Zumes de laranxa envasados

Os de laranxas espremidas custan o dobre pero saben mellor. Aínda que son máis naturais e saben mellor, os de laranxas espremidas son nutricionalmente similares aos que proceden de concentrado
1 Xullo de 2008
Img analisisa listado

Zumes de laranxa envasados

Leváronse ao laboratorio e ao panel de cata catro mostras de zume a base de concentrado que se conservan a temperatura ambiente (Juver, Don Simón, Kasfruit e Zumosol) e tres de zume de laranxas espremidas (Tropicana, Pascual e Don Simón) que esixen refrixeración. O formato máis común foi o dun litro; Juver (2 litros) e Pascual (0,75 litros) foron as excepcións. Os zumes de concentrado comercialízanse en tetra-brik, mentres que dous dos de laranxas espremidas se venden en botella de plástico e un (Tropicana) en tetra-brik. Os de laranxas espremidas custaron de media 2,06 euros por litro, máis do dobre ca os de concentrado (0,80 euros por litro).

En que se diferencian

O que distingue a estes dous tipos de zume non é a súa composición nutritiva (ambos os dous achegan pouca enerxía, unhas 50 calorías cada cen gramos, e bastante azucre e vitamina C), senón o seu sabor e olor, amais do seu prezo. Pero o que crea as diferenzas é como se producen uns e outros. Para fabricar un zume de concentrado, pártese dun concentrado de zume que se obtén por evaporación de boa parte da auga do zume de laranxa e que posteriormente se refrixera ou conxela. Xa despois, reconstitúese o produto engadíndolle ao concentrado a auga necesaria. A lexislación permite que nesta reconstitución se engadan substancias aromatizantes e vitaminas que proveñan do concentrado do propio zume de froita ou doutro zume de froitas da mesma especie. E admítese a adición de azucre ata un máximo de 15 gramos por litro. O concentrado pode proceder de varios países, e mesmo obterse mesturando concentrados de laranxa de distintas procedencias. Os zumes concentrados deben indicar na súa etiqueta “zume a base de concentrado” ou unha expresión similar.

O zume de laranxas espremidas utiliza como materia prima o propio zume, e non recorre a concentrados nin se somete a evaporación ningunha.

Dependendo do tratamento térmico ao que foron sometidos, ambos os dous tipos de zumes poden ser refrixerados ou ambiente (non requiren frío). Os refrixerados só sufriron pasteurización, polo que se deben conservar no frigorífico ata o seu consumo. Os ambiente recibiron un tratamento térmico máis intenso, UHT, que garante a súa esterilización (ausencia de microorganismos) e logra que o envase non requira frío. Polo tanto, “refrixerado” non é sinónimo de “zume de laranxas espremidas”, xa que hai zumes de concentrado que son refrixerados. O zume refrixerado debe permanecer no frigorífico, mentres que o ambiente só debe facelo así que se abre o envase. Deste xeito, manteñen as súas propiedades nutritivas e calidades gustativas entre 2 e 6 días despois de abertos.

A achega de enerxía dun zume de laranxa non é elevada, e non difire dun a outro tipo de zume: unhas 50 calorías cada cen mililitros, equivalente ao dunha laranxa grande de 200 gramos. Estas calorías veñen determinadas polo contido de azucres da froita espremida ou, de ser o caso, do azucre engadido. Os zumes conteñen de media un 10% de azucres (glicosa, frutosa e sacarosa), mentres que proteínas e graxas non representan nin sequera o 1% do zume. O 89% restante é auga, coas súas vitaminas e minerais.

A análise

Para avaliar a calidade dos 7 zumes, amais da normativa vixente, tomouse como referencia a guía de recomendacións da AIJN (asociación industrial de zumes e néctares), que se ten como código de boas prácticas de fabricación. Entre outros parámetros, determináronse graos Brix (indican a cantidade de zume: mide sólidos solubles), pH, acidez, perfil de azucres, oligosacáridos e minerais, índice de formol (relacionado coa madureza da froita), cantidade e tipos de aromas e o contido en vitamina C.

