Zonas azuis: analizadas as zonas de estacionamento regulado en 18 capitais de toda España

Aparcar en zona azul: cada cidade é un mundo

En certas urbes a zona azul é moito máis cara ca noutras, e nalgunhas aparcar levou máis de cinco minutos de media cando noutras se investiron máis de 15 minutos
1 Febreiro de 2008
Img temap 304

Aparcar en zona azul: cada cidade é un mundo

Hai sete anos, CONSUMER EROSKI publicou unha investigación que comparaba as tarifas da zona azul (estacionamento regulado, de alta rotación) de 12 cidades. Nesta ocasión, foron 18 as capitais examinadas e anotáronse as tarifas e horarios vixentes en cada unha. Ademais, estudáronse 810 parquímetros, realizouse unha proba práctica con 50 aparcamentos en cada cidade para medir o tempo necesario para estacionar en zonas azuis, observouse cantos vehículos superaban o tempo que indicaba o seu ticket e, destes, cantos lucían a multa que lles correspondía, e preguntáronse nos concellos as tarifas do servizo de guindastre.

A investigación confirma o que xa moitos condutores saben: cada cidade é un mundo á hora de xestionar as súas zonas azuis, case todo varía dunha a outra. Dito isto, poden lanzarse as conclusións. A primeira é que aínda que os parquímetros son distintos dunha cidade a outra, salvo excepcións (só suspenderon os de Granada, Logroño e Málaga, debido ao seu non satisfactorio funcionamento, e ás súas escasas información e accesibilidade para minusválidos) funcionan ben e a mecánica de pagamento non é difícil de entender.

Outra conclusión é que as tarifas son tan rechamantemente distintas entre unhas e outras cidades: as máis onerosas (en Barcelona e no centro de San Sebastián medio euro dá dereito a só 14 e 15 minutos de estacionamento) triplican as máis baratas (en Murcia, A Coruña, Vitoria, Sevilla e Zaragoza medio euro permite máis de 50 minutos). E como evolucionaron as tarifas estes últimos anos? Tamén de xeito moi desigual: en Logroño o custo dunha hora de aparcamento subiu só un 5% desde o 2000 (CONSUMER EROSKI publicou hai sete anos un informe semellante a este), mentres que en Madrid medrou máis do dobre o importe das súas tarifas, e Barcelona, Vitoria, Alacante e Pamplona encarecéronas entre o 40% e o 70%), cando o IPC acumulado dos 7 anos é do 25,4%.

Canto tempo leva aparcar?

A proba práctica na que os técnicos desta revista realizaron un total de 900 aparcamentos en zonas azuis das 18 cidades revelou que, de media, nun día laborable estacionar en zona azul leva uns dez minutos, un minuto menos se se fai un sábado pola mañá. Pero neste caso a media di pouco, porque a realidade é moi distinta segundo a cidade na que se intenta aparcar: sempre falando de medias, en Sevilla abondaron dous minutos e en Valencia, Bilbao e Pamplona, cinco minutos, mentres que en nove cidades se requiriron 10 minutos ou máis. Pero os condutores que peor o teñen son os que intentan aparcar en Granada: 26 minutos de media custou atopar estacionamento nas súas zonas azuis; e non moito mellor situación se rexistrou en San Sebastián (16 minutos de media), Córdoba (15 minutos), Alacante e Madrid (13 minutos).

Outra maneira de contalo é que en case o 20% dos 900 aparcamentos realizados levou máis dun cuarto de hora dar cunha praza libre, se ben no 30% abondaron cinco minutos ou menos para estacionar. Outro dato: só a metade dos estacionamentos supuxeron menos de dez minutos de busca.

Os horarios de pagamento en zona azul os días laborables son semellantes nas diversas cidades: suman arredor de 9 horas e pártense a primeira hora da tarde. Só Bilbao, Pamplona (con 9,5 horas de pagamento) e Madrid (establece 11 horas) superan as 9 horas diarias e unicamente A Coruña, Sevilla, Vitoria e Zaragoza non superan as 8 horas.

