e, sobre todo, Umbro (amais de pequeno falla pola súa esfericidade) non alcanzan o estándar IMS.

Non son completamente redondos?

Un dos criterios que definen a calidade dun balón é a esfericidade, é dicir, canto de perfecta é a esfera. Pola súa propia natureza e polo proceso de fabricación, un balón non pode ser redondo de todo, pero a súa forma débese achegar o máximo posible a unha esfera ideal.

Só un balón cunha esfera perfecta permite que o xogador poida demostrar as súas virtudes. Canto máis se achegue a esfera á perfección, maior será o equilibrio do balón durante a súa traxectoria e máis preciso e previsible o seu percorrido.

Para determinar a esfericidade dun balón ínchase e mídese o seu diámetro en 16 puntos diferentes para calcular o diámetro medio. Despois, calcúlase a diferenza entre o diámetro máximo e o mínimo. O número que se obtén é a diferenza en porcentaxe entre o diámetro máximo e mínimo sobre o diámetro medio. Aos balóns oficiais para as competicións da FIFA esíxeselles que non superen o 2%. Umbro, cun 2,2%, non é o redondo abondo. Matt (2%) e Joma (1,9%) amosaron valores de esfericidade aceptables, pero elevados. As esferas máis perfectas foron as de Astore (1,3% de esfericidade) e Diadora (1,3%).

En síntese e taboa comparativa

En síntese

  • Analizáronse dez balóns de fútbol que custan dende os 12,48 euros de Umbro ata os 30 euros de Astore.
  • A FIFA define en tres estándares como debe ser un balón para que se poida utilizar nunha competición internacional oficial ao aire libre: FIFA Approved son os mellores, mentres que FIFA Inspected e IMS son tecnicamente idénticos entre si, pero para lucir FIFA Inspected o fabricante debe pagar unha licenza.
  • O de Adidas superou os ensaios esixidos pola norma FIFA Approved, pero na súa etiqueta di ser peor (amosa o selo FIFA Inspected). Puma e Diadora só se separan do estándar máis esixente por un e dous milímetros de diámetro. En Nike, Matt e Umbro rexistráronse valores por baixo do definido en IMS polo seu tamaño. No caso de Umbro, ademais, o balón non era esférico abondo.
  • Tres días despois de seren inchados, non deben perder máis do 25% de presión: Softee (21%), Matt (20%) e Adidas (19%) obtiveron os resultados peores. Joma e Nike perderon só un 7% do seu aire.
  • Os máis redondos (os de maior esfericidade) son os de Astore e Diadora. Umbro (2,2%) quedou por riba do máximo, e Matt (2%) e Joma (1,9%) mostraron valores de esfericidade aceptables, pero elevados.
  • A mellor relación calidade-prezo é Puma Big Cat II, un dos máis baratos, e cumpre coas máximas especificacións da FIFA salvo polo seu diámetro, que é un milímetro menor do esixido. Tamén o fai Adidas, outra opción interesante. Para xogar sobre terreos húmidos, o máis axeitado é Mikasa, porque é case impermeable.
Marca REQUSITOS FIFA-INSPECTED/IMS REQUSITOS Fifa-APPROVED PUMA ADIDAS MIKASA
Modelo Big Cat II Europass replique FT-5
Prezo (euros) 13 23,85 26,70
Calidade
Peso (g) 410-450 420-445 429,6 427 422,1
Circunferencia (cm) 68-70 68-70 68,4 69,3 69,1
Esfericidade (%) 1 MAX 2 MAX 1,5 1,5 1,4 1,6
Rebote a 20ºC (cm) 2 115-165 135-155 141 142 133
Rebote a 5ºC (cm) 2 MIN 110 MIN 125 131 137 126
Absorción de agua (%) 3 15 10 1,9 1,6 0,2
Perda de presión (%) 4 25 20 9 19 11
Calidade global 9,4 10 8,9
Marca DIADORA JOMA ASTORE SOFTEE NIKE MATT UMBRO
Modelo Flash NY Pro J7.002 Pro field ML 1207 LFP 2007-2008 Terra RS 950 Force X
Prezo (euros) 20 27,90 29,90 15,80 19,96 21 12,48
Calidade
Peso (g) 422,3 421,8 436,1 424,8 436,7 431,6 423,5
Circunferencia (cm) 68,3 69,1 68,1 68,8 67,8 67,5 67,7
Esfericidade (%) 1 1,3 1,9 1,3 1,6 1,5 2 2,2
Rebote a 20ºC (cm) 2 147 142 140 128 141 143 123
Rebote a 5ºC (cm) 2 138 129 132 121 134 135 113
Absorción de agua (%)3 5,3 1,6 1,4 2,1 5,6 1,5 0,4
Perda de presión (%) 4 9 7 17 21 7 20 12
Calidade global 9,4 9,4 9,4 7,7 8,6 8 6

