Xogar é un dereito, non un privilexio
Nada hai máis propio do Nadal cós xoguetes, que chegadas estas datas se converten en protagonistas das campañas de organizacións de apoio a persoas sen recursos, para lembrarnos que tódolos nenos teñen dereito a xogar. E aínda que ese dereito lles asiste todo o ano, é no Nadal cando os nenos que non abren regalos nunca son máis conscientes da súa diferencia. Cómpre non esquecer que, segundo os últimos datos oficiais, oito millóns de persoas son pobres no noso país. Outras cifras, como as que proporciona no seu último estudio a Fundación FOESSA, falan de medio millón de familias por baixo do nivel soleira da pobreza.
Á hora de colaborar nestas iniciativas, o dilema consiste en atinar co xoguete. Especialistas en Educación para o Desenvolvemento e Cooperación ofrecen unha clave: “Que os nenos acompañen ós pais a merca-lo xoguete que queren regalar, así elixen o que lles gustaría que lles regalasen a eles”. Quen se decida a entregar xoguetes comprobará que cada vez son maiores as esixencias das persoas e organismos que se dedican a recoller regalos, sexan parroquias, a Cruz Vermella, asociacións de veciños ou calquera outra organización. E é que entregar un xoguete non consiste en dar caridade, baleirar armarios ou reciclar obxectos que molestan na casa. Trátase de poñer un pouco de xustiza e ofrecer solidariedade e xenerosidade gratuíta.
Catro premisas para un bo xoguete
- Novo, a poder ser. Aínda que agachen consumismo, os regalos do Nadal ós máis pequenos nacen da tradición cultural de premia-lo neno bo. E os menos favorecidos economicamente tamén ven a tele. Que sexa novo e actual repercute na bondade do regalo na medida en que non hai distincións nin categorías.
- Educativo. Debe potencia-las capacidades do neno. Un xoguete constitúe unha ferramenta de desenvolvemento básica da intelixencia e sensibilidade dos máis pequenos. E educativo non significa aburrido; non só o puzzle de sempre cumpre a obriga de formar. Cada vez hai máis xoguetes axeitados e atraentes á vez, sen necesidade de optar por aqueles nos que a violencia explícita ou implícita esperta o interese do neno.
- Non sexista. É preciso deixar atrás definitivamente o tópico de regalarlles xogos femininos ás nenas e masculinos ós nenos. Non se trata só de optar polo politicamente correcto. Estamos ante un erro pedagóxico: se ós nenos e ás nenas se lles impide potenciar parte das súas habilidades, estarase limitando ó home e á muller de mañá. Do mesmo xeito, coártanse as súas relacións sociais e a súa capacidade de comunicarse fóra dos estadios establecidos, e perpetuaranse tópicos.
- Non eléctrico. Hai que evitar mercar xoguetes eléctricos ou que precisen doutro elemento para seren utilizados ou completos. É probable que os seus destinatarios non poidan volver xogar con eles cando se acaben as pilas, ou amañalos se os mecanismos se estragan.
A loxística da entrega
Son numerosos os puntos de recollida e centos os voluntarios que permiten o funcionamento das cadeas de recolección e entrega de xoguetes. Algunhas prolónganse mesmo ata o 5 de xaneiro. O proceso de recollida, trátese dunha ou outra asociación, comeza descartando xoguetes bélicos, sexistas, discriminatorios e os que non son novos. De seguido, clasifícanse por idade. Quen entrega os xoguetes comete a miúdo o erro de calcula-la idade de xogo a partir dos 4 anos e prolongala ata os 10. Por iso, as organizacións insisten na necesidade de contemplar a bebés e a rapaces ata 16 anos. Para facilita-lo labor da embalaxe é preferible entrega-los xoguetes sen envolver, xa que os voluntarios deben ordenalos por idades, empaquetalos e decoralos con papel. Unha vez clasificados comeza a entrega, tendo en conta as dúas noites de sorpresa: o 24 de decembro e o 5 de xaneiro.
¿Como lles chegan os xoguetes ós nenos?
A maioría dos xoguetes recollidos destínanse a familias sen recursos abondos para mercalos. Pero, se por calquera circunstancia non se reparten todos ou a entrega chega tarde, distribúense en ludotecas, centros de infancia, centros educativos e hospitais. As grandes organizacións e as que contan con máis medios envían os xoguetes que quedan por repartir -se sobra algún- a proxectos internacionais de cooperación. Non obstante, antes de optar por esta alternativa tratan sempre de cubri-las necesidades dos colectivos máis próximos. Os datos sobre familias sen recursos procúranos asociacións, axentes sociais, administracións, concellos e mesmo Apenas (asociacións de pais e nais). A confidencialidade está garantida, pero para evitar abusos sempre se require unha identificación, unha confirmación de que o xoguete chegará a mans de quen o agarda: un neno ou unha nena. As cifras ofrecidas por organizacións solidarias sobre as recollidas do ano pasado falan da participación de milleiros de persoas en pequenas vilas e en grandes cidades. Sumando o recollido pola Cruz Vermella e outras pequenas institucións, reuníronse 300.000 xoguetes, aínda que esta cifra non inclúe pequenas pero igualmente importantes iniciativas de asociacións anónimas.
Reutilizar, outra maneira de colaborar
Ata agora insistimos na importancia de que os xoguetes sexan novos, pero hai organizacións, sobre todo pequenas organizacións de veciños ou culturais, que potencian a reciclaxe de xoguetes usados, esquecidos ou en mellor ou peor estado, para darlles mellor destino có contedor ou o rocho da casa. Trátase doutra fórmula igualmente válida pero cun obxectivo diferente, que consiste en aproveita-lo Nadal, o período estrela do consumismo, para formar ós rapaces na cultura de non malgastar, e ó mesmo tempo, concienciar ós adultos sobre a conveniencia de reutiliza-los recursos.
Campaña
A revista Consumer participa na campaña que Radio Nacional organizou para este Nadal. A iniciativa, que comezou o 28 de novembro do 2001 e rematará o 5 de xaneiro do 2002, ten como fin recadar fondos para fabricar xoguetes destinados a nenos que soportan extremas situacións de pobreza na India, Mozambique, Nicaragua, México, e baséase na intención de fomenta-lo espírito solidario da sociedade especialmente entre os nenos. Para iso púxose á venda un xoguete básico, que tódolos nenos desexen mercar para se sentiren partícipes da campaña solidaria: un pompeiro (xoguete para facer pompas de xabón), que se atopa en establecementos e grandes superficies a un prezo de 3 euros (500 pta.). O día 5 de xaneiro, e coincidindo coa celebración de tódalas Cabalgatas de Reis de todo o país, procederase ó lanzamento simbólico de pompas de xabón e lerase un manifesto que culminará a Campaña.
Para atinar na compra de xoguetes, é preferible que sexan nenos quen os elixan, xa que o destinatario dos xogos será outro neno. Reflexionar sobre algunhas preguntas seralles de axuda para acertar.
- ¿Para que idade será?
- ¿Canto tempo xogarías con el?
- ¿Paréceche que está ben construído?
- ¿Gustaralle a outro neno ou nena?
- ¿Poderá xogar cos seus amigos ou irmáns?
- ¿É de mozas ou de mozos?
- Calquera delegación da Cruz Vermella.
- Delegacións de UNICEF.
- Parroquias.
- Apenas (Asociacións de Pais e Nais).
- Concellos.