Aceites de motor minerais

Non compensa adquiri-los máis caros

Usar un aceite con boas calidades é fundamental para que o motor sufra o menor desgaste posible
1 Decembro de 2001

Non compensa adquiri-los máis caros

Analizáronse 12 aceites de motor minerais (catro específicos para gasolina, catro específicos para diesel e outros catro mixtos gasolina/diesel) que custan entre 1.195 pesetas (Kraft Supermultigrado) e as 2.995 pesetas de Esso Uniflo Mineral Diesel e Gulf Multi G. Elixir un bo aceite de motor é esencial para o óptimo funcionamento do noso vehículo, xa que reduce o rozamento, elimina a calor xerada pola fricción e a combustión, elimina impurezas, garante a adherencia entre as pezas en movemento e protexe contra a corrosión.

Os aceites de motor minerais son aqueles nos que o fluído base (ó que se engaden os aditivos) procede do refinado do aceite cru de petróleo, non da síntese de compostos, como acontece nos aceites sintéticos. Un aceite mineral dura, polo xeral, a metade ca un sintético pero tamén é sensiblemente máis económico.

A característica clave na calidade dun aceite é a viscosidade ou resistencia a fluír. Pódese expresar cun primeiro número que fai referencia ás propiedades en frío, seguida por un W, que indica que é un aceite apto para funcionar a baixas temperaturas, e un segundo número que amosa a adecuación do aceite para altas temperaturas. No noso contorno, os máis empregados son os 20W 40 e 20W 50. O mellor aceite é o que mantén máis constante a súa viscosidade respecto ós cambios de temperatura. Defínense distintas medicións de viscosidade en diferentes condicións, para pór de manifesto a súa aptitude á función. Así, a viscosidade cinemática a 100ºC ou a viscosidade HTST, son medidas da viscosidade a altas temperaturas. En ámbolos casos, son desexables viscosidades altas. A viscosidade CCS e a viscosidade MRV mídense en diferentes condicións a baixa temperatura, a primeira relacionada co arranque en frío, e a segunda co bombeado a baixas temperaturas. En ámbolos casos, son preferibles viscosidades baixas. Ademais, o índice de viscosidade amosa a variación da viscosidade respecto á temperatura, e é mellor canto máis alto sexa o seu valor. No rango 20W 40, o mellor foi 3CV Brio Gasolina/Diesel, mentres que no rango 20W 50 destacou 3CV Brio Plus Gasolina.

A oxidación do aceite redunda nun aumento da súa viscosidade e carácter ácido. Os máis resistentes á oxidación foron Kraft Supermultigrado Gasolina, Elf Prestigrade TS Gasolina e Repsol Elite Super Gasolina/Diesel. No de Elf, a cantidade de cinc (aditivo con función antidesgaste e antioxidante) foi a maior (1.290 ppm).

Para rematar, a tendencia á formación de escuma, que podería provocar unha lubricación inadecuada no motor, foi especialmente elevada en Cepsa Platinum Gasolina/Diesel (incremento en volume do 140%). Sen embargo, esta escuma é pouco estable. Concluíndo, 3CV Brio Plus Supermultigrado (1.572 pesetas) e Kraft Supermultigrado Gasolina (1.195 pesetas) son dúas boas opcións en aceites para motores de gasolina; entre os diesel, Kraft Multigrado Super Serie 3a (1.347 pesetas) é a mellor opción calidade-prezo, aínda que Esso Uniflo resulta interesante pola súa calidade, aínda que o seu prezo se eleva bastante. Entre os mixtos, a mellor relación calidade-prezo é para Repsol Elite Super 20W 50 (2.684 pesetas).

Diesel ou gasolina

Segundo algúns expertos, non hai diferencias apreciables entre aceites que din seren para motores de gasolina ou para motores diesel. De feito, só un dos doce analizados (Esso Uniflo) afirma servir unicamente para un tipo de motor. O resto, a pesar da súa denominación, poden utilizarse en ámbolos sistemas, aínda que con rendementos distintos.

