Leites semidesnatados UHT enriquecidos en calcio

Para aumentar a inxestión de calcio abonda con tomar un chisco máis de leite normal

Catro dos nove enriquecidos en calcio achegan menos do declarado e SEIS fan o mesmo con outros minerais ou coas vitaminas
1 Xaneiro de 2007
Img analisis listado 144

Para aumentar a inxestión de calcio abonda con tomar un chisco máis de leite normal

/imgs/20070101/img.analisis1.01.jpg Analizáronse no laboratorio e sometéronse á cata nove leites UHT semidesnatados enriquecidos en calcio (Central Lechera Asturiana, Président, Kaiku, Río, Lauki, Pascual, Puleva, Gaza e Celta) que se vendían en envases de un litro (oito en envase de cartón e un en botella de plástico) e que custaban dende os 0,71 euros de Río ata os 0,98 euros de Pascual.

As excelentes calidades nutritivas do leite e dos seus derivados fan que a súa incorporación á dieta habitual sexa conveniente en todas as etapas da nosa vida, pero o seu mérito máis significativo, a achega de abundante calcio de grande biodispoñibilidade (o leite contén proteínas, minerais e vitaminas que favorecen a absorción do calcio polo noso organismo), convérteo en insubstituíble nas fases de crecemento e desenvolvemento (infancia e adolescencia) e en períodos fisiolóxicos concretos como o embarazo e a lactación nas mulleres.

Leites semidesnatados enriquecidos en calcio

O leite semidesnatado obtense a partir de leite enteiro, ó que primeiro se lle retira toda a súa graxa e deseguido se lle engade a cantidade de tona requirida para conseguir que a graxa represente entre o 1,5% e o 1,8% do produto, rango establecido pola normativa para o leite semidesnatado (o enteiro debe ter polo menos o 3,5% de graxa).

A continuación procédese ao enriquecemento con calcio: pódenselle engadir ao leite sales minerais de calcio, caseinatos ou caseinas, empregar leite ultrafiltrado, leite en po ou leite concentrado. O noso organismo é máis eficiente absorbendo calcio orgánico (citrato cálcico, acetato de calcio, quelato de calcio), o que se atopa no leite, ca calcio inorgánico (fosfato cálcico, carbonato de calcio), que permite unha maior concentración de calcio no produto final pero adoece dunha absorción peor. Os datos proporcionados polo laboratorio non permiten distinguir o tipo de calcio utilizado en cada leite analizado.

A maioría dos fabricantes engaden tamén vitaminas liposolubles (solubles en graxa), xa que durante o desnatado, xunto coa graxa, elimínanse estas vitaminas do leite. O leite ao que se lle engade algún nutriente (calcio, fósforo, vitaminas, proteínas, etc.) considérase “leite enriquecido”, e os seus fabricantes teñen a obriga de informar na etiqueta do produto sobre as súas características nutritivas. A metade dos leites analizados teñen menos calcio do que declaran.

A revisión da etiquetaxe destes nove leites enriquecidos revelou que todos incluían a información obrigatoria, pero en moitos casos os datos ofrecidos reveláronse pouco veraces, ata o punto de que o contido real de calcio de catro deles (Central Lechera Asturiana, Kaiku, Lauki e Gaza) foi notablemente inferior ao declarado. E nun quinto, o de Puleva, o defecto foi do 8%, pero a marxe de erro da técnica de medición aconsellou non interpretar que contiña menos calcio do declarado. Tanta inexactitude no contido real de calcio pódese deber a que, ao parecer, algúns fabricantes parten da premisa de que o leite cru contén 120 mg de calcio cada 100 mililitros, cando en realidade o máis común (os contidos varían, en función de diversos factores) é que non supere os 110 mg/100 ml. Isto pode explicar, aínda que só en parte, que os fabricantes queden curtos ao engadir calcio para alcanzar os valores declarados nas etiquetas. A solución parece sinxela: verificar o contido en calcio do leite de orixe e calcular, en cada remesa, a cantidade que cómpre engadir. Lembremos que non se pode incorporar calcio discrecionalmente, xa que un contido neste mineral superior a 160 mg/100 ml faría precipitar o leite.

