Económico e doado de instalar
No 95% da vivenda nova que se constrúe hoxe en día o chan de salón, habitacións e corredores é de madeira, pero non de calquera tipo de madeira, senón da que maiores vantaxes presenta en calidade, facilidade de instalación, illamento, opcións decorativas e prezo: o parqué flotante, denominado así porque non está nin pegado nin cravado ó chan. Atrás están quedando outros materiais como a baldosa, a cerámica e compoñentes nobres como a tarima ou o parqué pegado. A que se debe a súa demanda? Cales son as súas características?
Trátase de pezas (xeralmente láminas alongadas) de madeira que foron pegadas e vernizadas en obradoiros especializados mediante tecnoloxía de precisión. Estes pavimentos de madeira non se pegan nin cravan ó chan, senón que a cara que non se ve, a que non se pisa e queda por baixo, se apoia sobre unha membrana ou capa de neopreno (pode ser un soporte de caucho sintético ou semellante). Polo tanto, queda ‘flotando’ ó mesmo tempo que actúa de illante. A súa principal vantaxe respecto a outros tipos de sobrado radica en que non cómpre unha grande obra para colocalo, nin sequera é preciso baleirar completamente a vivenda para instalalo. Ademais, pódese usar sobre calquera tipo de superficie, mesmo riba dun pavimento anterior, sempre que estea plana. O único coidado que precisa é unha temperatura ambiente de 20 graos e unha boa ventilación na estancia para evitar que o vapor da humidade caia sobre a superficie e se converta en líquido. A súa colocación incrementa a altura do chan arredor duns 3-4 centímetros, polo que se se monta sen quitar o anterior pavimento, as zonas ou estancias nas que non se poña poden quedar máis baixas. Aínda que o neopreno sobre o que se colocan as láminas de madeira actúa como illante, aconséllase non instalar este tipo de parqué nas partes da vivenda nas que se aprecie moita humidade, dado que a auga e a madeira son incompatibles. Xa que logo, non se recomenda para baños e cociñas, e, de facerse, convén colocar unha alfombra preto do inodoro, bidé, lavabo e ducha, e mais un farrapo na parte máis próxima ó vertedoiro.
- Resistencia ó desgaste e deterioración; a luz solar non come a súa cor orixinal e resulta difícil de rabuñar.
- Alto nivel de absorción e illamento de ruídos, superior ó resto de tipos de chans.
- Boa tolerancia ós cambios de temperatura.
- Salienta pola súa firmeza, é moi adecuado para chans de zonas con moito tránsito.
- Mantemento sinxelo.
- Instalación doada. Moi apropiado en rehabilitacións ou para colocar sobre pavimentos existentes, aínda que é fundamental que para iso a superficie sobre a que se vaia instalar sexa moi plana.
- Colócase axiña: móntase en tres días como moito e sen necesidade de que os propietarios abandonen a vivenda, fronte ós 15-20 días que require a tarima de madeira para a súa colocación e secado.
/imgs/20050301/eco_domestica02.jpg Recoméndase pasarlle a aspiradora, pois así recóllense as partículas de lixo sen arrastralas, evitando o efecto lixa. A maioría das aspiradoras inclúen xa entre os seus accesorios un específico para parqués.- Pódese limpar cun pano ou cunha mopa lixeiramente mollada nun produto líquido para este tipo de superficies. A duración en óptimas condicións destes chans depende en boa medida de que a súa capa protectora (verniz) se manteña en bo estado, polo que o produto utilizado debe ser o menos agresivo posible para evitar corrosións.
- Algúns profesionais recomendan a mestura de auga con vinagre para limpalo, aínda que outros insisten en que a auga soa é o mellor. En calquera caso hai que evitar o exceso de auga no seu mantemento.
- Aconséllase raspillar o parqué cada 10 anos, xa que isto lle dá unha garantía de vida ó chan de ata 30 anos.
- Para evitar posibles raiaduras aconséllase colocar tacos de feltro nas patas das cadeiras, mesas e doutros mobles. Non convén arrastrar mobles nin pisar o chan con lama ou area na sola dos zapatos. Un felpudo á entrada da vivenda é imprescindible.
Hai dous tipos destes chans: o parqué flotante de madeira natural e o parqué flotante laminado recuberto con resina de melamina. No tocante ás súas posibilidades decorativas, a diferenza entre ambos radica en que este último ofrece máis opcións (pódense elixir de cores diferentes e con calquera tipo de ornamento…), mentres que aqueloutro non admite variacións de cor e limítase á da madeira elixida.
Parqué flotante de madeira natural
- Materiais e calidade. Está composto de tres paneis de madeira nobre de 2 a 4 milímetros de espesura, encolados entre si, amais de varias capas de verniz que protexen e fan máis resistente a madeira ó desgaste. A súa principal vantaxe é a súa mellor calidade e maior duración.
- Acabados de madeira. Pódese optar entre un vernizado en mate ou brillo, aínda que este último é o máis utilizado porque é o que mellor disimula imperfeccións e rabuñadas.
- Prezos. Entre as máis caras destaca a madeira tropical, a partir de 35 euros por metro cadrado, por ser a máis resistente á humidade. Entre as económicas, atópanse as láminas de carballo, faia e cerdeira, desde 20 euros por metro cadrado.
Parqué flotante laminado
- Materiais e calidade. Sobre unha táboa ou lámina de madeira pégase unha reprodución fotográfica que admite motivos decorativos de distinto estilo, segundo a utilidade que se lle queira dar á estancia. Esta reprodución está recuberta con varias capas de resina de melamina transparente, moi resistente ó desgaste, impactos, queimaduras de cigarros e exposición á luz solar. Cada táboa pode estar formada por unha, dúas ou tres láminas ou taboíñas de melamina.
- Prezos. Cantas máis capas de resina teña e máis grosa sexa a táboa, máis caro será por metro cadrado este tipo de parqué, aínda que tamén dependerá do acabado elixido (debuxo…). As táboas con 4 milímetros de resina pódense adquirir desde 33 euros por metro cadrado e as de 2 milímetros desde 20 euros por metro cadrado.
Actualmente, a maioría dos establecementos inclúen no prezo a instalación.
- Parqué flotante de madeira: arredor de 40 euros por metro cadrado (material máis instalación).
- Laminados flotantes: desde 33 euros ata 39 euros por metro cadrado (material máis instalación).