Diferentes en calidade
Analizáronse oito tinguiduras permanentes para o pelo, de cor negra e que custan desde os 5,07 euros por envase de Garnier Belle Color ata os 10,06 euros de L’Oréal Excellence. A mellor relación calidade-prezo é Llongueras Color Advance, que non só é a mellor tinguidura, senón que ademais figura entre as máis baratas (5,94 euros).
O cabelo está composto basicamente por queratina e divídese en tres capas: a cutícula ou capa externa é transparente; a codia ou capa media contén as melaninas, responsables, pola súa abundancia e distribución, de darlle cor ó cabelo; a capa máis interna é a medula, que inflúe na refracción da luz e no ton do pelo.
O costume de tinguir o pelo remóntase ós exipcios, que utilizaban extractos vexetais, como a henna, e compoñentes metálicos, como os sales de chumbo, para darlles cor ós seus cabelos. Hoxe estímase que entre un 30% e un 40% das mulleres nos países industrializados tinguen o pelo, e para iso empregan a coloración permanente, que acapara o 80% do mercado. Estas tinguiduras permanentes (a diferenza dos pigmentos vexetais que só tinguen a capa superficial) non marchan co lavado. Conségueno utilizando mesturas químicas complexas, líquidas ou pastosas, capaces de tinguir as fibras de queratina. O único xeito de eliminar estas tinguiduras é cortar o pelo. Unha boa tinguidura permanente debe resistir o lavado, non estragar o pelo, cubrir as canas e proporcionar brillo e unha cor natural. Entre as oito tinguiduras analizadas, as dúas de L’Oréal e Schwarzkopf Brillance ofrecen 120 mililitros de produto, polo que se axeitan máis a quen ten melena ou media melena. Llongueras contén 110 mililitros de mestura, mentres que os máis só incorporan 100 mililitros, cantidade que pode non resultar abonda se se ten o pelo demasiado longo e hai que cubrir moita raíz.
Para comprobar a intensidade de cor que se acada con estas tinguiduras, tinguíronse tres mechas de pelo estándar de orixe europea con cada produto, seguindo o modo de emprego que indican as súas etiquetas. Despois, seis expertos avaliaron visualmente o resultado final. Os mellor valorados foron L’Oréal Recital, Llongueras e Wella, mentres que os que brindaron unha cor máis apagada foron Colorcrem, L’Oréal Excellence, Garnier Belle Color e Schwarzkopf.
Para avaliar a duración do efecto destas tinguiduras, sometéronse dúas ou tres mechas de pelo xa tinguido (a terceira serviu como referencia) a catro lavados con lauril sulfato de sodio. As tinguiduras máis sólidas foron Llongueras, Wella Kolestint e L’Oréal Recital, mentres que Colorcrem, L’Oréal Excellence, Garnier Belle Color e Schwarzkopf se amosaron como as máis débiles. Garnier Nutrise obtivo un resultado medio.
Despois de tinguiren o pelo, as persoas con melena ou media melena, logo dos primeiros lavados, se cadra lixan o pescozo das camisas ou a toalla coa que secan o cabelo. Para comprobar a propensión das tinguiduras a destinguir, a súa resistencia á auga, colocáronse as mechas acabadas de tinguir sobre unha tea branca de algodón ata que secaron, para observar se tinguían ou non o tecido. Schwarzkopf foi claramente a mellor (non destingue nada), seguida de L’Oréal Recital Préférence (deixa trazas sobre a roupa), mentres que Wella resultou a peor neste aspecto (mancha moito a roupa), seguida de Colorcrem, Llongueras e Garnier Belle Color. As guedellas tinguidas laváronse despois para comprobar se seguían destinguindo: seis das oito tinguiduras manchan de modo considerable, mentres que Colorcrem e Schwarzkopf deixaron un rastro moito menor.
En síntese e táboa comparativa
Non todo é dar cor: unha utilidade das tinguiduras é cubrir as canas. Para medir como actuaban con esta clase de pelo, tinguíronse mechas de pelos grises con cada unha das mostras. L’Oréal Recital Préférence, Colorcrem e Llongueras foron as únicos capaces de tinguir totalmente as canas, e en L’Oréal Excellence e Schwarzkopf a persistencia de pelos brancos foi abundante.
Para estudar a tolerancia da pel ante estas cremas colorantes aplicouse 0,02 mililitros do produto puro no antebrazo de 20 voluntarios adultos e sans baixo un parche durante 45 minutos. Un dermatólogo comprobou se se produciran reaccións alérxicas (eritema, edema, sequidade, proído). Sete das oito mostras foron considerablemente inocuas. A excepción é L’Oréal Recital Préférence, “moi lixeiramente irritante”. Este resultado pode variar segundo o tipo de pel, polo que antes de tinguir o pelo por primeira vez ou se se cambia de marca, convén pór unha pinga da crema na parte posterior da orella durante dous días para asegurármonos de que non nos causará problemas.