O sistema máis empregado para medi-la calidade dun aceite de motor é a norma americana API (American Petroleum Institute), que contempla diferentes categorías para os lubricantes de gasolina (de menor a maior calidade: SF, SG, SH, SJ), e para os diesel (de menor a maior calidade: CC, CD, CE, CF4, CH4). Un aceite de motor que leve na súa etiqueta SJ CD ofrecerá un óptimo rendemento en motores gasolina pero só moderado en diesel. Se o aceite loce máis dunha denominación para gasolina ou para diesel (por exemplo, “SH e SJ” ou “CE, CF4”) a calidade do aceite será a mesma que se só puxese SJ no primeiro caso ou CF4 no segundo, xa que prevalece a categoría superior.

A norma ACEA, malia á súa identidade europea, non está tan estendida en España coma a API norteamericana, pero podería converterse en obrigatoria nun futuro. Na ACEA establécense tres categorías de aceites para motores de gasolina (A1, A2 e A3), e catro para os diesel (B1, B2, B3 e B4). Só a metade das mostras analizadas incluían os parámetros da norma ACEA, aínda que todas indicaban a relativa á API.

A viscosidade, un dos parámetros críticos dun aceite, defínese como a resistencia dun líquido a fluír. Un aceite multigrado óptimo mantén a súa viscosidade o máis homoxénea posible independentemente da temperatura no motor. Hoxe, a maioría dos aceites de motor están deseñados para responderen en frío e en quente (multigrado).

Medir a viscosidade

O termo máis empregado para expresa-la viscosidade é o proposto por SAE, que consta de dous números separados por un “W” que indica que o aceite é apto para operar en vehículos que circulan por zonas con climas moi fríos. O primeiro número informa do rápido que un motor arrinca en clima frío (números máis baixos significan un mellor desempeño). O segundo número, pola contra, sinala a capacidade dun aceite cando as temperaturas son altas (canto maior sexa o número, mellor funcionará a altas temperaturas). Cobra especial relevancia a temperatura que alcanza o interior do automóbil: coches máis potentes (e, polo tanto, que se revolucionen e quenten máis) precisarán aceites que soporten mellor a temperatura.

O exame de viscosidade realizouse en tres condicións distintas. A 100 graos, os doce aceites son correctos se ben Cepsa Platinum Gasolina/Diesel se achega moito ó límite mínimo. Tódolos aceites superaron tamén a proba de viscosidade a alta temperatura (HTST). No tocante ós test a baixa temperatura (-15ºC e -20ºC), as dúas mostras de Cepsa presentaron viscosidades excesivas, o que implica posibilidade de dificultades de rendemento a temperaturas baixas. A etiquetaxe destes dous aceites é incorrecta. Cepsa Super D Diesel non é 20W 40 como figura na súa etiqueta, e Cepsa Platinum gasolina/diesel, ten un rango máis estreito ca 20W 50.

Sen diferencias importantes

As vantaxes dun maior índice de viscosidade son, por unha banda, unha maior viscosidade a maior temperatura, o que significa menor consumo de aceite e menor desgaste; e, por outra banda, unha menor viscosidade a baixa temperatura, polo que o motor arrincará mellor e consumirá menos combustible durante o quecemento.

O punto de derrame é a temperatura máis baixa á cal se observa movemento no aceite. Así, canto menor sexa este valor de temperatura, mellor realizará a súa función o aceite en condicións invernais. Catro aceites evidenciaron un punto de derrame mellor: Kraft Supermultigrado Gasolina e 3CV Brio Gasolina/Diesel (ambos, -30ºC), BP Super V Gasolina (-33 ºC), e destacou sobre todos, con -36ºC, o aceite 3 CV Brio Plus Gasolina. Por outra banda, o test de desgaste avalía o impacto do aceite sobre as partes metálicas do motor. En termo medio, as mostras analizadas demostraron teren boas propiedades antidesgaste. Aínda que os resultados son semellantes, destacan Cepsa Platinum Gasolina/Diesel e Ertoil Diesel, con 0,33-0,34 mm. BP Super V Gasolina, pola súa banda, acadou os peores resultados con 0,53 mm.

As outras probas

Aínda que a viscosidade, a creación de escuma e a minoración do desgaste son os baremos de calidade esenciais para un aceite de motor, hai outros que tamén inflúen e por iso foron estudiados no laboratorio. Algúns deles son a porcentaxe de cinzas sulfatadas, o carácter máis ou menos volátil do aceite, a cantidade de cinc e o test de oxidación. Cando nesta análise comparativa se fai referencia á calidade de cada un dos 12 aceites tivéronse en conta tamén as probas realizadas para comprobar estes outros parámetros.

