Alternativa en alza contra o bulebule do nadal
¿Por que non viaxar no Nadal? ¿E en Ano Novo? Cada vez son máis os que non limitan estes días de festa a encontros familiares e deciden aproveitalos para desconectar do movemento do Nadal e coñecer novos lugares. Así o demostra a crecente tendencia a acurta-las vacacións de verán para poder gozar duns días de asueto no Nadal ou na Semana Santa. Amais de que os prezos non se disparan, a vantaxe das mini-vacacións do nadal é que os aeroportos e hoteis presentan unha estampa bastante tranquila, non sendo os días estrela. Parques temáticos, o Caribe, as Illas Afortunadas e, como non, as estacións de esquí constitúen os principais destinos dun viaxeiro, que ten como perfil arredor dos 40 anos, está solteiro ou non ten fillos e realiza un desembolso arredor das 100.000 pesetas (601 euros) para catro días de estancia.
O 9% de movemento no sector turístico, no Nadal
Segundo os datos do Instituto de Estudios Turísticos da Secretaría de Estado de Comercio e Turismo, o 37% dos 119 millóns de viaxes efectuadas o pasado ano, é dicir, arredor de 44 millóns de desprazamentos, foron “viaxes turísticas” (as que non se efectúan a unha segunda residencia ou as que duran máis de tres días). E de todas elas, tan só un 8%, arredor de 3,4 millóns, cruzaron as fronteiras. Aínda que na última década se alongaron os períodos de vacacións, aínda se centran no verán; un de cada dous turistas escolle estes meses para viaxar. Ó período estival ségueo a Semana Santa, que move arredor do 12% dos desprazamentos, e máis lonxe queda o Nadal, unha época que comeza a despuntar timidamente: o 9% dos desprazamentos de vacacións realízanse nesas datas.
Sol e praia
As Canarias e o Caribe constitúen dous dos destinos favoritos do turismo de nadal. Os hoteis das Illas Afortunadas acollen a centos de turistas que buscan a benigna climatoloxía do arquipélago, sumada a uns prezos asumibles -desde 75.000 pesetas (450 euros) pódese pasar unha semana en aparthotel, incluída a viaxe en avión-. O Caribe continúa en voga e por un desembolso medio de 200.000 pesetas (1.201 euros) gózase de 6 noites de areas brancas e mar turquesa. Pero a este recuncho soñado xurdiulle unha feroz competencia: o que xa se coñece como Caribe Africano, representado sobre todo por Cabo Verde e Senegal, coa vantaxe dunha viaxe de avión máis curta e prezos de promoción arredor das 100.000 pesetas (601 euros).
Esquiar: disparidade de prezos
Os amantes do deporte branco despiden o ano dándolle a benvida á tempada de esquí. As estacións abriron as súas pistas hai un mes e para estas datas xa se intúe qué depara a tempada -prevese un inverno moi xeneroso-. A disparidade de prezos desta opción reside no tipo de estación e de aloxamento que se busque, e no xeito de desprazarse. Así, os Alpes franceses ofrecen prezos atraentes e a vantaxe de contar con algunhas das mellores estacións do mundo (por 60.000 pesetas -360 euros -, sen incluír desprazamento, pódese gozar de 6 días de esquí aloxado nun apartamento). Andorra dispón tamén de boas combinacións que inclúen aloxamento e remontes para catro días desde 40.000 pesetas (240 euros). O Pirineo aragonés acolle numerosas festas de Noitevella e é tradicional inaugura-lo ano cun primeiro descenso en Astún, Candanchú, Formigal, Panticosa ou Cerler. A marcha nocturna de Jaca, próxima ás cinco estacións de esquí devanditas, converte esta cidade na preferida dos máis novos. Por aproximadamente 50.000 pesetas (300 euros) pódense pasar 4-5 días en calquera destas estacións, en apartamentos compartidos, incluído o forfait. Recibi-lo novo ano sen luxos en Baqueira e Serra Nevada require máis cartos e pode supor ata 140.000 pesetas por unha semana (860 euros), e agarda-la chegada dos Reis Magos nestas estacións resulta algo máis económico, entre 60.000 (360 euros) e 100.000 pesetas (601 euros).
