Unha epidemia baixo as sabas
“Unha epidemia baixo as sabas”. Así describía a enfermeira británica Pam Hibbs en 1987 os efectos das úlceras por presión. Esta definición segue vixente hoxe. As úlceras son lesións que afectan a partes da pel: os seus tecidos esgázanse e morren, ata o punto de que, en ocasións, os ósos se fan visibles. Estas úlceras prodúcense pola presión do corpo mantida ao longo do tempo sobre unha superficie, froito do esmagamento dos tecidos, e en pacientes de mobilidade reducida ou inmóbiles, como os lesionados medulares, os vellos e os grandes dependentes.
Cando se moven sen despegalos do leito ou do sofá no que botan longas horas, prodúcense unhas forzas de rozamento que tamén favorecen o desenvolvemento destas feridas. Ademais, hai outro ingrediente que acompaña a vellez, a incontinencia de ouriños ou de feces, que torna os anciáns máis fráxiles e menos resistentes a todas as forzas mecánicas descritas.
Un proceso de grande impacto
O impacto epidemiolóxico das úlceras é moi rechamante. En España hai entre 60.000 e 90.000 afectados por, polo menos, unha úlcera por presión e o 85% deles teñen máis de 65 anos, aínda que tamén poden aparecer en pacientes novos e nenos, segundo o Grupo Nacional para o Estudo e Asesoramento en Úlceras por Presión e Feridas Crónicas (Gneaupp), que dirixe José Javier Soldevilla.
As úlceras por presión son moito máis ca un dano colateral de permanecer encamado: son dolorosas -salvo para os lesionados medulares-, teñen un grande impacto na calidade de vida dos que as padecen, poden derivar en complicacións infecciosas e elevan entre catro e seis veces máis o risco de morrer fronte a quen non as sofre.
Os afectados morren con e por úlceras por presión. Así o demostrou un estudo no ano 2003 sobre o rexistro de defuncións, do profesor José Verdú, publicado na revista “Gerokomos”.
O mellor tratamento: previr
O drama destas úlceras é que son irreversibles. Unha mancha avermellada na pel nunha prominencia ósea é un sinal inequívoco da súa inminente aparición e, cando estas se fan visibles, pode ser demasiado tarde. Por este motivo, o mellor tratamento é a prevención, que permite evitalas no 95% dos casos e que se basea nos seguintes coidados continuados:
A MOBILIZACIÓN. A inmobilidade é unha das causas do seu desenvolvemento e, polo tanto, débese invitar o paciente a moverse de maneira autónoma, se pode, ou mudalo de postura cada dúas ou tres horas e, se está sentado, cada hora.
AS SUPERFICIES ESPECIAIS. Superficies ou colchóns especiais melloran a presión corporal sobre elas. Poden ser estáticas ou dinámicas; neste último caso, as celas que forman parte dos colchóns vanse inchando de xeito alterno para ir variando os puntos de apoio do corpo.
COIDADOS DE HIXIENE. A hixiene dos pacientes con risco de úlceras por presión debe ser exquisita, complementarse con coidados de hidratación da pel, para facela máis resistente, e extremarse se coinciden a incontinencia urinaria ou fecal. Hoxe existen unhas cremas con ácidos graxos hiperosixenados que melloran a hidratación e que contrarrestan a falta de rega sanguínea das zonas baixo presión, que actúan contra as lesións incipientes froito do esmagamento, e os produtos de barreira que combaten o exceso de humidade e suor.
COIDADOS NUTRICIONAIS. A nutrición é outra peza fundamental na prevención das úlceras. Debe ser adecuada en macronutrientes, aumentando o contido de proteínas, e en oligoalimentos.
APOIO DE PERSOAL SANITARIO. Os coidadores de pacientes inmóbiles poden solicitar o apoio de enfermeiras expertas en avaliar o risco de úlceras por presión e actuar en consecuencia. En España, actualmente hai tres escalas validadas para utilizalas que permiten calcular este risco, en función da situación de cada paciente (valorando a perda de peso, a nutrición, a incontinencia, entre outras). Son as escalas de Braden, Norton e Emina.
Consecuencias e curas
A prevención é un acto de fe, xa que os seus resultados non se ven, pero si o seu fracaso. As úlceras por presión, que tardan en pechar, están expostas aos xermes do ambiente, polo que é doado que se sobreinfecten. As curas, a miúdo, son dolorosas: hai que limpar ben e retirar o tecido morto ou non viable. Non obstante, nos últimos anos melloraron coa administración de anestésicos locais, de ansiolíticos e co concepto de curas en ambiente húmido. Este consiste en aplicar produtos tópicos que impiden que as feridas se resequen (proporcionan a humidade e a temperatura axeitada para as células implicadas no proceso de cicatrización), que controlan a hemorraxia, eliminan substancias estrañas así como o tecido desvitalizado, protexen de traumatismos e xermes e resultan máis confortables para os pacientes xa que diminúen a dor.