Máis lixeiros ca os aspiradores tradicionais pero menos eficaces
Imaxine a tarefa cotiá de limpar o po cunha aspiradora que funciona con motor de gasolina, tirada por cabalos e aparcada fóra do edificio. Leva traballo, pero así era a Puffing Billy, un dos primeiros dispositivos que utilizou a técnica de facer un baleiro parcial para absorber o lixo. Décadas de innovación permitiron que os seus descendentes sexan aparellos cada vez máis pequenos que, mesmo con baixa potencia e moderado consumo eléctrico, retiran o lixo de case calquera recanto. Unha das últimas novidades é a das aspiradoras en forma de vasoira que se axudan dun cepillo rotatorio e que funcionan con baterías. A priori, son máis lixeiras e manexables ca os modelos convencionais, pero, limpan igual?
Para responder a esta pregunta CONSUMER EROSKI analizou seis modelos, de Rowenta, Electrolux, Hoover, Fagor, Solac e Ufesa e comparounos cun aspirador convencional. O prezo medio dos aspiradores-vasoira foi de 112 euros, con grandes diferenzas entre modelos, dende os 69,90 euros de Hoover ata os 179 euros de Rowenta. Entre os aspiradores convencionais tamén se rexistran notables diferenzas de prezo, pero unha mostraxe realizada por esta revista con 17 aspiradores de bolsa desbotable e con outros 17 de depósito extraíble comprobou que custan, de media, 120 euros. Polo tanto, a diferenza non radica tanto no tipo de aspirador senón no modelo.
Que vantaxes teñen?
Os aspiradores vasoira son máis liviáns ca os convencionais. Un estudo desta revista concluíu no 2006 que as aspiradoras tradicionais pesan, de media, algo máis de 5 quilos. As aspiradoras vasoira analizadas non chegan aos tres quilos de media, aínda que Rowenta alcanza 3,7 quilos.
Amais de pesar menos, dispoñen dun mango longo que evita malas posturas. O de Rowenta mide 120 centímetros de altura, o que facilita a limpeza pero dificulta a almacenaxe. Para salvar este inconveniente, Ufesa, Hoover e Fagor teñen mangos pregables. Outra vantaxe de Ufesa e Fagor, xunto co modelo Electrolux, é que o motor de aspiración se pode separar da estrutura e converter en aspirador de man, o que pode resultar moi útil para limpar o coche, por exemplo. Non obstante, este tipo de operación requiriría de baterías de certa autonomía e, de media, estes modelos só poden aspirar durante 24 minutos antes de apagarse. Destaca positivamente Rowenta, que aspira a plena potencia durante 32 minutos e, con menos forza, durante 14 minutos máis, 46 en total. Tamén consume máis electricidade, 7,9 vatios de media durante a carga (case tres veces máis ca Electrolux) e 104 vatios durante o aspirado (fronte a Ufesa, que consumía só 62 vatios). Aínda que maior consumo non significa necesariamente maior eficacia, o certo é que Rowenta é o aparato con maior forza de aspirado. O aire na boca do aspirador alcanza 15,9 metros por segundo, un resultado semellante ao de Electrolux (15,5 m/s) e moi por riba do de Ufesa (7,4 m/s).
Rowenta é, ademais, o único modelo con cabezal triangular para aspirar entre paredes e chans, mentres que Hoover e Fagor dispoñen de tubos alongadores. Outra vantaxe de Rowenta e mais do modelo Fagor é que teñen posición párking, é dicir, que poden manterse en pé cando interrompemos a tarefa de aspirado sen que cumpra buscarlles un apoio ou colocalas no seu soporte.
E os inconvenientes?
