Ambientadores eléctricos e a pilas

Ambientadores a prezo de perfume

Ter un ambientador eléctrico na casa funcionando día e noite pode ser un luxo: a metade deles custarían máis de 70 euros ao ano
1 Febreiro de 2008

Ambientadores a prezo de perfume

Os sistemas para conseguir que unha habitación arrecenda son variadas: candeas aromáticas, incensos, sprays… Un dos métodos máis novidosos e, que pola súa sinxeleza máis se espallou, son os ambientadores eléctricos, que fan evaporar un líquido mediante unha pequena resistencia eléctrica que quece. Os ambientadores a pilas non contan cunha resistencia, senón que é un sistema mecánico o que actúa sobre a botella con líquido como o faría un dedo ao premer un spray.

Para comprobar a súa eficacia, analizáronse no laboratorio catro ambientadores eléctricos e tres a pilas, que custan dende os 4,30 euros de Brise Soplo aos 8,54 euros de Air Wick Fresh Matic Lavanda, pero o prezo do aparello co primeiro recambio pouco indica sobre o custo que supón co tempo aromatizar un fogar. Por iso, tamén se tivo en conta a duración e prezo dos recambios para descubrir canto custan realmente se se usan a plena potencia (non se incluíu o prezo da electricidade ou das pilas polas múltiples opcións que ten o usuario: salinas, alcalinas, recargables…). Os máis caros son Oust Frescor Verde (mantelo un ano aceso custa 86,30 euros), seguido de Brise Vainilla e Magnolia (85,90 euros/ano), Ambi Pur Puresse (84 euros/ano) e Air Wick Fresh Matic Lavanda (73,70 euros/ano). Son caros porque ningún deles dura máis de tres semanas. O máis barato é, con diferenza, Brise Soplo Pétalos exóticos, que sae a 10,60 euros/ano (sobre todo pola súa extraordinaria duración: 141 días), seguido de Ambi Pur Elegance (41,20 euros/ano) e Air Wick Air Bouquet (64 euros/ano).

Como os sete ambientadores analizados son seguros e ofrecen unha boa calidade, a mellor relación calidade-prezo (deixando á marxe criterios subxectivos como os gustos persoais), é Brise Soplo Pétalos exóticos, o máis barato.

Os sete incorporan os marcados e etiquetados aos que obriga a norma. Mesmo os que funcionan a pilas inclúen a necesaria información sobre o uso de pilas recargables. Ademais, todos os ambientadores recoñeceron nas súas etiquetaxes as substancias alerxénicas que o laboratorio detectou. Era previsible atopar estes alérxenos, porque é coñecido que varias substancias aromáticas poden provocar alerxias.

O consumo eléctrico destes aparellos é pouco relevante, pero como van estar tanto tempo conectados, convén que sexa o menor posible. Mediuse o seu consumo cada media hora durante todo un día: Ambi Pur Puresse, a pilas, só precisa 0,1 vatios para funcionar, seguido de Airwick rosas brancas, eléctrico, con 0,5 vatios. Oust frescor verde, eléctrico, con 2,4 vatios e Airwick fresh matic lavanda, con 3,2 vatios, a pilas, son os que máis gastan.

O aire que respiramos

Tense posto en varias ocasións en tea de xuízo o uso de ambientadores e doutros produtos aromáticos no fogar, ante a posibilidade de que expulsen substancias tóxicas volátiles. Se ben está en estudo, actualmente nin España nin Europa contan cunha lexislación que regule os niveis máximos permitidos para estes compostos orgánicos volátiles tóxicos en ambientes pechados (como, por exemplo, un cuarto). Iso si, a Comisión Europea e a Organización Mundial da Saúde estableceron valores-guía de exposición saudable para a maioría destas substancias. Por iso, o laboratorio fixo especial fincapé na proba analítica que descobre e cuantifica as substancias volátiles que emiten estes aparellos e que o consumidor acabará respirando.

