Seguridade nas alturas
A oferta é variada tanto en materiais coma en peso e altura. O primeiro paso para unha boa elección é determinar que tamaño se precisa. Diso dependerá o número de chanzos, que adoita estar entre tres e oito, e a altura. Con tres chanzos pódese traballar a uns 2,5 metros, con catro chanzos a 2,75 metros, con cinco chanzos a case 3 metros e con oito chanzos rózanse os 4 metros. A máis chanzos, máis peso e maior incomodidade no seu manexo. O peso ideal é arredor dos catro quilos, cunha resistencia mínima de 150 quilos.
No tocante ao prezo, o abano é amplo: dende 20 euros ata máis de 300. Con independencia do seu custo, deben estar certificadas pola normativa europea UNE-EN 131. Esta información debe quedar recollida na etiqueta xunto ás instrucións. Antes de levar a escada para a casa é conveniente probala no propio comercio e verificar a súa estabilidade e solidez.
MATERIAIS
A diversidade de materiais coa que se constrúe este tipo de escadas é ampla. As máis comúns son as de aluminio -aínda que tamén é posible atopalas en madeira, fibra de vidro, plástico ou aceiro- e de tipo tesoira, é dicir, cunha articulación que permite pregalas.
- Aliaxe de aluminio. É lixeira e inoxidable, aínda que máis fráxil. A normativa establece que a espesura mínima de todas as partes de aluminio é de 1,2 milímetros.
- Prezo. Entre 20 euros (3 chanzos) e 50 euros (6 chanzos).
- Aceiro. Ferramenta pesada, pero moi resistente: o grosor mínimo do aceiro debe ser dun milímetro.
- Prezo. Entre 35 e 50 euros.
- Fibra de vidro. Son escadas lixeiras, illantes da corrente eléctrica, aínda que fráxiles en ambientes fríos e con resistencia limitada á calor. As máis caras.
- Prezo. Entre 100 e máis de 300 euros.
- Madeira. Algunhas das variedades máis axeitadas son a madeira de abeto, piñeiro silvestre ou faia. A máis illante, pero unha das menos resistentes.
- Prezo. Entre 45 e 120 euros.
REQUISITOS DUNHA BOA ESCADA
A normativa que rexe na Unión Europea para escadas portátiles é a norma UNE-EN 131, que determina os tipos, dimensións, cargas que deben soportar, resistencias e métodos de ensaio, entre outras cuestións. Esta normativa especifica a necesidade de que as escadas dispoñan de elementos de seguridade que impidan a súa apertura mentres se usan e obriga a que non haxa puntos cortantes e a que os cravos e parafusos estean protexidos para que non se afrouxen sós. Tamén regula os seguintes elementos dos que consta unha escada:
- Chanzos. A anchura interior, é dicir, o que mide o chanzo entre os paus, ten que ter un mínimo de 280 milímetros, mentres que a exterior, a dos paus, debe ser de 340 milímetros. A profundidade do chanzo, onde se apoia todo o pé, ten que ser igual ou superior a 80 milímetros e estar en posición horizontal durante o seu uso. A distancia mínima entre chanzos é de 230 milímetros e a máxima de 300 milímetros. O ideal é que os chanzos sexan antiesvaradíos, duros e fixados aos paus con cravos ou cola.
- Plataforma. É o último chanzo da escada, máis ancho ca os demais: as dimensións mínimas son de 25 centímetros de ancho por 25 centímetros de longo. A norma esixe que se eleve cun dispositivo no momento no que se pecha a escada e que non se balancee cando unha persoa está subida no seu bordo frontal.
- Varanda de seguridade. Considérase que debe ter unha altura mínima de 60 centímetros respecto á plataforma, que actúa como un chanzo máis, co fin de que sirva de punto de apoio.
- Remate. Os bordos, ángulos ou partes saíntes deben estar biselados ou redondeados. As partes de metal oxidables deben estar protexidas por unha capa de pintura ou outros revestimentos e os elementos de madeira deben estar tratados en todas as súas caras e recubertos cunha capa protectora transparente e permeable ao vapor de auga.
- Articulacións. As escadas dobres (que se abren en forma de “V”) teñen que estar unidas por unha articulación duradeira, concibida para que ningunha das partes da escada poida bater con calquera outra parte durante o seu uso. O eixe de articulación debe ser de aceiro e ter un diámetro mínimo de 5,3 milímetros.
- Apoios no chan. Teñen que estar provistos na súa base de dispositivos antiesvaradíos que se axusten aos paus. A súa misión é darlle estabilidade á escada e amarrala ao chan.
- Revisar a escada antes de cada uso.
- Asentar a base sobre unha superficie lisa e estender completamente o tensor.
- Utilizar calzado que non esvare.
- Despexar a área que queda sobre a cabeza.
- Facer o ascenso, traballo e descenso coas mans libres, de fronte á escada, agarrándose aos chanzos ou aos paus.
- Manter o peso do corpo equilibrado, non inclinarse nin estirarse demasiado.
- Manipular os materiais con coidado, non facer xestos bruscos.
- Manter sempre unha man na escada.
- Non apoiarse no último chanzo.
- Limpar as substancias que poidan caer sobre a escada, en especial graxa ou aceite.
- Non almacenar a escada sobre o chan, senón colgada e apoiada sobre os paus.
- Nos traballos eléctricos ou na proximidade de instalacións eléctricas deben utilizarse escadas illantes.
- Non situar a escada detrás dunha porta, alguén podería abrila accidentalmente.
- Non usar a escada se se sofren desmaios ou vertixes.
- Non pintar unha escada de madeira, xa que se podería ocultar algún defecto estrutural.