Alerxias no traballo

A alerxia ao traballo é unha ocorrencia máis ou menos graciosa, pero a alerxia no traballo é un problema real, que se agudiza ademais polo feito de que moitos que a padecen a ocultan por medo a perderen o emprego.
1 Xullo de 2008
Img salud listado 553

Alerxias no traballo

As enfermidades ocupacionais de orixe alérxica ou irritativa afectan a varios sectores profesionais, dende traballadores da construción, pintores, panadeiros, carpinteiros, perruqueiros, persoal de limpeza, sanitarios ata investigadores.

Asma, rinite e dermatite

/imgs/20080701/salud1.jpg
A inhalación ou manipulación de diversas substancias presentes no contorno laboral pode derivar en enfermidades ocupacionais alérxicas. Entre elas figuran patoloxías respiratorias, como a asma e a rinite, e as dermatites de contacto. A asma ocupacional é a primeira causa de patoloxía respiratoria de orixe profesional. Estímase que pode representar entre o 10% e o 25% de todos os casos desta enfermidade. Ademais, calcúlase que o 50% dos casos que se inician no adulto son de orixe ocupacional, segundo datos dun estudo europeo sobre máis de 7.000 pacientes dirixido por Manolis Kogevinas, do Instituto Municipal de Investigación Médica (IMIM) de Barcelona, publicado no 2007 en The Lancet.

Non obstante, nestes momentos o debate e a controversia están abertos, xa que parte da comunidade científica considera asma ocupacional a que se orixina no traballo, mentres que outra parte inclúe baixo esta denominación os casos de asma que se agravan por mor das condicións laborais.

A rinite alérxica é unha enfermidade que se caracteriza pola inflamación da mucosa nasal, obstrución dos condutos nasais, esbirros, comechón, secrecións, goteo nasal e, en ocasións, perda do olfacto. Se tamén afecta aos ollos denomínase rinoconxuntivite. A rinite alérxica adoita ir asociada á asma; de feito, entre o 20% e o 40% dos pacientes con rinite sofren asma, mentres que entre o 30% e o 50% dos asmáticos padecen rinite, segundo un estudo de Joaquim Mullol, coordinador da Unidade de Rinoloxía do Hospital Clínic de Barcelona.

A dermatite de contacto é unha reacción da pel que se manifesta a xeito de eccemas, erupcións, inflamación da pel, arrubiamento, comechón (prurito), formación de bochas e, nos casos máis graves, mesmo de úlceras. Segundo o último informe “Alergolóxica 2005”, da Sociedade Española de Alergoloxía e Inmunoloxía Clínica (SEAIC), os casos de dermatite ocupacional duplicáronse na última década en España, e pasouse dunha prevalencia do 2,4% en 1992 a unha do 4,2% no 2005.

Orixe alérxica ou irritativa

/imgs/20080701/salud2.jpg
A alerxia é unha reacción desmesurada do organismo ante certas substancias que a causan, é dicir, os alérxenos, que se poden inhalar, tocar, inxerir ou que se poden inxectar. Tanto a asma ou a rinite alérxica como a dermatite de contacto poden ser de orixe irritativa ou alérxica. Son alérxicas se se produce unha reacción do sistema inmunolóxico do organismo co aumento dun tipo de inmunoglobulina, a IgE. As distintas inmunoglobulinas son anticorpos ou defensas do noso corpo que atacan a microbios e bacterias.

De todas as inmunoglobulinas, a IgE diríxese contra parasitos e mintos (tipo de vermes) e sempre aparece en niveis máis altos cando se produce unha reacción alérxica. De feito, no soro das persoas alérxicas, os seus niveis auméntanse entre un 70% e un 80%. Cando non se produce esta reacción inmunolóxica, a asma, a rinite e a dermatite son de orixe irritativa, é dicir, orixínanse polo contacto directo coas substancias tóxicas ás que é sensible unha persoa.

As causas da asma e da rinite ocupacional

As causas da asma e da rinite ocupacional son as mesmas. Identificáronse máis de 300 axentes capaces de causar asma ocupacional, segundo un estudo coordinado por Ramon Orriols e publicado en “Arquivos de Bronconeumoloxía”, a revista oficial da Sociedade Española de Neumoloxía e Cirurxía Torácica (SEPAR). Entre os potenciais alérxenos atópanse:

  • /imgs/20080701/salud3.jpg
    Os isocianatos, presentes nalgúns plásticos, pinturas e en colchóns de gomaespuma da industria automobilística; adoitan afectar a pintores e manipuladores industriais do sector.
  • As fariñas pódenlles causar alerxia a panadeiros e pasteleiros pola presenza de ácaros, do enzima alfa-amilasa e ata de soia.
  • O ácido plicático da madeira pode provocar alerxia entre os carpinteiros.

  • O pelo dos animais de laboratorio, como ratas, ratos e coellos, tamén lles pode causar alerxia aos investigadores que traballan con eles.

  • Os aerosois e produtos de limpeza son grandes fontes de desenvolvemento da asma ocupacional. Un estudo europeo, publicado no 2007 no “American Journal of Respiratory and Critical Care Medicine”, detectou que esta exposición é a responsable da asma ocupacional en un de cada sete adultos.

