CONSUMER cumpre o seu número 50, logo de máis de catro años informando ó consumidor
Este decembro, o derradeiro anterior á entrada en vigor do euro, resulta moi especial para CONSUMER, porque supón o seu número 50. Queda xa lonxe xuño de 1997, cando a fusión das revistas EROSKI e CONSUM, editadas polas cooperativas de consumo do mesmo nome durante máis de dúas décadas, dá lugar ó nacemento dunha nova cabeceira, CONSUMER, que se converteu en referencia da información de consumidores e na revista de consumo de maior tiraxe no noso país.
O eco que as nosas investigacións acadan cada mes nos medios de comunicación e nos axentes económicos e sociais, a credibilidade da que gozamos ante os lectores e que estes nos transmiten nas enquisas, e a influencia que as análises comparativas de productos e outras informacións que publicamos exercen nos hábitos de consumo da cidadanía, obrígannos a asumírmo-lo compromiso de veracidade, rigor técnico e responsabilidade que aplicamos no traballo de cada día.
Moitas cousas cambiaron durante os últimos anos no labor informativo que desprega Fundación Grupo Eroski, pero permanece invariable o noso espírito: ofrecerlle ó consumidor ferramentas prácticas e útiles para atinar nas decisións que afectan ós seus dereitos, economía, saúde e seguridade, á protección do medio natural e á solidariedade cos sectores menos favorecidos da sociedade.
Os productos informativos ós que Fundación Grupo Eroski recorre para transmitir estas informacións diversificáronse notablemente. Vimos de lanza-la sétima Guía Práctica CONSUMER “Cómo alimentármonos segundo a nosa idade e tipo de traballo”, e continuamos afondando na nosa experiencia en Internet: ofrecemos na Rede desde hai catro anos a revista CONSUMER, e desde hai uns meses un portal de consumo (Consumer.es), un sitio web de Amigos da Fundación Grupo Eroski (amigos.fundaciongrupoeroski.es) e outras web dirixidas a públicos máis específicos.
O noso enfoque é cada vez máis ambicioso e plural, e o número 50 de CONSUMER -que inclúe un informe exclusivo sobre as percepcións e expectativas do consumidor no tocante a cuestións como a seguridade dos alimentos, a información que recibe sobre os productos ou as repercusións do paso ó euro-, non fai senón confirma-la solidez dunha liña de traballo baseada no rigor técnico, a utilidade e o compromiso cos intereses e dereitos do consumidor.
Con humildade e sen fasto ningún, como é tradición nesta casa, celebraremos este aniversario felicitándonos de poder seguir proporcionándolle ó consumidor informacións que lle resulten útiles para se desenvolver con acerto nun mundo cada día máis complexo. Agardamos que vostedes, queridos lectores, compartan a nosa ledicia e nos sigan concedendo esa credibilidade sen a cal o noso traballo carecería de sentido.