Edredóns nórdicos

Durmir entre plumas

Abrigan tanto coma as mantas e resultan moito máis lixeiros, polo que son máis cómodos para durmir
1 Novembro de 2004
Img consejo listado

Durmir entre plumas

/imgs/20041101/consejos_01.jpg
A aparición dos nórdicos como elemento de abrigo para as camas supuxo un auténtico boom nos últimos anos, dada a súa dobre funcionalidade, de edredón e de manta ou saba para cubrir a cama. As vantaxes do edredón nórdico fronte a un convencional son moitas: adoita ser máis lixeiro, pesa pouco, ten un sinxelo deseño e é moi versátil. Ademais, é moi resistente e pódese usar durante unha chea de anos, xa que se utiliza dentro dunha funda que se pode cambiar tantas veces como cumpra.

  • Para elixir un recheo nórdico repare sobre todo no seu poder illante. Depende do material de recheo e da cantidade empregada, do tipo de pespunte (se leva tabiques interiores dentro) e de que o recheo forme cámaras de aire (fundamentais para que teña poder illante).
  • Pense tamén na temperatura do ambiente, na da habitación e nas preferencias de quen o vaia utilizar.
  • No tocante á gramaxe, este dato só nos indica canta calor nos proporcionará o edredón (canta máis gramaxe máis calor), non se refire á súa calidade. Para unha persoa pouco friorenta ou para alguén que durma nunha casa con boa calefacción pode abondar un edredón de pouca gramaxe.
  • Nun dubide en tocar o edredón antes de mercalo. Debe ser suave, ter mobilidade, boa capacidade de recuperación e carecer de durezas (parte sólida da pluma).
  • Hai modelos diferentes, máis grosos para o inverno e delgados para épocas de calor. Mesmo hai fabricantes que venden packs con ambos os tipos, para que en función da temperatura se utilicen por separado ou os dous á vez.

Materiais de recheo

  • A fibra ou acrílico é un compoñente artificial que imita a pluma e a penuxe, sen chegar a alcanzar as calidades destes. Ata hai pouco era o recheo máis económico e de menor calidade, aínda que agora se están desenvolvendo fibras de alta calidade e coas vantaxes dos materiais naturais, de xeito que son transpirables, antialérxicas e cun tacto moi bo. Teñen a vantaxe de que se poden lavar na lavadora.
  • O edredón nórdico recheo de penuxe e de pluma é un bo illante térmico natural. Grazas á súa óptima relación peso/volume (pouco peso e ocupa moito volume), forma unha cámara de aire que illa a temperatura do corpo do exterior. Como contrapartida, amais do seu prezo, hai que sinalar que os edredóns de pluma e de penuxe poden producir alerxias.
  • A pluma caracterízase por posuír unha parte sólida. A penuxe carece dela e ten, pola contra, unha zona central denominada cálamo da que xorden copos pequenos de longos filamentos, lixeiros e flexibles, que protexen mellor do frío cá pluma.
  • Os recheos de penuxe posúen máis capacidade térmica cá pluma, xa que crean maior número de cámaras de aire que evitan a dispersión de calor, á vez que impiden a entrada de aire do exterior. Ademais, ó non posuíren “parte sólida”, non son susceptibles de xerar microorganismos.
  • Unha maior porcentaxe de penuxe indica un edredón de maior calidade. Entre dous edredóns de penuxe elixa sempre o de maior volume, e entre dous de igual volume, opte polo que teña menor peso.
  • Non se deixe influír pola cor da plumaxe, non inflúe na calidade do recheo. Así e todo, a pluma gris transmite a través do tecido un aspecto menos nítido e limpo ó nórdico.

A mellor confección

  • O mellor sistema de costuras é o de cadros con cámaras interiores ou “kassetten” (caixiñas). Este sistema ten un tabique interno duns 2,5 centímetros de altura por cada cadrado. Estas cámaras permiten o aloxamento do recheo por todo o interior do nórdico, mesmo nas costuras, evitando así as zonas frías (sen recheo). Ademais, confiren uniformidade na distribución do recheo en toda a superficie do nórdico.
  • O sistema tradicional ten unha costura de tea contra tea.
  • O exterior tamén pode estar feito de materiais variados. O máis san e saudable é o algodón 100% ou o liño.
  • Un bo recheo debe ir acompañado por un tecido que o recubra cunha densidade de fíos apropiada e/ou un tratamento tipo Downproof, co fin de que transpire e de que non perda o seu recheo.
Mantemento e limpeza
  • O recheo de penuxe e de pluma é hidrófilo, é dicir, retén a humidade desprendida polo noso corpo ó durmirmos e transpórtaa ó exterior, manténdonos nun clima seco e agradable. Esta humidade evapórase axiña ó airear o produto.
  • Mova e airee o nórdico a cotío co fin de eliminar a humidade absorbida e de redistribuír o recheo.
  • Elimine as manchas empapando o recheo. Para iso, ille a parte manchada facendo descender o recheo. Ate esa zona lixada cunha goma e proceda daquela á súa limpeza.
  • Nos lavados xerais, teña coidado para que os edredóns non perdan a súa estrutura e que non resulte danado o recheo. Lea as instrucións de mantemento do fabricante.