Máis sobre tarifas

A tarifa mínima que hai que pagar (importante para cando só se necesita aparcar un anaco para regresar axiña ao coche) custa unha media de 0,26 euros, pero varía moito segundo a cidade, dende os 0,15 euros de Murcia e Oviedo ata os 0,50 euros de Granada ou os 0,40 euros de Bilbao. E o mesmo acontece co tempo a que dá dereito esta tarifa mínima, que vai dende os 13 minutos de Oviedo ata os 35 minutos de Sevilla. Outra variable significativa é o tempo de estacionamento máximo que se admite en zona azul, que se presta a interpretacións: canto máis amplo sexa, máis cómodo resultará para certos usuarios, pero menos eficiente será no seu obxectivo de primar a rotación dos vehículos. O máis amplo rexe en Murcia, con 150 minutos seguidos permitidos, e o máis breve en Barcelona, con só 60 minutos, se ben no resto de cidades son de 120 minutos (doce cidades) e de 90 minutos (en catro cidades). Tamén o custo deste tempo máximo varía unha chea: dende os 0,95 euros de Vitoria por hora e media ou os 1,10 euros de Zaragoza por 2 horas, ata os 2,30 euros de Barcelona por só unha hora de estacionamento ou os 2,50 euros de Bilbao por dúas horas e os 2,40 euros de Murcia por dúas horas e media.


E se se excede o tempo que indica o ticket do parquímetro?

En cada cidade observáronse varios centos de coches estacionados en zona azul que lucían o ticket do parquímetro, co fin de analizar cantos superaban o tempo fixado no ticket e dos que os facían, cantos dos seus propietarios estaban sancionados con multa. O 15% dos máis de 4.000 coches observados superaban o tempo polo que pagaran, e mesmo houbo cidades cunha proporción moi superior a esta media: en Granada case o 40% dos coches estacionados superaban o tempo contratado, en Alacante foron o 30% e en Zaragoza e en Sevilla máis do 20%. No extremo contrario, en Bilbao e San Sebastián só o 3% dos vehículos estacionados en zona azul superaban o tempo establecido no ticket e en Logroño, Oviedo e Pamplona quedaron no 8%. Pero non só non se cumpre, senón que tampouco se sanciona: tres de cada catro vehículos que superaran o tempo delimitado no comprobante non foran multados. Unha proporción que ascende a máis de nove de cada dez en Alacante, Pamplona e Vitoria. Ao contrario, en Valencia e Granada o 60% dos coches que incumprían a norma lucían a correspondente sanción, e acontecía o propio en catro de cada dez dos da Coruña e Málaga. Os que non tiñan multa e superaban o tempo marcado no ticket amosaban un exceso medio de 22 minutos, pero en Sevilla esta media era de 47 minutos e en Madrid e Alacante de case media hora. Con estes datos, cómpre preguntarse se a zona azul cumpre a súa función disuasoria: obrigar á rotación dos vehículos nas zonas máis utilizadas para aparcar no interior das cidades, para que se habiliten constantemente novas prazas libres e, tamén, para que, de puro molesto e oneroso que resulta este sistema para o condutor, se use menos o coche privado na cidade.


E se leva o coche o guindastre?

Se o guindastre retira de zona azul un vehículo sen ticket ou que superou o tempo admitido, o importe medio que ten que pagar o usuario para recollelo (inclúese o primeiro día de retención) é de 99 euros. Por riba desta tarifa media a nivel nacional destacan as de Alacante, Barcelona, Madrid e Valencia, cun custo de entre 120 e 160 euros. Tamén onerosa, uns 105 euros, sae o guindastre en Córdoba e Sevilla. O da Coruña, Bilbao, Granada, San Sebastián, Valladolid, Vitoria e Zaragoza cobra un prezo entre 82 e 90 euros. Máis barato sae o despiste en Logroño e Murcia (80 euros), Pamplona e Oviedo (uns 75 euros), e sobre todo, en Málaga (69 euros).

Cidade por cidade

  • A Coruña:
    Unha das zonas azuis máis baratas. Por 0,50 euros pódese aparcar 55 minutos e por un euro, unha hora e corenta minutos. Tamén o servizo de guindastre é dos máis económicos (82 euros, incluído o primeiro día de retención). Os parquímetros coruñeses son dos poucos que non permiten anular multas. E non aceptan moedas de dous euros.

