Museos diferentes

A camiño entre pezas de arte e curiosidades

1 Novembro de 2004
Img miscelanea listado 306

A camiño entre pezas de arte e curiosidades

/imgs/20041101/miscelanea03.jpg
Sen chegaren a formar parte do patrimonio cultural nin da riqueza artística nacional, existe unha ampla rede de museos con encanto e simpatía que ben merecen ser sinalados na folla de ruta de calquera escapada do outono. Trátase de museos curiosos e non de coleccións máis ou menos extensas: dispoñen de galerías acondicionadas para os visitantes e realizan un labor de investigación e de documentación rigoroso. Algúns deles, como o Museo do Porrón ou o do perfume de Barcelona superaron o puramente anecdótico e convertéronse en reclamo merecido para turistas.

O Museo do Porrón, situado na localidade alacantina de Villena, expón unha colección privada de Pablo Castelo Villaoz que agrupa máis dun milleiro de pezas. Son exemplares de porróns de todo o mundo, produto dunha recompilación feita en anos que levaron o seu mentor a Rusia, Arxentina, Colombia, México, Chile, Paraguai, Perú, Marrocos, Francia, Grecia, Portugal, Italia e Istambul, pero tamén recibiu doazóns de visitantes divertidos coa idea. Permanece aberto tódolos días.

/imgs/20041101/miscelanea01.jpg
Na vila valisoletana de Peñafiel, berce dos viños da Denominación de Orixe Ribera del Duero, acondicionouse o seu castelo medieval, onde, segundo conta a historia, Don Juan Manuel escribiu a súa obra mestra El Conde Lucanor, para albergar o Museo do Viño. Aproveitando o florecemento do viñedo e a sona internacional dos seus viñedos, o castelo ofrece un percorrido pola enoloxía e ensina principios básicos do mundo do viño. Aberto de martes a domingo con horario de mañá e tarde, a visita custa 2 euros se se reduce ó castelo, e 5 se se opta por coñecer o museo. Tamén se poden pagar 7 euros para unha degustación comentada de viños.

A poucos quilómetros de alá, en Tordesillas, inclináronse por recompilar, investigar e, en ocasións, restaurar pezas de encaixes e bordados, indumentaria, pezas litúrxicas, panos de ritual e mesmo enxoval doméstico. Así naceu e florece o Museo do Encaixe. De entrada libre, pódese visitar de luns a venres polas tardes e as fins de semana con horario matutino e vespertino. Se existe interese pódese acceder a algunhas das actividades didácticas que se programan.

O Museo das Festas de Aranjuez sumouse á oferta cultural do Real Sitio. A cidade, que inspirou ó mestre Rodrigo e que foi lugar de cita da nobreza, garda unha particular fermosura nas súas rúas, outorgada polos edificios de planta cadrada, nos que se atopa un bo número de monumentos. O curioso museo das súas festas, que percorre a historia das feiras populares da cidade, presenta dous percorridos diferentes utilizando practicamente tódalas estancias da praza Maior, desde o patio de cuadrillas, palcos, tendidos, ruelas, tourís e a capela.

O Museo do Perfume de Barcelona é un veterano en ofrecer un punto de vista diferente á contemplación da arte. Foi inaugurado en 1961 no tradicional Paseo de Gracia, e ofrece unha clase maxistral de historia e xeografía da man do perfume. Pódense coñecer preto de nove mil pezas entre botellas de perfume, ficticios, material publicitario, produtos de cosmética, etc.

O Museo da Minería do País Vasco é un centro dedicado ó estudo e á difusión da cultura e da historia da minería, especialmente da zona mineira de Biscaia. Atópase en Gallarta. As súas instalacións están situadas a unha altitude moi particular: 20 metros baixo o nivel do mar, pero a ceo aberto. Pasaron máis de tres lustros desde que se abriron as súas portas, e neste tempo recompilouse un bo número de pezas, ferramentas, maquinaria e documentación procedentes das antigas explotacións de ferro. Entre estes materiais destaca a colección de vagonetas. O horario de atención ó público xeral redúcese de xoves a domingo. Durante a semana está aberto para grupos. A entrada é gratuíta.