Subir á montaña rusa
Dun tempo a esta parte os parques temáticos convertéronse nunha atractiva opción para as familias que desexan aproveita-los días de festa e rompe-la monotonía, premiando ó mesmo tempo ós fillos cunha estancia de fantasía. Os paquetes para ir a Disneyland París -dúas noites de hotel e tres días de parque para unha parella e dous fillos- varían desde a tarifa máis modesta, 104.000 pesetas (615 euros), á máis luxosa, 205.000 pesetas (1.232 euros). Port Aventura e Terra Mítica tamén abren este Nadal, e amais de adaptaren os seus “países” ó Nadal, ofrecen prezos moito máis baratos ca en tempada alta.
Alternativas orixinais
Hai alternativas menos tradicionais e máis curiosas para quen dispoña de máis diñeiro e ganas de algo distinto: pasa-lo primeiro día do ano en Rovaniemi, capital da Laponia finesa desde 180.000 pesetas (1.100 euros) ou gozar dun cruceiro polo Mediterráneo a partir das 150.000 pesetas (900 euros) por persoa. E sempre queda a romántica opción de erguerse en Praga, Viena, Budapest, París ou Londres, un capricho que non baixa das 50.000 pesetas (300 euros).
Consellos para viaxar no Nadal
- Sexa flexible coas datas e horas nas que desexa viaxar. Evite venres, domingos e datas cume como o 24 ou o 30 de decembro.
- Solicite folletos informativos en varias axencias de viaxes e estúdieos detidamente. Compare non só o prezo, senón os servicios que ofrecen.
- Merque os billetes tan axiña como lle sexa posible para evita-la cancelación de reservas ou cambios de tarifas.
- Lembre que estes días son especiais e nalgúns destinos atopará horarios diferentes ós habituais en museos, establecementos de hostalería… Mesmo se pode da-lo caso de que algúns lugares turísticos estean pechados.
- Lea atentamente o contrato e aclare as súas dúbidas (duración, excursións, cláusulas, responsabilidades, anulacións ou comisións) na propia axencia. Aprenderá moito e evitará posibles problemas posteriores.
- Leve consigo sempre unha fotocopia do contrato co teléfono da axencia. E cun nome de contacto.
Viaxes para ve-la familia
Fóra das viaxes propiamente turísticas, quen viaxe en tren ou en autobús debe ter moi presente que RENFE e os autocares tamén pechan no Nadal. O serán do 24 e do 31 de decembro non só aparecen baleiras as estradas, a rede ferroviaria descansa do movemento que sufriu os días previos. Nas dúas noites máis significativas das festas do nadal tan só se moven dous trens que parten de Barcelona e Madrid dirección París, e o Intercity París-Lisboa. Nada que ver co bulebule que se vive as vésperas de Noiteboa e Noitevella. Catro millóns de persoas mercan un billete entre o 22 e o 2 de xaneiro; convén telo previsto, porque se ben a empresa ferroviaria reforza o servicio engadindo máis vagóns para atende-la demanda, a adquisición de billetes, gracias ás novas tecnoloxías, adiántase cada ano máis. Igual acontece coa rede de autobuses: todo o mundo viaxa o mesmo día, polo que aínda que a flota se multiplica, as prazas acábanse esgotando.
O Nadal aumenta as crises, viaxar é unha boa terapia contra o estrés
Limitarse a descansar sen facer nada en especial pode ser tamén motivo de estrés, por iso hai que entender que as vacacións conceden a oportunidade de facer cousas que non se poden facer a cotío. Por iso, os psicólogos coinciden en que moitas veces é preciso planificar actividades para gozar deste período. E aínda que o verán é o momento tradicional para investir en viaxar, o Nadal produce un aumento das crises, especialmente dos problemas de parella, polo que paga a pena pensar nun destino orixinal.
- Adecúe a velocidade á zona de visibilidade. Se hai brétema ou chuvia moi intensa, acenda as luces.
- Respecte, máis ca nunca, a distancia de seguridade; mellor, auméntea.
- Se hai neve, aparque nun lugar seguro, coloque as cadeas nas rodas motrices e circule a modo. Manexe con suavidade volante, freo e acelerador.
- Extreme a precaución e modere a velocidade en zonas escuras e en paraxes orientadas ó norte.
- Os pneumáticos son fundamentais na seguridade do seu vehículo. Revise a presión, o debuxo e o estado dos mesmos.
- Se a estrada está mollada, pise con certa frecuencia o freo, sen chegar a frear, para seca-las pastillas. En caso de necesidade, responderán mellor.
- Non esqueza lámpadas de reposto, cadeas, anticonxelante, antivaho, roupa de abrigo, pinzas (para a batería), lanterna, triángulo de sinalización, alcohol (para o xeo do parabrisas) e gafas de sol (reflexos da neve).