  • Proba práctica: oito minutos de media levou aparcar en días laborables (un chisco menos ca a media nacional, de 10 minutos), e só un minuto de media os sábados (moi por baixo dos 9 minutos da media nacional). O 60% dos vehículos que superaran o tempo non foron multados.
  • Alacante:
    Unha das zonas azuis máis baratas. Por 0,50 euros pódese aparcar 50 minutos e por un euro unha hora e vinte minutos. Pero a tarifa mínima é 0,30 euros, un pouco máis cara ca a media nacional. As tarifas encarecéronse nos últimos sete anos o 43%, moi por riba da suba do IPC (25%). O servizo do guindastre por retirada do vehículo é dos máis caros (120 euros). Os parquímetros son dos poucos que non aceptan moedas de dous euros.

  • Proba práctica: aparcar requiriu 13 minutos de media os días laborables (un 30% máis ca a media a nivel nacional) e o sábado 9 minutos (igual ca a media nacional). É unha das capitais nas que máis vehículos superaban o tempo, tres de cada dez, e ademais só o 5% destes tiñan multa (media nacional: o 28%, multados).
  • Barcelona:
    A zona azul máis cara, con moita diferenza. Tarifas lineais, como en Pamplona e Oviedo; por 0,50 euros só se aparca 14 minutos. E, por un euro, 27 minutos. Única cidade sen tarifa mínima, o sistema funciona por fraccións de cinco céntimos de euro. Onde máis caro sae o guindastre (160 euros). As tarifas da zona azul encarecéronse o 72% nos últimos sete anos, moi por riba do incremento do IPC (25%). Os domingos hai que pagar en certas rúas. O tempo máximo de estacionamento é o máis breve, só unha hora.

  • Proba práctica: atopar aparcamento custa menos tempo ca noutras cidades. Os días laborables 8 minutos de media, cando a media nacional é de 10 minutos; e os sábados, 5 minutos, case a metade ca a media do país. O 85% dos vehículos que superaban o tempo non tiñan multa.
  • Bilbao:
    Unha das zonas azuis máis caras. Por 0,50 euros só se aparca 35 minutos e por un euro, unha hora. A tarifa mínima (0,40 euros) é das máis altas. A tarifa do guindastre (88 euros) é máis barata ca a media. Máis horas de pagamento en días laborables (9,5 horas) ca noutras cidades. Os parquímetros máis limpos e mellor conservados e, sen dúbida, os máis peculiares: os únicos que obrigan a introducir a matrícula no parquímetro e nos que se se retira o coche antes de tempo se pode recuperar a parte proporcional dos cartos, e tamén os únicos que admiten o pagamento mediante teléfono móbil.

  • Proba práctica: para atopar aparcamento só se necesitaron 5 minutos de media (o mesmo en laborables ca en sábado), cando a media a nivel nacional é moito peor: custa o dobre de tempo. Nove de cada dez vehículos que superaban o tempo indicado no seu resgardo non lucían a multa.
  • Córdoba:
    As súas tarifas son similares á media: por 0,50 euros pódese deixar o vehículo tres cuartos de hora e por un euro, unha hora e 23 minutos. A tarifa mínima (0,20 euros) é máis barata ca a media. Córdoba é a quinta cidade na que máis caro sae o servizo do guindastre (105 euros). É onde máis tarde finaliza a ORA, ás nove da noite. Nos resgardos a información máis salientable non aparece duplicada. Tampouco é posible anular multas, logo de pagamento, nas máquinas expendedoras.

  • Proba práctica: das cidades nas que máis tempo leva aparcar os laborables, 15 minutos de media fronte aos 10 minutos a nivel nacional. Os sábados a situación apenas varía, custa 14 minutos, un 55% máis de tempo ca a media do estudo (9 minutos).
  • Granada:
    As tarifas son moi similares: 0,50 euros por aparcar media hora e, por un euro, hora e cuarto, é dicir, o prezo por minuto abarátase e sae máis económico canto máis tempo se estaciona, en contra do que acontece na maioría das cidades. A tarifa mínima é a máis alta do estudo, 0,50 euros. O custo do guindastre por retirada do vehículo é dos máis económicos, 90 euros. Os parquímetros da cidade son dos poucos que non permiten, logo de pagar, anular multas.

