Axuda domiciliaria

Profesionais para os maiores

O 80% dos coidadores de anciáns traballan sen contrato e contan cunha formación deficiente
1 Febreiro de 2008

Profesionais para os maiores

“Onde mellor se está é na casa”. Este é o lema que comparten moitas persoas maiores e que tratan de facer posible os servizos de axuda a domicilio e de teleasistencia. Os expertos coinciden en que o ingreso do ancián nunha residencia pode comportar un importante desarraigamento emocional, polo que é conveniente atrasar ou evitar ese abandono do fogar mentres sexa posible. Os nosos vellos queren avellentar no seu fogar, a carón dos seus e arrodeados das súas pertenzas.

O coidador principal das persoas maiores foi tradicionalmente un membro da familia, sobre todo a muller. Agora, coa súa incorporación ao mundo laboral, o día a día cambiou, o que orixina que moitas persoas maiores estean soas no seu propio domicilio durante unha boa parte do día ou que vivan en total soidade, para preocupación propia e dos seus familiares. Esta atención e preocupación polo benestar dos maiores representa para a familia a planificación e mobilización dunha cantidade salientable de recursos humanos, afectivos, materiais, sociais e económicos.

Estímase que en España hai 1.700.000 maiores dependentes: case un millón deles precisa axuda polo menos unha vez á semana, uns 500.000 unha axuda diaria e uns 200.000 necesitan axuda un mínimo de tres horas diarias. Segundo o estudo “Onde e como prefiren vivir os maiores”, realizado polo Instituto Idade e Vida, o 78% dos maiores de 55 anos preferiría recibir servizos de atención domiciliaria na súa vivenda habitual en caso dunha hipotética dependencia. Neste sentido, os servizos a domicilio intentan axudar á persoa que perdeu autonomía, tanto dende o punto de vista sanitario como de substitución das necesidades ou capacidades perdidas. Os servizos prestados, amais de amplos (axuda para a hixiene persoal, mobilidade ou alimentación, limpeza da casa, preparación da comida, asistencia para realizar xestións fóra do fogar, compañía, etc.), son moi variados: dende un par de horas á semana ata un servizo 24 horas ao día, sete días á semana, coa conseguinte variación en prezo. Así e todo, o seu principal valor reside no apoio persoal, psicolóxico e sociosanitario que prestan.

Obxectivos da axuda domiciliaria
  • Proporciónalle a axuda necesaria a persoas e familias con dificultades na súa autonomía.
  • Prevén situacións de deterioración persoal e social.
  • Prevén e/ou compensa a perda de autonomía, prestando axuda para realizar as actividades da vida cotiá e/ou para manter o contorno en condicións axeitadas de habitabilidade.
  • Favorece a adquisición de habilidades que permitan un desenvolvemento máis autónomo na vida cotiá.
  • Posibilita a integración no medio habitual de convivencia.
  • Evita situacións de illamento e soidade.
  • Apoia as persoas coidadoras, que constitúen a rede natural de atención.
  • Evita ou atrasa internamentos innecesarios.
  • Detecta situacións de necesidade que poidan requirir a intervención doutros servizos.

Provedores do servizo

A axuda a domicilio é competencia das administracións públicas, por regra xeral dos concellos, que a prestan cos seus propios servizos ou de maneira concertada. Neste caso, os concertos asínanse con empresas privadas, cooperativas de traballo asociado e organizacións non gobernamentais como Cáritas e Cruz Vermella. Para solicitar este servizo o habitual é recorrer ao concello da localidade de residencia, onde facilitan información sobre as condicións en que se presta o servizo e sobre os requisitos que cómpre reunir para ter dereito a el. Condicións que teñen que ver coa situación económica, co grao de dificultade para valerse por si mesmo, coa existencia ou non de familiares que poidan prestar a axuda, etc. Ás veces o servizo facilítase de modo gratuíto, pero outras veces o beneficiario debe pagar unha cantidade variable, dependendo da contía da súa pensión ou situación económica. Se se recorre a unha empresa privada págase unha tarifa fixa por hora de asistencia.

A prestación deste servizo parte tanto das entidades públicas como de empresas privadas. No caso destas últimas, polo feito de ser un servizo orientado a persoas maiores, deben estar en posesión da autorización administrativa outorgada pola comunidade autónoma correspondente.

