Co sol e coa auga non se xoga
A intención de gozar dun día soleado de praia cos máis pequenos da casa pode traer consecuencias negativas en calquera momento se non se toman as convenientes precaucións ante os innumerables riscos e perigos relacionados co sol e coa auga. Cada verán falecen afogados entre 70 e 100 persoas nas nosas praias e piscinas, e o maior risco de accidentes córreno os nenos con idades comprendidas entre un e catro anos. Esta estatística poderíase reducir cunha maior atención e vixilancia por parte dos adultos. Tampouco se debe descoidar a protección dos máis pequenos ante os raios solares, os golpes de calor e as insolacións, xa que entre un 2% e un 5% dos nenos que acoden á praia sofren queimaduras de segundo grao e arrubiamentos acompañados de febre, eritema, insomnio, falta de apetito, náuseas e, nos casos máis graves, convulsións.
Consellos para que os nenos gocen dunha xornada de praia con seguridade
- Antes de acudir a unha praia determinada infórmese das súas características (profundidade, zonas de perigo, presenza de correntes, etc.), comprobe se cumpre cos mínimos requisitos de seguridade, e asegúrese de que está vixiada por socorristas acreditados, sinalizada (semáforo da praia) e preparada para atender calquera emerxencia que puidese presentarse.
- Observe con atención o lugar onde o seu fillo vai sentar para xogar. O máis conveniente é que o faga sobre unha toalla, pero como non sempre é posible, controle que estea limpo de cabichas, cristais, restos de lixo ou outros obxectos que poidan resultar perigosos.
- Procure que o neno corra e xogue pola area e na auga co bañador posto: a area pode ser unha fonte de infeccións se está moito tempo en contacto directo coas zonas xenitais.
- Non cubra de area un neno: nin deitado nin en posición vertical. Xamais cave un burato do seu talle. O peso da area sobre o seu peito impediralle respirar.
- Non expoña os bebés menores de seis meses á acción directa do sol. Carecen da capacidade natural da pel para defenderse e poden sufrir queimaduras solares de carácter grave.
- A exposición do menor ao sol débese realizar de xeito gradual, nas horas menos calorosas, con exposicións de dez minutos ata un máximo de media hora seguida ao día. Unha xornada de praia para os nenos non se debe alongar de xeito continuado máis de dúas horas, que en ningún caso coincidirán coas de máxima incidencia solar -de 12:00 a 16:00 horas-. Baixo ningún concepto deixe que o neno se adormeza ao sol.
- Non se fíe dos días anubrados, xa que os raios ultravioletas penetran as nubes e poden causar serias queimaduras de pel.
Nunca sen protección solar
- Nos nenos menores de seis meses, o uso dun protector solar como único medio de protección é insuficiente e, nalgúns casos, está desaconsellado, xa que pode dar lugar a reaccións alérxicas.
- Utilice sempre o protector solar axeitado ao fototipo da pel do seu fillo. A crema elixida debe frear a acción dos raios UVA e UVB, debe ter filtros físicos en lugar de químicos e debe ser resistente á auga e antialérxica.
- Para os nenos pequenos, o factor mínimo de protección, mesmo durante as primeiras horas da mañá e últimas da tarde, non debe ser inferior a 25, pero se se trata dun bebé ou neno con pel máis ben branca, non debe baixarse de 30.
- Renove a aplicación cada dúas horas ou tra so baño ou suoración excesiva. Non deixe de poñerlle crema protectora por moi moreno que estea.
Na auga toda precaución é pouca
- Os cambios bruscos de temperatura son moi perigosos. Antes do baño móllelle ao neno a tripa, o peito, os pulsos e a caluga.
- Fágalle entender que debe deixar transcorrer un tempo prudencial entre a comida e o baño.
- Nunca perda de vista o seu fillo mentres se baña. Vostede -e non o socorrista- é o principal responsable da seguridade do seu fillo.
- Ensinalo a nadar dende pequeno é o mellor salvavidas.
- O primeiro baño do neno debe ser suave, tranquilo e en compaña dos pais, para evitar sustos e axudalo a gozar dunha boa experiencia co mar.
- A maioría dos nenos senten un medo innato á auga. Se este é o caso do seu fillo non o force, respecte a súa actitude, xa que se o obriga a meterse na auga a experiencia pódese transformar nun trauma difícil de superar.
- Déixeo descubrir ao seu ritmo o pracer de xogar na auga. Anímeo a xogar na beira, a saltar as ondas, ou a camiñar por beira buscando cunchas para que se afaga ao novo territorio.
- Se o seu fillo se lanza á auga sen ningún temor, explíquelle os perigos que encerra o mar e as precaucións que debe ter en conta. Ensínelle o significado dos sinais de perigo e as bandeiras e mais a cumprir coas indicacións de socorristas e vixilantes.
- Os flotadores non son un substituto dos chalecos salvavidas e poden dar unha falsa sensación de seguridade. Arríscase a que se o neno levanta os brazos poida escorrerse ata o fondo ou que, cun movemento brusco, quede volto coa cabeza cara a abaixo.
Outros riscos que convén evitar
- Deshidratación. Ofrézalle auga ao seu fillo de xeito continuado. Os nenos contan cun sistema regulador interno aínda inmaturo e tenden a deshidratarse con facilidade. Se se alimenta aínda mediante lactación materna non é necesario darlle ningún outro líquido.
- Golpe de calor. Un erro moi habitual é tapar en exceso os bebés. No verán, amais de hidratado, debe estar fresquiño, evitando no posible que súe.
- Insolación. Procure que o neno limite a súa exposición ao sol e que manteña posto en todo momento un gorro que lle cubra a cabeza e mais a caluga. Se o neno presenta unha insolación colóqueo boca arriba nun lugar fresco (sempre á sombra), refresque o seu corpo con auga fría, e fágalle tomar moito líquidos.
- Otite. Para previr posibles infeccións de oído, evite que o neno se meta de maneira brusca na auga (sobre todo se está moi fría) e que permaneza demasiado tempo nadando ou xogando. É preferible que se bañe varias veces ao longo do día, pero en períodos máis curtos. Proído e dor leve son os principais síntomas da otite. Se non remite, acuda ao pediatra.