Cal é o labor da institución que dirixe, a Fundación Española para a Ciencia e Tecnoloxía?
A FECET é unha institución pública independente, aínda que os nosos fondos proceden do Ministerio de Educación e Ciencia. Somos unha fundación que ten como obxectivo fundamental axudar á educación en España, enfocado de xeito específico cara á investigación e a divulgación da ciencia e a tecnoloxía.
2007 foi o ano da Ciencia, aínda que parece que pasou bastante desapercibido.
O ano da ciencia era máis ben un pretexto para intentar afianzar en España unha cultura científica. Por exemplo, nós tivemos unha convocatoria de axudas á difusión científica especial do ano da ciencia dotada con sete millóns de euros, e financiáronse case 300 actividades. Pretendemos crear estruturas permanentes de difusión e de información científica en universidades e centros de investigación. Porque temos a idea de que a sociedade descoñece o que se fai neste campo en España. E ese é un problema grave. Estamos a partir case de cero, hai que ter en conta que España comeza a despegar en investigación a partir da formulación da Lei de ciencia de 1986, son moi poucos anos. Medrouse moito en investigación, pero en divulgación fomos un pouco máis lentos, aínda que tampouco fomos tan mal se vemos a rede de museos que hai en España, os museos de ciencia e oceanográficos, acuarios, planetarios… Tamén temos un proxecto piloto que a min me gusta moito que é Ciencia nas cidades, coa idea de crear unha rede de axentes locais de cultura científica para concellos pequenos. Queremos promover actividades nesas pequenas localidades para crear unha especie de “Clubs de Ciencias”.
De quen é a responsabilidade de que a cultura científica en España non sexa a desexable?
Eu penso que de todos un pouco. Por unha banda, os científicos non saben comunicar ben e tampouco teñen por que saber facelo. Por outra banda, os medios de comunicación céntranse só en cousas moi espectaculares. Así e todo, imos pór en marcha un servizo de información e noticias científicas que ofrecerá noticias de primeira man non só aos particulares senón aos medios de comunicación.
De que serve ascender e divulgar a ciencia se logo a porcentaxe do Produto Interior Bruto (PIB) que destina España á investigación e desenvolvemento está tres veces por baixo da media dos países máis desenvolvidos?
Ben, xa estamos no 1,25% no 2006, ou sexa que tres veces…
Pero fálase do 3% do PIB como obxectivo.
É verdade que estamos por baixo, pero hai que ter en conta que o esforzo que se fixo é moi grande. En España levamos só 20 anos facendo ciencia dun xeito, digamos, sistemático. Coido que se se segue a facer o que se fixo ata agora podemos chegar no 2012 ao 2% do PIB, que sería unha cifra razoable. De todos os xeitos, coido que cómpre aumentar a porcentaxe de I+D, pero que tamén nos deberiamos fixar noutras cousas, por exemplo en aumentar o número de investigadores: España necesita moitos máis investigadores, igual ca o resto dos países europeos; necesitamos afianzar unha carreira científica, e iso haino que facer pouco a pouco.
Precisamente, España necesita bos investigadores españois ou bos investigadores a secas?
Necesita bos investigadores, con independencia do seu lugar de orixe. O que acontece é que temos bos investigadores españois e pode resultar un pouco absurdo ir buscar investigadores fóra cando os teus están marchando porque non atopan traballo aquí. O que temos que facer é conseguir consolidalos e telos aquí.
Como se pode acadar esa meta cando as expectativas que ten un novo investigador son unha precariedade laboral alta, soldos baixos e recoñecemento social practicamente irrisorio?
Iso é solucionable se se pensa nunha carreira científica ben pensada. Coido que o problema que temos en España -eu non sei se é o caso de todos os bolseiros- é que moita xente pensa que ter unha carreira científica significa ser funcionario. E iso non pasa en ningún outro país europeo, é unha lacra que levamos ás costas nós. Non se trata de que todos os investigadores sexan funcionarios ou cheguen a selo, o que ti non podes é ter xente traballando ata os 40 anos cun soldo de bolseiro e aos 40 anos, aínda por riba, dicirlle que se vai á rúa. Pero se esta persoa está a traballar cun soldo digno, bo, axeitado ao traballo que fai, aos 40 anos pódeselle dicir: “non vai ser fixo na vida, senón que, como noutras empresas, vai ter que estar con contratos revisables cada cinco anos; se lle interesa, segue e se non lle interesa, non. Así haberá de todo, quen si e quen non. Eu creo que ese é un dos problemas, non ter unha carreira científica establecida no sentido de saber os pasos que se van dar e saber que vas ter un soldo axeitado.
