Nutrición e xenética

Dietas xenéticas, máis promesas ca realidades

Comer o que precisamos segundo o ditado dos xenes é a última gran fronteira en alimentación, aínda que a adaptación da dieta a un perfil xenético individual aínda non é posible
1 Xullo de 2008
Img alimentacion listado 493

Dietas xenéticas, máis promesas ca realidades

/imgs/20080701/alimentacion1.jpgUnha mostra de saliva. Segundo a teoría e o anuncio dalgunhas empresas distribuído por Internet, é o único que fai falta para determinar que dieta se axusta máis ás necesidades de cada persoa. A partir desta mostra efectúase unha proba xenética que se contrasta con indicacións de estilo de vida e, deste xeito, personalízanse os alimentos e os nutrientes que máis lle conveñen ao noso organismo. O que non contan os anuncios publicitarios é que estas análises xenéticas, polas que se piden arredor de 1.000 euros, se basean só nuns poucos xenes (a cifra non alcanza os 30) e que non todos gardan relación con aspectos nutricionais nin metabólicos. Pódese falar, polo tanto, dunha verdade a medias.

O establecemento dunha orientación sobre que alimentos son os máis axeitados de acordo coa lectura do noso código xenético non é unha quimera. Pero nin o proceso é sinxelo nin a información que os científicos son capaces de extraer ofrece, polo de agora, datos abondos como para que un especialista poida prescribir unha dieta tan personalizada como se pretende. A Nutrixenómica, a ciencia que trata de entender como interaccionan os nutrientes e outros compoñentes activos dos alimentos cos xenes, aínda non se atopa en posición de ofrecer un servizo destas características de maneira xeneralizada.

Pero tampouco se está tan lonxe como podería pensarse. Tras a publicación do primeiro borrador do xenoma humano en xuño do 2000 percorreuse un enorme treito. Neste tempo secuenciáronse os case 25.000 xenes que se estima que contén o código xenético, constatouse que un xene pode dar lugar a múltiples proteínas e, sobre todo, comezouse a identificar xenes con funcións e, xa que logo, con elementos que poden modificar a súa acción, entre eles os compoñentes dos alimentos. Aínda que non se pode falar de certeza nin de evidencia científica abonda, sábese que algúns compostos poden incidir no desenvolvemento de enfermidades ou, pola contra, na súa prevención.

O obxectivo final da Nutrixenómica é deseñar dietas adaptadas á xenética de cada individuo. Para iso, combina tecnoloxías sofisticadas como os chips de ADN, a bioinformática, a bioloxía molecular e a biomedicina, xunto con técnicas epidemiolóxicas, bioquímicas e nutricionais. Os expertos aseguran que esta ciencia será a pedra angular para desenvolver novos alimentos funcionais que teñan en conta, no caso da obesidade, o impacto de determinados nutrientes sobre o complexo sistema de control do peso corporal.

Dietas á medida?

Á luz do avance da investigación neste campo e baixo a gran receptividade de distintos sectores de consumidores, diversas compañías empezaron a inundar o mercado da Nutrixenómica. Polo que parece, deseñar dietas ‘online’ a partir dun test que define o perfil xenético, sen mediación facultativa ningunha, converteuse nun negocio apetecible. Por Internet pódese conseguir o ‘kit’ completo para obter as mostras biolóxicas na casa (mediante saliva), que se envían por correo previo pagamento duns 1.000 euros. Con iso recíbese o informe coas recomendacións dietéticas e de estilo de vida, amais de suxestións de suplementos nutricionais que se axustan ao presumible cadro xenético do consumidor.

A realidade é que a tecnoloxía que fai posible algo semellante a este estudo está xa dispoñible, pero só para certas aplicacións e a un prezo moito maior. Secuenciar un xenoma, que non é o mesmo que identificar os xenes, pódese lograr hoxe en laboratorios científicos en menos dunha semana (o primeiro xenoma tardou 15 anos en ser descifrado) por uns 10.000 euros (no primeiro investíronse 10.000 millóns de euros).

Nos EEUU, o Goverment Accountability Office (órgano de auditoría das contas públicas do goberno federal) chamoulles a atención a diversas compañías como Sciona, Genelex, Market America e Suracell Personal Genetic Health por lles daren información confusa aos consumidores, e por elaboraren prescricións ambiguas, sen sentido e pouco rigorosas dende o punto de vista médica. A lista ameaza con expandirse ante un mercado ansioso por atopar o remedio perfecto (a consultora Business Insight apunta que o 44% da poboación estadounidense está empeñada en perder peso).