En síntese e táboa comparativa

En síntese

  • Analizáronse 12 aceites de motor minerais (catro para gasolina, catro para diesel e catro gasolina-diesel) que custan entre 1.195 pesetas e 2.995 pesetas.
  • Elixir un bo aceite de motor é fundamental para o funcionamento do noso vehículo, xa que diminúe a calor xerada pola fricción e a combustión, elimina impurezas, garante a adherencia entre as pezas en movemento e protexe contra a corrosión.
  • Estes aceites minerais duran menos e ofrecen peores prestacións cós sintéticos, pero son máis económicos. Nos aceites minerais, o fluído base (ó que se engaden os aditivos) procede do refinado do aceite cru de petróleo, non da síntese de compostos, como acontece nos aceites sintéticos.
  • A viscosidade ou resistencia a fluír é clave na calidade dun aceite. Pódese expresar cun primeiro número que fai referencia ás propiedades en frío, seguido por un W, que indica aptitude para funcionar a baixas temperaturas, e un segundo número que revela a adecuación do aceite para altas temperaturas. No noso contorno, os máis empregados son os 20W 40 e 20W 50. O mellor aceite é o que mantén máis constante a súa viscosidade ante os cambios de temperatura.
  • Dúas boas opcións para motores de gasolina son 3CV Brio Plus Supermultigrado (1.572 pesetas) e Kraft Supermultigrado (1.195 pesetas); entre os diesel, a mellor relación calidade-prezo é Kraft Multigrado Super Serie 3a (1.347 pesetas), e entre os mixtos, Repsol Elite Super 20W 50 (2.684 pesetas).
Marca BP SUPER V KRAFT ELF PRESTIGRADE TS 3CV BRÍO PLUS
Etiquetaxe Supermultigrado Tecnoloxía Mineral Gasolina Supermultigrado
– Motores Gasolina Gasolina Gasolina Gasolina
– Viscosidad SAE 20W-50 20W-50 20W-50 20W-50
– Normas API SJ/CD SG/CD SJ/CF SJ/SH/CG4/CF4/CF
– Normas ACEA A2/B2 A3/B2/E2
Prezo (pta/envase 5 L.) 2.545 1.195 2.795 1.572
Índice de viscosidade 125 121 132 133
Viscosidade cinemática a 40 ºC (mm2.s-1) 150,3 154,4 148,4 174,7
Viscosidade cinemática a 100 ºC (mm2.s-1) 17,22 17,23 17,73 20,05
Viscosidade HTST (mPa.s) 4,50 4,59 4,61 5,18
Viscosidade CCS a -15 ºC (mPa.s) 7400 7800 6480 7170
Viscosidade MRV a -20 ºC (mPa.s) 32400 25300 44800 36000
Punto de derrame (Pour point) (ºC) -33 -30 -24 -36
Test de desgaste (4 balls wear) (mm) 0,53 0,42 0,42 0,44
Oxidación
– Variación na viscosidade a 40 ºC (%) 12,4 2,27 1,35 28,4
– Variación na viscosidade a 100 ºC (%) 3,72 0,93 5,7 16,06
– Variación no número ácido (%) 4,5 2,8 3,3 3,4
Formación de escuma