Pero as discrepancias entre as cantidades declaradas de nutrientes e as atopadas na análise non acabaron no calcio. Tamén a cantidade de fósforo de Kaiku e Pascual foi inferior á comprometida nas súas etiquetas. E o mesmo acontecía co magnesio en Celta, co ácido fólico (vitamina B9) en Lauki e Pascual, coa vitamina A en Gaza e Puleva, e coa vitamina E en Gaza. En resumo: só as etiquetaxes de Río e de Président eran correctas.

Diferenzas entre o enriquecido en calcio e o normal

/imgs/20070101/img.analisis1.02.jpg O leite semidesnatado enriquecido en calcio é pouco enerxético, pero algo máis (as mostras estudadas achegan unha media de 52 calorías cada cen gramos) ca o semidesnatado normal (45 calorías cada cen gramos), cousa lóxica se se contempla que un dos nove enriquecidos é ultrafiltrado (máis concentrado) e que os outros engaden proteínas lácteas. A concentración de proteínas é, polo mesmo motivo, lixeiramente superior nos enriquecidos. A norma obriga a que o leite conteña como mínimo un 2,72% de proteína e nos enriquecidos en proteínas debe ser igual ou superior ao 3,8%; todos cumprían os requisitos que os afectaban. A norma esíxelles tamén aos semidesnatados un mínimo dun 4,25% de lactosa (azucre do leite), que as nove mostras (de media, 5,2%) cumpren.

Ao natural, o leite acabado de muxir ten entre o 3% e o 6% de graxa, dependendo da alimentación da vaca e da súa raza. O leite enteiro debe conter un mínimo do 3,5% de graxa, mentres que o desnatado terá menos do 0,5% e o semidesnatado entre o 1,5% e o 1,8% de graxa. Nas mostras analizadas, o contido graxo foi dende o 1,47% ata o 1,57% e todos os valores se consideraron aceptables. Non hai diferenzas salientables no contido graxo dos semidesnatados normais e dos enriquecidos en calcio. O mesmo acontece co contido en colesterol que, ao igual ca o de graxa, é pouco relevante: medio litro de leite semidesnatado achega 30 miligramos de colesterol, cando a cantidade de que se aconsella non superar ao día é 300 miligramos.

Atención ás vitaminas

O leite, aínda que achega outras, só é rico en vitamina B12 (máis do 30% CDR). O máis salientable para os efectos desta análise é que no proceso de extracción da graxa do leite se eliminan as vitaminas liposolubles (A, D e E) e é por iso que os fabricantes de leites semidesnatados e desnatados acostuman engadilas. En concreto, a vitamina D tórnase esencial nestes leites semidesnatados enriquecidos en calcio, xa que axuda o organismo a absorber o calcio e a depositalo en ósos e dentes.

Dos nove comparados, Río é o único que non di estar enriquecido en vitaminas. Agora ben, as análises demostraron que en moitas mostras, as cantidades de vitaminas eran inferiores ás declaradas. Gaza, por exemplo, di estar enriquecida en vitaminas A, E e D, pero no laboratorio, en clara irregularidade deste leite, non se viron cantidades detectables de vitaminas A e E. No tocante á vitamina D, a única mostra na que se detectou o contido desta vitamina (3,3 microgramos, µg/100 ml) foi Celta; nas demais mostras, por limitacións da técnica empregada, non se cuantificou, xa que era inferior a 2,5 µg/100ml (importante: ningunha mostra declaraba unha cantidade de vitamina D superior a 2,5 µg/100ml). Président e Puleva din incorporar vitamina D; Puleva engade tamén vitamina A, pero contiña só 90 µg/100 ml desta vitamina no canto dos 120 µg/100 ml declarados na etiqueta. Celta, pola súa banda, asegura incorporar as vitaminas A e D, e comprobouse en laboratorio que ata o fai en cantidades superiores ás anunciadas.

