O luxo de ir ao cine
Non hai tanto o plan perfecto para moitas familias, amigos e parellas era ir ao cine os domingos pola tarde. Non obstante, é unha imaxe que pertence xa a outra época. As últimas cifras facilitadas polo Ministerio de Cultura poñen en evidencia unha sospeita: cada vez vaise menos ao cine. En só catro anos, do 2004 ao 2008, as salas españolas perderon máis de 36 millóns de espectadores. Detrás destes números adivíñase un xiro de tendencia. Os cinéfilos cambiaron a butaca do cine polo sofá das súas casas. O desenvolvemento das plataformas dixitais de televisión -con máis canles, máis películas sen sufrir os anuncios publicitarios-, a omnipresente descarga de contidos de Internet e a rapidez coa que as películas estreadas saen en formato DVD son algúns dos factores que explican o cambio. Non obstante, espectadores e críticos manteñen que a baixada da caixa se debe, máis ca a ningunha outra circunstancia, a un único motivo: o prezo da entrada. CONSUMER EROSKI analizou as tarifas de 67 salas distribuídas nas cidades da Coruña, Barcelona, Bilbao, Madrid, Sevilla e Valencia e nalgunhas localidades limítrofes ás capitais para comprobar se ir ver unha película no cine é un hábito de ocio tan caro.
Fin de semana ou laborable, non hai grandes diferenzas
Unha entrada de cine custa durante a fin de semana, de media, 6,76 euros (1.125 das antigas pesetas). Así e todo, constatáronse grandes disparidades de prezo entre unhas salas e outras. O cine máis caro, localizado en Barcelona, custa 8,10 euros, mentres que o máis barato, situado na Coruña, vale 4,90 euros, un 40% menos ca o anterior.
Aínda que se tende a pensar que as tarifas son algo máis baratas se se vai ao cine un día laborable, os números demostran que case non hai diferenza. De media, mercar unha entrada de cine entre semana custa 6,75 euros, un céntimo menos ca o que vale un venres, un sábado ou un domingo. A razón é que a vella tradición de fixar tarifas máis onerosas durante a fin de semana, días nos que se presupón unha maior afluencia de público, perde posicións. Das 67 salas analizadas, 42 rexistran as mesmas tarifas para toda a semana, a excepción do día do espectador, e só 25 diferencian os seus prezos en función do día en que se merca a entrada.
Por cidades, e aínda que en Barcelona se sitúa a sala máis cara de todas as analizadas, é Madrid a capital na que máis se paga de media por ir ao cine: durante a fin de semana a tarifa ascende a 7,32 euros e a 7 euros se se acode un día laborable. Séguena Barcelona, onde a entrada os venres, sábados e domingos é de 7,19 euros e 7 euros entre semana, e A Coruña (6,65 euros para días festivos e para laborables). En Valencia e Bilbao o cine custa de media o mesmo: 6, 71 euros a fin de semana, e 6,38 o resto dos días. A cidade máis barata é Sevilla. De media, págase por unha entrada en fin de semana 6 euros, e 5,95 euros de luns a xoves.
Diferenzas entre días e salas
Día do espectador, rebaixas de ata o 32%
Todas as salas estudadas ofrecen prezos especiais entre semana, o coñecido “día do espectador”, e horarios, como sesións matinais ou “golfas”, que contan cun prezo reducido. O día do espectador, que varía segundo as cidades analizadas, aínda que a norma xeral é que sexa o mércores ou o luns, custa de media 5,47 euros. As rebaixas maiores danse nas cidades de Bilbao, Barcelona e Madrid. Na primeira, a diferenza media entre acudir ao cine o día do espectador e facelo durante a fin de semana é do 25%, do 24% na cidade condal e do 22% na capital. Entre os lugares nos que menos acusan a rebaixa atópanse Sevilla, cun desconto do 17%, Valencia e A Coruña, ambas as dúas cun redución do prezo arredor do 20%.
En 34 dos 67 cines analizados fanse descontos a estudantes, xubilados e menores de 13 anos. Ademais, determinadas sesións, en xeral as que se programan pola mañá ou as de madrugada, son máis baratas. O prezo medio destas entradas reducidas é de 5,56 euros, o que supón unha rebaixa de algo máis do 20% en comparación co prezo medio dunha entrada de fin de semana. Claro que nas máis das salas os descontos por idade aplícanse de luns a xoves e tras a correspondente acreditación da condición de xubilado, estudante ou menor de 13 anos.
No centro comercial, máis caro ou máis barato?
Segundo os últimos datos facilitados polo Ministerio de Cultura, nestes momentos España conta con 813 cines, 485 menos se se compara cos que había no ano 2000. A fórmula é clara: a menos espectadores, máis salas se ven obrigadas a botar o peche. Unha das tendencias que se mantén dende hai tempo é a de que os cines tradicionais desaparecen co tempo e ceden cota de mercado a salas que se sitúan en centros comerciais ou en parques de ocio fóra dos núcleos poboacións.