– Estabilidade (m) menor que 1 3 menor que 1 menor que 1
– Tendencia (%) 60 76 50 20
Contido en cinc (mg/kg) 1040 1290 1070 1280
Cinzas sulfatadas (%) 1,082 1,175 1,361 1,532
Perdas por evaporación (%) 8,1 6,4 6,9 8,7
Marca KRAFT ERTOIL CEPSA SUPER D ESSO UNIFLO
Etiquetaxe Multigrado Super Serie 3a Multigrado Mineral
– Motores Diesel Diesel Diesel Diesel
– Viscosidade SAE 20W-40 20W-40 D 20W-40 20W-50
– Normas API CE/SG CD/SF CE/SF CF
– Normas ACEA B2
Prezo (pta/envase 5 L.) 1.347 1.250 1.600 2.995
Índice de viscosidade 112 115 109 120
Viscosidade cinemática a 40 ºC (mm2.s-1) 125,4 124,4 124,1 163,9
Viscosidade cinemática a 100 ºC (mm2.s-1) 14,21 14,31 13,83 17,87
Viscosidade HTST (mPa.s) 4,03 4,02 3,94 4,69
Viscosidade CCS a -15 ºC (mPa.s) 8010 7650 9520 8680
Viscosidade MRV a -20 ºC (mPa.s) 22100 45200 64900 32500
Punto de derrame (Pour point) (ºC) -27 -27 -24 -27
Test de desgaste (4 balls wear) (mm) 0,39 0,34 0,41 0,43
Oxidación
– Variación na viscosidade a 40 ºC (%) 22,9 13,2 19,5 8,42
– Variación na viscosidade a 100 ºC (%) 13,9 6,57 11,8 4,14
– Variación no número ácido (%) 4,3 2 2,6 3,5
Formación de escuma
– Estabilidade (m) menor que 1 menor que 1 2 1
– Tendencia (%) 90 30 90 30
Contido en cinc (mg/kg) 1060 775 984 1080
Cinzas sulfatadas (%) 1,073 1,008 1,222 1,333
Perdas por evaporación (%) 5,1 3,5 3,5 7,4
Marca REPSOL ELITE SUPER CEPSA PLATINUM 3CV BRÍO GULF MULTI G
Etiquetaxe Multigrado Supermultigrado
– Motores Gasolina/Diesel Gasolina/Diesel Gasolina/Diesel Gasolina/Diesel
– Viscosidade SAE 20W-50 20W-50 20W-40 20W-50
– Normas API SJ/SH/CF SJ/CF CE/CF4/SF SH
– Normas ACEA A3/B2 A3/B3 A2/B2
Prezo (pta/envase 5 L.) 2.684 2.320 1.494 2.995
Índice de viscosidade 128 122 118 125
Viscosidade cinemática a 40 ºC (mm2.s-1) 169,5 146,5 137,6 169,8
Viscosidade cinemática a 100 ºC (mm2.s-1) 19,10 16,68 15,65 18,82
Viscosidade HTST (mPa.s) 4,67 4,54 4,35 4,92
Viscosidade CCS a -15 ºC (mPa.s) 6710 7960 7850 8360
Viscosidade MRV a -20 ºC (mPa.s) 26800 78500 25500 33400
Punto de derrame (Pour point) (ºC) -27 -24 -30 -27
Test de desgaste (4 balls wear) (mm) 0,47 0,33 0,40 0,42
Oxidación
– Variación na viscosidade a 40 (%) 1,65 8,60 36,5 7,77
– Variación na viscosidade a 100 (%) 7,23 1,08 20,9 0,16
– Variación no número ácido (%) 4,1 3,8 3 4,4
Formación de escuma
– Estabilidade (m) menor que 1 3 menor que 1 menor que 1
– Tendencia (%) 55 140 38 55
Contido en cinc (mg/kg) 1150 1200 990 1210
Cinzas sulfatadas (%) 1,147 1,327 1,165 1,247
Perdas por evaporación (%) 6,7 6,1 6,4 5,6