Os resultados obtidos nestes indicadores permiten tamén a detección de fraudes: emprego de zumes de froitas máis baratas, adición de azucre sen declarar ou por riba do máximo, e emprego de aromas artificiais ou non provenientes da laranxa. A maioría das análises depararon resultados semellantes entre as 7 mostras e conformes ao ditado pola lexislación. As diferenzas máis relevantes víronse no contido de vitamina C e no de aromas propios da laranxa.

Tamén se estudou a información ofrecida nas etiquetas. Os sete incumprían a normativa de etiquetaxe. Un dos incumprimentos máis importantes foi o de Juver: a pesar de que a análise demostrou que contiña unha cantidade satisfactoria de vitamina C (44 mg/100 ml, co que cumpre a norma, que obriga a un mínimo de 20 mg/l), declaraba só 9 mg/100 ml. Catro zumes facían alegacións nutricionais non admitidas e outros utilizaban expresións incorrectas. A maior irregularidade foi a de Zumosol, “zume de laranxa a base de concentrado”, que contiña tamén zume de mandarina (comprobouse con técnicas xenéticas e perfil de carotenoides), o que está prohibido pola norma.

E a vitamina C?

A vitamina C atópase de modo natural no zume de laranxa, pero permíteselle á industria engadir ácido ascórbico (E-300) para compensar a perda desta vitamina no tratamento térmico. O éxito comercial destes zumes débese en boa medida á súa grande achega de vitamina C, nutriente esencial de efecto antioxidante.

Todos os zumes a base de concentrado informan da adición de vitamina C, mentres que nos zumes directos toda a vitamina C a conteñen de modo natural. Entre os de concentrado, Zumosol (82 mg/100 ml) e Don Simón (79 mg/l) son os de máis vitamina C, mentres que Juver (44 mg/100 ml) foi o de menos. Nos zumes directos, Pascual (67 mg/100 ml) foi o que máis vitamina C tiña, e Tropicana (25 mg/100 ml), o de menos. Cen mililitros de zume de laranxa acabada de espremer proporcionan uns 50 mg de vitamina C e unha laranxa de 150 gramos, uns 78 mg.

Cantidade de aromas e adición de azucre, indicadores de calidade

En ningún zume se detectaron aromas artificiais, co que se demostra que os aromas engadidos aos zumes de concentrado son naturais. Nada di a normativa nin a guía AIJN sobre a cantidade de aromas esixible a un zume, pero percibíronse grandes diferenzas: a concentración de aromas de Don Simón a base de concentrado (26 ppm) foi catro veces menor ca a media dos zumes directos (111 ppm), e en dous dos outros tres zumes de concentrado (Kasfruit: 37 ppm, e Juver: 38 ppm) tamén foi moi inferior. A de Zumosol (74 ppm) tamén foi menor, pero achegábase máis á dos zumes directos. E se se pon o foco de atención no limoneno, aroma característico e maioritario do zume de laranxa, as diferenzas tamén son notables: nos de concentrado, a cantidade media de limoneno (36 ppm) foi moi inferior á dos zumes directos (88 ppm). O aroma é un dos compoñentes máis caros dos que se suman ao zume, e se cadra iso explica estas diferenzas.

Os zumes de laranxa conteñen de modo natural 0,17 mg/100 ml de vitamina E. Kasfruit é o único dos zumes analizados que engade vitamina E: ten 2,8 mg/100 ml, polo que un vaso de 200 ml deste zume representa máis da metade da CDR (cantidade diaria recomendada) de vitamina E, que é 10 mg.

A fabricación dos zumes produce perda de azucres das laranxas, polo que se lle permite á industria a adición de azucre se non se superan os 15 gramos de azucre engadido por cada litro de zume e se declara na etiqueta. A adición de azucre axuda a imitar a composición do zume e o seu característico sabor doce. Pero esta adición de azucre tamén pode servir para corrixir a excesiva acidez do zume, para ocultar o emprego de zume doutras froitas ou para abaratar o custo do produto incorporando máis azucre e menos concentrado de zume. Os resultados dalgunhas análises (isotópicos, perfil de azucres e oligosacáridos) serven para detectar a adición de azucre. Don Simón a base de concentrado foi o único que engadía azucre, e informaba axeitadamente diso.

