EN IMAXES

A mascarada do Entroido

1 Febreiro de 2008
Img fotorreportajep 131

A mascarada do Entroido

Cando o mundo non era un planeta globalizado, as persoas compartían sen o saberen un ritual: enmascararse. Os antropólogos, historiadores e sociólogos non se poñen de acordo na razón de ocultar o rostro e tomar a rúa para quebrar as regras cando o inverno toca o seu fin. Celebrar a renovación e a fertilidade da terra, enfrontar o ben ao mal e facer coincidir as celebracións pagás para procurarse un festín co calendario piadoso cristián son as tres teses que cobran máis forza. Pero é probable que non haxa que optar por unha causa monolítica. No Entroido conflúen os múltiples significados: a submisión á deusa Terra, o tributo á xustiza e a preparación da chegada da Coresma. Aínda hoxe se respectan estas orixes, aínda que non se atende a elas. Malia iso hai un trazo que o Entroido mantén: a oportunidade de participar nun espectáculo transgresor sen ter que render contas. E faino en lugares tan distintos e tan distantes como a India e Canarias, Brasil e Baviera, Chiapas e Galicia ou Navarra.

Lantz, unha vila navarra do val de Anue, reúne na súa antiquísima expresión carnavalesca moitos dos símbolos desta festa, así como o misterio de carecer dunha explicación única de todos os personaxes, dos seus actos e das súas razóns. Dunha banda, atende ao mito das saturninas romanas de que a deusa Terra é vida, pero tamén é morte. Ao mesmo tempo, escenifica a loita pola xustiza, pero os personaxes que converten as rúas nun escenario de loitas non son bos nin malos, están cheos de matices, son xusticeiros pero á vez bandidos. Disfrázanse para poderen representar papeis e excederse nos seus roles.

Os txatxos, mozos ataviados de vivas cores, ocultan os seus rostros e fanse donos da escena. Escoltan o vello (Ziripot) que foxe do cabalo (Zaldiko) que é perseguido polos ferreiros (Arotzak). Pero ao mesmo tempo, os mozos, que asustan aos que observan a escena, ziriquean a Ziripot, aplauden a Zaldiko cando o capturan e axudan aos arotzak a ferrar o cabalo. Ao remate da pantomima, os txatxos, que alzaron a Mel Otxin, a quen identifican co mal, quéimano na cacharela e bailan para celebraren o seu triunfo.

Esta máxica demostración evidencia a contradición das máscaras que ocultan a identidade. Son capaces de perseguir o ben pero gozan facendo o mal.

Os txatxos enmascarados dispóñense a percorrer a aldea

Ziripot, o vello bonachón, axúdase dun pau para fuxir dos seus perseguidores

Zaldiko arremete e guinda a Ziripot

Os arotzak buscan a Zaldiko para ferralo

Aparece Mel Otxín, un maligno de tres metros de altura

Os txatxos celebran que Mel Otxin é queimado na cacharela