  • Proba práctica: a cidade na que máis leva aparcar os días laborables, 26 minutos de media (10 a nivel nacional). Das poucas capitais na que custa máis estacionar os sábados ca entre semana, 27 minutos de media (a media son 9 minutos). Catro de cada dez vehículos estacionados en zona azul superaban o tempo permitido (o dobre ca a media nacional), e destes o 56% tiñan multa (a media nacional era aínda peor: só o 28%).
  • Logroño:
    As tarifas son semellantes ás doutras cidades: por 0,50 euros pódese aparcar 42 minutos e por un euro, hora e trece minutos. A tarifa mínima (0,20 euros) é algo máis barata ca a media. Os prezos da zona azul encarecéronse nos últimos sete anos o 5%, cinco veces menos ca a suba do IPC. Logroño é a única cidade, xunto con Barcelona e Valencia, na que se paga os sábados pola tarde por estacionar en zona azul. Ademais, os seus parquímetros sitúanse entre os máis deficientes e menos accesibles.

  • Proba práctica: aparcar os días laborables custa 10 minutos, igual ca a media nacional. Das poucas na que custa máis tempo estacionar os sábados: 13 minutos. Só o 12% dos vehículos que superaban o tempo de estacionamento permitido no resgardo tiñan multa.
  • Madrid:
    Das cidades máis caras: por 0,50 euros pódese aparcar 35 minutos e por un euro, só unha hora. A tarifa mínima (0,25 euros) é similar á media. O incremento dos prezos da zona azul de Madrid con respecto a hai sete anos (o 108%) é o máis alto do estudo, máis de catro veces superior ao IPC. O segundo servizo de guindastre máis caro, con 153 euros. O horario do SER é ininterrompido e o máis amplo: de nove da mañá a oito da tarde. Os parquímetros amosan importantes carencias en accesibilidade.

  • Proba práctica: aparcar na zona azul os laborables custa algo máis ca na maioría de cidades, trece minutos de media. O sábado resulta un pouco máis sinxelo, 11 minutos de media. Case dous de cada tres vehículos que superaban o tempo de estacionamento permitido no resgardo expedido polo parquímetro non tiñan a correspondente multa.
  • Málaga:
    Unha das zonas azuis máis caras: por 0,50 euros apárcase só 36 minutos e por un euro, 55 minutos. Só 8 horas de pagamento en zona azul os laborables (a media son 9 horas). Tempo máximo de aparcamento: hora e media (moitas cidades admiten dúas horas). Os parquímetros malagueños, dos peores, debido á súa mala conservación e limpeza. O prezo do guindastre por retirada do coche é o máis barato: 69 euros (media nacional: 99 euros).

  • Proba práctica: aparcar en zona azul levou 9 minutos de media en día laborable e oito en sábado. Ambos os dous tempos son similares aos de moitas cidades. Un de cada sete vehículos superaba o tempo de estacionamento (similar á media de todo o estudo) e o 60% deles non lucía multa (a media nacional foi aínda peor, a 75%).
  • Murcia:
    Unha das zonas azuis máis económicas. Por 0,50 euros pódese estacionar unha hora e por só un euro, unha hora e 35 minutos. O prezo do servizo do guindastre tamén é dos máis baratos (80 euros). O horario do servizo de estacionamento regulado son oito horas e media de pagamento, mentres que a media nacional se sitúa nas case nove. O tempo máximo permitido é o máis amplo do país, dúas horas e media, mentres que a tarifa mínima é a máis reducida, 0,15 euros. Os parquímetros da capital murciana están en bo estado e ofrécenlle un bo servizo ao usuario.

  • Proba práctica: aparcar na zona azul levou once minutos de media os días laborables e os sábados reduciuse a nove, en ambos os dous casos máis tempo ca en moitas cidades. Tres de cada catro coches que superaban o tempo de aparcamento establecido no ticket non tiñan sanción ningunha.
  • Oviedo:
    As súas tarifas son semellantes á media. Por 0,50 euros pódese aparcar 42 minutos e, por un euro, o dobre, 84 minutos. O prezo por minuto é sempre o mesmo independentemente da duración do aparcamento. O servizo de guindastre pola retirada do coche é un dos máis económicos (74 euros). O número de horas de pagamento da zona azul é de oito horas e media. O tempo máximo permitido é un dos máis amplos do país, dúas horas e cinco minutos, mentres que a tarifa mínima é (xunto con Murcia) a máis reducida, 0,15 euros. Os parquímetros ofrécenlle información abonda ao usuario e están en bo estado de conservación.