Malia a regularización e control do servizo, son moitas as persoas que por intentaren aforrar uns cartos, contratan os servizos de particulares que lles son, na maioría dos casos, descoñecidos. Estes a miúdo ofrécense para coidaren do ancián e para lle faceren compañía baixo a aparencia de asistencia domiciliaria. Os datos son contundentes: estímase que o 80% dos coidadores de anciáns traballan sen contrato e sen cualificación profesional.

Un sector en continuo crecemento

O mercado de servizos asistenciais a domicilio experimentou nos últimos anos un forte crecemento, paralelo ao aumento do número de persoas maiores dependentes e ao crecente interese das administracións públicas en incrementar o grao de cobertura dos servizos de axuda a domicilio e teleasistencia.

Segundo o estudo “Servizos Asistenciais a Domicilio”, realizado no 2006 por DBK, empresa especializada na elaboración de estudos de análise sectorial e da competencia, o valor do mercado dos servizos asistenciais a domicilio alcanzou os 740 millóns de euros, o que supuxo un aumento do 16% con respecto ao ano anterior, favorecido polo incremento no número de usuarios. Por tipo de servizo, o de axuda a domicilio rexistrou un crecemento do 16%, alcanzando un valor de 655 millóns de euros. Este segmento continuou sendo o de maior importancia, cunha participación do 88% do mercado total. Pola súa banda, o de teleasistencia representou o 12% restante, cunha cifra de 85 millóns de euros no 2006. Este segmento amosou o maior dinamismo e rexistrou un crecemento do 21%.

A finais do 2006 o sector atopábase integrado por unhas mil empresas, na súa maioría de pequeno tamaño cun ámbito de actuación provincial ou local, e organismos sen ánimo de lucro. Os cinco primeiros operadores en termos de facturación -Cruz Vermella, Eulen Servizos Sociosanitarios, Mapfre Quavitae, Clece e ASISPA- rexistraron unha cota conxunta do valor do mercado do 30%.

Para 2008 prevese un incremento do número total de usuarios situado arredor do 16-17%, o que permitirá achegarse á cifra de 985.000 usuarios de servizos asistenciais a domicilio.

Consellos para contratar a mellor axuda
  • Consulte varias empresas para poder establecer comparacións, e dar co mellor servizo.
  • Formúlelles todas cantas cuestións considere oportunas.
  • Non dubide en acudir aos especialistas en materia de asuntos sociais e terceira idade para que o asesoren e para que lle indiquen as alternativas das que dispón en materia de asistencia domiciliaria (públicas e mais privadas). Pídalle asesoramento ao traballador social do seu distrito ou centro de saúde sobre as empresas de axuda a domicilio que figuran nos rexistros.
  • Teña en conta que a axuda a domicilio non é un servizo de fogar. A súa principal función é atender o maior. Non obstante, algunhas empresas ofrecen ambas as dúas opcións. Consulte todos estes detalles para deixar claro que tipo de servizo necesita.
  • Asegúrese de que o persoal está cualificado e de que ten a experiencia suficiente para atender a unha persoa maior. Se dubida da profesionalidade do auxiliar, esixa o seu título de capacitación.
  • Verifique que a empresa que lle vai prestar os seus servizos está autorizada e rexistrada pola consellaría de Servizos Sociais da súa comunidade autónoma.
  • Desconfíe de empresas que non faciliten un enderezo e/ou teléfono fixo.
  • Lea polo miúdo o contrato para evitar problemas posteriores. Comprobe que prestacións concretas están incluídas no servizo e cales non. Insista para que lle estipulen por escrito os servizos que lle van prestar, con horarios e orzamentos.
  • Esixa unha factura que inclúa o seu número, CIF e domicilio social da empresa.
  • Desconfíe dos particulares que se ofrecen para vivir cun maior para atendelo e para lle facer compañía baixo a aparencia de asistencia domiciliaria. Teña en conta que a axuda a domicilio require unha preparación profesional. Non se pode deixar en mans de calquera. Está en xogo que os maiores se atopen a gusto e protexidos dentro do seu fogar.
  • Saiba que os auxiliares de axuda a domicilio non poden administrar inxeccións, facer curas nin manipular sondas.

Teleasistencia, outro tipo de axuda domiciliaria

A teleasistencia permite darlle axuda a distancia á persoa maior durante as 24 horas do día. Mediante un micrófono nunha pulseira ou colgado do pescozo, o ancián comunícase cunha central telefónica de auxilio que lle presta axuda no que necesita. Deste xeito, achégase axuda inmediata en situacións urxentes como caídas, accidentes, etc. Tamén son moitos os usuarios que pulsan o botón que levan consigo para pediren algunha información ou para conversaren cando se senten sós. Ademais, as propias empresas emiten chamadas periódicas de cortesía e ofrecen servizos de axenda e recordatorio, para que ninguén esqueza tomar a medicación ou felicitar un parente polo seu aniversario. Este sistema é beneficioso porque lles ofrece seguridade ás persoas maiores que elixen vivir soas. Sempre hai alguén dispoñible para lles proporcionar axuda se xorde unha crise inesperada.

