Adeus ao diñeiro barato
EFECTOS POSITIVOS
O efecto positivo máis importante dunha suba dos tipos de xuro apréciase sobre os principais produtos de aforro bancario, en especial, contas e depósitos a prazo fixo. Se soben os tipos, as entidades teñen máis marxe para ofrecer rendibilidades máis atraentes. De feito, dende decembro do 2005 rexistrouse un significativo incremento nos tipos de xuro que ofrecen os depósitos e as contas correntes. Segundo datos do Banco de España, a peche do 2005 os depósitos a menos dun ano ofrecían un xuro medio do 2,30%. Na actualidade, o xuro sitúase no 2,95%.
Os depósitos a prazos entre un e dous anos pasaron de dar un xuro medio do 2,01% a ofrecer un 2,88%. Pola súa banda, os depósitos a prazos superiores aos dous anos rendibilizan agora o aforro a un xuro medio do 2,71%, o que contrasta co 2,02% que ofrecían hai un ano. En calquera caso, estes son datos sobre o xuro medio calculado tendo en conta os datos de todas as entidades financeiras que operan en España (bancos e caixas). Agora ben, nos últimos meses o mercado asistiu a unha auténtica avalancha de novos depósitos que, en moitos casos, ofrecen xuros máis altos. Algunhas entidades que operan online ofrecen depósitos a un ano a un xuro do 4%. Isto supón que se un aforrador destina 10.000 euros a un depósito deste tipo, ao vencemento -que adoita ser cando se cobran os intereses- recibirá 10.400 euros.
As contas á vista tamén pasaron de ofrecer un xuro medio do 0,41% a peche do 2005 a dar un 0,49% de rendibilidade. Non obstante, tamén hai no mercado ofertas con tipos moito máis atraentes. As mellores contas, que poden contratarse en entidades que operan a través da Internet, ofrecen un xuro do 2,65% (hai un ano ofrecían un 2,25%).
Como se estima que os tipos de xuro na zona euro poden seguir subindo máis no vindeiro ano (ata alcanzar mesmo o 4%, segundo algúns expertos), é lóxico pensar que a rendibilidade que ofrecen as contas e os depósitos tamén se seguirá incrementando, o que é unha boa nova para os aforradores. En xeral, estes produtos bancarios gañan atractivo nas etapas de subas de tipos de xuro. Pola contra, pérdeno cando o Banco Central Europeo (o organismo que se encarga de regular a cantidade de diñeiro que hai no mercado da eurozona) decide iniciar un período de baixadas no prezo dos cartos.
A Débeda Pública (activos emitidos polo Estado, como Letras, Bonos ou Obrigas) tamén adoita comezar a incluír un maior xuro cando empezan a subir os tipos. Por exemplo, as Letras do Tesouro a un ano ofrecían ao peche do 2005 un xuro medio do 2,53%. Esta rendibilidade contrasta co tipo medio do 3,578% ao que se ofertaron as Letras na última poxa do mes de outubro do 2006. Os bonos a cinco anos e as obrigas a dez anos pasaron de dar un xuro medio do 3,02% e do 3,475% a establecer un 3,692% e un 3,992%, respectivamente.
EFECTOS NEGATIVOS
En calquera caso, para que o impacto da suba dos tipos de xuro sexa menor, as entidades financeiras están a optar por alongar o prazo de amortización das hipotecas. Na actualidade, xa poden atopar empréstitos hipotecarios a un prazo máximo de 50 anos.
Igualmente, no ámbito empresarial o sector que se ve especialmente afectado pola suba dos tipos de xuro é o inmobiliario. De feito, xa se observan os primeiros indicios de esgotamento na venda, nos prezos (nalgunhas zonas de España comezaron a caer) e no tempo que tardan en venderse os inmobles.