(1)Esfericidade. Para determinar a esfericidade dun balón ínchase e mídese o seu diámetro en 16 puntos diferentes para calcular o diámetro medio. Despois, calcúlase a diferenza entre o diámetro máximo e o mínimo. O número que se obtén é a diferenza en porcentaxe entre o diámetro máximo e mínimo sobre o diámetro medio.

(2)
Os balóns déixanse caer dende dous metros sobre unha lámina de aceiro e mídese ata onde rebotan.

(3)
Simúlase canta auga absorberán durante un partido.

(4)
Ínchanse e mídese a súa presión ao cabo de tres días.

Un a un

Un a un

PUMA Big Cat II

  • Prezo: 13 euros
  • Calidade global: 9,4 sobre 10
  • Mellor relación calidade-prezo. Cumpre coa norma de calidade IMS e, salvo pola súa circunferencia, que é un milímetro menor ao esixido, cumpre co máximo estándar de calidade fixado pola FIFA.

ADIDAS Europass Replique

  • Prezo: 23,85 euros
  • Calidade global: 10 sobre 10
  • Outra opción interesante porque é o único que cumpre co máximo estándar de calidade fixado pola FIFA. Di que é FIFA Inspected, pero tecnicamente é FIFA Approved (mellor). O de maior circunferencia.

MIKASA FT-5

  • Prezo: 26,70 euros
  • Calidade global: 8,9 sobre 10
  • Outra opción interesante, xa que apenas absorbe auga: só o 0,2% do seu peso, cando a norma permite o 15%. Cumpre coa norma de calidade IMS.

DIADORA Flash NY

  • Prezo: 20 euros
  • Calidade global: 9,4 sobre 10
  • Cumpre coa norma de calidade IMS. Salvo pola súa circunferencia, que é dous milímetros menor do esixido, cumpre co máximo estándar de calidade fixado pola FIFA. O máis esférico xunto con Astore e o de maior rebote, tanto a 20 ºC coma a 5 ºC.

SOFTEE ML 1207

  • Prezo: 15,80 euros
  • Calidade global: 7,7 sobre 10
  • Cumpre coa norma de calidade IMS. O que máis presión perde aos tres días de ser inchado (o 21%).

ASTORE Pro field

  • Prezo: 29,90 euros, o máis caro.
  • Calidade global: 9,4 sobre 10
  • Cumpre coa norma de calidade IMS. O máis esférico xunto con Diadora.

JOMA Pro J7.002

  • Prezo: 27,90 euros
  • Calidade global: 9,4 sobre 10
  • Cumpre coa norma de calidade IMS. O máis livián (422 g) e, xunto con Nike, o que menos presión perde (o 7%).

NIKE LFP 2007-2008

  • Prezo: 19,96 euros
  • Calidade global: 8,6 sobre 10
  • O diámetro medido (67,8 cm) atópase por baixo do esixido a un balón oficial (68-70 cm), tanto na Liga española como nas competicións internacionais da FIFA e UEFA. O máis pesado (437 g) e o que máis auga absorbe (o 5,6% do seu peso). Xunto con Joma, o que menos presión perde.

MATT Terra RS 950

  • Prezo: 21 euros
  • Calidade global: 8 sobre 10
  • O diámetro medido (67,5 cm, a menor circunferencia) atópase por baixo do esixido a un balón oficial (68-70 cm).

UMBRO Force X

  • Prezo: 12,48, o máis barato
  • Calidade global: 6 sobre 10
  • O diámetro medido (67,7 cm) atópase por baixo do esixido a un balón oficial (68-70 cm) e non é o redondo abondo (a súa esfericidade supera por dúas décimas o 2% permitido). O de menor rebote a 20 ºC (123 cm) e a 5 ºC (113 cm).