Pero é que estas persoas que apostan pola carreira investigadora se atopan que nas universidades españolas, predominantemente públicas e funcionariais, os seus colegas si que son funcionarios. Así que os ven e queren ter ese mesmo estatus.
Si, iso enténdoo e é certo. Pero agora a nova lei permite a contratación laboral. É dicir, nos termos en que se contrata nunha empresa, como dicía antes, indefinido… É un pouco cambiar a mentalidade, é dicir, non podemos estar a pensar: “vale, xa cheguei aquí, teño o posto amarrado”.
E iso é posible cambialo?
Dende logo temos os medios para facelo nestes momentos, aínda que é competencia das propias universidades.
Pero nese ámbito hai moitas inercias, e non positivas.
Estamos entrando nun espazo moi competitivo, e dígoo no bo sentido da palabra. Veremos, non en dous anos, pero si en 10 ou 15, que as universidades que sigan coas inercias van quedar con moi poucos alumnos, moi pouco prestixio e moi poucos cartos. Isto que pasa en España de que unha persoa estuda a carreira, se doutora e sexa profesor titular e catedrático na mesma universidade non acontece en ningunha parte do mundo.
Non obstante, o principal obxectivo de boa parte dos estudantes que dan os seus primeiros paso na carreira investigadora é quedar na universidade na que estudaron.
Si, é un pouco penoso. É, ademais, unha limitación de miras, pero, así e todo, o sistema puxo medios para que iso non sexa así. Na actualidade é moi difícil que unha persoa poida ter unha praza se non estivo fóra un par de anos. Co novo sistema de acreditación, onde se avalía unicamente por méritos, é moi difícil que se dea esa endogamia, polo menos si se vai reducir e dende logo non vai ir a máis. Ou iso espero.
Volvendo aos obxectivos da Fundación Española para a Ciencia e Tecnoloxía, o fomento e a divulgación da investigación e da ciencia en España é un traballo sinxelo, arduo ou hercúleo?
É moi complicado porque está moi atomizado, porque non temos tradición de cultura científica.
Atopar as claves para facer máis atraente a ciencia é máis complicado que desenvolver a teoría da relatividade?
Eu penso que non. Por exemplo, no ensino medio temos unha riqueza infinita. Hai profesores de ensino medio que fan auténticas marabillas. Coido que hai unha especie de dicotomía entre o que se ensina na clase e a ciencia divertida, digo ciencia divertida, non canalla, que é distinto. A min dáme a sensación de que o que se ensina na clase é unha cousa moi árida, moi formal, moi axustada ao que se ten que acadar ao final de curso, aos exames, á selectividade… E despois está a ciencia recreativa, a ciencia divertida, coa que se está a ensinar o mesmo, pero dun xeito máis próximo. A ciencia está en todas as partes. Eu sempre lles dicía aos meus alumnos o primeiro día de clase: “Exercicio: Pensa dende que te ergues ata que te deitas en que cousas intervén a ciencia e que cousas non poderías facer se non tiveses a ciencia e a tecnoloxía que temos agora”.
Daquela hai máis motivos para a esperanza que para as bágoas.
Si, sempre. Peor do que estabamos é moi difícil estar.
Non obstante, non son poucos os docentes universitarios que se queixan de que o seu traballo de divulgación non se lles recoñece e que moitos compañeiros seus os miran con receo.