  • Proba práctica: aparcar na zona azul levou nove minutos de media os días laborables e os sábados reduciuse a oito. Entre os 200 vehículos observados na capital ovetense só o 8% superaba o tempo establecido no resgardo e entre estes máis de oito de cada dez non tiñan multa.
  • Pamplona:
    A súa zona azul é das máis caras do país. Por 0,50 euros pódese aparcar media hora e por un euro, unha hora. O prezo por minuto é sempre o mesmo. Os seus prezos encarecéronse nos últimos sete anos un 39%, é dicir, por riba do IPC (25%). O servizo de guindastre (75 euros) segue a ser un dos máis económicos, pero encareceuse un 45% dende o 2000. Un dos horarios (nove horas e media) máis amplos do país. Os parquímetros ofrecen un bo servizo.

  • Proba práctica: atopar aparcamento os días laborables foi máis doado ca na maioría das cidades: tan só levou cinco minutos. Ademais, os sábados reduciuse a un minuto fronte aos nove da media do país. Só o 6% dos coches que superaban o tempo de estacionamento establecido no resgardo estaban multados.
  • San Sebastián:
    A súa zona azul é das máis onerosas. Por 0,50 euros pódese aparcar só un cuarto de hora e por un euro, só 35 minutos no centro da cidade; hai outra tarifa de zona azul, pero tamén é máis cara ca a doutras moitas cidades. O incremento das tarifas nos últimos sete anos (un 15%) foi inferior á subida do IPC (25%). O servizo de guindastre nese período encareceuse un 63%, se ben o seu prezo (88 euros) aínda está por baixo da media. Os sábados pola tarde si hai OTA nas rúas do centro. O tempo máximo permitido é de unha hora e media, un dos máis reducidos. Nos resgardos a información máis relevante non aparece duplicada.

  • Proba práctica: atopar aparcamento na zona azul da capital donostiarra os días laborables foi máis difícil ca no resto das cidades: levou dezaseis minutos, só superado por Granada, e os sábados reduciuse a doce minutos. Dos 200 vehículos observados, só seis superaban o tempo de estacionamento indicado no comprobante e dous deles tiñan multa.
  • Sevilla:
    A súa zona azul é das máis económicas: por 0,50 euros pódese aparcar 52 minutos e, por un euro, pouco máis de hora e media. O número de horas de funcionamento da zona azul son oito fronte ás case nove da media do país. A tarifa mínima duplica á media e ascende a 0,30 euros. Os parquímetros presentan serias deficiencias no seu estado de conservación e limpeza. O prezo do servizo de guindastre é un dos máis custosos (107 euros).

  • Proba práctica: é a cidade na que máis doado resulta atopar aparcamento na zona azul os días laborables, tan só dous minutos, tempo que se reduciu a un os sábados. Case un de cada catro vehículos observados superaba o tempo de estacionamento indicado no comprobante e só o 12% deles tiña multa.
  • Valencia:
    Unha das zonas azuis máis económicas do país: por 0,50 euros pódese aparcar 50 minutos e por un euro, unha hora e 35 minutos. Os sábados á tarde tamén se mantén a ORA. Os parquímetros valencianos son os únicos que dispensan cambios. O prezo do servizo de guindastre (146 euros, un dos máis caros do país) encareceuse un 38%, fronte ao 25% que o fixo o IPC.

  • Proba práctica: atopar aparcamento os días laborables foi máis doado ca na maioría das cidades: tan só custou cinco minutos e os sábados reduciuse a dous minutos. Seis de cada dez coches que superaban o tempo de estacionamento establecido no resgardo estaban multados, a mellor proporción das 18 cidades estudadas.
  • Valladolid:
    Por 0,50 euros pódese aparcar 50 minutos e por un euro, unha hora e 18. O servizo de guindastre custa 86 euros. O tempo máximo permitido é de dúas horas, ao igual ca noutras dez cidades do estudo, e a tarifa mínima é unha das máis económicas do país, 0,20 euros. Ademais, os parquímetros da capital valisoletana caracterízanse por ofrecer unha información ao usuario que se pode cualificar de “excelente”.
  • Proba práctica: conseguir aparcamento na zona azul levou nove minutos de media os días laborables e os sábados a busca de aparcamento reduciuse a catro minutos. Dos 200 vehículos estacionados en zona azul, o 9% superaba o tempo establecido no resgardo do parquímetro, aínda que unicamente dous de cada dez estaban multados.
  • Vitoria:
    Conta cunha das zonas azuis máis económicas: por 0,50 euros pódese aparcar 55 minutos e por 0,95 euros, unha hora e media, pero encareceuse un 53% nos últimos sete anos, moi por riba do 25% do IPC. O tempo regulado son só oito horas fronte ás case nove da media do país. O tempo máximo de aparcamento en zona azul é de só hora e media. Os parquímetros son os únicos que non admiten moedas dun euro (a cantidade máis alta que se pode pagar son 0,95 euros por hora e media de estacionamento). O servizo de guindastre (88 euros) encareceuse un 48%.

