Cuestión de tintas
O prezo das impresoras é un máis dos parámetros que cómpre ter en conta no cálculo do custo final de imprimir dende a comodidade do fogar as fotografías e documentos. Agora ben, non é o parámetro máis importante. O uso que se lle queira dar e, en especial, o prezo, notable, das tintas condicionan, e moito, a elección da tecnoloxía de impresión. O gasto, se non, pode ser astronómico.
Para impresións en cor
No caso de Canon ou Epson, o sistema “pezoeléctrico” e o cartucho é un simple depósito de tinta que permite que os cartuchos “oficiais” sexan algo máis baratos. Pero este sistema obriga a realizar limpezas periódicas dos inxectores da impresora, un proceso automático que consume unha gran cantidade de tinta; e a tinta é un dos líquidos máis caros do mundo.
A tinta, máis cara ca o petróleo
Estes prezos contrastan co das impresoras en si, que están baixando ano a ano, ata situarse nalgúns casos por baixo dos 40 euros, aínda que a media anda arredor dos 100 euros para un aparato doméstico. Algúns expertos chaman a este modelo de negocio “o sistema da folla de afeitar”, no que se regala o mango e se gañan os cartos coa venda de coitelas. O resultado é que ao final do primeiro ano o custo da tinta gastada pode triplicar o valor do aparello.
Por suposto, non paga a pena mercar unha impresora de chorro de tinta para usala só na impresión de documentos, ou nin sequera de forma mixta, combinando impresión de texto e imaxes. O problema deste tipo de impresoras é que soportan mal os tempos de impresión prolongados (por exemplo, imprimir máis de 30 follas de golpe) e os cabezais do inxector adoitan lixarse. Ademais, a mecánica tambor que desliza o papel reséntese moito. Outro problema é que a tinta tende a secarse, polo que se non se usa a impresora con asiduidade os inxectores bloquéanse coa tinta seca.
Láser, non só para oficinas
Outro mundo completamente distinto é o das impresoras láser, que, no canto de traballar con pequenos cartuchos de líquido, o fan con contedores grandes dunha especie de tinta seca chamada “tóner”. O que fai o láser é fixar con calor o “tóner” sobre a superficie do papel. Trátase dunha técnica moito máis rápida, limpa e eficaz. A vantaxe das láminas de tinta seca é que se poden administrar con moita máis eficiencia, amais da maior capacidade do contedor, polo que cun se imprimen entre 2.000 e 3.000 páxinas.
A tinta seca, doutra banda, ten moita maior resistencia ás condicións ambientais, polo que un cartucho pode durar anos. De feito, se se pensa nunha impresora exclusiva para textos e documentos de oficina, esta opción é a ideal, pola súa gran resistencia e capacidade de impresión. As impresoras láser, que nun principio eran caras, baixaron os seus prezos ata o punto que as hai dende 100 euros. Iso sempre que a impresora só imprima en branco e negro, porque o prezo das láser a cor dispárase e non sae rendible na maioría dos fogares.
O prezo do cartucho contedor tamén é caro, entre os 60 e os 90 euros, pero se se compara a cantidade de follas que pode imprimir co custo do cartucho (sen ter en conta o investimento na máquina), o prezo por páxina impresa é moi inferior con respecto ao que custaría nunha impresora de chorro de tinta; aproximadamente 0,03 euros por páxina fronte a 0,09 euros por páxina. Ademais, o gasto por consumibles (tintas) redúcese a unha ou dúas compras anuais ou bianuais. Polo tanto, unha solución axeitada para moitos usuarios consiste en utilizar na casa unha impresora láser para pasar a papel os documentos e levar a unha tenda de revelado as fotografías dixitais (cunha calidade final superior e un prezo por copia similar, cando non inferior, á impresión doméstica).
Fronte aos prezos dos cartuchos “oficiais”, fabricados e recomendados polas marcas, desenvolveuse un mercado de recarga, reciclaxe e mesmo de fabricación de cartuchos xenéricos moito máis baratos. Xeralmente, o prezo dun cartucho xenérico é entre dúas e tres veces menor ca o dun cartucho “oficial” e nada indica que funcionen peor ca os seus homónimos con pedigree.