Si, é certo, pero iso vai cambiando. Nos currícula, para investigación, por exemplo, sei que moitos colegas meus non incluían as cousas de divulgación que fixeran porque segundo quen o vise poderían parecer deméritos. Pero iso vai mudar, porque no novo plan nacional a difusión e a divulgación científica van contar e bastante. Tamén é certo que os científicos non teñen por que saber facelo, porque o seu é investigar…, pero, dende logo, a quen saiba facelo que se lle recoñeza. E, por suposto, do que teñen que ser moi conscientes os científicos é de que se están a usar cartos públicos e de que teñen que lle dar conta dese diñeiro público non só aos xestores, senón á sociedade. Porque considero que, en parte, a sociedade non recoñece aos científicos porque descoñece o que fan, e non o saben porque os científicos non llo contan.
E correspóndelles aos científicos contalo?
Correspóndelles, se non aos científicos directamente, si aos medios que hai que pór nos centros de investigación e universidades para que sirvan de conexión entre os científicos e a sociedade.
Cal cre que é a percepción do traballo científico en España?
Temos unha enquisa de percepción que se fai cada dous anos e a última di que “están mal pagados, que son moi importantes”, é dicir, descoñecemento. Polo tanto, o pouco coñecemento ou as poucas referencias que poida haber en España do que é o traballo científico baséanse en estereotipos e no pouco que pode saír por televisión.
E o que sae por televisión non é fiel á realidade.
Ben, eu creo que sae un pouco o estereotipo de científico, en masculino, un pouco tolo, “fliping”.
Que fai falta para que desenvolva ou mellore ese coñecemento do labor científico?
Máis de todo. Boto en falta cartos, medios, máis xente preparada para difundir e que os medios de comunicación o tomen en serio. O problema é que só aparecen novas de ciencia cando son cousas horribles e catastróficas ou cando son superdescubrimentos, e claro, deses só se fai un cada non se sabe canto tempo. Non se sabe cal é o procedemento normal da ciencia, o que se fai acotío nos observatorios, nos laboratorios… A xente non sabe moi ben que fan os científicos ata que un día se descobre o xenoma, ou se descobre unha nova galaxia e non saben todo o que hai no medio, ata chegar aí, moita xente ademais do señor científico que sae na foto, moitos técnicos, axudantes, persoas que fan un labor moi importante día a día.
Pero o sector económico en España é consciente desta realidade?
Ese é un problema, que o sector empresarial non acaba de entrar, de entendelo. En España aínda dependemos moito dos cartos públicos e ese é un problema, no sentido de que se a empresa puxese unha cantidade semellante á que pon o Estado na ciencia poderiamos chegar moito máis lonxe. Pero eu non creo que toda a ciencia, que toda a investigación científica deba estar en mans privadas. O problema é que o investimento privado en España nestes momentos é moi pequeno.
Está a cambiar tamén iso ou non?
A miña impresión é que está cambiando, pero de xeito máis lento ca no investimento público.
Vostede é especialista no estudo da presenza da muller na ciencia. Á parte do xénero gramatical, que ten de feminino a ciencia?
A ciencia ten de feminino que o cincuenta e pico por cento dos estudantes universitarios en España son mulleres, que se licencia o 65% de mulleres fronte ao 35% de homes. Pero ten pouco no sentido de que as mulleres non ocupan os altos cargos, aínda que iso está a cambiar.
Si, porque catedráticas…
Un 13% en toda España. E hai disciplinas como obstetricia e xinecoloxía que non teñen nin unha soa catedrática, ou pediatría que tampouco ten, e nas enxeñarías, que é un espazo tradicionalmente masculino, pasa o mesmo, algunhas non chegan ao 30%.
Sería partidaria dunha lei de discriminación positiva na investigación?
Si, pero eu non a chamo de discriminación positiva, senón de accións compensatorias, porque o que fan é compensar desigualdades persistentes. Si. A idea é a seguinte: cando tes dúas cousas iguais, se ti actúas e aplicas o mesmo ás dúas cousas no mesmo baremo sairache o mellor…, pero cando tes dúas cousas desiguais, se aplicas esas mesmas medidas vas seguir mantendo a desigualdade e para que se igualen tes que facer algo.
Isto que pasa en España de que unha persoa estuda a carreira, se doutora e sexa profesor titular e catedrático na mesma universidade non acontece en ningunha parte do mundo.
En parte, a sociedade non recoñece aos científicos porque descoñece o que fan, e non o saben porque os científicos non llo contan.