Pola súa banda, Central Lechera Asturiana, Kaiku, Lauki e Pascual din engadir ácido fólico (vitamina B9) e vitaminas A, D e E. Non sendo en vitamina A en Lauki e Pascual (que non chegan á cantidade declarada) e en vitamina D, que non se puido medir, estas mostras alcanzan, e mesmo superan, os contidos declarados. Así e todo, a maior diferenza entre un leite enriquecido en calcio e outro non enriquecido é, loxicamente, o seu contido en calcio. Pero vexámolo no apartado seguinte.

Paga a pena consumir leite enriquecido en calcio?

/imgs/20070101/img.analisis1.03.jpg O calcio é un mineral do que debemos asegurar a inxestión diaria, xa que, amais de cumprir un papel insubstituíble na formación dos ósos (o 99% do calcio do noso corpo, case un quilo, está neles), intervén noutras funcións, como a transmisión dos impulsos nerviosos, a coagulación do sangue e a actividade do corazón. Se a dieta non achega cada día o calcio necesario ou se este non se asimila correctamente, o noso organismo procúrao por si mesmo dun xeito pouco conveniente para a nosa saúde: extrae dos ósos a pequena cantidade de calcio que precisa para estas funcións complementarias. Co transcorrer dos anos, ese “roubo” continuado de calcio pode acabar debilitando os ósos e producir unha patoloxía moi coñecida, a osteoporose. De aí a necesidade de lle proporcionar regularmente calcio ao organismo durante toda a vida e non só ata a idade en que acaban de se construíren os ósos, arredor dos 30 anos.

Para a poboación adulta en xeral (nenos, embarazadas e lactantes precisan máis), recoméndase unha inxestión diaria (CDR) de 800 mg de calcio. Dous vasos de leite (medio litro) ao día garanten uns 600 mg de calcio, o 75% da CDR. O leite (tanto ten que sexa enteiro, desnatado ou semidesnatado, o contido de calcio non varía) achega entre 105 e 120 miligramos de calcio cada cen mililitros (mg/100 ml), mentres que o enriquecido en calcio contén (datos desta análise) entre 130 mg/100 ml e 160 mg/100 ml; a media das nove mostras estudadas é de 145 mg/100 ml, un 30% máis de calcio ca o leite non enriquecido.

O calcio que precisamos pódese conseguir tamén mediante derivados lácteos, como queixo semicurado (820 mg/100 g), iogures (130 mg/100 g) ou calladas (60 mg/100 g), pero hai outros alimentos, como sardiñas en lata (400 mg/100 g, con espiña), améndoas (254 mg/100 g) ou agróns (170 mg/100 g) e outras verduras, como o brócoli, que conteñen calcio, se ben o seu aproveitamento polo noso organismo (a biodispoñibilidade) é menor ca nos lácteos.

O consumo diario de dous vasos de leite semidesnatado ou desnatado (co que reducimos a graxa e as calorías do leite enteiro) e dalgún outro produto lácteo garántenos a CDR de calcio. É por iso que non cómpre recorrer a leites enriquecidos, que, no mellor dos casos, achegan un 50% máis de calcio que as normais e, no peor, só un 15%. Ademais, o proceso de enriquecemento en calcio implica unha serie de manipulacións do leite que alteran a súa composición orixinal ata o punto de que algúns dos estritos parámetros establecidos pola norma (véxase o cadro de datos da análise) para o leite co fin de evitar problemas de calidade e fraudes non son aplicables a estes leites enriquecidos nin resultan claros de interpretar. Doutra banda, nos leites enriquecidos en calcio non só as cantidades de calcio, doutros minerais e de vitaminas son en moitos casos inferiores ás anunciadas, senón que tres dos nove (véxanse cadro de datos e resumo “Un por un, nove leites) presentaron problemas de calidade.