Agora ben, todos aqueles que están hipotecados dende hai tempo e que agora se están vendo afogados coa suba de tipos, que poden facer? Unha das solucións á que poden recorrer é ao refinanciamento hipotecario, é dicir, a negociar co banco novas condicións para o seu crédito. Isto pode implicar unha rebaixa no tipo de xuro aplicado e un alongamento dos prazos, o que lles permitiría pagar unha cota menor, aínda que, iso si, durante máis tempo e co pagamento de máis xuros. Isto quere dicir que, lonxe de saír prexudicada, a entidade bancaria obterá un maior beneficio.
En segundo lugar, os interesados en adquirir unha vivenda poden contemplar a opción de subscribir unha hipoteca a tipo mixto. Este tipo de empréstitos combinan o pagamento de tipos de xuro fixos e variables, en períodos elixidos polo cliente. Grazas á flexibilidade nas condicións, o cliente pode financiar a súa vivenda con cotas á súa medida, que se manterán fixas durante o período elixido. Este produto inclúe protección ante subas de tipos. Por exemplo, un cliente pode contratar unha hipoteca mixta e decidir pagar un tipo fixo durante os primeiros 20 anos e variable durante os 20 seguintes. Durante os primeiros 20 anos, non lle afectará a suba de tipos de xuro, xa que a súa cota será a mesma, suban ou baixen os tipos.
Outra solución, para todas aquelas familias que ademais de ter unha hipoteca contan con máis empréstitos persoais, é reunificar todos os créditos nun (o hipotecario, co que a garantía segue sendo a vivenda). Esta operación tamén permite pagar menos ao mes, aínda que durante máis tempo e mediante o pagamento de maiores xuros á entidade bancaria. Malia este inconveniente, pode ser unha solución aceptable para aqueles fogares que na actualidade se senten afogados e necesitan rebaixar a súa cota para vivir sen tanta presión debedora.
A Bolsa é outro dos mercados que adoita sufrir negativamente o impacto dunha suba dos tipos de xuro. Polo xeral, se os tipos soben, gañan atractivo os instrumentos de renda fixa (como as Letras do Tesouro ou os Bonos anteriormente comentados) e pérdeo a renda variable. Debido á dispoñibilidade de alternativas de menos risco e que están a elevar a súa rendibilidade, moitos investidores saen da Bolsa. Na actualidade, non obstante, hai unha gran liquidez no mercado, polo que a suba non afectou ao mercado de renda variable. De feito, moitos cartos procedentes da venda de inmobles foi parar á Bolsa. Así e todo, convén ter en conta que con subas de xuro máis avultadas, este mercado podería sufrir e comezar a caer.
O consumo tamén se pode ver afectado pola suba de tipos, debido ao forte endebedamento das familias. Se sobe o prezo dos cartos, as familias teñen que facer máis esforzo para manter o seu nivel de consumo actual, que é moi alto. Os maiores tipos de xuro, a elevada inflación e o menor aumento da riqueza inmobiliaria pesan sobre a renda dispoñible das familias e, polo tanto, sobre o consumo. Nos últimos anos, o consumo creceu a taxas superiores ao 4% anual, que poderían rebaixarse, e previsiblemente se rebaixarán, ata o 3% ao ano nos exercicios vindeiros.
DICIONARIO BÁSICO PARA NON SE PERDER
Euríbor: é un acrónimo de “Europe Interbank Offered Rate”, é dicir, tipo europeo de oferta interbancaria. É o tipo de xuro aplicado ás operacións entre bancos de Europa; isto significa que é a porcentaxe que paga como taxa un banco cando outro lle deixa diñeiro. Nas hipotecas, representa o xuro que cobrará o banco por prestarlle diñeiro ao cliente. Adoita revisarse cada 6 meses ou cada ano (en función do contratado).
Banco Central: entidade eixe do sistema bancario dun ou varios países que ten como obxectivo controlar e dirixir o conxunto de institucións financeiras. Ademais, é o encargado de emitir e de pór en circulación a moeda común e de preservar o seu valor fronte a outras divisas.
Banco Central Europeo: organismo que dirixe a política monetaria da zona euro.
Reserva Federal: é o banco central estadounidense.