As aspiradoras-vasoira, ao non estaren conectadas á rede eléctrica, non son tan potentes coma as convencionais. Intentan suplir esa falta de potencia coa utilización dun cepillo xiratorio que axuda a que o cabezal despegue o lixo, pero, malia iso, as diferenzas son considerables. Así, cando se tentou aspirar pan relado dunha rañura creada entre dúas madeiras de contrachapado, tres dos seis aspiradores vasoira (Solac, Hoover e Fagor) non puideron recoller nin unha faragulla. Rowenta foi a mellor referencia, pero só deu recuperado o 18% do lixo, mentres que o modelo tradicional aspirou o 97%.
Agora ben, sobre a tea as prestacións foron similares. O aspirador convencional absorbeu os 10 gramos de talco vertidos e a vasoira aspiradora que peor resultado acadou, a de Fagor, deu aspirado o 87%. Algo semellante aconteceu co pan relado que se guindou nun mantel e coa area coa que se lixou a tapicería dun coche.
A aspiradora tradicional recolleu o lixo todo, mentres que o modelo de vasoira con resultados máis cativos, Fagor, retirou máis do 90% (98% no mantel e 91% na tapicería). A aspiradora tradicional tamén deu aspirado os 20 fíos que se guindaron sobre unha moqueta, mentres que Solac, co peor resultado da mostra, deixou cinco sen recoller. A maior diferenza entre vasoiras produciuse na proba sobre cemento: Hoover aspirou case o 100%, igual ca a aspiradora convencional, e Fagor unicamente o 29%.
Todas as mostras superaron as probas de seguridade eléctrica e ningunha sufriu problemas de funcionamento despois de deixalas caer cara a atrás e lateralmente. Os seis aspiradores teñen dous anos de garantía, aínda que Hoover non o indica no manual de instrucións, tan só na súa páxina web.
Nin Hoover nin Electrolux advirten nas súas instrucións de que non poden ser usados por persoas con capacidades físicas, sensoriais ou mentais minguadas e ambos os dous marcan o adaptador cun símbolo de corrente continua no canto de alterna.
Mellor relación calidade-prezo
Rowenta e Electrolux foron os modelos que máis lles gustaron aos seis usuarios, que os probaron todos. Ambos os dous obtiveron un 7,8, seguidos de preto polo 7,5 de Hoover e polo 7,3 de Solac. Algo máis discretos foron os resultados de Fagor (6,3) e Ufesa (6,6).
A mellor relación calidade-prezo é Hoover, a aspiradora vasoira máis barata e lixeira, que amosou unha eficacia parecida ao resto da mostra e que foi ben valorada na proba de uso. Para os que prefiran un modelo máis potente e non reparen no prezo, Rowenta (179 euros, a máis cara) é unha boa opción: mantense en pé cando non se utiliza, as súas baterías teñen a maior duración e é a aspiradora máis potente.
En síntese e táboa comparativa
En síntese
- Analizáronse seis aspiradores vasoira con prezos que van dos 69,90 euros de Hoover aos 179 euros de Rowenta.
- Todos funcionan con baterías recargables, que duraron, de media, 24 minutos.
- As seis mostras superaron os ensaios de seguridade eléctrica e a proba de uso.
- Tres das vasoiras eléctricas analizadas pregábanse para facilitar o seu almacenamento, outras tres pódense converter en aspiradores de man e dous mantéñense en posición vertical cando non se están utilizando.
- Os aspiradores vasoira teñen un prezo parecido ao dos convencionais, pero a súa potencia de succión e mais a súa eficacia foron inferiores, principalmente na proba de aspirado en rañuras.
- A mellor relación calidade-prezo correspóndelle ao modelo analizado de Hoover. Foi a máis barata do comparativo e a máis lixeira. Gustoulles aos consumidores na proba de uso e amosou unha boa eficacia de aspirado.