Quen sufra intolerancia á lactosa (azucre do leite) ou, pola razón que sexa, descarte o leite da súa dieta, pode incorporar o calcio á súa dieta consumindo outros alimentos ricos neste mineral ou ben recorrer aos suplementos de calcio. Non hai risco dun consumo excesivo de calcio: eliminamos, mediante os ouriños e as feces, o calcio que non precisamos. Estímase que a inxestión de ata 2.500 mg diarios é segura. O leite enriquecido en calcio podería ser unha alternativa en etapas da vida que requiren unha achega extra de calcio (infancia e adolescencia, embarazo e lactación, vellez), pero ese 15%-50% extra pódese conseguir dun modo moi sinxelo aumentando o consumo de leite.

Así e todo, sobre o calcio gravita certa controversia: boa parte da comunidade científica segue poñendo en dúbida a utilidade deste mineral en persoas adultas cando se inxire mediante o consumo de alimentos, pero á súa vez outros expertos aseguran que o calcio que con maior eficiencia utiliza o noso organismo é o que conteñen alimentos como o leite. O certo é que cando a necesidade de calcio é urxente (osteoporose, tratamentos que reducen a cantidade de calcio no organismo…), os médicos adoitan prescribir suplementos de calcio e non suxiren maior inxestión de alimentos ricos en calcio.

En síntese y Táboa comparativa

En síntese

  • Analizáronse nove mostras de leite UHT semidesnatados enriquecidps en calcio. Presentados en envases dun litro (oito en envase de cartón e un en botella de plástico), custaban dende 0,71 euros (Río) ata 0,98 euros (Pascual).
  • O desnatado e o semidesnatado teñen a mesma cantidade de calcio ca o leite enteiro: entre 105 mg/100 ml e 120 mg/100 ml. O contido en calcio dos semidesnatados enriquecidos foi dende os 131 mg/100 ml de Central Lechera Asturiana ata os 160 mg/100 ml de Celta. O calcio engadido representa, de media, un 30% do que por si ten o leite.
  • Catro dos nove achegan menos calcio do declarado na súa etiqueta; sitúanse, xa que logo, fóra de norma. E seis contiñan minerais (fósforo e magnesio) e/ou vitaminas (A, E e B9) en menor cantidade da anunciada.
  • Problemas de calidade en tres mostras: Central Lechera Asturiana sufriu tratamento térmico excesivo, Puleva adoecía -moi presumiblemente- dunha mala calidade microbiolóxica no leite de orixe e o elevado punto de conxelación de Lauki parece indicar un exceso de auga no produto.
  • Nutricionalmente, os nove leites enriquecidos en calcio son similares: pouco enerxéticos (48-56 calorías cada cen gramos), conteñen de media un 4% de proteínas, o 1,5% de graxa e un 5% de carbohidratos.
  • Río e Président son os únicos que nin presentaron problemas de calidade nin ofrecían menos calcio, vitaminas ou minerais do declarado.
  • O galardón de mellor relación calidade-prezo correspóndelle a Celta, o de máis calcio e un dos mellores en cata, a un prezo intermedio. Outra opción: Río, aínda que non engada vitaminas nin minerais distintos do calcio.
Leites semidesnatados UHT enriquecidos en calcio
MARCA Celta Río Président Pascual Kaiku
Formato Brik 1 L Brik 1 L Botella de plástico 1 L Brik 1 L Brik 1 L
Prezo (euros / litro) 0,89 0,71 0,97 0,98 0,92
Etiquetaxe Incorrecto Correcto Correcto Incorrecto Incorrecto
Graxa total (g/100 g) 1 1,47 1,50 1,48 1,53 1,56
Proteína (g/100 g) 3,8 4,2 4,1 4,4 3,8
Lactosa (g/100 g) 2 5,4 4,8 5,1 5,6 4,9
Valor calórico (Kcal/100 ml) 52 51 52 56 50
Calcio (mg/100 ml) 3 160 152 146 156 138
Fósforo (mg/100 ml) 3 149 118 110 130 107
Magnesio (mg/100 ml) 3 39 Non procede análise Non procede análise Non procede análise Non procede análise
Ácido fólico ó vitamina B9(µg/100 ml) 3 Non procede análise Non procede análise Non procede análise 21 31
Vitamina A (µg100 ml) 3 298 Non procede análise Non procede análise 251 161
Vitamina D (µg/100 ml) 3 3 Non procede análise ND ND ND
Vitamina E (mg/100 ml) 3 Non procede análise Non procede análise Non procede análise 1,7 1,6
Extracto seco magro (g/100 g) 4 10,3 9,9 10 11,1 9,52
Punto de conxelación (ºC) 5 -0,635 -0,538 -0,566 -0,749 -0,548
Proba de glicomacropéptidos 6 Negativo Negativo Negativo Negativo Negativo
Furosina (mg/100 g proteína) 7 310,7 212,7 257,2 191,7 202,6
Lactulosa (mg/L) 8 755 593 491 645 471
Inhibidores 9 Negativo Negativo Negativo Negativo Negativo
Estado hixiénico-sanitario Correcto Correcto Correcto Correcto Correcto
Cata (1 a 9) 7 6,7 5,9 6,3 5,6
MARCA Gaza Central Lechera Asturiana Puleva Lauki
Formato Brik 1 L Brik 1 L Brik 1 L Brik 1 L
Prezo (euros / litro) 0,85 0,91 0,96 0,92
Etiquetaxe Incorrecto Incorrecto Incorrecto Incorrecto
Graxa total (g/100 g) 1 1,56 1,57 1,52 1,51
Proteína (g/100 g) 3,8 3,3 3,8 3,8
Lactosa (g/100 g) 2 5,7 4,6 5,7 4,5
Valor calórico (Kcal/100 ml) 54 48 53 48
Calcio (mg/100 ml) 3 142 131 149 138
Fósforo (mg/100 ml) 3 115 126 125 105
Magnesio (mg/100 ml) 3 Non procede análise Non procede análise Non procede análise Non procede análise
Ácido fólico ó vitamina B9(µg/100 ml) 3 Non procede análise 113 Non procede análise 21
Vitamina A (µg/100 ml) 3 ND 207 90 133
Vitamina D (µg/100 ml) 3 ND ND ND ND
Vitamina E (mg/100 ml) 3 ND 1,8 Non procede análise 1,9
Extracto seco magro (g/100 g) 4 10,5 8,9 10,4 9,1
Punto de conxelación (ºC) 5 -0,629 -0,557 -0,644 -0,502
Proba de glicomacropéptidos 6 Negativo Negativo Positivo Negativo
Furosina (mg/100 g proteína) 7 152,2 220,9 211,9 67,9
Lactulosa (mg/L) 8 340 1585 467 245
Inhibidores 9 Negativo Negativo Negativo Negativo
Estado hixiénico-sanitario Correcto Correcto Correcto Correcto
Cata (1 a 9) 6,8 4,7 6,7 6,3