Zume de mandarina

Mediante técnicas xenéticas e perfil de carotenoides, descubriuse en Zumosol a presenza (non cuantificable: a técnica non o permite) de zume de mandarina, non permitida pola norma.

Por outra banda, a posible adición excesiva de auga poderíase detectar cos resultados do perfil de minerais (cantidade de fósforo, magnesio, potasio e calcio) e o extracto libre de azucre, pero nas 7 mostras os valores foron correctos, polo que ningunha engadía demasiada auga. Zumosol de concentrado presentou un particular problema, a súa cantidade excesiva de sodio: 91 mg/l, cando o máximo aconsellado pola AIJN é 30 mg/l.

En síntese e taboa comparativa

En síntese

Analizáronse sete zumes de laranxa envasados. Deles, catro están elaborados a base de concentrado e consérvanse a temperatura ambiente, e tres son zumes de laranxas espremidas e consérvanse en refrixeración.

  • Os de laranxas espremidas custan máis do dobre ca os de concentrado. O máis barato dos de concentrado foi Don Simón (0,74 euros/litro) e entre os de laranxas espremidas, tamén o foi Don Simón (1,56 euros/litro).
  • Son mellores os de laranxas espremidas? Dende un punto de vista nutricional non hai diferenzas. A única detectada en laboratorio foi que a concentración de aromas era moi superior nos de laranxas espremidas. Por outra banda, son algo máis ácidos e achegan menos vitamina C ca os de concentrado, xa que conteñen só a propia do zume, mentres que nos de concentrado se engade esta vitamina.
  • No organoléptico (sabor, cor, olor…), si que hai diferenza: os tres de laranxas espremidas (obtiveron entre 6,8 e 6,3 puntos) foron os preferidos na cata e quedaron a unha boa distancia dos de concentrado, que acadaron entre 5,7 e 5 puntos.
  • Exceptuando a etiquetaxe (con incumprimentos de norma nas sete mostras), estes zumes están, en xeral, ben elaborados. A única irregularidade importante foi que en Zumosol na base de concentrado había tamén zume de mandarina no canto de unicamente zume de laranxa, cando está prohibida tal práctica.
  • Os valores de vitamina C foron moi distintos: os de máis vitamina C foron Zumosol (82 mg/100 ml) e Don Simón (79 mg/100 ml), ambos os dous de concentrado, e o de menos, Tropicana (de laranxas espremidas), con só 25 mg/100 ml.
  • Entre os zumes de concentrado, ningún merece o galardón de mellor relación calidade/prezo; podería aspirar a acadalo Don Simón, pero penalízao ser o único que engade azucre e o de menor contido en aromas.
  • De se primar o aspecto organoléptico (sabor, olor, cor…) e que se trate dun produto máis natural, Don Simón (1,56 euros/litro) é a mellor relación calidade-prezo deste comparativo, e a opción máis interesante dos tres zumes de laranxas espremidas estudados.
Marca Don Simón Pascual Tropicana Don Simón
Denominación de venda Zume de laranxa Zume de laranxas espremidas Zume de laranxa non procede de concentrado Zume de laranxa a base de zume concentrado
Alegacións nutricionais “Non procede de concentrado”, “Contén 15 laranxas espremidas”, “Laranxa espremida”, “Con polpa”, “Puro Zume de laranxa 100%”. “Só zume”,”100% zume espremido con polpa” “Vitamina C natural”, “100% puro”, “Non procede de concentrado”, “Naranja con polpa” “Enriquecida con vit C”, “O noso zume de laranxa é moi rico en antioxidantes naturais, vitaminas e minerais. Á súa vez é un alimento libre de graxas, colesterol e sodio”.
Formato (litros) 1 0,75 1 1
Prezo (Euros/litro) 1,56 2,15 2,47 0,74
Etiquetaxe Incorrecto Incorrecto Incorrecto Incorrecto
Graos brix 1 12,3 12,2 11,9 11,4
Ph 3,5 3,7 3,7 3,5
Acidez (ac. Cítrico g/l) 10,5 8,7 9,3 7,7
Ác. cítrico / ac. Isocítrico 2 Conforme Conforme Conforme Conforme
Índice de formol 3 Conforme Conforme Conforme Conforme
Vitamina C (mg/100 ml) 47,6 67,5 25,5 79,1
Aromas
Concentración de compuestos aromáticos detectados (ppm) (4) 128,6 97,8 106,6 26,1
Limoneno (ppm) (5) 99 79 86 20,3
Azucre engadido Non Non Non Si
Zume de mandarina Non Non Non Non
Adición de agua Non Non Non Non
Cata (1 a 9) 6,3 6,5 6,8 5,7
Marca Kasfruit Juver Zumosol
Denominación de venda Zume de laranxa a base de concentrado enriquecido con vitamina C e E Zume de laranxa elaborada a base de concentrado Zume de laranxa a base de zume de laranxa concentrado enriquecido en vitamina C
Alegacións nutricionais “Vitamina C+E”, “Sen azucre engadido” “Con vitamina C” “Con vitamina C”
Formato (litros) 1 2 1
Prezo (Euros/litro) 0,82 0,81 0,84
Etiquetaxe Incorrecto Incorrecto Incorrecto
Graos brix 1 11,3 11,5 11,6
Ph 3,5 3,3 3,6
Acidez (ac. Cítrico g/l) 8,4 9,3 7,2
Ác. cítrico / ac. Isocítrico 2 Conforme Conforme Conforme
Índice de formol 3 Conforme Conforme Conforme
Vitamina C (mg/100 ml) 60,4 44 81,6
Aromas
Concentración de compuestos aromáticos detectados (ppm) (4) 36,9 38,3 74
Limoneno (ppm) (5) 31 30,2 61
Azucre engadido Non Non Non
Zume de mandarina Non Non Si
Adición de agua Non Non Non
Cata (1 a 9) 5,1 5 5,2