Marca | Fagor | Hoover | Solac | |
---|---|---|---|---|
Modelo | ASPIRADOR DE TRINEO 2000 W | Limited Edition VCE-156 | Freejet SU144CBR2011 | Minuetto Eco AE2510 |
Prezo (euros) | 75,73 | 69,90 | 87,06 | |
Información ao consumidor | ||||
Garantía indicada no manual de instrucións | 2 anos | Non indica | 2 anos | |
Etiquetaxe e manual de instrucións | Correcto | Mellorable | Correcto | |
Seguridade eléctrica | Correcto | Correcto | Correcto | |
Aptitude ao uso | ||||
Peso (kg) | 3,40 | 2,45 | 2,70 | |
Altura – altura pregado (cm) | 114 – 79 | 107 – 64 | 107 | |
Aspirador de man extraíble | Sí | No | No | |
Accesorios | Tubo alongador flexible Aspiración en esquina Posición párking |
Tubo alongador flexible Aspiración en esquina Soporte chan |
Soporte chan | |
Consumo en carga (vatios) (1) | 8,7 | 6,4 | 6,4 | |
Consumo del motor (vatios) (2) | 70,8 | 93,6 | 74 | |
Forza de aspiración (m/s) | 35 | 13,1 | 8,8 | 7,6 |
Duración das baterías (minutos) | 19 | 18 | 16 | |
Ensaio de caída | Correcto | Correcto | Correcto | |
EFICACIA | ||||
Aspirado sobre superficie dura (% de talco aspirado) Chan |
100 | 29 | 99 | 97 |
Aspirado sobre tea (% de talco aspirados) Coxín |
100 | 87 | 99 | 98 |
Aspirado sobre tea (% de pan relado aspirado) Mantel | 100 | 98 | 100 | 99 |
Aspirado sobre tea (% de area aspirada) Moqueta de coche | 100 | 91 | 100 | 100 |
Aspirado sobre rañura (% de pan relado aspirado) Rañura | 97 | 0 | 0 | 0 |
Aspirado sobre moqueta (% de fíos aspirados) Fíos | 100 | 100 | 100 | 75 |
Nota de calidade | Ben | Ben | Ben | |
Proba de uso (de 0 a 10) | 6,3 | 7,5 | 7,3 |
Marca | Ufesa | Rowenta | Electrolux |
---|---|---|---|
Modelo | Praktika FD88 08 32 | Airforce RH8565 01 | Ergorrapido ZB2813 ML13 |
Prezo (euros) | 104 | 179 | 156,50 |
Información ao consumidor | |||
Garantía indicada no manual de instrucións | 2 anos | 2 anos | 2 anos |
Etiquetaxe e manual de instrucións | Correcto | Correcto | Mellorable |
Seguridade eléctrica | Correcto | Correcto | Correcto |
Aptitude ao uso | |||
Peso (kg) | 2,65 | 3,65 | 2,45 |
Altura – altura pregado (cm) | 113 – 75 | 120 | 109 |
Aspirador de man extraíble | Sí | No | Sí |
Accesorios | Aspiración en esquina Soporte mural Soporte chan | Aspiración en esquina Posición parking | Aspiración en esquina Soporte mural Soporte chan |
Consumo en carga (vatios)(1) | 7 | 14 | 4,7 |
Consumo del motor (vatios)(2) | 62,2 | 104 | 67,3 |
Forza de aspiración (m/s) | 7,4 | 15,9 | 15,5 |
Duración das baterías (minutos) | 24 | 46 | 20 |
Ensaio de caída | Correcto | Correcto | Correcto |
EFICACIA | |||
Aspirado sobre superficie dura (% de talco aspirado) Chan |
96 | 97 | 94 |
Aspirado sobre tea (% de talco aspirados) Coxín |
96 | 97 | 99 |
Aspirado sobre tea (% de pan relado aspirado) Mantel | 100 | 100 | 100 |
Aspirado sobre tea (% de area aspirada) Moqueta de coche | 100 | 100 | 100 |
Aspirado sobre rañura (% de pan relado aspirado) Rañura | 10 | 18 | 10 |
Aspirado sobre moqueta (% de fíos aspirados) Fíos | 100 | 100 | 100 |
Nota de calidade | Moi ben | Moi ben | Ben |
Proba de uso (de 0 a 10) | 6,6 | 7,8 | 7,8 |
1. Consumo en carga: Consumo cargando as baterías tras unha descarga completa.
2. Consumo do motor: Consumo co motor de aspiración á máxima potencia de funcionamento e coas baterías en plena carga. Canto maior é, máis electricidade consume o aparello: Tamén pode estar relacionado cunha maior potencia do motor.