(1) Graxa: o contido de graxa no leite semidesnatado debe ser de entre 1,5% e 1,8%.

(2) Lactosa: azucre do leite.

(3)Cando os valores de vitaminas e minerais están salientados en grosa, significa que o contido atopado nas devanditas substancias é significativamente menor ao declarado na etiqueta do produto. Incumpren norma.

(4) Extracto seco magro: o que queda do produto cando se elimina a auga e a graxa. Debe superar o 8, 25% nos leites básicos, pero os leites enriquecidos non teñen normativa propia.

(5) Punto de conxelación: reflicte a temperatura á que o leite se conxela; depende a concentración de sales do produto. Oito das nove mostras obteñen valores aceptables para leites enriquecidos; a excepción é Lauki: o seu alto punto de conxelación suxire un exceso de auga no leite.

(6) Glicomacropéptidos: indicador da calidade da materia prima empregada. O positivo da mostra de Puleva revela que a calidade microbiolóxica do seu leite de orixe podería ser deficiente.

(7): Furosina: substancia que se produce a partir da lactosa durante o tratamento térmico e de conservación do leite. Nun leite clásico considéranse normais os valores inferiores a 200 mg/100 g de proteína. Tendo en conta que un leite enriquecido esixe un maior período de conservación, os valores rexistrados nas analizadas poden considerarse aceptables.