Graos Brix: é unha medida indirecta do contido en zume do produto.

Ac.cítrico/ac.Isocítrico: este parámetro serve para comprobar a posible adición de ácido cítrico, non permitida se se engade tamén azucre.

Indice de formol: relacionado co grao de extracción e coa madureza da froita.

Concentración de compuestos aromáticos detectados (ppm): é a suma de todos os aromas naturais presentes no zume. Inclúe a concentración de limoneno.

Limoneno: Composto aromático maioritario e máis característico dos zumes de laranxa.

Un a un

UN A UN, SETE ZUMES DE LARANXA ENVASADOS

Don Simón

  • Zume de laranxa
  • 1 litro. Sae a 1,56 euros/litro, o máis barato dos que proceden de laranxas espremidas.
  • A opción máis interesante.
  • Alegacións: “Non procede de concentrado”, “Contén 15 laranxas espremidas”, “Laranxa espremida”, “Con polpa”, “Puro zume de laranxa 100%”.
  • Etiquetaxe incorrecta: fai declaracións que non figuran na norma e suxire posuír características particulares cando todos os zumes similares as posúen.
  • Na cata obtivo 6,3 puntos e foi un dos tres preferidos: gustou polo seu “sabor natural” e “cor”, pero recibiu críticas por “ácido” e polo “sabor que deixa”.

Pascual

  • Zume de laranxas espremidas.
  • 0,75 litros. Sae a 2,15 euros/litro.
  • Alegacións: “Só zume”, “100% zume espremido con polpa”.
  • Etiquetaxe incorrecta: fai declaracións que non figuran na norma e suxire posuír características particulares, cando todos os zumes similares as posúen.
  • O de máis vitamina C (67 mg/100 ml) entre os de laranxas espremidas, que ademais non é engadida, senón natural do zume.
  • Na cata logrou 6,5 puntos e foi un dos tres preferidos: gustou polo seu “sabor natural” e pola súa “cor” pero criticóuselle a súa “moita polpa”.

