Peóns

Os máis vulnerables en caso de accidente

Máis da metade dos accidentes nos que está implicado un peón teñen lugar por irromper este na calzada ou por cruzar de maneira indebida
1 Febreiro de 2008
Img motor listado

Os máis vulnerables en caso de accidente

O peón é, de todos os elementos que interveñen no tráfico, o máis feble. Tal e como reflicten as estatísticas, en España morren cada ano arredor de 1.000 persoas atropeladas. Na Unión Europea (UE) esa cifra elévase a 10.000 peóns falecidos e a 300.000 feridos. Os vellos, xunto cos nenos, son os dous grupos de persoas de máis alto risco nos accidentes de circulación peonil. A convivencia entre vehículos e peóns é, cando menos, difícil, aínda que non sempre a conduta do peón estea exenta de culpabilidade nos accidentes. Segundo datos da Dirección Xeral de Tráfico, o peón é o responsable de sete de cada dez atropelos. Os máis graves teñen lugar en estradas interurbanas, mentres que en cidade son máis numerosos. Circular con sentido común é tarefa de todos, condutores e peóns.

Precaucións que os peóns deben ter en conta…

… Na cidade

  • Atravesar unha rúa polo paso de peóns equivale a unha diminución do 50% do risco de ser atropelado.
  • Sempre que estean habilitadas zonas peonís, camiñe por elas, non invada nunca a calzada.
  • Se non hai zonas peonís, circule o máis preto posible dos edificios. Nunca camiñe polo bordo da beirarrúa nin moi preto del. Evitará caídas e posibles atropelos.
  • Extreme a precaución cos vehículos longos cando xiran (autobuses, camións, etc.), xa que as rodas traseiras se pechan respecto ás dianteiras e é doado sufrir un atropelo.
  • No paso de peóns detéñase na beirarrúa, non na calzada, e amose a súa intención de cruzar mirando aos coches e aos seus condutores. Unha vez que os coches se detiveron, comprobe que non existe perigo, mirando á esquerda e dereita, e comece a cruzar. Non corra pero tampouco se deteña no medio da calzada.
  • Unha vez que o semáforo para peóns se poña verde non se lance sen máis á calzada, mire a ambos os dous lados e agarde dous segundos antes de cruzar.
  • Nos pasos de peóns, cruce sempre pola zona máis afastada da dirección dos coches. É onde menos accidentes se producen.
  • Cruce as rúas polo camiño máis curto, sempre en liña recta, nunca en diagonal. Cantos menos metros percorra, menor será o risco.
  • Se ten que cruzar a calzada preto dun autobús ou dun vehículo de grandes dimensións, fágao sempre por detrás deste, nunca por diante. Con iso conseguirá ver e ser visto polos vehículos que circulan.
  • Se leva un cochiño de bebé ou unha cadeira de rodas, non invada a calzada con eles para ver se se achega algún vehículo.
  • Non salte nin esquive obstáculos, porque corre o risco de caer e de ser arrastrado polos vehículos que circulan.
  • En prazas e rotondas extreme a precaución. Nunca as atravese polo medio, cruce polos pasos de peóns, rodeando a praza ou rotonda ata o lugar desexado. É un pouco máis longo, pero é o xeito máis seguro de facelo.
  • Preste especial atención nos días chuviosos. Por unha banda, os paraugas diminúen a visibilidade dos peóns e, por outra, o frecuente abafamento dos cristais dos coches dificulta a visión aos condutores.

… Na estrada

  • Se circula pola estrada como peón, fágao sempre polo lado esquerdo da calzada, de xeito que ao camiñar sempre vexa os coches vir de fronte.
  • Camiñe sempre pola beiravía. De non a haber, circule o máis arredado que poida do bordo da calzada. Se está acompañado debe camiñar en fila india.
  • Lembre que as curvas e os cambios de rasante son os lugares máis perigosos para cruzar.
  • A norma máis importante para circular é a de ver e ser visto. De noite e en situacións de escasa luminosidade, leve enriba un elemento reflectante (cinto, chaleco, brazalete…) ou luminoso, como unha lanterna. As estatísticas demostran que o 60% dos atropelos mortais se producen con luminosidade insuficiente.
  • Non cruce un paso a nivel cando divise o tren, aínda que sexa ao lonxe ou cando xa están baixadas as barreiras.
  • Recorde que non está permitido camiñar polas autoestradas nin as atravesar.

Os condutores tamén son peóns

  • Respecte a preferencia de circulación do peón, en especial no caso de anciáns, nenos e minusválidos.
  • O respecto dos límites de velocidade diminúe os riscos para peón e condutor. Un atropelo a máis de 50 km/h adoita ser mortal, entre 40 e 50 km/h, grave, e a menos de 40 km/h, leve.
  • Lembre que vostede tamén é peón.
  • Ante a proximidade dun paso de peóns modere a velocidade, e sinalícelles aos vehículos de atrás a devandita redución mediante o uso reiterado do freo. Se está nunha vía de dobre carril, sinalícelles co brazo aos vehículos que circulan pola súa esquerda a parada que vai realizar e a presenza de peóns cruzando a calzada.
Peóns e ciclistas

Precaucións dos peóns…

  • Beirarrúas e carrís bici son unha fonte constante de conflitos entre ciclistas e peóns. Evite circular polas sendas especificamente reservadas para os ciclistas. Nelas prohíbese o tránsito de peóns.
  • Non se deixe guiar polo oído ao cruzar a rúa, teña en conta que a bicicleta é un medio de transporte moi silandeiro.
  • Se aparece un ciclista lanzado pola beirarrúa intente non poñerse nervioso. Posiblemente esquivarao sen problemas.

… e dos ciclistas

  • Ante un peón extreme a prudencia. Un impacto entre un ciclista e un peón a máis de 25 km/h cáusalle feridas graves non só ao transeúnte senón tamén á persoa que viaxa en bicicleta.
  • Se circula en bicicleta nunca invada beirarrúas nin camiños peonís. En caso de ter que cruzar un destes espazos, baixe da súa montura.
  • Cando circule por cidade teña en conta que algún peón pode invadir a calzada inesperadamente e sen motivo. Extreme as precaucións nos semáforos, nas proximidades dos pasos de peóns e nas zonas próximas a parques, escolas, lugares frecuentados por nenos e residencias de maiores.
  • Se pedalea por un carril-bici e se atopa cun peón, non se anoxe. Se é preciso, pare, pero nunca pase preto do viandante para asustalo ou para lle dar un escarmento, nin lle berre ou recrimine de xeito agresivo.