Simulouse o uso habitual destes produtos, poñendo cada ambientador no centro dunha sala pechada de 25,5 m3 na que é posible controlar as condicións de humidade e temperatura, e que conta cun sistema de climatización autónomo que controla a entrada e saída de aire. Dentro da sala situáronse tres tubos que aspiran os compostos orgánicos volátiles e que os levan ata tres bombas de captación: unha específica para o formaldehido, outra para os ftalatos e unha terceira para os compostos orgánicos en xeral. Antes de cada proba detívose durante trinta minutos o sistema de climatización para que a sala quedase illada do exterior. Aspirouse e analizouse ese aire aínda sen aromatizar para descubrir que compostos estaban previamente e cales foran orixinados polos ambientadores. Despois, cada ambientador deixouse funcionando durante dúas horas e trinta minutos a potencia media. Durante a última media hora os extractores aspiraron o aire xa perfumado que contiña os diferentes compostos químicos que serían inhalados por unha persoa presente no cuarto. Tras cada proba, o aire do cuarto renovouse para poder repetir o ensaio.

As análises detectaron un gran número de compostos orgánicos volátiles que se corresponden á fragrancia e, en menor medida, a substancias disolventes, xelificantes e, no caso dos aerosois, contidos provenientes do gas de propulsión. Tamén se buscaron substancias tóxicas, como tolueno, benceno, formaldehido, xileno ou ftalatos entre outras moitas, con resultados negativos en todos os casos. Xa que logo, pódese aseverar que os sete ambientadores son seguros e que non emiten ningún compoñente perigoso para a saúde.

Non hai risco de inflamación

Moitos consumidores prefiren non deixar os ambientadores eléctricos permanentemente acesos por se puidesen sufrir un curtocircuíto que provocase un incendio. Por iso, as probas de seguridade ás que os someteu o laboratorio foron exhaustivas. O punto de inflamación indica a temperatura máxima á que os líquidos dos ambientadores arden e só ten sentido nos ambientadores eléctricos porque os que funcionan a pilas non corren este risco (salvo que funcionen tamén cun líquido, e non cun aerosol, como Brise Soplo). Mídese introducindo o líquido dos ambientadores nunha copa de ensaio hermeticamente pechada que se quenta progresivamente á vez que se axita o líquido para asegurar que a calor se reparte uniformemente. Unha resistencia dentro do líquido actúa como punto de ignición e se a concentración de compostos volátiles acumulados no interior da copa é suficiente para provocar a inflamación, unha sonda indica a qué temperatura se produciu esta. Como a ignición se produciu a temperaturas moi altas (dende os 77,5 ºC de Oust ata os 105,5 ºC de Ambi Pur Elegance) os ambientadores demostraron que son seguros.

Probas de resistencia

Os ambientadores que pesaban menos de 250 gramos (todos menos Air Wick Fresh Matic e Ambi Pur Puresse) sometéronse a 50 caídas dende medio metro de altura sobre unha superficie lisa e ríxida de aceiro nun barril de volteo. Os outros dous sometéronse a 100 caídas. Ningunha mostra sufriu danos que comprometesen a seguridade. Outro ensaio foi o da resistencia ao impacto, que comproba se soportan tres golpes de 0,5 joules en cada parte máis feble do aparello. Tampouco sufriron danos de importancia.

Aos ambientadores eléctricos fíxoselles un ensaio para comprobar se durante un funcionamento anormal que quente o equipo (como, por exemplo, un curtocircuíto), unha presión externa (como a que pode exercer unha cadeira que caia sobre o ambientador) pode danalo. Fíxose cunha bóla de aceiro de 5 milímetros de diámetro que exerce unha presión de 2 kg sobre o ambientador cando este se atopa a 75 ºC e a 125 ºC. Se a bóla deixa unha pegada superior a 2 milímetros de profundidade suspenden, pero todos aprobaron. Outro test rigoroso é o do fío incandescente, que establece que as diferentes partes do ambientador (especialmente as que transportan corrente) deben soportar un mínimo de 550 ºC sen se incendiaren ou que, no caso de que se produza a ignición, se extinga por si soa en menos de trinta segundos. Non fixo falta comprobar se se apagan por si mesmas, xa que ningunha chegou a prender lume a pesar da altísima temperatura.

Canto duran?

