Alimentos que fan de medicamentos
Nutracéutico, alicamento ou funcional. Estas son as distintas denominacións para referirse a un mesmo concepto. Son termos acuñados para designar a un grupo de alimentos ou a algúns dos seus compoñentes cunhas propiedades e cuns efectos sobre o organismo ata agora referidos case exclusivamente aos medicamentos. Véndense nos mercados, pero hai quen defende que o seu lugar é a farmacia. Son, entre outros, os alimentos que axudan a reducir o colesterol, aqueles enriquecidos en antioxidantes que preveñen trastornos dexenerativos ou aqueles aos que lles engaden calcio que fortalece os ósos, reducindo así o risco de descalcificación ósea. A diferenza principal cos medicamentos é que non teñen, en teoría, efectos secundarios e que non levan prospecto. Pero si necesitan acompañarse dun manual de uso que indique a cantidade que se debe consumir para que resulte real o efecto saudable ao que aluden.
O certo é que non todos os alimentos que incorporan un “valor engadido” producen os beneficios que promulgan. Depende do tipo de ingrediente agregado, da súa forma química, de como responden á absorción e ao metabolismo no organismo, e mais dos outros nutrientes que forman parte da composición natural do alimento (poden favorecer a súa absorción ou anulala). Isto sábeo a industria. O consumidor, non.
Nin sequera expertos en nutrición e científicos se poñen de acordo cos termos utilizados para denominar a estes alimentos, e tampouco se conta cunha definición aceptada sen matices. Admítense baixo o paraugas de “alimento funcional” os alimentos que conteñen certos compoñentes engadidos (chamados nutracéuticos) -ácido fólico, omega 3, isoflavonas, calcio, fibra…- que ao seren inxeridos nunha cantidade determinada reportan un beneficio para o organismo que vai máis alá do tradicional valor nutritivo propio do alimento.
Estes produtos adoitan comercializarse acompañados de mensaxes que incitan á súa compra, tales como “con (…)”, “(…) engadido”, “enriquecido con (…)”. As máis das veces o consumidor non repara no feito de se precisa consumir ese alimento porque nin sequera coñece as súas calidades nutritivas. Pero a súa preocupación por unha alimentación e unha vida sa, e a boa percepción que ten das mensaxes que acompañan aos produtos, xunto coa publicidade abafadora que recibe acotío, aléntano a mercalos e a consumilos.
Segundo o Observatorio do consumo e a distribución alimentaria do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, cando aparecen novos produtos no mercado, a metade dos consumidores recoñece que, se ben nun principio non os adquire, co tempo acábaos probando. Un 17% manifesta probalos así que aparecen no establecemento. Os maiores consumidores son homes e mulleres de entre 30 e 40 anos e de poder adquisitivo notable.
Aínda que a maioría destes alimentos ofrecen garantías para o consumidor, mantense certa desconfianza derivada do descoñecemento sobre os ingredientes e os efectos directos que prometen.
Non todos son efectivos
Os alimentos funcionais, pola súa natureza, colaboran na prevención e no tratamento de enfermidades, como, por exemplo, os que axudan a reducir os niveis de colesterol. Serven para dar apoio nutricional e, sen necesidade de recorrer aos fármacos, diminúen os factores de risco de certas enfermidades. A diferenza é que no caso do alimento funcional, o beneficio, na maioría dos casos, é pequeno e a longo prazo, se se compara cun medicamento, que actúa de xeito eficaz a curto prazo.
Para quen non ten clara a diferenza, o consumo destes alimentos pode resultar decepcionante. É o caso dos que centran toda a súa confianza neles para melloraren a súa enfermidade ou o seu malestar. A persoa mesmo atrasa a visita médica ou o tratamento que podería ser crucial de se comezar a tempo. Recorre aos alimentos enriquecidos porque entende que teñen máis cantidade do que precisa pola súa situación particular.
Pero non todos os efectos saudables aludidos nos distintos alimentos son bos de medir. Por exemplo, é doado comprobar se o alimento que serve para baixar o colesterol o consegue. Abonda cunha análise de sangue antes e despois do seu consumo. Pero non é sinxelo medir o efecto sobre a masa ósea dos leites enriquecidos en calcio, por exemplo. É máis, estes últimos alimentos non teñen o efecto agardado cando quen os toma é unha persoa con osteoporose ou con descalcificación ósea, polo xeral mulleres. Nada pode facer nesta circunstancia o alimento enriquecido para emendar o mal. Pero si podería frearse o trastorno con doses maiores de calcio e vitamina D, ambos os dous receitados polo médico e de venda en farmacias.
Innovación en alimentos funcionais
As posicións científicas e tecnolóxicas máis innovadoras sobre o uso dos alimentos funcionais van máis alá de defender o posible beneficio para a saúde. Co desciframento do xenoma humano e cos novos coñecementos da relación entre nutrición e xenes, vaise ir coñecendo que individuos están predispostos a determinadas enfermidades e cales son os seus requisitos nutricionais concretos. Preténdense deseñar por medio da aplicación da biotecnoloxía ao sector agroalimentario novos produtos e ingredientes. O obxectivo é obter alimentos cunha composición química que responda ás particularidades xenéticas do individuo enfermo, ou potencialmente enfermo, co fin de garantir o efecto que anuncia.
Ata o momento, aos chamados alimentos funcionais non se lles esixiron tantos controis sanitarios sobre os seus efectos fisiolóxicos coma aos medicamentos. Na etiquetaxe actual de diversos alimentos aparecen unha serie de declaracións (mensaxes, representacións pictóricas, gráficas e simbólicas) relativas a substancias que dan a entender que o alimento contén unhas características específicas, pero que non demostraron ser beneficiosas ou sobre as que non hai polo de agora un consenso científico abondo.
A nova normativa europea, aprobada en xullo do 2007, pretende evitar esta confusión. Para iso, disporá un listado de declaracións nutricionais e de propiedades saudables consensuadas que os fabricantes deberán adaptar ás súas mensaxes como máximo para xaneiro do 2010.
Ingredientes engadidos
O fabricante debería anunciar o compoñente que lle engade a un alimento, as súas formas químicas asimilables polo organismo e a cantidade suficiente para que o consumo dunha porción normal teña o efecto esperado. Pola súa banda, o consumidor debería saber cal é o compoñente engadido, que efecto ten sobre o seu organismo, e que cantidade de alimento debe tomar para que lle produza o efecto nutricional ou fisiolóxico declarado.