Outra colección privada, neste caso de rosarios, converteu a poboación de Aroche, en Huelva, na sede do Museo do Santo Rosario. A idea foi de Paulino Díaz, quen ata a súa morte se encargou de axuntar máis de 1.300 exemplares nas paredes da súa casa, en ocasións máis importantes por quen llelos cedeu ca polo artigo en si. Trala súa solicitude, remitíronlle colares os papas Paulo VI, Xoán Paulo II, Tareixa de Calcuta, os reis de España e os príncipes de Mónaco, entre outros. Concértase a visita preguntando por Manuel Amigo, que abre as súas portas por 3 euros.

Máis coñecido é o Museo da Inquisición, que se pode visitar en Santillana del Mar (Cantabria). Localizado nun edificio de propiedade particular exhibe unha colección privada de instrumentos europeos de tortura e pena capital. Está aberto tódolos días, aínda que en inverno convén consultar horarios, e o prezo da entrada é de 6 euros.

En Fene (A Coruña) inclináronse polo riso. O Museo do Humor acolle unha gran diversidade de debuxos humorísticos que reflicten de xeito satírico a sociedade do século XX. Tódolos debuxos que se expoñen no museo forman parte de doazóns, tanto de artistas galegos -Torres, Pepe Carreiro-, coma de artistas de fóra de Galicia -Mingote ou Chumy Chúmez-. O museo está aberto en días festivos, agás se se quere realizar unha visita de grupo (escolar, de tempo libre…), que se pode concertar por teléfono para calquera día (981 342400 / 341451). A entrada é gratuíta.

Tamén os libros inspiraron algunhas coleccións. En Torrija, centro neurálxico da comarca da Alcarria, en Guadalaxara, cedeuse a torre da homenaxe do seu castelo ó Museo da Viaxe á Alcarria, obra de Cela que fixo famosa a rexión. No seu interior figuran numerosos obxectos persoais utilizados polo Premio Nobel no seu percorrido por Guadalaxara no ano 1946, cando comezou a súa viaxe, así como edicións únicas, fotografías da época, mapas e utensilios artesanais usados na posguerra que Cela cita nalgunha ocasión nalgún dos seus escritos. O horario de inverno limita as visitas, que son gratuítas, ás fins de semana.

/imgs/20041101/miscelanea02.jpg
E como os museos moitas veces supoñen un regreso ó pasado, Figueras ofrece unha viaxe nostálxica á infancia. Por cinco euros, o seu Museo do Xoguete, aberto tódolos días do ano agás o 25 de decembro, permite a visión de 4.000 pezas que teñen como único propósito entreter os máis pequenos.

Unha das galerías inauguradas recentemente é o Museo Erótico de Madrid, unha oferta alternativa na cidade das grandes pinacotecas. Ofrece un singular percorrido polas diferentes manifestacións que o ser humano tivo desde os seus comezos con respecto ó erotismo e ó sexo. Aberto tódolos días da semana, a entrada é de 6 euros.

Museo Sefardí de Toledo. Aberto todo o ano, agás en festas sinaladas, o seu titular é o Ministerio de Cultura. Achega o visitante á historia dos xudeus en España e lévao a recoñecer a entidade cultural e histórica deste pobo. Proclama o seu desexo de manter e de estreitar os lazos que secularmente vincularon os sefardís con España. A entrada é gratuíta os sábados á tarde e os domingos, e de 2,40 euros o resto dos días.

O Museo da Ciencia e a Auga de Murcia forma parte da rede de museos municipais do Concello de Murcia. Inaugurado en decembro de 1996, ten como obxectivo fomentar a curiosidade, achegar ó público os coñecementos científicos de xeito divertido e participativo. Pecha os luns, e a entrada sen descontos é de 1,20 euros.

Museo da vida rural. Situado na Casa antiga da familia Carulla, en Tarragona, trátase dun museo etnolóxico coma moitos dos que hai ó longo da xeografía española. Nel expóñense ferramentas agrícolas e oficios artesáns, propios dunha tradición rural. Pecha os luns, e a entrada sen descontos é de 3,20 euros.

Museo da Historia da Automoción. Aberto no 2002, trátase do maior museo de automoción de España. Situado na praza do Mercado da capital salmantina, a base sobre a que se constrúe este museo é a “Colección Gómez-Planche”, formada por máis de cen vehículos, milleiros de pezas, accesorios e obxectos relacionados co automóbil e un impresionante arquivo bibliográfico. Todo iso axuntado pacientemente durante máis de 40 anos por D. Demetrio Gómez e pola súa familia. A entrada custa 3 euros, e menos o luns, pódese visitar todo o ano.