Inma Shara, directora de orquestra

"Para gozar dun concerto non cómpre ser un experto en música"

1 marzo de 2005
Img entrevista listado 339

Como explicaría a función dun director de orquestra, unha figura de relevancia parella á do compositor?

Un bo director de orquestra é un bo orador e a lectura que realiza do que está escrito depende do seu talento. A partitura é un diálogo creado por un artista, o compositor, que cómpre pór en escena para que cobre vida, e iso é o que trata de facer o director. Cada un ten unha sensibilidade diferente e un xeito de interpretar, e de aí que cada peza soe distinta, pois cada director narra a súa versión, persegue ese intre en que se converte nun creador de arte. Existe un instante en que el se recoñece na música que está dirixindo, contaxia os músicos desa emoción, e logra que esa creación sexa percibida polo público. Niso consiste dirixir unha orquestra.

Os músicos son daquela meros instrumentos?

En absoluto. O director precisa da orquestra para desenmarañar a semántica dunha partitura, e ten un enorme respecto por ela, igual que o ten polo público, pois é a el a quen se dirixe. En realidade, o director é unha ponte entre o público e a obra, que se converte nunha peza única cando baixo a súa batuta é interpretada polos músicos e escoitada polo público.

Que isto se acade, en que medida depende do tipo de espectadores que conforma o auditorio?

Para que o público poida contactar co exquisito hai que llo ofrecer, ou, polo menos, intentar ofrecerllo. Cada vez sabe discernir mellor entre o bo e o malo, e, desde logo, percibe a emoción cando esta se crea. Hai que romper coa idea de que para gozar dun concerto cómpre ser cultivado ou un experto da música, dunha corrente ou dun autor. A música utiliza a linguaxe das emocións. Certo que existen matices que poden ser descubertos por uns e non por outros, pero igual acontece coa pintura ou coa poesía; cada cal chegará a gozar dela por diferente camiño. A música só trata de emocionar, non de instruír a ninguén.

Pero admitirá que a música clásica encerra certo sentido culto.

E u cualificaríao máis de elegante, unha calidade que tamén pode ter un concerto de rock. O que acontece é que nun concerto clásico o coidado das formas é un elemento máis de comunicación. Isto non ten que significar distancia entre quen ofrece a música e quen a recibe, pero si respecto mutuo.

A súa batuta levouna por todo o mundo. Alemaña, Austria, Chequia, países eminentemente melómanos. Descobre á súa volta a tan denunciada falta de preparación musical en España?

Coido que non é tan necesario que as persoas saiban ler unha partitura e, así e todo, si penso que a música é unha ferramenta que axuda o ser humano, a xeito individual e colectivo. Quero dicir, non defendo a bondade de que os escolares cheguen á música como unha disciplina sobre a que deban alcanzar un coñecemento, senón que se sirvan dela na súa vida cotiá. De todas maneiras, unha cousa positiva que podemos achacar á tardía inmersión musical do noso país é a gran calidade de espazos que se están construíndo para a música. Non hai teatros recolectos, pero proliferaron os auditorios dunha categoría sonora máis ca digna.

“Para min a música non é unha profesión, senón un xeito de vida”. Por que os músicos se amosan tan grandilocuentes?

No meu caso, a entrega á música é absoluta porque me apaixona, e poderme dedicar a isto é un pracer que entraña moito sacrificio pero que compensa. O feito de non ser titular de ningunha orquestra obrígame a ofrecer un repertorio moi traballado, co que estea moi segura, e para iso necesito estudar 12 horas ó día unha partitura. É moi gratificante, pero non deixa de ser un traballo, no que debe estar presente a constancia. Polo momento, acepto desenvolver seis novos proxectos ó ano, pois necesito polo menos dous meses para poder preparalos, precisan de moito compromiso persoal ó que me entrego física e mentalmente. Ás veces esa música gústache, identifícaste con ela, pero hai ocasións nas que o teu espírito artístico non empat

Como recibe as críticas?

Imaxino que, como a calquera persoa, gústanme máis as positivas cás negativas. Ante estas, se non son construtivas, se non me axudan a madurar como profesional, intento non sucumbir, porque moitas veces hai detrás un interese que non é a música. Lembro unha columna que comezaba falando da miña cor de pelo. O que seguía debía ter o mesmo rigor que informar de se son loura ou morena.

Que autores e por que son os máis solicitados?

Depende de cada foro e do orzamento que se manexe, se se vai contar con varias familias de instrumentos, con voces e con solistas. Se se quere ir sobre seguro, quen organiza sabe que Bach, Brahms, Stravinski son valores que garanten o éxito. Á xente gústalle gozar en vivo con pezas que coñece e sobre as que pode volver, pois as ten na casa.

E non intenta innovar?

Por suposto, pero aínda que a nosa profesión é engaiolante, non deixa de ser un traballo. Eu navego moito na literatura sinfónica e presento obras novas para engadir ó meu repertorio, pero, á longa, a novena de Beethoven enfeitiza o público, que, non o esquezamos, é para quen tocamos. Non hai dúbida de que a música contemporánea, salvo quizais as bandas sonoras, é máis difícil de entender ca calquera obra barroca, renacentista ou romántica. Ademais, a vangarda ás veces non está concibida para prevalecer, responde máis a unha ruptura co anterior, como se o pasado non fose válido, e iso lévanos a asistir a un abano de superposicións de creacións que non dan callado, xa que se trata dunha busca desenfreada de algo diferente, non artístico, senón orixinal, e iso non é música. A arte nace para satisfacer o ser humano, non ó seu creador, pois na súa esencia está outorgarlle felicidade ós demais.

Que espazo ocupan daquela os autores contemporáneos?

Salvo en foros que están concibidos para iso, como festivais ou simposios, entre os propios especialistas existen controversias e é natural, xa que non en van a música é algo vivo que mentres está xurdindo ten os seus detractores e os seus defensores. Ó final, o bo prevalecerá, e será o público quen decida, máis ca os críticos, que é o que cómpre salvagardar para que cumpra a súa misión de ser testemuña dunha época. A música non reflicte soamente a sensibilidade ou capacidade artística dun compositor, é a expresión dun contexto, duns gustos e dunhas necesidades.

Atendendo ás súas palabras, descubrimos que o directo crea unha obra. Ten a súa propia discografía?

Dirixín algunhas gravacións, pero aínda non me sinto preparada para poder asinar unha interpretación. Cómprenme máis anos de experiencia, madurar. En definitiva, vivir máis música. Se quero ofrecer a miña versión dunha obra teño que telo moi claro, e recoñezo que aínda os meus estados de ánimo están moi contaxiados pola paixón musical… A música dáche tanto a cambio de que ti lle ofrezas dedicación, de acordo, pero ten algo que ofrecerche cada día, e xa chegará o momento en que poida darme tamén a oportunidade de capturala.