Alimentación e inmigración

Oportunidade para o intercambio gastronómico e cultural

1 Marzo de 2005
Img alimentacion listado 293

Oportunidade para o intercambio gastronómico e cultural

/imgs/20050301/alimentacion01.jpg
Segundo o informe máis recente de Eurostat, España é o país da Unión Europea que máis inmigrantes acolleu no ano 2003. Na actualidade, achéganse ós 2,7 millóns as persoas estranxeiras residentes en España, catro veces máis ca en 1998. Chegan de moitos lugares, pero predominan as oriúndas de Marrocos, Ecuador, Colombia, Romanía e China. O enriquecemento e mestizaxe que comportan estas migracións non atinxe só ós ámbitos social ou cultural, senón que tamén na gastronomía se descobren novos sabores, recendos e beneficios descoñecidos ata o de agora.

Hábitos alimentarios e saúde

Se se fai unha análise global dos alimentos que as persoas inmigrantes consomen nos seus países de orixe, constátase que a súa dieta se achega ó patrón recomendado, baseado nunha achega elevada de alimentos ricos en hidratos de carbono complexos (arroz, tubérculos como a pataca ou a iuca e tortas de millo en Centroamérica e Suramérica; cuscús, arroz e paínzo en África; arroz e soia en países do sueste asiático). O menú tipo consiste nunha ración pequena de alimentos proteicos de orixe animal e unha máis abundante de verduras e froitas de variedade estacional. As salsas elabóranse con verduras e os vexetais ricos en proteína vexetal combínanse entre si (arroz e feixóns en América, arroz e cacahuete en África, arroz e soia en Asia). Da mestura de cereais e legumes obtense un prato cun equilibrio proteico comparable cos alimentos de orixe animal (carnes, peixes ou ovos), dada a combinación de aminoácidos esenciais.
Estes novos cidadáns tamén se ven influídos polo comportamento e polos hábitos alimentarios do país de acollida. Agora ben, o seu descoñecemento sobre como preparar os pratos típicos do seu novo lugar de residencia, a falta de práctica para combinar os distintos ingredientes e o prezo que teñen mitigan esta influencia, o que os leva a recorrer máis ou menos a miúdo ós precociñados, que ata lles poden resultar máis baratos para a súa axustada economía. Doutra banda, teñen a posibilidade de acceder a doces, a refrescos e a outros produtos azucrados, algo que lles resulta máis complicado nos seus países de orixe. Todos estes aspectos poderían incidir a medio e longo prazo no status nutricional do colectivo de inmigrantes, tal e como está acontecendo xa coa poboación española a través da variación da curva de crecemento e unha maior prevalencia de enfermidades como as cardiovasculares, obesidade, diabetes ou estrinximento.

Alimentos doutras culturas

Alimentos que hoxe nos semellan exóticos vanse introducindo ós poucos no mercado nacional, polo que, posiblemente, dentro duns anos, dada a abundancia de receitas e a experiencia na súa elaboración, serán ingredientes cotiáns da dieta española, tal e como aconteceu con moitos outros “produtos doutras culturas”, como a pataca ou o tomate, que se cultivan desde hai centos de anos, ou a piña e o kiwi, de cultivo e consumo máis recente.

Do centro e sur de América

Cada vez é máis doado atopar no mercado alimentos imprescindibles na gastronomía do centro e sur de América, como a iuca ou mandioca, o plátano macho e froitas tropicais como o aguacate, a manga, a papaia, o coco e os bananiños, entre outros.

De Asia

/imgs/20050301/asia.jpg Comúns no mercado asiático e que se están introducindo agora na alimentación española son unha gran variedade de froitas (rambután, lichi, pitaia, mangostán, cumquat ou laranxa chinesa…), moitas cultivadas tamén en países tropicais de América e África; condimentos como o curry, a soia e os seus derivados (tamari, miso, tofu…).

Do Norte de África

O cuscús é a sémola de trigo e dálle nome a un prato representativo da cultura musulmá. Un prato típico de cuscús inclúe a sémola cocida, un cocido de garavanzos, verduras e caldo do cocido, e carne de cordeiro ou de polo, principalmente. Os ingredientes sérvense por separado. Pódese dicir que equivale (no tocante a ingredientes e modo de presentación) ó cocido tradicional; o cuscús sería como a pasta para sopa, e o resto de ingredientes aseméllanse ós que inclúe o cocido.

Do leste de Europa

Os kebabs -tiras de carne asada de cordeiro ou de polo servidas nun pan especial (pan de pita) e acompañadas de vexetais e salsas típicas-, orixinarios de Turquía, son pratos moi consumidos ó leste de Europa e tamén en países árabes, e constitúen en España unha nova variedade de comida rápida.

O mellor de cada país

Os resultados satisfactorios de estudos de alimentación de países estranxeiros están incidindo nalgúns cambios de hábitos alimentarios recomendados polos propios científicos, dados os beneficios que reportan certos alimentos, ou determinadas combinacións de alimentos, na saúde da poboación.

É interesante buscar o que é bo e saudable dos costumes alimentarios de cada país para poder incorporalo ó noso xeito habitual de alimentarnos. Por exemplo: consumo de peixe azul rico en ácidos graxos omega-3, soia e isoflavonas, etc.

O que se fai en… Por que se aconsella
Centro e sur América Prato principal: feixóns con arroz Combinación de proteínas vexetais. A combinación de certos alimentos ricos en proteínas vexetais (leguminosas, cereais e froitos secos), dá como resultado un prato cunha proteína de calidade, equiparable á de carnes, peixes e ovos.
Países do Magreb (Alxeria, Libia, Marrocos, Mauritania, Tunicia) Prato principal: cuscús Completo e equilibrado. Combina alimentos ricos en todos os nutrientes: hidratos de carbono do cuscús e dos garavanzos, proteínas e graxa da carne, e vitaminas, minerais e fibra dos vexetais.
Leste de Europa Kebabs Completo e equilibrado nutricionalmente. Opción interesante, ó igual ca os bocadillos caseiros, para un consumo ocasional. Están representados todos os nutrientes: hidratos de carbono do pan, proteínas e graxa da carne, e vitaminas, minerais e fibra dos ingredientes vexetais.
África subsahariana Paínzo ou arroz con salsa de cacahuetes Combinación de proteínas vexetais. A combinación de certos alimentos ricos en proteínas vexetais (leguminosas, cereais e froitos secos), dá como resultado un prato cunha proteína de calidade, equiparable á de carnes, peixes e ovos.
Leste de Asia Soia e derivados: legumes, salsas, xerminados, tofu, fariña, miso, batido…

Numerosos beneficios sanitarios. Estudos científicos demostran que a inxestión habitual de soia e derivados, debido ós seus numerosos compoñentes nutritivos, desempeña un papel beneficioso para a saúde da poboación:

  • Axuda a paliar os síntomas asociados á menopausa
  • Reduce o risco de trastornos cardiovasculares.
  • Diminúe o risco de fracturas óseas, etc.