(8) Lactulosa: outra substancia que se produce a partir da lactosa durante o tratamento térmico do leite. Cantidades superiores a 800 mg/litro relaciónanse cun tratamento térmico excesivo.

(9) Inhibidores: antibióticos que poden pasar das vacas tratadas con eles ao seu leite; non se detectaron en ningunha mostra.

Non procede análise: cando a mostra non declaraba adición de vitaminas ou minerais non se realizou análise para comprobar o contido en vitaminas ou minerais.

ND: Non detectado; na vitamina D, cando se indica ND a cantidade existente é, en calquera caso, menor a 2,5 µg/100 ml, xa que a técnica empregada non detecta contidos inferiores a este; así e todo, as mostras con ND en vitamina D declaran contidos menores a 2,5 µg/100 ml. En vitaminas A e E, non obstante, ND pode considerarse incumprimento da norma.

Os valores salientados en grosa expresan irregularidades ou incumprimento da norma: ou son cantidades de vitaminas ou de minerais inferiores ás declaradas nas etiquetas, ou ben indican problemas de calidade do produto.

Un a un

Un a un, 9 leites UHT semidesnatados enriquecidos en calcio

Celta

/imgs/20070101/img.analisis1.leche.01.jpgLeite UHT semidesnatado, enriquecido en calcio, fósforo e magnesio, e en vitaminas A e D.
0,89 euros/litro.
A mellor relación calidade-prezo.
O de máis calcio (160 mg/100 ml). Tamén o de maior cantidade de fósforo e de vitamina D. Só unha irregularidade: menos magnesio do declarado. É o único no que se puido cuantificar o contido en vitamina D (3,3 microgramos, µg/100 ml); o das demais mostras foi inferior a 2,5 µg/100ml (ningunha declaraba un contido maior ca este) e, por limitacións da técnica, non puido ser cuantificado.
Na cata, con 7 puntos, foi dos máis preferidos: comentarios favorables ao seu “sabor” e “cremosidade”, aínda que algúns consumidores sinalaron un “sabor algo forte”.

Río

/imgs/20070101/img.analisis1.leche.02.jpgLeite UHT, semidesnatado, ultrafiltrado.
0,71 euros/litro.
O máis barato.
Outra opción interesante, aínda que non engada nin vitaminas nin minerais distintos do calcio. Máis ca enriquecido en calcio pódese dicir que é un leite ultrafiltrado, máis concentrado. Dos de máis calcio (152 mg/100 ml), é un dos dous (dun total de nove analizados) nos que non se detectaron irregularidades nin problemas de calidade.
Na cata, recibe 6,7 puntos: gusta polo seu “sabor de leite natural” e pola súa “cor”, pero recibe críticas por “falta de consistencia” e por “pouco sabor”.

Président

/imgs/20070101/img.analisis1.leche.03.jpgLeite UHT semidesnatado, enriquecido en proteínas lácteas ricas en calcio e en vitamina D.
0,97 euros/litro.
Un dos dous máis caros.
Un dos dous nos que non se detectou irregularidade ningunha. Non engade vitaminas (agás a D, pero a análise non puido cuantificar a súa cantidade -inferior a 2,5 µg/100ml-) nin minerais distintos do calcio.
Na cata, con 5,9 puntos, sitúase entre as menos preferidas: gustaron o seu “sabor doce” e a súa “cremosidade”, pero criticouse a súa “falta de sabor” e “sabor estraño”.

Pascual

/imgs/20070101/img.analisis1.leche.04.jpgLeite UHT semidesnatado, enriquecido en calcio, fósforo e vitaminas A, D, E e B9.
0,98 euros/litro.<
O máis caro.
Un dos de máis calcio (156 mg/100 ml). Menos fósforo do que declara, e o mesmo acontece co ácido fólico ou vitamina B9. A cantidade de vitamina D (inferior en todo caso a 2,5µg/100ml), non puido ser precisada.
Na cata, 6,3 puntos, entre as máis preferidas: gabada polo seu “sabor” e “cremosidade”, recibiu criticas polo seu “sabor forte” e “cor escura”.

