Uso saudable da tecnoloxía

Xordeira, tendinite, bursite, dores de costas e de pescozo son algunhas das patoloxías ocasionadas por un uso indebido dos aparellos tecnolóxicos
1 Xaneiro de 2010
Img consejos listado 209

Uso saudable da tecnoloxía

Dor nos pulsos e nos cóbados, fatiga visual, deficiencias auditivas… O uso das novas tecnoloxías facilita a vida cotiá, pero tamén pode prexudicar a saúde do usuario se non segue unhas pautas marcadas polo sentido común e pola ergonomía. A fórmula para aproveitar saudablemente as bondades que ofrecen os máis sofisticados dispositivos pasa por un uso racional e apropiado.

Decibelios a raia

  • Os actuais reprodutores de música tipo MP3 están deseñados para alcanzar ata 130 decibelios, un nivel elevado e antifisiolóxico, a xuízo de médicos e organizacións sanitarias.
  • Se usa decote o seu reprodutor MP3 a máis de 89 decibelios ten moitas posibilidades de engrosar a lista de dez millóns de europeos que poden chegar a padecer xordeira causada polos devanditos dispositivos.
  • Segundo un estudo do Comité Científico de Riscos Sanitarios Novos e Emerxentes da Comisión Europea, entre o 5 e o 10% dos usuarios deste tipo de dispositivos corren o risco de perder a capacidade auditiva polo seu uso indebido.
  • Se se atopa entre as persoas que non conciben oír música a menos de 90 decibelios, procure non permanecer máis dunha hora aturando o devandito volume, e descanse 30 minutos entre conexións.
  • Non se confíe, a perda de audición pode pasar inadvertida e chegar a manifestarse dez anos máis tarde. O problema é que durante este tempo o ruído ao que se someteron os seus oídos pode causarlle dende pequenas lesións do nervio auditivo ata presbiacucia (perda da sensibilidade auditiva por mor dos efectos da idade) prematura, avellentamento do nervio auditivo (oído canso) ou a morte das células ciliadas do oído interno.
  • Para comprobar se escoita música a un volume excesivo quite os auriculares do seu reprodutor e colóqueos a uns 30 centímetros de distancia, se oe a música o volume está por riba do aconsellable.

Mensaxes saudables

  • O uso continuado do teléfono móbil pode causar síndrome do túnel carpiano (dor que abrangue dende o antebrazo ata a man), bursite no pulso, no antebrazo, no cóbado ou no ombreiro e/ou tendinite (inflamación dun tendón).
  • Se padece unha persistente dor na caluga ou no dedo polgar é posible que pase demasiadas horas escribindo mensaxes no seu móbil ou pendente da pantalla.
  • Soster o teléfono móbil demasiado baixo pode xerar sobrecargas musculares no brazo e no pescozo, e se fala durante un longo tempo na mesma postura a dor estenderase ao cóbado.
  • Co fin de previr dores musculares ou posibles lesións, sempre que utilice un teléfono móbil ou outro dispositivo similar con pantalla, sostéñao á altura dos ollos e evite inclinar a cabeza cara a abaixo máis de dez minutos seguidos.
  • Para evitar a dor que pode xerar a escritura continuada de SMS, evite permanecer na mesma posición durante longos períodos, e manteña os brazos cunha inclinación de 90 graos.
  • Non exerza presión adicional sobre o pescozo e a parte superior das costas, para iso apoie o móbil sobre unha mesa e descanse as costas sobre o respaldo dunha cadeira.
  • Cando escriba SMS ou correos electrónicos use os dous dedos polgares, e se a mensaxe é longa faga unha pausa para non sobrecargar o mesmo dedo nin o resto da extremidade superior.

Para a Wii, estiramentos

  • Cóbado de tenista, lumbalxias, tendinites ou molestias nos pulsos son algunhas das lesións que pode ocasionar xogar coa Wii ou con consolas de similares características.
  • As lesións causadas pola Wii son as mesmas que se producirían se se realizase a actividade física real, polo que hai que quecer e estirar antes e despois do xogo/exercicio.
  • Cando xogue procure levar roupa cómoda e descansar dez minutos cada hora de xogo.
  • Non se confíe, e aínda que o movemento non o canse moito, saiba que pode estar a forzar os músculos sen se decatar.
  • O tratamento e a recuperación das lesións causadas por este tipo de xogos depende da súa gravidade; dende repouso a rehabilitación, pasando por medicación con antiinflamatorios ou analxésicos.

Portabilidade sen riscos

  • Se pasa a súa xornada laboral diante dun portátil, ten maior risco de sufrir lesións que de usar un de sobremesa.
  • Aínda que non sexa de consciente de todo, as dimensións do portátil, o tamaño das teclas e o peso do equipo obrígano a adoptar posicións e pesos non naturais para o corpo se o usa a miúdo en mobilidade.
  • Cos equipos de sobremesa, para manter o lombo dereito e non incorrer en ningunha mala postura a parte superior do monitor debe estar á altura dos ollos. Como no caso dos portátiles é imposible separar a pantalla do teclado, unha opción é elevar o portátil e conectar un teclado a unha entrada USB. Outra solución “caseira” consiste en recorrer a un monitor extra e a outro teclado. Agora ben, a opción máis segura e cómoda é utilizar un soporte específico para portátiles: un periférico ideado para este cometido e que non tapona as saídas de ventilación.
  • Se non dispón dun soporte pode recorrer a outras ferramentas que axudan contra os vicios posturais que se adoptan cando se traballa durante horas con portátiles e que contribúen a paliar as dores e a evitar lesións. Non dubide en recorrer a aplicacións como Workrave (http://www.workrave.org/welcome/), que se programan para lembrarlle e practicamente esixirlle ao usuario que realice descansos logo de determinados períodos de tempo. Se o usuario non descansa, chegan a bloquear o PC para obrigalo a parar. Lémbranlle a necesidade de se erguer cada certo tempo durante uns minutos, andar e mudar de postura ao regresar á cadeira.

Saúde ocular a proba de tecnoloxía

  • Se bota moito tempo diante dun ordenador e padece de hipersensibilidade á luz, comechóns, irritación, mareos constantes, bágoas e/ou as pálpebras e a córnea se torna vermella, sofre unha patoloxía coñecida como “síndrome visual informática”. As causas deste problema son unha deficiente iluminación da zona de traballo.
  • Se logo de pasar varias horas fronte ao ordenador nota a vista cansa ou frega continuamente os ollos, mentres que cando non o está non padece ningunha molestia, daquela sofre fatiga visual.
  • Se se dispón a traballar varias horas seguidas, a pantalla debe estar diante, inclinada cara a atrás cinco ou dez graos respecto á vertical, porque a tendencia é traballar coa cabeza un pouco máis baixa do habitual e ver a imaxe máis centrada.
  • A pantalla debe ter un fondo branco, mentres que o texto debe ser negro para crear un contraste e non forzar a vista.
  • Manteña os ollos húmidos favorecendo a secreción lacrimal cun ambiente con certo grao de humidade, entre un 40% e 65%.
  • Descanse a vista cinco minutos de cada corenta e cinco, e mire a un punto o máis distante posible.