As oito etiquetas son correctas: todas inclúen de modo claro e indeleble a información obrigatoria sobre instrucións de uso, advertencias, lista de ingredientes en orde decrecente, amais do resto de requirimentos legais (nome e enderezo da empresa, lote…).
Para valorar a calidade das tinguiduras non todos os parámetros medidos se valoraron do mesmo xeito. Outorgóuselle distinta importancia á intensidade da cor (o 30% da nota final), ó poder de recubrimento das canas, á resistencia da cor e ó nivel de destinguido sobre o tecido (o 20% do total a cada un) e ó poder irritante na pel (un 10%). A etiquetaxe non se tivo en conta, pois todas as mostras acadaron a mesma valoración.
As tinguiduras de maior calidade, seguindo esta ponderación, son L’Oréal Recital Préférence e Llongueras Color Advance, cun “moi ben”. Ambas as dúas destacan pola intensidade da cor, pola súa resistencia ó lavado (tanto tras un coma tras catro lavados) e por cubrir de maneira adecuada as canas, aínda que L’Oréal Recital se pode definir como “moi lixeiramente irritante”. Wella Kolestint e Garnier Nutrisse Natea alcanzan o ben pola intensidade da súa cor e pola resistencia ó lavado, aínda que non son tan boas recubrindo canas.
Colorcrem, L’Oréal Excellence Creme, Garnier Belle Color e Schwarzkopf Brillance obtiveron malas valoracións en parámetros tan fundamentais como a resistencia e intensidade da cor. Ademais, Garnier Belle Color non tapa axeitadamente as canas e L’Oréal Excellence e Schwarzkopf Brillance non tinguiron de modo homoxéneo as mechas, deixando un aspecto “atigrado”.
A aplicación dunha tinguidura permanente na casa non é cousa complicada, pero convén seguir unha serie de pasos para obter o resultado óptimo:
- Utilizar sempre toda a mestura. Se para tinguir o cabelo non se remata o contido do envase, o sobrante non se debe gardar e reutilizar, é mellor guindalo.
- Aplicar o produto inmediatamente despois de preparar a mestura.
- Efectuar todas as operacións coas luvas que veñen con cada envase.
- Se é a primeira vez que se vai tinguir o pelo ou se se vai cambiar de marca, convén facer un test de sensibilidade aplicando unha pinga de tinguidura detrás do lóbulo da orella, deixala aí 48 horas e comprobar se aparecen reaccións alérxicas (arroxamento, irritación, etc.) na zona afectada.
- Se se fixo a permanente, antes de tinguir o pelo é conveniente agardar polo menos dous días.
- Evitar o contacto coa roupa ou con superficies porosas, xa que lles poden quedar manchas indelebles.
- Estas tinguiduras non serven para tinguir cellas ou pestanas ou para outro uso que non sexa a coloración dos cabelos.
En síntese
- Analizáronse oito tinguiduras permanentes para o pelo, de cor negra, con notables diferenzas no prezo: L’Oréal Excellence (10,06 euros) custa o dobre ca Garnier Belle Color (5,07 euros).
- As dúas tinguiduras de L’Oréal e a de Schwarzkopf Brillance ofrecen a maior cantidade de tinguidura (120 ml), polo que son máis adecuadas para cabeleiras longas. Llongueras inclúe 110 ml, e os máis só 100 ml.
- A cor negra máis intensa proporciónana Llongueras, Wella e L’Oréal Recital Préférence, sendo as máis apagadas Schwarzkopf, Colorcrem, L’Oréal Excellence Creme e Garnier Belle Color.
- Só L’Oréal Recital Préférence, Colorcrem e Llongueras cobren totalmente as canas. Pola contra, en L’Oréal Excellence Creme e Schwarzkopf as canas sen cubrir foron numerosas.
- As que mellor deixan o cabelo son L’Oréal Recital Préférence e Llongueras Color Advance, por ofreceren a intensidade de cor máis alta e por cubriren totalmente as canas.
- No tocante á calidade global, Llongueras e L’Oréal Recital Préférence acadan un “moi ben”; Garnier Nutrisse Natea e Wella acadan o “ben”, mentres que Colorcrem, L’Oréal Excellence Creme, Garnier Belle Color e Schwarzkopf quedaron nunha “calidade baixa”.
- A mellor relación calidade-prezo é Llongueras Color Advance, unha das máis baratas e a de maior calidade e eficacia. Outra opción é L’Oréal Recital Préférence, que, aínda que máis cara, ofrece tamén moi bos resultados.
