Comparadores de produtos financeiros

O mellor prezo no menor tempo

Dunha soa ollada permiten comparar ofertas de contas correntes, hipotecas, depósitos, seguros e outros produtos financeiros
1 Xaneiro de 2010

O mellor prezo no menor tempo

A crise fulminou a compra á primeira vista. O consumidor prefire investir tempo e esforzo en comparar varios prezos co aforro como meta. Se iso sucede nos gastos rutineiros, que dicir de decisións como a contratación de seguros ou da propia hipoteca. Internet converteuse na canle idónea para ver dunha ollada cales son as mellores ofertas en prezo, servizos, coberturas e comisións de produtos tan variados como contas correntes, depósitos, empréstitos e seguros de todo tipo. O seu principal reclamo é que son gratuítos e permiten ver en poucos segundos un cadro comparativo coas ofertas máis interesantes para o usuario. Son unha guía orientativa para o cliente, pero sen perder de vista que non abranguen o 100% das entidades do mercado, co que os resultados, en ocasións, poden ser parciais.

Quen son

Bankimia.com, elsuperdeldinero.es, iahorro.com ou elcomparador.com son algúns dos “rastreadores” financeiros que ofrecen comparativas sobre contas, depósitos a prazo ou hipotecas. No eido dos seguros, Segurosbroker, lapoliza.com, Arpem, Asesorseguros e Rastreator son só algúns dos máis coñecidos.

A súa principal característica é que permiten comparar de xeito rápido, gratuíto e ben sinxelo os principais instrumentos de aforro do mercado. Son unha guía útil para localizar os produtos máis interesantes nun momento no que a guerra de prezos e a competencia entre entidades financeiras é moi forte.

O usuario só ten que decidir que categoría quere consultar e a continuación despregarase unha clasificación encabezada polos produtos que ofrecen maior rendibilidade ou mellor prezo. Ademais, as comparativas complétanse con información sobre condicións de vinculación e outras esixencias, comisións…

Nos seguros, os comparadores ofrecen listaxes nas que unha mesma póliza pode ser ata un 50% máis cara nunhas entidades ca noutras. Nos produtos financeiros, en contas correntes pódense atopar ofertas con rendibilidade de entre o 1 e o 3,5%, unha diferenza salientable.

As súas peculiaridades e o seu funcionamento, así e todo, difiren segundo se trate dun comparador de produtos financeiros ou de seguros.

1. -Comparadores de produtos financeiros

Que ofrecen e como funcionan

Os comparadores de produtos financeiros, como Bankimia ou elsuperdeldinero.es, están especializados en ofrecer comparativas sobre instrumentos bancarios, como contas correntes, depósitos ou hipotecas. O internauta só ten que escoller a categoría que lle interesa e en breves segundos despregarase unha listaxe coa clasificación dos produtos máis atractivos do mercado.

Nas contas e depósitos, os comparadores son útiles porque permiten ver que entidades comercializan os produtos con maior xuro. Ademais, despregan varias categorías: contas correntes, contas nómina e contas de aforro. Outro punto de valor engadido é que estes comparadores complétanse coas características de vinculación e comisións que aplican as entidades.

No eido das hipotecas, o criterio é o tipo de xuro aplicado. O usuario pode visualizar así as hipotecas máis competitivas e coas que o usuario terá que pagar cotas máis baixas. Ademais, nalgúns casos, como Bankimia, as posibilidades de elección son moi variadas: este comparador permite consultas máis específicas: hipotecas para xente nova, hipotecas ponte, que financian o 100%, para pagar menos ao comezo, a xuro fixo, 40 anos, a 50 anos, con carencia, subrogación…

Se o que o usuario busca é o axente de bolsa máis barato, estes comparadores tamén son útiles. En iahorro.com, por exemplo, permiten consultar os intermediarios bolsistas que cobran comisións de compravenda de valores máis baixas.

