A moderación, a mellor receita para previlas
Son malos tempos para comer sentados e de vagar. Impídeo, en moitas ocasións, o trepidante ritmo de vida que levamos. E cando ás présas cotiás se engaden uns hábitos alimentarios pouco saudables -cada vez máis a miúdo-, orixínanse malas dixestións, dor de estómago, acidez e outros trastornos dixestivos. Se os excesos se prolongan no tempo, aumenta o risco de aparición ou desenvolvemento de patoloxías relacionadas coa alimentación, como enfermidades cardiovasculares, diabetes, hipertensión, obesidade, alteracións dixestivas… Os trastornos dixestivos cobran relevancia en épocas como o Nadal, datas nas que é difícil fuxir das comidas copiosas. A frase “un día é un día” empúxanos a abusar da comida e da bebida, e é case imposible saír indemne de sufrir incidentes dixestivos. Cómpre lembrar que as grandes enchentes e inxerir moi rápido os alimentos obrigan a que o estómago traballe moito máis ca decote, coa conseguinte sensación de malestar e pesadez. Seguir unhas sinxelas pautas axudaranos a previ-las molestias dixestivas.
Tranquilidade e bos alimentos
Os alimentos ou pratos demasiados graxos (fritos, estufados ou guisos con exceso de aceite) ou que inclúen carnes moi graxas, pratos con salsas (nata, queixo ou maionesa), pratos moi condimentados, picantes ou os alimentos excesivamente azucrados provocan dixestións máis lentas e pesadas do normal. Se, ademais, non gardamos orde no horario e distribución das comidas ó longo do día, e por exemplo, un día non almorzamos, outro case non comemos e ó seguinte tomamos unha gran cea, o noso aparello dixestivo acabará sufrindo as consecuencias.
Tampouco o estrés é bo aliado para as doenzas estomacais: numerosos estudios relacionárono con afeccións gastrointestinais (úlceras, cólicos, diarreas, gastrite…), polo que amais de seguir unha boa alimentación, resulta moi importante aprender a levar un ritmo de vida máis relaxado e a evita-lo estrés.
Á boa sesta…
Aínda que a sesta se considera un hábito moi saudable, se se prolonga máis de 15-20 minutos e se realiza ó pouco de xantar, probablemente erguerémonos coa sensación de que a comida non foi dixerida, doeranos a cabeza e sentiremos acidez e malestar xeral. Isto débese a que cando durmimos todo funciona máis a modo no noso corpo, incluída a dixestión, e a que en posición horizontal se facilita o paso de ácidos do estómago ó esófago (refluxo). Para remedialo, deberemos facer unha sesta de curta duración e, no canto de deitármonos, permanecermos recostados no sofá.
Cómo previr e aliviar algunhas das molestias dixestivas máis comúns
A dixestión é un proceso moi lento que se alonga cando se inxire demasiada comida ou alimentos excesivamente ricos en graxa ou fibra. Ó producir máis ácidos para axudar na dixestión, o tracto intestinal ínchase. Outro xeito de indixestión é o que produce inchazón do abdome, que se manifesta cando o estómago se sente demasiado cheo e que adoita producir flatulencia.
- tomar de sobremesa papaia ou ananás fresco, xa que conteñen papaína e bromelina respectivamente, encimas que favorecen a dixestión das proteínas.
- non abusar de carnes, friames e embutidos, alimentos ricos en proteínas e graxas. Mellor darlle prioridade ó pavo e ás aves de caza de tempada, menos indixestos có año ou có pato (carnes moito máis graxas).
- substituí-lo café por infusións dixestivas (macela, menta, fiollo, comiño ou sarxa).
- se sabemos de antemán que teremos unha “comida especial”, debemos compensala realizando o resto de comidas do día máis lixeiras do habitual.
Ben sexa polo consumo de alimentos en mal estado ou por exceso de alcohol, o vómito é síntoma de que o corpo trata de liberarse dun elemento tóxico. Tralos vómitos e para evita-la deshidratación, resulta fundamental asegurar unha boa provisión de líquidos, pero convén esperar 1-2 horas antes de tomar calquera bebida. A medida que os vómitos cesan se pode inicia-la inxestión de alimentos sólidos. Toléranse mellor os alimentos secos: torradas, galletas sinxelas…
Algúns remedios caseiros: infusión de xenxibre (pártese en anacos e pulverízase, engádese unha cullerada sopeira por cada cunca de auga e férvese 3-5 minutos), ideal para combate-las malas dixestións acompañadas de náuseas, vómitos, mareos e para eliminar gases.
Exceso de gases no intestino que causa espasmos intestinais e distensión abdominal (incha o abdome). Cambios bruscos na alimentación, comer ás présas e tragar demasiado aire mentres se mastiga, un consumo excesivo de hidratos de carbono (arroz, pasta, pataca, pan, cereais, galletas, etc.), o emprego de antibióticos que desequilibran a flora intestinal e a inxestión de alimentos flatulentos (alimentos productores de gas e formadores de cheiro) poden orixinala. Para previr esta incómoda molestia recoméndase:
- mastigar ben os alimentos, comer e beber a modo
- non realizar comidas copiosas ou de condimentación forte e empregar herbas aromáticas que axudan á dixestión (romeo, sarxa, tomiño, fiollo, melisa, alcarevea, segorella).
- evita-los alimentos ou pratos moi graxos e salsas fortes.
- cocer ben a pasta, non comer pan acabado de enfornar tipo baguette nin verduras e legumes flatulentos (allo, cebola e pementos crus, coles, alcachofas, etc.).
- substituír café, descafeinado e té por infusións de menta, sarxa ou de fiollo, ou engadir uns grans de anís verde, fiollo ou comiño a unha infusión de macela, xa que axudan á dixestión, e de hortelá, que relaxa os músculos do colon (intestino groso), o que axuda a alivia-las molestias do exceso de gases.
- o iogur contén bacterias que axudan a equilibra-la flora do intestino polo que están especialmente recomendados.
- Comer a modo e de maneira relaxada, dedicando como mínimo 20-30 minutos a cada comida.
- Mastigar ben os alimentos; a dixestión de moitos deles (cereais, patacas e legumes) comeza na boca.
- Non utilizar condimentos (especias fortes, mostaza…) que irritan a mucosa gástrica e aumentan a acidez estomacal. Os alimentos pódense sazonar con herbas aromáticas dixestivas (grans de anís, alcaravea, fiollo, tomiño, sarxa, comiño, cardamomo…). Tamén se poden tomar infusións dixestivas ou relaxantes de macela, melisa, espiño branco, tila, regalicia e fiollo…
- Non convén beber moito durante as comidas ou xusto despois das mesmas, xa que se dilúen os xugos gástricos e se atrasa a dixestión.
- Evitar racións grandes, comidas e bebidas moi frías ou moi quentes, alimentos frixidos, tabaco, o abuso de alcohol e de bebidas excitantes (café e té) e o exceso de azucre. Non inxerir fármacos que irritan o estómago.
- Se non se pode vence-la tentación de comer determinado prato ou sobremesa, hai que ser razoable e non facer máis ca unha concesión por comida compensándoo por outra banda: se o entrante é graxo ou moi calórico, hai que escoller para despois peixe á prancha ou ó forno acompañado de ensalada ou verduras, e de sobremesa, froita fresca.
- Non deitarse inmediatamente tralas comidas. Canto máis baleiro estea o estómago antes de deitarse, mellor.