En España, algunhas empresas xa están a preparar a elaboración de dietas e programas para combater e frear o avellentamento con recomendacións de pautas de vida relacionadas coa nutrición e co exercicio. Na oferta poden entrar paquetes ‘Antiaging’, ‘Wellness’ e ‘Fitness’ que se deseñan a partir da identificación xenética procedente de mostras de saliva e que se poden conseguir en centros de adelgazamento, en centros deportivos, a través de Internet ou mediante solicitude telefónica.

A punta do iceberg

/imgs/20080701/alimentacion2.jpgSegundo a European Nutrigenomics Organization (NUGO), a aplicación da Nutrixenómica como prevención e tratamento de enfermidades mediante a nutrición personalizada podería tardar máis dunha década en desenvolverse. Actualmente xa se pode obter un perfil xenético, pero aínda falta moito camiño por percorrer ata poder interpretalo.

Expertos británicos iniciaron unha investigación sobre a relación dos xenes e a predisposición a desenvolver obesidade. Ata o momento, illaron e analizaron 430 xenes relacionados cos fenotipos humanos da obesidade. Os estudos centráronse nos adipocitos, as células graxas do corpo. O problema é que outras investigacións falan de polo menos 600 xenes implicados na obesidade. E a realidade é que o número de xenes e as interaccións coa dieta que se coñecen é moi pequeno. Nin tan só a punta do iceberg.


Horizontes afastados

Malia iso, hai numerosos estudos que establecen vínculos entre nutrientes e xenes, por exemplo, na enfermidade celíaca, a hipercolesterolemia familiar, a diabete, as enfermidades cardiovasculares, a obesidade, o cancro e a osteoporose. Na maioría dos casos perséguese determinar que xenes están relacionados nos distintos procesos nutricionais e como estes se relacionan con enfermidades. Isto significa que nun futuro vanse poder precisar dietas en función dos requirimentos específicos de cada persoa a partir de información contida no seu xenoma, e poderase determinar unha nutrición óptima para poboacións con características comúns, grupos particulares ou individuos.

A pesar do auxe comercial, aínda son escasos os estudos que avalan a validez clínica dos marcadores nutrixenéticos específicos e as súas diversas interrelacións, tanto con outros xenes como con factores ambientais. A razón: precisa un grande esforzo e anos de investigación. Xa que logo, trasladarlle esta información ao consumidor na actualidade parece pouco menos que aventurado.

Á espera de que chegue este momento, o coherente sería manter uns hábitos alimentarios sans, baixo o criterio aceptado por organismos acreditados e seguir as súas recomendacións. Así e todo, é moi probable que algún día, pode que non moi lonxe, a investigación dea un paso definitivo cara á prevención e a curación de enfermidades a través da nutrición personalizada. O obxectivo é que cadaquén, co seu carné xenético na man, poida adquirir no supermercado os alimentos que precisa para previr enfermidades ou para gozar dun bo estado de saúde.

Proxecto europeo NUGO

/imgs/20080701/alimentacion3.jpg

Europa conta cunha rede de 23 centros de investigación -organismos institucionais, universidades e empresas alimentarias- de 10 países que se organizaron baixo o nome de ‘European Nutrigenomics Organization’ (NUGO). Parte do seu labor céntrase en establecer normas e directrices éticas para a investigación xenómica nutricional. Define, ademais, tres obxectivos de investigación fundamentais:

  • Asociación xene-enfermidade. O obxectivo é establecer que xene ou familia de xenes están asociados a unha maior incidencia dunha determinada enfermidade.
  • Interacción xenes-nutrientes-enfermidade. Unha vez identificados os xenes ‘responsables’ da enfermidade, estúdase a acción dos nutrientes ou doutros compostos bioactivos dos alimentos sobre o grao de expresión deses xenes; dende diabete ou enfermidades coronarias a outras cunha relación menos evidente, como certos tipos de cancro e síndromes neurodexenerativas.
  • Alimentos deseñados para dietas segundo o perfil xenético. Desenvolvemento de alimentos e dietas axeitadas para cada situación, as verdadeiramente chamadas ‘dietas personalizadas’, á medida do perfil xenético.