Blog: A rapaza da tele / "Geek" / Páxina: "As fotos de Micaela de la Maza"

1 Xaneiro de 2007

Blog: A rapaza da tele / "Geek" / Páxina: "As fotos de Micaela de la Maza"

CADA MES UN BLOG

A rapaza da tele: blog para televidentes rebeldes

/imgs/20070101/img.nntt01.jpg Susana Alosete entrou no mundo dos blogs case polo costume de ver o seu marido (o analista tecnolóxico Enrique Dans) escribir o seu. Pero lonxe de seguir os seus pasos, ela non se declarou unha “vítima da tecnoloxía” e optou por facer da televisión o tema principal e único da súa bitácora. Así, Alosete fala dende Internet de cousas que están “fóra” de Internet. Ou non? Pois non está nada claro, porque moitos dos destinatarios deste blog son eses afeccionados ás series de televisión que nunca ven a televisión: os televidentes rebeldes. É dicir, os consumidores dos “paquetes” de series e programas que se venden en DVD ou que se comparten na redes P2P, tan numerosos os uns como os outros. Estes, a través da “Rapaza da Tele”, saben de todas as novidades que dende os Estados Unidos se preparan para as vindeiras tempadas. Pero non só de novidades se fala este blog: tamén teñen cabida todo tipo de novas que se relacionan co mundo televisivo e cos seus mitos: páxinas de series, artistas, os novos formatos de soporte óptico (HD-DVD, Blu Ray) para ver as series, etcétera.

O CONCEPTO DO MES

“Geek”

Os “geeks” están datados na biblografía universal dende que en 1969 o sociólogo e profesor de programación do MIT (Instituto Tecnolóxico de Massachusetts) Joseph Weizenbaum describiu no seu libro “Computer Power and Human Reason” a algúns dos seus alumnos, que eran completos obsesos da computadoras, como “vítimas dun trastorno”. Os síntomas da enfermidade “geek” eran a paixón pola tecnoloxía, os voos espaciais, a ciencia ficción e outras modalidades culturais que combinaban as “letras” coas “ciencias”. Os “geeks” eran ademais calados e ariscos, inadaptados ao medio social, e eran capaces de botar días e noites enteiras diante do ordenador construíndo linguaxes de programación. Non saían en parella, non se preocupaban do seu aspecto físico… En resumo, eran un desastre.

Pero choveu moito dende aquela, tanto que un daqueles “geeks” é hoxe o home máis rico do mundo (Bill Gates); outro é e será un dos máis influentes axitadores do século (Richard Stallman) e un par deles (Steve Jobs e Steve Wozniak) manexan boa parte do negocio da música a través dun dos seus inventos e a súa marca, o iPod e Apple.

Estes novos “gafotas” dos anos setenta, máis intelixentes ca os máis dos seus compañeiros da clase, algo inadaptados e torpes nas relacións sociais, vense representados agora nunha lexión de millóns de mozos que atoparon na Internet a arma perfecta para daren o seu particular golpe de estado á sociedade e colonizala.

Na actualidade, “geek” é un concepto moito menos pexorativo, e mesmo ten tinguiduras de modernidade. Ser “geek” é un xeito de estar á última, de decatarse do que pasa antes ca os demais. Outros xeitos máis pexorativos de denominar este puxante grupo social son “nerd” (que se refire á torpeza social dalgunha xente moi intelixente) ou “frikie” (unha persoa con gustos minoritarios, raros, algo extravagantes e en ocasións mesmo ridículos).

A PÁXINA DO MES

“As fotos de Micaela de la Maza”

/imgs/20070101/img.nntt02.jpg A obra da fotógrafa e guionista cinematográfica sevillana residente en Madrid Micaela de la Maza destaca pola súa capacidade para captar o casual e, á vez, curioso da vida cotiá e da paisaxe urbana. De la Maza conxela no tempo intres, ángulos ou xogos de sombras que á maioría das persoas lles pasarían desapercibidos, con resultados divertidos, sorprendentes e mesmo conmovedores. Ela convérteos en arte e exponos na súa páxina persoal, onde pode apreciarse unha extensa mostra do seu traballo. As fotos, ademais, están á venda e a autora accede a imprimilas no tamaño e o soporte que prefira o cliente.