Un a un
Un a un, seis aspiradores-vasoira
Hoover Freejet SU144CBR2011
- Prezo: 69,90 euros.
- A máis barata.
- A mellor relación calidade-prezo.
- Calidade global: Ben.
- No manual de instrucións non desaconsella o seu uso por parte de nenos ou de persoas con minusvalideces nin indica a duración da garantía. Ten mango pregable e tubo alongador flexible, é a que menos ocupa almacenada (64 cm) e a máis lixeira (2,45 kg) a carón de Electrolux.
- Proba de uso: 7,5 puntos. O motor non se separa do resto do aparello, polo que aos consumidores lles resultou incómodo cargar con el ao usaren o aparello en modo man.
Fagor VCE-156
- Prezo: 75,73 euros.
- A segunda máis barata.
- Calidade global: Ben.
- Unha das máis pesadas (3,4 kg). O mando telescópico facilita a súa almacenaxe. Convértese en aspirador de man. Ten tubo alongador flexible e posición párking.
- Proba de uso: 6,3 puntos.
- A peor valorada polos consumidores, especialmente polo seu funcionamento en modo pé e pola dificultade de aspiración xunto ás paredes e currunchos.
Solac Minuetto Eco AE 2510
- Prezo: 87,06 euros.
- Calidade global: Ben.
- Non se prega para a almacenaxe nin se converte en aspirador de man. A batería que menos durou. A mostra que peores resultados deu na proba de aspirado de fíos.
- Proba de uso: 7,3 puntos
- Foi ben valorada pola súa embalaxe.
Ufesa Praktika FD88 08 32
- Prezo: 104 euros.
- Calidade global: Moi ben.
- Prégase para a almacenaxe e convértese en aspirador de man. Foi o motor que mostrou menor potencia e menor forza de succión.
- Proba de uso: 6,6 puntos.
- A segunda cualificación máis baixa. Foi mal valorada pola súa estabilidade e polo arrastre.
Rowenta Airforce RH8565 01
- Unha opción interesante para aqueles aos que non lles importe pagar un pouco máis.
- Prezo: 179 euros. A máis cara.
- Calidade global: Moi ben.
- A única con cabezal triangular. A referencia máis alta (120 cm) e de maior peso (3,65 kg). Conta con posición párking, pero non se prega, polo que é a que máis ocupa ao se gardar. Tamén foi a que máis electricidade consumiu en carga, aínda que amosou maior forza de aspiración (15,9 m/s) e mellores resultados en aspirado en rañura. As baterías duraron moito máis ca as outras.
- Proba de uso: 7,8 puntos.
- A mellor valorada xunto con Electrolux. Gustou especialmente a facilidade de aspiración xunto a paredes e recantos, aínda que resultou algo pesada
Electrolux Ergorrapido ZBZ2813 ML13
- Prezo: 156,60 euros.
- A segunda máis cara.
- Calidade global: Ben.
- No manual de instrucións non se desaconsella o seu uso por parte de nenos ou de persoas con minusvalideces. Convértese en aspirador de man e é a referencia máis lixeira xunto con Hoover (2,45 kg). Foi a que menos electricidade consumía durante a carga e a que maior forza de aspiración amosou despois de Rowenta (15,5 m/s).
- Proba de uso: 7,8 puntos.
- A mellor valorada xunto con Rowenta. Gustaron o seu aspecto exterior e mais a súa comodidade.