Tropicana

  • Zume de laranxa non procede de concentrado.
  • 1 litro. Sae a 2,47 euros/litro, o máis caro deste comparativo.
  • Alegacións: “Vitamina C natural”, “100% puro”, “Non procede de concentrado”, “Laranxa con polpa”.
  • Etiquetaxe incorrecta: fai declaracións que non figuran na norma e suxire que posúe características particulares, cando todos os similares as posúen.
  • O de menos vitamina C; supera en pouco o mínimo esixido (20 mg/100 ml).
  • Na cata logrou 6,8 puntos e foi un dos tres preferidos: gustou polo seu “sabor natural” e pola súa “cor”.

Don Simón

  • Zume de laranxa a base de zume concentrado.
  • 1 litro. Sae a 0,74 euros/litro.
  • O máis barato.
  • Alegacións: “Enriquecido con vitamina C”, “O noso zume de laranxa é moi rico en antioxidantes naturais, vitaminas e minerais. Á súa vez é un alimento libre de graxas, colesterol e sodio”.
  • Etiquetaxe incorrecta: fai declaracións que non figuran na norma e suxire posuír características particulares, cando todos os zumes similares as posúen.
  • O único que engade azucre (indícao na lista de ingredientes). A menor concentración de aromas (26 ppm), catro veces inferior á dos zumes de laranxas espremidas.
  • Na cata acadou 5,7 puntos e ocupou unha posición intermedia: non recibiu alegacións salientables.

KasFruit

  • Zume de laranxa a base de zume concentrado enriquecido con vitamina C e E.
  • 1 litro. Sae a 0,82 euros/litro.
  • Alegacións: “Vitamina C + E”, “Sen azucre engadido”.
  • Etiquetaxe incorrecta: a declaración “sen azucre engadido” non é correcta e debe ir acompañada da mención “Contén azucres naturalmente presentes”. Único que engade vitamina E (ten 2,8 mg/100 ml): ten quince veces máis vitamina E da que contén un zume de modo natural.
  • A súa concentración de aromas (37 ppm) é tres veces inferior á dos zumes de laranxas espremidas.
  • Na cata acadou 5,1 puntos e foi un dos tres peores: criticóuselle o seu “pouco sabor”.

Juver

  • Zume de laranxa elaborado a base de concentrado.
  • 2 litros. Sae a 0,81 euros/litro.
  • Alegacións: “Con vitamina C”.
  • Etiquetaxe incorrecta: declara 9 mg/100 ml de vitamina C, cando a norma fixa un mínimo de 20 mg/100 ml. En realidade, contén 44 mg/100 ml de vitamina C (dato da análise CONSUMER EROSKI) e é o zume de concentrado con menor cantidade desta vitamina. Concentración de aromas escasa (38 ppm), tres veces menor á dos zumes de laranxas espremidas.
  • Na cata acadou 5 puntos e foi un dos peores: criticado por “ácido”.

Zumosol

  • Zume de laranxa elaborado a base de zume de laranxa concentrado enriquecido con vitamina C.
  • 1 litro. Sae a 0,84 euros/litro.
  • Alegacións: “Con vitamina C”.
  • Etiquetaxe incorrecta: o seu zume procede de dúas especies diferentes de froitas (amais de zume de laranxa, detectouse zume de mandarina, máis barato). Con 82 mg/100 ml, é o zume con máis vitamina C de todo o comparativo. Entre os zumes a base de concentrado é o de maior concentración de aromas (74 ppm). Demasiado sodio (91 mg/litro): triplica a cantidade recomendada pola AIJN.
  • Na cata acadou 5,2 puntos e foi un dos tres peores: gustou pola súa “cor” e “sabor” pero recibiu críticas por “amargo” e pola “sensación ao bebelo”.