  • Proba práctica: atopar aparcamento levou dez minutos de media os días laborables, prazo que os sábados se reduciu a nove minutos (exactamente os mesmos tempos medios rexistrados a nivel nacional). Entre os 200 vehículos observados na capital alavesa, o 15% superaba o tempo establecido no resgardo facilitado polo parquímetro, aínda que tan só un coche lucía a correspondente multa.
  • Zaragoza:
    A súa zona azul é das máis económicas: por 0,50 euros pódese aparcar 54 minutos e por un euro, unha hora e 49 minutos. O prezo por minuto sae máis económico canto maior é a duración do aparcamento, cousa inusual. O servizo de guindastre custa 88 euros. O tempo regulado son oito horas fronte ás case nove da media española. Os sábados non funciona o servizo da ORA, nin sequera á mañá. O tempo máximo permitido é de dúas horas, e a tarifa mínima é das máis económicas (0,20 euros). Os parquímetros destacan por ofreceren unha excelente información e por estaren adaptados a persoas con minusvalidez.
  • Proba práctica: atopar aparcamento os días laborables levou o mesmo tempo ca a media nacional: dez minutos de media, mentres que os sábados, que non hai ORA, alongouse ata os dezaoito minutos. O 28% dos 250 vehículos superaba o tempo e dous de cada tres carecían da sanción correspondente.

Aparcar en zona azul en poucas palabras

  • A hora de zona azul máis cara: en Barcelona ter estacionado o coche unha hora custa 2,30 euros.
  • E a máis barata: en Murcia, unha hora custa 0,50 euros.
  • Onde menos tempo de aparcamento se consegue con 0,50 euros: Barcelona, só 14 minutos; e a zona centro de Donostia, 15 minutos.
  • Onde máis tempo de zona azul se “merca” con un euro: Zaragoza, case unha hora e cincuenta minutos.
  • En xeral, a zona azul máis cara: Barcelona. E con moita diferenza.
  • E a máis barata, tamén en xeral? Murcia, seguida de Vitoria, A Coruña e Zaragoza.
  • As cidades en que máis encareceu a zona azul nos últimos anos: Madrid (aparcar custa hoxe o dobre ca hai sete anos), e Barcelona, Alacante e Pamplona, con incrementos de entre o 40% e o 70%, cando o IPC medrou no período 2000-2007 só o 25%.
  • E a que máis se moderou no incremento das tarifas das súas zonas azuis? Logroño, só subiu o 5% nos últimos sete anos.
  • O maior tempo de estacionamento permitido en zona azul: Murcia, dúas horas e media.
  • E o menor? Barcelona, só unha hora. En Logroño, Málaga, San Sebastián e Vitoria, o tempo máximo é de hora e media.
  • O importe mínimo de zona azul máis caro? Granada, con 0,50 euros de mínimo a pagar.
  • E a máis económica? Murcia e Oviedo, cunha tarifa mínima de 0,15 euros.
  • A cidade en que máis tempo levou aparcar en zona azul: Granada, cunha media de 26 minutos os días laborables e 27 minutos o sábado. As seguintes peores: San Sebastián (16 minutos), Córdoba (15 minutos) e Madrid e Alacante (13 minutos).
  • Onde menos tempo levou atopar aparcamento en zona azul entre semana: Sevilla, dous minutos de media os días laborables, seguida de Bilbao, Pamplona e Valencia, con 5 minutos de media.
  • Os sábados máis compasivos co condutor que quere aparcar: os da Coruña, Pamplona e Sevilla, onde só se tardou un minuto en dar cun aparcamento en zona azul.
  • Houbo cidades en que levou máis tempo aparcar en sábado ca en día laborable? Si, aconteceu en Logroño e Zaragoza. En Granada e Bilbao tardouse case o mesmo en aparcar o sábado ca de luns a venres.
  • Os parquímetros en mellor estado de conservación: os de Barcelona, Bilbao e Pamplona.
  • Os peores parquímetros: en Granada, Logroño e Málaga.
  • A única cidade onde os parquímetros dispensan cambio: Valencia.
  • Os parquímetros máis peculiares: os de Bilbao. Son os únicos que obrigan o usuario a introducir o número da matrícula do seu coche, e os únicos que lle permiten recuperar a cantidade de cartos correspondente ao tempo pagado pero non utilizado. E os únicos que admiten pagar mediante o teléfono móbil.
  • Os parquímetros máis incómodos: os de Vitoria non admiten moedas de un euro e os da Coruña, Alacante e Zaragoza non aceptan a de dous euros. E nos da Coruña, Córdoba, Granada e Valencia non se pode anular multas (pagando a correspondente sanción, inferior sempre ao importe da multa) mediante as propias máquinas.
  • As cidades onde na zona azul había maior número de coches que superaban o tempo que lle permitía o seu ticket: Granada (o 39% dos vehículos observados superaran o tempo), Alacante (o 30%), Zaragoza (o 28%) e Sevilla (o 23%).
  • Onde máis coches non lucían multa malia a que a merecían por superaren o seu tempo: Vitoria, Alacante e Pamplona (máis de nove de cada dez casos). Bilbao ségueos moi de preto.
  • Onde máis horas rexe a zona azul de pagamento en días laborables: Madrid, con 11 horas, seguida de Bilbao e Pamplona, con nove horas e media de pagamento.
  • As cidades con menos horas de pagamento en laborables: A Coruña, Sevilla, Vitoria e Zaragoza, con oito horas de pagamento.
  • E os sábados? En Barcelona, Valencia e Logroño o horario mantense como entre semana, e no resto de cidades comparadas limítase ás horas da mañá, salvo en Zaragoza, onde o sábado a zona azul non é de pagamento.
  • As cidades en que máis caro sae que o guindastre retire un vehículo en zona azul, incluíndo a tarifa do primeiro día de retención: Alacante, Barcelona, Madrid e Valencia, entre 120 e 160 euros.
  • E as de guindastre máis económico? Málaga, case 69 euros. Pamplona, Oviedo, arredor de 75 euros.