As vías para solicitar a teleasistencia son dúas: a pública e a privada. No primeiro caso hai que dirixirse aos Servizos Sociais de cada concello. No 2006, segundo os últimos datos do IMSERSO, eran usuarios de teleasistencia pública preto de 150.000 persoas, a metade delas maiores de 80 anos e case tres cuartas partes mulleres. O orzamento destinado a financiar o servizo de teleasistencia este ano é de máis de 38,5 millóns de euros, un 32% máis ca no 2007, o que permitirá atender a preto de 200.000 usuarios.

Cada comunidade autónoma establece unha tarifa distinta para este servizo, que de media está nuns 21 euros ao mes. A teleasistencia privada supón un desembolso mensual duns 40 euros, aos que cómpre engadir o custo do aparello, uns 350 euros de media.

Axudas á Dependencia 2008

O Goberno destinará no 2008 preto de 900 millóns de euros para a aplicación da Lei de dependencia, o que supón un 118% máis ca no 2007, segundo consta no Proxecto de Lei de orzamentos xerais do Estado.

No 2007 (primeiro ano de aplicación da lei), todas as persoas avaliadas como grandes dependentes eran beneficiarias da lei. A partir do 2008, este dereito universal esténdese aos dependentes severos nivel 2. Entre os servizos que recibirán estes cidadáns figuran a teleasistencia e a axuda a domicilio. En caso de que non exista oferta pública destes e doutros servizos, as persoas con gran dependencia ou severa nivel 2 poden recibir unha serie de prestacións económicas.

Axuda económica mensual para adquirir o servizo no mercado privado
Gran dependencia Dependencia severa
Nivel 2 811,98 euros 450 euros
Nivel 1 608,98 euros
Prestación mensual por coidados no ámbito familiar
Gran dependencia Dependencia severa
Nivel 2 506,96* euros 328,36* euros
Nivel 1 405,99* euros

* A estas cantidades cómpre engadir 153,93 euros, cantidade que asume o Estado en concepto de cotización á Seguridade Social e Formación.

Sempre que se dean as circunstancias familiares e doutro tipo axeitadas para iso, e de modo excepcional, o beneficiario pode optar por ser atendido no seu ámbito familiar, e o seu coidador recibirá unha compensación económica por iso. Para poder recibir
a axuda o coidador familiar débese dar de alta na Seguridade Social.

Empresas especializadas Particulares Entidades oficiais (Concellos, Deputacións, etc.)
Entre 10 e 14 euros/hora Entre 7 e 10 euros/hora Entre 0 e 13 euros/hora. En función de la renta “per cápita” de la unidad de convivencia
Servizos prestados

  • Persoais
    • Hixiene, aseo e vestido.
    • Axuda á mobilidade dentro do domicilio.
    • Seguimento da medicación e alimentación.
    • Axuda na inxestión de alimentos.
  • Coidados especiais

    • Mobilización e cambios posturais (prevención de escaras).
    • Facer a cama con enfermo encamado.
    • Hixiene e manipulación de cueiros e outros materiais de hixiene.
    • Cambio de colectores e bolsas.
    • Hixiene persoal en encamados/inmobilizados.
    • Alimentación especial.
    • Fármacovixilancia.
    • Xestión de citas e revisións médicas.
  • Domésticos
    • Limpeza e orde do domicilio e aparellos de uso cotián.
    • Lavado e pasado de roupa.
    • Adquisición e preparación de alimentos.
    • Realización de compras.
    • Manexo de aparellos electrodomésticos e sistemas de calefacción.
  • Interpersoais
    • Acompañamento e realización, se é o caso, de xestións fóra do domicilio.
    • Axuda á mobilidade externa (paseos), que garanta a atención e integración no seu contorno habitual.
    • Apoio dirixido a facilitar a participación en actividades comunitarias e de relación familiar ou social.
    • Ler a prensa.

Todas as persoas interesadas poden ampliar a información sobre o coidado das persoas maiores na guía práctica “Como atender mellor aos nosos maiores” de CONSUMER EROSKI, dispoñible na dirección www.mayores.consumer.es