Saltar o menú de navegación e ir ao contido

EROSKI CONSUMER, o diario do consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa >

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, polo tanto, unha vixencia limitada.

Mercado de alugueiro : Unha opción moi pouco atraente

Mercado de alugueiro de vivenda: escaso, caro e arredado das necesidades dos cidadáns

Se se vende a vivenda alugada

Se o propietario da vivenda desexa vendela, está obrigado a ofrecerlla en primeiro lugar ó arrendatario, indicándolle o prezo e o resto de condicións. O inquilino disporá dun dereito de adquisición preferente ou de ‘tenteo’ e contará con 30 días para decidirse. Se o propietario non lle fai o ofrecemento da vivenda ó arrendatario, ou se vende a vivenda por un prezo inferior ó comunicado, ou incumpre calquera dos requisitos establecidos pola lei, o inquilino poderá impugnar a venda e adquirir a vivenda nas mesmas condicións nas que o propietario a vendeu e poderá exercitalo nun prazo de 30 días desde que se lle notifique a venda da vivenda.

Cando se pode dar por finalizado o contrato?
O propietario poderá resolver o contrato se o inquilino non paga a renda ou a fianza, se lle subarrenda ou lle cede a un terceiro a vivenda sen consentimento do propietario, se causa danos na vivenda intencionadamente, se realiza obras sen consentimento do propietario ou se realiza na vivenda actividades molestas, insalubres, nocivas, perigosas ou ilícitas. E o inquilino poderalle dar fin ó contrato se o propietario non realiza as reparacións necesarias para conservar a vivenda nas condicións de habitabilidade adecuadas ou se perturba o inquilino na utilización da vivenda.

A subrogación no contrato de arrendamento
A subrogación é a substitución dunha persoa por outra no contrato de arrendamento de xeito que o que se subroga adquire todos os dereitos e deberes que posuía o seu anterior titular. As subrogacións pódense dar tanto na persoa do propietario ou arrendador coma na do inquilino.

No propietario: prodúcese cando o arrendador lle vende a unha terceira persoa a vivenda alugada. O novo propietario está obrigado a respectar as condicións do contrato de arrendamento que permanecerá en vigor ata que se esgote a súa duración.

No inquilino: pódense dar diversas situacións, como o falecemento do inquilino ou a separación, divorcio ou nulidade matrimonial.

O falecemento do inquilino non comporta necesariamente a extinción do contrato de arrendamento, dado que poden subrogarse nese contrato o cónxuxe do arrendatario ou a parella de feito que no momento do falecemento convivise con el (esixíndose neste último caso un período de convivencia de polo menos 2 anos ou ter descendencia en común), os descendentes do arrendatario que no momento do seu falecemento estivesen suxeitos á súa patria potestade ou tutela ou que conviviran habitualmente con el durante os 2 anos anteriores, os ascendentes ou irmáns do arrendatario que conviviran habitualmente con el durante os 2 anos anteriores ó seu falecemento e, para rematar, as persoas que sufran unha minusvalía igual ou superior ó 65%, sempre que teñan unha relación de parentesco ata o terceiro grao colateral co arrendatario e que conviviran con este durante os 2 anos anteriores ó seu falecemento.

En caso de separación, divorcio ou nulidade matrimonial do arrendatario, o cónxuxe que non sexa titular do contrato poderá continuar no uso da vivenda arrendada se se lle atribúe por sentencia xudicial, sempre que llo comunique ó arrendador no prazo de 2 meses contados desde a data de notificación da sentencia.

A cesión do contrato de arrendamento e o subarrendamento
Por cesión do contrato enténdese a transmisión que realiza o arrendatario dos dereitos e deberes que comporta o seu contrato de arrendamento a unha terceira persoa. O subarrendamento é o arrendamento que realiza o inquilino dunha parte da vivenda da que goza e que á súa vez lle alugou ó propietario. O inquilino só pode subarrendar unha parte da vivenda e tan só polo tempo que dure o seu propio contrato de alugueiro, sen que o importe do subarrendamento poida superar o da renda que o inquilino estea aboando. En ambos os casos, tanto na cesión coma no subarrendamento, cómpre que o propietario preste o seu consentimento por escrito.

Paxinación dentro deste contido

Pódeche interesar:

Infografía | Fotografías | Investigacións