Cuestión de cores... non todo é zona azul e táboa comparativa

Amais da zona azul, as prazas de estacionamento urbano en superficie están reguladas mediante zonas delimitadas con outras cores. A clasificación vén dada polo nivel de rotación (moi alta, alta, baixa ou media) e polo tipo de usuario (residente, comerciante, visitante, etc.).

  • Zona verde: de baixa rotación, destinada preferentemente a residentes da zona ou barrio. O tempo máximo de estacionamento é maior ca o da zona azul, e as tarifas máis económicas. Así acontece na Coruña, en Barcelona, Bilbao, Granada, Oviedo, Pamplona e Sevilla. Tamén Alacante conta con zona verde, pero -a diferenza das outras cidades- establece unha tarifa para a mañá (1,50 euros por cinco horas) e outra para a tarde (1,20 euros por catro horas).
  • Zona laranxa téñena en Sevilla, Pamplona e Zaragoza. Na capital aragonesa destínase aos residentes das rúas delimitadas por esa zona. En Pamplona, amais dos residentes da zona laranxa tamén poden utilizala os comerciantes e beneficiarse así de aparcar sen sacar ticket: só necesitan un distintivo que custa 44 euros ao ano. A zona laranxa de Sevilla é de rotación media e os residentes poden estacionar por tempo ilimitado e obter abonos de prezo reducido.
  • Zona vermella haina en Pamplona, Granada e San Sebastián (1), é de alta rotación e máis cara ca a zona azul. Os condutores que deixan o seu coche en rúas de zona vermella deben sacar o ticket nun parquímetro específico.

(1) San Sebastián é un caso especial: a clasificación das zonas reguladas responde ás tarifas que rexen nelas. Na tarifa especial (zona vermella e zona azul) o tempo máximo de aparcamento é de hora e media; a zona vermella é máis cara ca a azul. Na zona verde, a máis económica, o tempo máximo de estacionamento é de tres, cinco e nove horas, segundo a rúa. Os residentes dispoñen de zonas de aparcamento exclusivas, delimitadas cunha liña branca e sinalizadas cun “R”.