Os sete ambientadores analizados difiren de modo notable na súa duración. Para os poder comparar de modo homoxéneo, probáronse á máxima potencia durante dúas semanas seguidas para, a partir do gasto de perfume de cada un, extrapolar o número de días que estarían a funcionar ata esgotaren o seu contido. Brise Soplo é, con diferenza, o que máis dura: chega aos 141 días, grazas a un líquido de evaporación lenta que alonga a súa duración. Ambi Pur eléctrico Elegance, con 32 días, é o segundo mellor. Os dous Air Wick duran tres semanas e os que menos duran son Brise eléctrico (16 días), Oust eléctrico (17 días) e Ambi Pur Puresse a pilas (18 días). Os dous que menos duran son os mais parcos na súa etiquetaxe sobre este asunto: Oust eléctrico é o único que non informa da súa duración (se ben tampouco está obrigado a facelo) e Brise limítase a un lacónico “semanas de frescor”, que a proba práctica confirmou: son dúas á máxima potencia. O resto de etiquetaxes son máis precisas, pero cada unha ofrece un xeito diferente de medir a súa duración (fan referencia a diferentes posicións de aroma ou a un numero de horas ao día acesos) polo que lle dificultan ao consumidor coñecer cal é o que aromatiza durante máis tempo.

En síntese e táboa comparativa

En síntese

  • Analizáronse no laboratorio catro ambientadores eléctricos e tres a pilas.
  • Utilizalos á máxima potencia durante un ano custa (prezo do equipo inicial, máis os recambios necesarios) dende os 86,30 euros de Oust Frescor Verde ata os 10,60 euros de Brise Soplo Pétalos exóticos.
  • O ambientador que máis dura é Brise Soplo, que chega aos 141 días e nos que máis a miúdo hai que substituír o recambio son Ambi Pur Puresse a pilas (18 días), Oust eléctrico frescor verde (17 días) e Brise eléctrico Vainilla e Magnolia (16 días). Se se utilizan cunha intensidade menor, evidentemente, a súa duración alongarase.
  • Os seus marcados e etiquetados son correctos, e os sete son seguros, tal e como demostraron as numerosas probas de seguridade: non hai perigo de que ardan por unha inadecuada utilización. Ademais, ningún desprende compostos tóxicos nin canceríxenos.
  • Consumen moi pouca electricidade, pero con notables diferenzas: os eléctricos, dende os 2,4 vatios de Oust ata os 0,5 vatios de Air Wick White Bouquet, e os que funcionan a pilas, dende os 3,2 vatios de Air Wick Fresh Matic Lavanda aos 0,1 vatios de Ambi Pur Puresse.
  • A mellor relación calidade-prezo é o ambientador Brise Soplo eléctrico Pétalos exóticos, o máis barato tras un ano de uso: 10,60 euros. Tamén é o equipo que máis días dura (máis de catro meses e medio).
Marca Denomi- nación Brise Soplo Pétalos exóticos Ambi Pur Elegance Air Wick White Bouquet Brise Vainilla y Magnolia
Sistema funcionamento Pilas Eléctrico Eléctrico Eléctrico
Prezo (euros/equipo máis un recambio) 4,30 5,64 5,82 5,65
Prezo (euros/recambio) 3,94 3,42 3,53 3,68
Prezo (euros al ano) 1 10,60 41,20 63,60 85,90
Duración (según etiquetaxe) 56 días na posición nº 2 75 días se se utiliza durante 12 h ao día na posición nº 2 75 días se se utiliza durante 12 h ao día en posición nº 1 Semanas de frescor
Etiquetaxe Correcto Correcto Correcto Correcto
Duración real 2(total días estimados) 141 32 21 16
Potencia (W) 1,7 1,5 0,5 2
Presenza de substancias nocivas para la saúde 3 No detectado No detectado No detectado No detectado
Presenza de alérxenos non declarados No detectado No detectado No detectado No detectado
Seguridade
Inflamabilidad líquido Satisfactorio Satisfactorio Satisfactorio Satisfactorio
Ensayo de caídas Satisfactorio Satisfactorio Satisfactorio Satisfactorio
Resistencia al impacto Satisfactorio Satisfactorio Satisfactorio Satisfactorio
Resistencia al fuego Satisfactorio Satisfactorio Satisfactorio Satisfactorio
Choque dieléctrico Satisfactorio Satisfactorio Satisfactorio Satisfactorio
Peche compartimento pilas Satisfactorio
Marca Denomi- nación Oust Frescor Verde Air Wick Fresh Matic Lavanda Ambi Pur Puresse
Sistema funcionamento Eléctrico Pilas Pilas
Prezo (euros/equipo máis un recambio) 5,65 8,54 7
Prezo (euros/recambio) 3,94 3,98 4
Prezo (euros al ano) 1 86,30 73,70 84
Duración (según etiquetaxe) Non indica 60 días en intervalos de 36 minutos 2.900 pulverizacións
Etiquetaxe Correcto Correcto Correcto
Duración real 2(total días estimados) 17 21 18
Potencia (W) 2,4 3,2 0,1
Presenza de substancias nocivas para la saúde 3 No detectado No detectado No detectado
Presenza de alérxenos non declarados No detectado No detectado No detectado
Seguridade
Inflamabilidad líquido Satisfactorio Satisfactorio Satisfactorio
Ensayo de caídas Satisfactorio Satisfactorio Satisfactorio
Resistencia al impacto Satisfactorio Satisfactorio Satisfactorio
Resistencia al fuego Satisfactorio Satisfactorio Satisfactorio
Choque dieléctrico Satisfactorio Satisfactorio Satisfactorio
Peche compartimento pilas Satisfactorio Satisfactorio


