Non nos castiguemos
Na nosa vida experimentamos unha chea de situacións que nos espertan sentimentos e emocións. Uns son de gozo e ledicia, e estimulan a risa e mesmo o pranto de emoción. Outros son de tristura e de dor, e lévannos ó silencio e ó desacougo. Isto é o que acontece co sentimento de culpa. Cando aparece, se non o sabemos manexar correctamente, pódenos levar a bloquearnos e a pecharnos en nós mesmos. Sermos conscientes diso axudaranos a superalo e a canalizar o xuízo sobre a nosa persoa sen converter a culpa en castigo.
Por que a culpa é tan forte?
A culpa está conectada co instinto de morte e coa autodestrución. Mal asumida, arrastra a persoa á pasividade, deixándoa nunha situación de indefensión e a mercé de que alguén ou algo externo o libere dela. Esa persoa, ideoloxía ou crenza acada tal poder que impedirá exercer a propia responsabilidade.
O sentimento de culpa inflúenos tanto porque temos medo a sermos abandonados e dificúltanos responsabilizármonos da nosa propia vida. Témese o abandono pois a necesidade de sermos amados e aceptados é unha aspiración innata en todos nós, e cando a culpa se interioriza contra nós mesmos, deixamos de crer na nosa valía persoal e xulgámonos non merecedores do amor. Como consecuencia, intentamos ser como cremos que as outras persoas queren que sexamos, e deste xeito evitar que nos abandonen. Pero acontece que a nosa verdadeira maneira de ser acábase manifestando e o medo ó abandono increméntase. Xorde daquela a agresividade cara a un mesmo a través do autorreproche e da crítica constante, co propósito de redimirse e ser capaz de ser dono da propia vida. Pero só se consegue interiorizar cada vez máis a desvalorización persoal, e a redención nunca chega, pois buscamos que alguén nos libere. E non é posible, xa que é a culpa a que nos impide sermos libres, non os outros.
Como sabemos que a culpa nos ameaza?
Sinais físicos (presión no peito, dor de estómago, de cabeza, de costas), sinais emocionais (nerviosismo, desacougo, agresividade, irascibilidade) e sinais mentais (pensamentos de autoacusacións e autorreproches) alértannos de que a culpa está sendo mal administrada.
É máis probable que sexa así cando mantemos un sistema de pensamento polarizado (pensamos que as cousas son brancas ou negras, boas ou malas, e non admitimos o termo medio), negativo (tan só temos en conta os detalles negativos e ademais magnificámolos sen atendermos ós aspectos positivos), ríxido (baseámonos nun sistema de normas estrito onde o deber prevalece en todas as nosas accións), sobredimensionado (abandonamos a responsabilidade da nosa vida e pasamos a responsabilizarnos das vidas dos demais e de todo canto acontece ó noso redor) ou perfeccionista (o nivel de esixencia colocámolo na perfección e está en tódolos actos que levamos a cabo).
Como todo sentimento, a culpa está precedida e é consecuencia da escala de valores con que nos rexemos na vida. Se se produce un desencontro entre o noso ideal de como debe ser o noso comportamento e a realidade vivida, isto causará dolorosos conflitos persoais, que desembocarán na xeración dalgún dos tres xeitos de reaccionar ante os acontecementos:
- Reaccións intrapunitivas: sentímonos culpables exclusivos de todo o acontecido.
- Reaccións extrapunitivas: culpamos de todo, mesmo dos nosos males, ós demais, como xeito de desresponsabilizarnos ante o sucedido.
- Reaccións impunitivas: pensamos que ninguén ten a culpa de nada, que son as circunstancias sen máis. Este xeito de razoar pode ter de bo que consegue descargar o abafo e non fai máis penosa a situación, pero, como contrapartida, e cumprirá estar alerta, pódese caer na simplificación e na irresponsabilidade.
Culpa si, pero non castigo
Canta maior concordancia exista entre o noso pensar e actuar, e canto máis lonxe se manteña o noso razoamento de absolutos, rixideces e perfeccionismos, menos veces se nos xerará o sentimento de culpa. Pero, sen dúbida, cando somos incoherentes, o sentimento de culpa aparece. Nese momento, na medida en que aparquemos a descualificación e o castigo, liberarémonos da paralización e manteremos a suficiente fluidez interna para abordar as nosas faltas de coherencia como problemas que cómpre resolver e non como lousas autodestrutivas.
Agora ben, mesmo practicando o anterior non estamos exentos de que se nos acenda ese sinal da culpa con capacidade de ser dolorosa. O problema non radica en sentila, senón en como afrontamos a súa presenza.
Cando se presenta a culpa, o reto é converter ese sentimento en:
- Un sinal que serve para pormos en cuestión como facemos o que estamos a facer. Ás veces é bo que nos sintamos cuestionados: as revisións persoais posibilitan o noso enriquecemento.
- Un momento de reflexión e análise de por que nos xorde, sen desvalorizármonos nin afundírmonos no desacougo e no sufrimento.
- Un diálogo interior que nos leve a designar e a concretar cal é a conduta pola que sentimos a culpa.
- A busca de solucións, ou, de non ser posible, de alternativas a como reparar o dano causado.
- A petición de perdón ás persoas afectadas pola nosa conduta.
Se o sentimento de culpa nos afecta de tal xeito que nos conduce a unha situación emocional que nos impide unha análise clara, convén acudir a un profesional para que nos poida axudar a atopar as solucións adecuadas.
Se ante a culpa non exercemos a nosa responsabilidade e nos sumimos na paralización do medo, caeremos na descualificación persoal (somos malos, egoístas…) e no autocastigo (agresividade que provoca sufrimento). Pero tamén podemos ver na súa manifestación unha función saudable, xa que nos fai conscientes do conflito e, a partir de aí, podemos ser capaces de analizar as solucións e de dar os pasos oportunos que restablezan o noso vivir coherente.
Poderemos descubrir que a transgresión da norma que provoca a culpa se produce porque:
- Nos guiamos por un sistema de pensamento polarizado, ríxido, negativo, sobredimensionado ou perfeccionista.
- Existen unhas circunstancias especiais, nas que cómpre ter en conta as nosas necesidades do momento.
- Pretendéndoo ou non, a nosa actuación non se axusta ós nosos valores.
Se se trata dos dous primeiros casos, comprobamos que o código non é inamovible e que, polo tanto, podemos flexibilizar, contextualizar e dar máis precisión e puntualización á norma transgredida. Non se trata de destruír a norma, senón de enriquecela despoxándoa da súa rixidez. Se a culpa se presenta por sermos incoherentes co noso sistema de valores, deberémonos responsabilizar das consecuencias, facernos cargo do que estas supoñan e pedirlle perdón a quen resultase danado polo noso comportamento.