Depósitos vitais de auga doce
A sabedoría popular lémbrano-la importancia da neve en moitos dos seus refráns. Afirma que os invernos con grandes nevadas preparan o campo para o cultivo; non en van a vida e os ecosistemas dependen da auga para a súa subsistencia. E máis aínda, os sistemas naturais de auga doce son os máis productivos do mundo e a súa influencia na economía local é crucial. Malia a que o 70% da Terra está cuberta por auga, só unha mínima parte é doce e a maioría atópase conxelada nos polos ou forma parte de augas subterráneas, augas alimentadas, en última instancia, polo desxeo dos cumes. É un feito que cada ano neva menos; os grandes temporais pasaron a formar parte da memoria colectiva de xeracións anteriores: só en Europa, as estatísticas cifran arredor dun 20% o descenso da innivación nos últimos 50 anos.
Do Ártico ata a Antártida
Calquera explorador que quixera alcanza-lo Polo Norma este verán tería que nada-los últimos quilómetros. O descubrimento, a mediados de agosto, dunha lagoa na metade do Polo Norte sorprendeu á comunidade científica. A comunidade científica estudia o problema desde hai tempo: un estudio de dous expertos noruegueses prevé que dentro de 50 anos o Océano Ártico podería estar libre de xeo durante o verán. Outra investigación dun equipo de científicos dos EE UU sinala que a inmensa capa de xeo de Grenlandia tamén se está fundindo. Ámbolos dous fenómenos, o adelgazamento e a menor superficie, reduciron á metade a masa de xeo no Océano Ártico. Pero tamén a Antártida perde xeo. A diferencia do Polo Norte, que está cuberto polo Océano Ártico, o Polo Sur está ocupado por un continente, a Antártida, unha masa de terra do tamaño dos Estados Unidos. A súa capa de xeo continental, dunha espesura media de 2,3 quilómetros, é relativamente estable, pero as plataformas de xeo que se internan nos mares circundantes están desaparecendo rapidamente. Os científicos atribúen o derretemento acelerado do xeo a un incremento da temperatura rexional nuns 2,5 graos desde 1940.
Tódolos cumes perden neve
Lisa Mastny, meteoróloga do Instituto Worldwatch conclúe, tras numerosos estudios, que o xeo se está fundindo en case tódolos lugares e a unha velocidade cada vez maior. A masa de xeo e neve redúcese nas maiores cordilleiras do mundo: Montañas Rochosas, Andes, Alpes e o Himalaia. No Parque Nacional dos Glaciares en Montana (EE UU) o número de glaciares pasou de 150 no ano 1850 a menos de 50 na actualidade. O Servicio Xeolóxico dos EE UU prevé que os glaciares restantes desaparecerán dentro de 30 anos. Os científicos que estudian o glaciar de Quelccaya, nos Andes peruanos, sinalan que a súa retirada se incrementou de 3 metros anuais entre os anos 1970 e 1990, a 30 metros anuais desde 1990. Nos Alpes, a área de glaciares reduciuse dun 35% a un 40% desde 1850, e espérase unha reducción aínda maior. Estes antigos glaciares poderían desaparecer nos vindeiros 50 anos. A desaparición das masas de xeo no Himalaia acelerouse de xeito alarmante. O glaciar Dokriani Bamak, na India oriental, retirouse 16 metros entre 1992 e 1997, pero perdeu 20 metros só en 1998.
Máis chuvia e menos neve
O científico sueco Svente Arrhenius advertiu, hai máis de cen anos, de que a queima dos combustibles fósiles suporía un incremento do nivel de dióxido de carbono (CO2) na atmosfera, aumentando así o efecto invernadoiro. Entre 1975 e 1999 a temperatura media da Terra elevouse de 13,94 graos a 14,35 graos, un aumento de case medio grao en 24 anos. Os investigadores descubriron que un modesto aumento de temperatura de só 1 ou 2 graos nas rexións montañosas pode incrementa-la porcentaxe de precipitación que cae como chuvia de xeito dramático, mentres diminúe a porcentaxe a xeito de neve. Resultado: máis e maiores inundacións durante a estación chuviosa, reducción da masa de xeo e neve, e menor desxeo para alimenta-los ríos durante a estación seca.
Beneficios da neve
Amais de osixena-lo ambiente, os beneficios da neve maniféstanse na súa capacidade para producir depósitos nos que a natureza garda a auga doce para usala no verán ó fundirse: trátase dos cumes nevados. Pero estes depósitos estanse encollendo e algúns poderían desaparecer completamente, o que afectará á subministración de auga de cidades e regadíos en áreas que dependen do desxeo para alimenta-los ríos. Se os glaciares de xeo e neve do Himalaia, que son os terceiros en tamaño no mundo despois de Grenlandia e a Antártida, continúan fundíndose, verase afectada a subministración de auga en boa parte de Asia. Tódolos grandes ríos da rexión -Indo, Ganxes, Mekong, Yangtze e Amarelo- nacen no Himalaia. A fusión no Himalaia podería altera-lo ciclo hidrolóxico en varios países asiáticos, como Paquistán, India, Bangla Desh, Tailandia, Vietnam e China. Menos desxeo na estación seca do verán para alimenta-los ríos podería agrava-la escaseza de auga que xa afecta a gran parte da rexión.
Sobe o nivel do mar
Outro perigo inminente é que ó se fundi-lo xeo e fluí-la auga resultante ó mar, aumenta o seu nivel. Durante o último século, o nivel do mar subiu entre 20 e 30 centímetros. Os cambios que se están producindo nos modelos climáticos indican que podería subir 1 metro no século XXI. Pero o máis perturbador é que a fusión do xeo pode, á súa vez, acelera-lo aumento da temperatura. Ó reducirse a masa de xeo e neve, reflectirase menos luz solar. Dado que as superficies menos reflectivas absorben máis radiación solar, a temperatura aumentará aínda máis rapidamente e a fusión acelerarase.
A relación aire-auga na producción de neve depende das condicións atmosféricas, os canóns utilizan o caudal máximo de aire, sendo a auga a variable a regular en función dos parámetros de temperaturas e humidade existentes. O sistema é xeralmente automático e cando a temperatura ambiente chega á temperatura que se prefixara para arrinca-los canóns, empeza a funcionar: o compresor do canón arrinca as bombas do sistema de neve e cando o sistema está á presión axeitada de funcionamento dá a orde de abri-la válvula de auga, co que o canón está funcionando. Á súa vez, manterá a calidade de neve que se prefixara, aínda que haxa variacións na temperatura. O sistema detense automaticamente, se se prefixa por temperatura ou por horario, se hai algunha avaría, corte de corrente?, mecanicamente pecha a válvula do canón para non botar auga ás pistas.
Segundo detalla o Departamento de Innivación Artificial da estación de Panticosa a instalación consta fundamentalmente dunha rede de entubados de aire e auga que conectan os canóns distribuídos polas ladeiras cos equipos de bombeo e compresores que están instalados nun edificio central. A formación da neve consiste na creación dunha corrente de aire de gran velocidade, que unida a un caudal de auga que se lanza simultaneamente, produce unha dispersión desta en pequenas pingas. O aire e a auga fluíndo a gran velocidade, xunto cunhas condicións ambientais de temperatura e humidade determinadas, producen os mesmos fenómenos de arrefriamento por convención, evaporación e liberación de enerxía que na formación de neve natural, lográndose así a fabricación artificial da neve.