(1) Prezo (euros ao ano):
Custo total de utilizar un ambientador e mais os recambios necesarios durante un ano.


(2) Duración
: Proba realizada á máxima capacidade dos seus dispositivos.


(3) Substancias nocivas para a saúde:
Buscamos a presenza de MTBE, MEK, MIBK, acetato de etilo, isobutanol, benceno, butanol, tolueno, acetato de butilo, etilbenceno, xilenos e butoxietanol. Todos eles son compostos orgánicos volátiles, que en función da concentración na que se atopen no aire poden chegar a alterar o estado de confort no cuarto ou mesmo en cantidades máis elevadas poden converterse en tóxicos ou mesmo canceríxenos para as persoas que os inhalen.

Un por un

Un por un, 8 ambientadores eléctricos e a pilas

Brise Soplo Pétalos exóticos

  • Aparello e un recambio: 4,30 euros.
  • Recambio: 3,94 euros.
  • Prezo de usalo un ano: 10,60 euros, o máis barato.
  • A mellor relación calidade-prezo.
  • A pilas. O de maior vida útil (141 días).

Ambi Pur Elegance

  • Aparello e un recambio: 5,64 euros.
  • Recambio: 3,42 euros.
  • Prezo de usalo un ano: 41,20 euros.
  • Outra opción interesante.
  • A mellor relación calidade-prezo entre os eléctricos. O ambientador eléctrico que máis dura (32 días).

Air Wick White Bouquet

  • Aparello e un recambio: 5,82 euros.
  • Recambio: 3,53 euros.
  • Prezo de usalo un ano: 63,60 euros.
  • Eléctrico. Dos que menos consumen (0,5 W).

Brise Vainilla e Magnolia

  • Aparello e un recambio: 5,65 euros.
  • Recambio: 3,68 euros.
  • Prezo de usalo un ano: 85,90 euros.
  • Eléctrico. O que menos dura (16 días).

Oust Frescor Verde

  • Aparello e un recambio: 5,64 euros.
  • Recambio: 3,94 euros.
  • Prezo de usalo un ano: 86,30 euros, o máis caro.
  • Eléctrico. Dos que menos dura (17 días).

Air Wick Fresh Matic lavanda

  • Aparello e un recambio: 8,54 euros.
  • Recambio: 3,98 euros.
  • Prezo de usalo un ano: 73,70 euros.
  • A pilas. Dos máis grandes. O ambientador que máis electricidade consume.

Ambi Pur Puresse

  • Aparello e un recambio: 7 euros.
  • Recambio: 7 euros.
  • Prezo de usalo un ano: 84 euros.
  • A pilas. Dos máis grandes e dos que menos dura (18 días). O ambientador que menos consume (0,1 W).