  • E os sales de persulfatos, que conteñen as tinguiduras dos salóns de peiteado, e outros axentes colorantes, como a henna vermella e a henna negra, son responsables da asma ocupacional en profesionais da perruquería. Estes produtos están considerados entre a terceira ou cuarta causa da asma ocupacional.

As causas da dermatite ocupacional

Identificáronse máis de 250 substancias que poden causar dermatite ocupacional. Os traballadores máis vulnerables son os que están en contacto con pos ou líquidos, en concreto os empregados de empresas metalúrxicas que traballan con metais como o cobalto, o níquel ou o mercurio, así como os da industria conserveira.

Detectouse tamén que os traballadores que manipulan produtos máis agresivos poden sufrir dermatites máis temperás. É o caso dos perruqueiros alérxicos aos compoñentes das tinguiduras dos salóns de peiteado. Pola contra, os obreiros da construción que traballan en contacto co cemento poden desenvolver dermatite ocupacional máis tarde.


Alerxia ao látex

Mención á parte merece a alerxia ao látex, un problema que afecta a unhas 800.000 persoas en España, segundo a Asociación Española de Alérxicos ao Látex. Rexistráronse máis de 40.000 obxectos de látex ou que poden conter algún dos seus compoñentes.

O sector máis afectado é o sanitario. Luvas, sondas, apósitos, mangos para tomar a tensión arterial, máscaras de reanimación e de osíxeno, esparadrapo ou tapóns de medicamentos conteñen esta substancia. Diferentes estudos sitúan a hipersensibilidade ao látex entre o 12% e o 16% en persoal sanitario, mentres que na poboación xeral se sitúa entre o 1% e o 3%.


O diagnóstico

/imgs/20080701/salud4.jpg
O diagnóstico dunha enfermidade respiratoria ocupacional alérxica debe incluír unha historia clínica detallada con información da vida laboral e das condicións de traballo do afectado. Ademais, o paciente débese someter a unha batería de probas para determinar os niveis de inmunoglobulinas totais e as específicas para distintos antíxenos, como ácaros, fungos, poles e gato e can. Con esta batería de cinco antíxenos xa se pode saber se unha persoa é alérxica. Unha opción diagnóstica adicional é someter o afectado a unha proba de provocación bronquial específica, que en España só realizan a Fundación Jiménez Díaz (Madrid) e mais o Servizo de Neumoloxía do Hospital Vall d’Hebron (Barcelona). A proba efectúase por encarga de mutuas de accidentes do traballo e enfermidades profesionais.

O diagnóstico da rinite ocupacional segue o mesmo esquema que na asma: historia clínica exhaustiva, análise de sangue, probas cutáneas e probas de provocación controladas. O diagnóstico pódese completar cunha rinomanometría, unha proba para comprobar como se obstrúe o nariz, ou cun Peak-flow nasal, para observar se o fluxo de aire pasa ben ou non polo nariz.

No caso da dermatite de contacto, o diagnóstico efectúase en función da aparencia da pel, mediante a investigación dos antecedentes de exposición do paciente a un alérxeno e someténdoo a unha proba epicutánea, que consiste en aplicarlle parches con distintos alérxenos para determinar cal é a reacción ao cabo duns días.

Obrigas da empresa

  • Etiquetar correctamente todos os produtos que comporten un risco. Na etiquetaxe é obrigatorio indicar cales son os compoñentes tóxicos, cáusticos ou explosivos que conteñen, así como achegar instrucións que detallen polo miúdo como se deben manipular e conservar.
  • Proporcionarlle ao traballador medidas preventivas, como cascos, luvas, uniformes (mesmo ignífugos, se son necesarios) e botas, dependendo do tipo de traballo e sector e de acordo ás normativas vixentes segundo os organismos nacionais e internacionais de Seguridade no Traballo.
  • Inspeccionar e emendar, se é posible, as causas da alerxia ocupacional dun traballador, mediante a busca doutros casos similares relacionados co mesmo produto e pórlles fin ás contaminacións, escapes, mala limpeza ou a unha deficiente extracción que puideran propiciala.
Recomendacións para o traballador alérxico
  1. Ante unha sospeita de asma, rinite ou dermatite por contacto no traballo, hai que acudir ao alergólogo ou ao pneumólogo para o seu diagnóstico e tratamento.
  2. Así que se estabiliza a alerxia, de se comprobar que o alérxeno causante do problema se atopa no medio laboral, haberá que solicitar un cambio de posto dentro da mesma empresa onde non se dea exposición á substancia identificada.
  3. Cumprir as medidas de protección que a empresa estableza para evitar o problema, tales como o uso de luvas, máscaras, casco ou certos hábitos de hixiene.
  4. Ler a etiquetaxe dos produtos que se van manipular, como os de limpeza e outros compostos irritantes, e tomar as precaucións axeitadas.
  5. Se se é alérxico ao látex, convén levar enriba unha pulseira ou medalla que indique esta condición, e mais comunicalo ante calquera exploración médica ou cirurxía, e evitar manipular obxectos de látex e todos os de goma elástica.
  6. Se todas estas medidas preventivas non resolven o problema e se demostra que a enfermidade é profesional, hai que abandonar ese traballo, intentar cambiar de sector e, cando non haxa outra solución e dependendo do caso, tramitar unha incapacidade e a indemnización correspondente.