As diferenzas de prezo entre uns e outros non son especialmente relevantes. Dos 67 cines analizados, 34 sitúanse no núcleo poboacional das capitais estudadas, mentres que o resto, 36, atópanse instalados en centros comerciais que pertencen tamén ás capitais ou a poboacións limítrofes. De media, a entrada da fin de semana nos cines tradicionais custa 6,91 euros, 12 céntimos menos do custo nos parques de ocio, 7,03 euros.
Flocos de millo e refresco, case tan caros coma a entrada
Para moitos usuarios, acudir ao cine non se limita a pagar a entrada e a entrar na sala a ver a película, antes fai outra cola, a da tenda na que se venden flocos de millo e refrescos, compañeiros para gozar de calquera sesión a calquera hora. Das 67 salas analizadas por CONSUMER EROSKI, 53 facilitaron os prezos dunha porción mediana de flocos de millo, que pesaba entre os 130 g e os 225 g, e dun refresco tamén de tamaño intermedio que medía entre os 50 e os 75 cl.
No caso do aperitivo, o seu prezo medio é de 3,36 euros. Algo máis barato é o que custa de media a bebida: 3,21 euros. En conxunto, ambos os dous suman 6,57 euros, unha cifra moi similar á dunha entrada de cine durante a fin de semana, 6,76 euros. En total, o desembolso que supón ir ao cine e tomar os flocos de millo e mais o refresco ascende a 13,33 euros.
Por cidades, Madrid é a capital máis cara para saciar a fame mentres se ve unha película na pantalla grande. Os flocos de millo custan de media 3,76 euros, e a bebida 3,60 euros. Moi preto está Barcelona, con 3,60 euros polos flocos e 3,50 euros polo refresco. Séguea Bilbao, onde unha porción de flocos de millo mediana custa 3,50 euros e a bebida do mesmo tamaño 3,30 euros. Na Coruña págase de media 3,30 euros polos flocos de millo e 3,10 polo refresco. Sevilla e Valencia son as cidades máis baratas para lles dar renda solta a estes caprichos: en ambas as dúas capitais os flocos de millo custan 3 euros e a bebida 2,90.
Os flocos de millo da discordia
Os máis de 3 euros que, de media, custa unha porción mediana de flocos de millo nos cines analizados poden incitar a buscar unha alternativa algo máis barata se non se quere renunciar a elas mentres se goza dunha película. A solución máis habitual pasa por mercalas noutros establecementos, casualmente situados moi preto das salas, con prezos máis reducidos.
Claro que non sempre é posible. Quen máis e quen menos acudiría nalgunha ocasión cargado con flocos de millo e viandas varias e toparíase coa prohibición de entrar no cine con produtos adquiridos no exterior. Agora ben, é legal este imperativo? E, de ser así, en que condicións debe realizarse?
O certo é que non hai unha resposta única. Varía en función da comunidade autónoma na que se atope a sala. Con carácter xeral, os distintos espectáculos e actividades recreativas, entre os que se atopan os cines, están regulados polo Regulamento Xeral de Policía de Espectáculos Públicos e Actividades Recreativas. Pero cada comunidade ten tamén competencia nesta materia. Na maioría das normas autonómicas non hai un epígrafe específico e expreso sobre se é lícito ou non prohibirlles a entrada a usuarios que porten produtos mercados no exterior. Non obstante, si que se recoñece o dereito de sala de cine a fixar as condicións de admisión, e a obriga dos espectadores de cumprilas. Nese caso, as salas deben comunicar de modo claro e lexible, por medio de carteis nos puntos de acceso e de compra das entradas, as condicións de admisión, incluída a de prohibir a entrada con produtos do exterior. Sen a presenza deses carteis, as empresas responsables das salas non poden evitar que os usuarios entren con alimentos comprados noutros establecementos. Pola contra, vulneraríase o dereito á información e á libre determinación para decidir se entrar ou non na sala.
Asturias e Andalucía, as máis claras
A polémica, non obstante, está servida. Diso dan fe as máis de 20 sentenzas ditadas ao respecto dende o ano 1991. O problema xorde ao enfocar a prohibición amparándose no dereito de admisión. Deste xeito, é posible interpretala como unha restrición na libre capacidade de elección do consumidor para que merque os flocos de millo ou a bebida onde máis lle apeteza.
Por este motivo, as comunidades autónomas xa se pronuncian e son recentes as normas aprobadas para regular esta lea. Asturias e Andalucía son as máis rotundas. Na primeira, a lei de espectáculos determina que os consumidores teñen dereito a elixir os produtos que desexen consumir e o seu lugar de adquisición, sempre e cando o cine permita o consumo de alimentos nas súas salas. Na mesma liña sitúase a regulación andaluza. Os cines desta comunidade non poden negar a entrada con comida ou bebida, con independencia do lugar no que se adquirira, se na sala está permitido comer.