Kaiku

/imgs/20070101/img.analisis1.leche.05.jpgLeite UHT, semidesnatado, enriquecido en calcio e vitaminas A, E, D e ácido fólico.
0,92 euros/litro.
Bastante menos calcio (138 mg/100 ml) do declarado (160 mg/100 ml), e o mesmo acontece co fósforo.
Na cata acada 5,6 puntos e foi unha das que menos gustaron: eloxios polo seu “sabor” e “cor”, pero criticada por “moi líquido” e “pouco sabor”.

Gaza

/imgs/20070101/img.analisis1.leche.06.jpgLeite UHT, semidesnatado, con vitaminas A, D e E.
0,85 euros/litro.
Un dos máis baratos.
Menos calcio (142 mg/100 ml) do declarado (165 mg/100 ml) e non se atoparon as vitaminas A e E. A cantidade de vitamina D (inferior en todo caso a 2,5 µg/100ml), non puido ser precisada.
Na cata (6,8 puntos), entre os preferidos: gusta polo seu “sabor doce” e pola súa “cor”, e ó tempo é criticado por ser “pouco cremoso”.

Central Lechera Asturiana

/imgs/20070101/img.analisis1.leche.07.jpgLeite UHT, semidesnatado, enriquecido en calcio, ácido fólico e en vitaminas A, D e E.
0,91 euros/litro.
Bastante menos calcio (131 mg/100 ml) do que declara (160 mg/100 ml). A menor achega proteínica (3,3%) e o menor extracto seco magro (8,9%). Problema de calidade: leite sometido a excesivo tratamento térmico.
Na cata, a peor nota (4,7 puntos) e foi unha as que menos gustaron: “cremosa” e “con bo sabor”, foi criticado pola súa “cor escura” e polo “pouco sabor a leite”.

Puleva

/imgs/20070101/img.analisis1.leche.08.jpgLeite UHT, semidesnatado, enriquecido en proteínas, calcio e vitaminas A e D.
0,96 euros/litro.
Un dos máis caros.
Menos vitamina A da declarada. A cantidade de vitamina D (inferior en todo caso a 2,5 µg/100ml), non puido ser precisada. Unha proba realizada en laboratorio apunta a que o estado hixiénico-sanitario do leite de orixe era deficiente.
Na cata (6,7 puntos), dos que máis gustaron: agradaron o seu “sabor intenso” e mais a súa “cor” e “cremosidade”, pero cuestionáronse o seu “pouco sabor a leite” e mais a súa “falta de consistencia”.

Lauki

/imgs/20070101/img.analisis1.leche.09.jpgLeite UHT semidesnatado, enriquecido con calcio e vitaminas E, A, B9 e D.
0,92 euros/litro.
Bastante menos calcio (138 mg/100 ml) do que declara (160 mg/100 ml), e o mesmo acontece co ácido fólico ou vitamina B9. Dúas características positivas do produto: o tempo máis breve de almacenamento e o tratamento térmico menos agresivo. E unha negativa: incumpre a norma polo seu punto de conxelación (-0,520ºC), superior ao admitido, o que parece indicar exceso de auga no leite. A vitamina D (inferior en todo caso a 2,5 µg/100ml), non puido ser precisada.
Na cata (6,3 puntos), posición intermedia: gustan o seu “sabor” e a súa “cor”, pero critícase por “lixeiro, pouco cremoso” e por ter “pouco sabor”.
Cantidade Diaria Recomendada (CDR) de calcio*
  • Ata os 6 meses: 500 mg diarios
  • De 6 meses a un ano: 600 mg diarios
  • De 1 a 9 anos: 800 mg diarios
  • De 10 a 19 anos: 1.000 mg diarios
  • De 20 anos en diante: 800 mg diarios
  • Mulleres en xestación: 1.400 mg diarios
  • Mulleres en período de lactación: 1.500 mg diarios

* Medio litro de leite (dous vasos), achegan 600 mg de calcio, cen gramos de queixo semicurado, 820 mg; cen gramos de iogur, 130 mg.