Marca | Llongueras color advance | Lóreal recital préférence | Wella kolestint | Garnier nutrise natea |
---|---|---|---|---|
Cor | 1 Negra | 1 Napoli | 2/0 Negra | 1 Negra |
Prezo (euros/ caixa) | 5,94 | 9,23 | 6,29 | 6,55 |
Etiquetaxe | Correcta | Correcta | Correcta | Correcta |
Compoñentes de cada caixa | Crema reveladora Crema colorante 2 luvas Tratamento nutritivo |
Revelador Xampú colorante 2 luvas Prolongador brillo |
Activador del cor Crema colorante 2 luvas Crema de coidado |
Leite reveladora Mascarilla colorante 2 luvas Aceite nutritivo Crema de coidado |
Cantidade a aplicar (ml) | 110 | 120 | 100 | 100 |
Intensidade de cor | Moi boa | Moi boa | Moi boa | Boa |
Resistencia lavado entre mechas | Moi boa | Boa | Boa | Boa |
Resistencia lavado respecto referencia | Moi boa | Moi boa | Boa | Boa |
Destinguido sobre tecido tras tinguir | Mal | Boa | Mal | Boa |
Destinguido sobre tecido despois do lavado | Mal | Mal | Mal | Mal |
Recubrimento de canas | Moi boa | Moi boa | Media | Media |
Poder irritante | Nulo | Lixeiramente irritante | Nulo | Nulo |
Calidade global | Moi boa | Moi boa | Boa | Boa |
Marca | Garnier belle color | Eugene perma colorcrem | Scwarzkopf brillance | Lóreal excellence creme |
---|---|---|---|---|
Cor | 1 Negra | 20 Moreno | 890 Negra | 1 Negra |
Prezo (euros/ caixa) | 5,07 | 5,23 | 6,34 | 10,06 |
Etiquetaxe | Correcta | Correcta | Correcta | Correcta |
Compoñentes de cada caixa | Leite reveladora Crema colorante 2 luvas Crema nutritiva |
Crema reveladora Crema colorante 2 luvas |
Emulsión reveladora Crema colorante 2 luvas Cuidado cor brillo |
Crema reveladora Crema colorante 2 luvas Serum protector Proteínas de ceramida |
Cantidade a aplicar (ml) | 100 | 100 | 120 | 120 |
Intensidade de cor | Baixa | Baixa | Baixa | Baixa |
Resistencia lavado entre mechas | Baixa | Baixa | Baixa | Baixa |
Resistencia lavado respecto referencia | Moi boa | Moi boa | Moi boa | Moi boa |
Destinguido sobre tecido tras tinguir | Mal | Mal | Moi boa | Moi boa |
Destinguido sobre tecido despois do lavado | Mal | Boa | Mal | Mal |
Recubrimento de canas | Media | Moi boa | Mal | Mal |
Poder irritante | Nulo | Nulo | Nulo | Nulo |
Calidade global | Baixa | Baixa | Baixa | Baixa |
Unha por unha
Unha a unha, oito tinguiduras permanentes para o cabelo
Llongueras Color Advance
A mellor relación calidade-prezo. Cor “1 Negra”.
110 mililitros de crema colorante. Proporciona unha intensidade de cor e unha resistencia ó lavado moi boas, e, ademais, cobre totalmente as canas. No negativo, mancha a roupa.
Calidade global: moi boa.
L'Oréal Recital Préférence
Outra boa opción. Cor negra, “1 Nápoli”.
Aconsellada para persoas con melena, por ofrecer unha das maiores cantidades de tinguidura (120 ml). Intensidade de cor e resistencia ó lavado moi boas; ademais, cobre totalmente as canas. A única irritante, aínda que moi lixeiramente.
Calidade global: moi boa.
Wella Kolestint
Cor “2/0 Negra”.
100 mililitros de crema colorante, unha das que ofrece menor cantidade. Intensidade de cor e resistencia ó lavado moi boas, pero mancha a roupa e non cobre totalmente as canas.
Calidade global: boa.
Garnier Nutrisse Natea
Cor “1 Negra”.
100 mililitros de crema colorante, das que ofrecen menor cantidade. Obtén resultados medios en todos os parámetros analizados. Non cobre totalmente as canas.
Calidade global: boa.
Garnier Belle Color
Cor “1 Negra”.
100 mililitros de crema colorante, unha das que ofrecen menor cantidade. A intensidade de cor proporcionada e a súa resistencia ó lavado son das máis febles. Mancha a roupa e, ademais, non cobre totalmente as canas (quedan algúns cabelos brancos).
Calidade global: baixa.
Eugene Perma Colorcrem
Cor negra, “20 morena”.
100 mililitros de crema colorante, das que ofrecen menor cantidade. A única tinguidura sen ningún tratamento de coidado para o cabelo tras a tinguidura. Cobre totalmente as canas. Intensidade de cor e resistencia ó lavado, das máis febles.
Calidade global: baixa.
Schwarzkopf Brillante
Cor “890 Negra”. Aconsellada para persoas con melena, por ofrecer a maior cantidade de tinguidura tras a mestura (120 ml). Deixa sen tinguir unha cantidade importante de canas. Intensidade de cor e resistencia ó lavado, das máis febles.
Calidade global: baixa.
L'Oréal Excellence Creme
Cor “1 Negra”. Aconsellada para persoas con melena, por ofrecer a maior cantidade de tinguidura tras a mestura (120 ml). Deixa sen tinguir unha cantidade importante de canas. Intensidade de cor e resistencia ó lavado, das máis febles.
Calidade global: baixa.