Un por un

Un por un, os doce aceites de coche

3CV BRÍO PLUS SUPERMULTIGRADO GASOLINA 20W 50 (Motores de gasolina)

  • 1.572 pta.
  • Envase de 5 litros.
  • Unha boa opción. O maior índice de viscosidade (133), e moi bo comportamento a altas temperaturas. O mellor punto de derrame (-36ºC). Pero é un dos de maiores perdas por evaporación (8,7%). Iguala o límite máximo ACEA en cinzas sulfatadas.

BP SUPER V GASOLINA 20W 50 (Motores de gasolina)

  • 2.545 pta.
  • Envase de 5 litros.
  • A súa etiqueta non indica especificacións ACEA. Un dos mellores puntos de derrame (-33ºC), pero tamén é un dos peores aceites na proba de desgaste (0,53 mm), e un dos de maior perda por evaporación (8,1%).

KRAFT SUPERMULTIGRADO GASOLINA 20W 50 (Motores de gasolina)

  • 1.195 pta.
  • Envase de 5 litros.
  • Unha boa opción. O máis barato dos doce. Sen especificacións ACEA. Un dos mellores en viscosidade MRV e ante a oxidación, xa que a viscosidade a 40ºC e a 100ºC variou moi pouco. A maior cantidade de cinc (1290 ppm). Tendencia demasiado elevada (o volume aumenta un 76%) á formación de escuma.

ELF PRESTIGRADE TS GASOLINA 20W 50 (Motores de gasolina)

  • 2.795 pta.
  • Envase de 5 litros.
  • O máis caro. Un dos mellores en índice de viscosidade (132) e viscosidade CCS, relacionada co arranque en frío. Sen embargo, o seu punto de derrame foi dos peores (-24ºC). Bo comportamento fronte á oxidación.

ERTOIL DIESEL 20W 40 D (Motores diesel)

  • 1.250 pta.
  • Envase de 5 litros.
  • O máis barato, e a mellor relación calidade-prezo. Un dos de menos (3,5%) perdas por evaporación. Sen especificacións ACEA. O de maior índice de viscosidade entre os 20W 40, así como viscosidade cinemática ós 100ºC. O mellor na proba de desgaste (0,34 mm).

KRAFT MULTIGRADO SUPER SERIE 3a DIESEL 20W 40 (Motores diesel)

  • 1.347 pta.
  • Envase de 5 litros.
  • A mellor relación calidade-prezo. Sen especificacións ACEA. Un dos de menor índice de viscosidade (112), así coma en viscosidade cinemática a 100ºC (14,21 mm2/s). Sen embargo, viscosidade MRV mínima. Susceptible á oxidación, e elevada tendencia á formación de escuma (90%), aínda que esta non é estable.

CEPSA SUPER D DIESEL 20W 40 (Motores diesel)

  • 1.600 pta.
  • Envase de 5 litros.
  • Sen especificacións ACEA. Etiquetaxe incorrecta: non é 20W 40. Viscosidades mínimas a altas temperaturas e máximas viscosidades a baixas temperaturas. Un dos peores puntos de derrame (-24ºC). Elevada tendencia á formación de escuma (90%), aínda que non estable. Perdas por evaporación mínimas (3,5%).

ESSO UNIFLO DIESEL 20W 50 (Motores diesel)

  • 2.995 pta.
  • Envase de 5 litros.
  • Unha boa opción, malia a ser un dos máis caros. Viscosidade CCS, relacionada co arranque en frío, algo elevada. Comportamento bastante bo fronte á oxidación. Baixa tendencia á formación de escuma.

REPSOL ELITE SUPER 20W 50 (Aceites mixtos gasolina-diesel)

  • 2.684 pta.
  • Envase de 5 litros.
  • A mellor relación calidade-prezo entre os aceites mixtos. Índice de viscosidade bastante elevado (128). Uns dos de maior viscosidade cinemática a 100ºC, e satisfactorias (baixas) viscosidades a baixa temperatura. Comportamento bastante bo fronte á oxidación.

CEPSA PLATINUM GASOLINA/DIESEL 20W 50 (Aceites mixtos gasolina-diesel)

  • 2.320 pta.
  • Envase de 5 litros.
  • Etiquetaxe incorrecta: non é 20W 50. Máxima viscosidade MRV. Un dos de peores puntos de derrame máis altos. O mellor no test de desgaste (0,33 mm). Comportamento bastante bo fronte á oxidación. Máxima tendencia á formación de escuma, aínda que non estable.

3CV BRÍO DIESEL/GASOLINA 20W 40 (Aceites mixtos gasolina-diesel)

  • 1.494 pta.
  • Envase de 5 litros.
  • O máis barato. Non indica especificacións ACEA. Un dos de mellor (por ser menor) viscosidade MRV. O máis susceptible á oxidación. Baixa tendencia á formación de escuma.

GULF MULTI GASOLINA/DIESEL 20W 50 (Aceites mixtos gasolina-diesel)

  • 2.995 pta.
  • Envase de 5 litros.
  • Un dos máis caros de tódolos estudiados. Viscosidade CCS excesiva.
  • Comportamento bastante bo fronte á oxidación. Elevado contido en cinc (1.210 ppm).