Vantaxes

  • Rapidez: sen dúbida, a vantaxe máis atraente dos comparadores de produtos financeiros é a súa rapidez e o aforro de tempo que permiten.
  • Son gratuítos: a consulta é gratuíta. Os ingresos destes portais proceden da publicidade que captan de entidades financeiras.
  • Ampla oferta: as listaxes de produtos ofrecen unha ampla información. No eido dos depósitos, pódense consultar ata 1.000 produtos distintos. En contas correntes, algúns portais ofrecen listaxes con ata 300 tipos distintos de contas. En hipotecas pódense consultar máis de 600 créditos diferentes…

Inconvenientes

  • Mostra parcial: en realidade, o negocio destes portais está en captar publicidade das entidades financeiras, que son as que se anuncian nas listaxes que ofrecen. O obxectivo é captar o 100% das entidades do mercado, pero, de momento, as mostras inclúen arredor do 60% das entidades. Isto implica que hai unha parte de bancos, caixas e outras entidades financeiras que non se ven nos comparadores. Polo xeral, si que adoitan aparecer as máis grandes, as que acaparan maior cota de mercado. É posible polo tanto que fóra da oferta que amosan os comparadores se atopen produtos con condicións aínda máis vantaxosas.
  • Interese económico: os ingresos destes portais proceden exclusivamente da publicidade captada de entidades de servizos financeiros. A participación dunhas entidades e a exclusión doutras tamén pode condicionar as clasificacións de produtos que ofrecen.
  • Dependencia: tamén é importante para o cliente que o buscador sexa independente, é dicir, que non estea financiado por ningunha entidade financeira, que busque situar os seus produtos os primeiros. Bankimia, iahorro.com e o superdeldinero non dependen financeiramente de ningún grupo financeiro concreto. A situación é distinta en elcomparador.com, que foi creado directamente por Bankinter. O usuario debe contemplar os comparadores dependentes dalgún grupo financeiro, como este último, con máis cautela, xa que pode amosar certa tendencia a situar os produtos da entidade entre os mellores e a obviar ofertas mellores que existan no mercado.
  • Os comparadores son meras guías informativas. A compravenda de produtos deberá realizarse coas entidades financeiras. Se ao cliente lle interesa un produto, deberá acudir á oficina bancaria correspondente para concretar a subscrición.
  • Desfase na actualización: nalgúns casos, como en Bankimia, aseguran que obteñen os datos consultando os sitios web das entidades e realizando chamadas ao servizo de atención ao cliente. Os equipos revisan periodicamente o mercado para ir incorporando os cambios que as entidades fan dos seus produtos. Agora ben, dende os propios comparadores admiten que en ocasións os seus datos poden non estar actualizados.

2. -Comparadores de seguros

Que ofrecen e como funcionan

No caso dos seguros, os comparadores pódense dividir en dous grupos. Por unha banda, os que funcionan como corretaxes de seguros, como Segurosbroker e lapoliza.com. Amais de daren os servizos do comparador, permiten contratar on-line a póliza elixida polo cliente. Por outra banda, páxinas web como as de Arpem e Rastreator, que se limitan a ofrecer datos comparativos de prezos e coberturas das entidades, pero non permiten contratar os seguros por medio das súas páxinas web.

Os primeiros rastreadores creáronse co obxectivo de despregar comparativas exclusivas sobre pólizas de automóbil. Pero a oferta foise incrementando de xeito paulatino. Na actualidade pódense comparar prezos sobre seguros de auto, moto, fogar, vida, saúde, maquinaria agrícola, comunidades de veciños, decesos e ata de animais de compañía.

Vantaxes:

  • Aforro: a diferenza en prezos pode alcanzar un 50% para un mesmo seguro, segundo a entidade que o ofreza. En pólizas de saúde, a diferenza de prezos pode ser arredor dun 30%.
  • Consulta sen límites: permiten navegar libremente por todas as súas web sen identificarse, obter ofertas de produtos e prezos on-line das principais compañías, comparar coberturas e prezo e gardar os orzamentos realizados.
  • Servizos de valor engadido: se se subscribe un seguro por medio das corretaxes on-line, o usuario recibirá tamén asesoramento legal e administrativo para realizar todos os trámites pertinentes en caso de que sufra un sinistro.
  • Información fiable: os comparadores de seguros conseguen a información da que nutren as súas clasificacións por medio da conexión cos servidores centrais de cada unha das entidades das que proporcionan datos.

Inconvenientes:

  • Dependencia económica: non abranguen o 100% do mercado. Nas corretaxes, a comparativa ofrécese só das compañías coas que permiten contratar os produtos. É dicir, só ofrecen datos dos seus socios financeiros. En calquera caso, a mostra abrangue polo xeral a entidades que representan unha cota de mercado de arredor do 80% do total. No caso dos comparadores que non son corretaxes, a súa independencia é maior.
  • Compravenda condicionada: no caso das corretaxes, os prezos que ofrecen poden ser exclusivos para elas. É dicir, o usuario pode non acadar o mesmo prezo se se pon en contacto directamente coa entidade. A oferta está condiciona a un corredor ou a unha oficina concreta, que pode non ser a máis próxima ou a de maior agrado por parte do usuario.