Elixir o axeitado para cada exemplar asegura o seu bo estado
As plantas son o elemento decorativo natural por excelencia e confírenlle ás estancias nas que se colocan unha agradable atmosfera. O seu bo aspecto e a súa boa saúde pasan por uns coidados básicos nos que xoga un papel moi importante a elección da terra do testo, tamén chamada substrato ou humus. A través del, as plantas obteñen auga e nutrientes, condición indispensable para que medren sas, cun verde intenso e unha floración duradeira.
Cuestións xerais
- A elección do substrato é un requisito previo esencial para o bo desenvolvemento das raíces e da planta.
- O primeiro que debe facer cando merque unha planta é consultar as características do substrato que precisa a especie que vaia cultivar e mais as súas necesidades de rega e iluminación.
- Antes de mercar o substrato, estude as necesidades da especie que desexa cultivar e prepare a mestura precisa.
- Merque substratos fabricados con produtos de calidade. Todos levan a identificación correspondente.
- A mellor época do ano para transplantar ou anovar a terra das súas plantas é a primavera, cando as plantas espertan do seu repouso invernal e as raíces retoman a súa actividade e comezan a desenvolverse.
- Se a causa do tamaño ou do peso da planta non pode realizar un transplante, abonda con que retire algúns centímetros de terra e a substitúa por substrato novo.
- Non todos os exemplares requiren un substrato composto por unha mestura de terra e area; pode ser un substrato calcario, arxiloso, de limos ou sedimentos das beiras dos ríos, cun pH alto ou baixo, etc.
- Teña en conta que se lle achega terra ácida a unha planta que non a precisa, pode chegar a matala ou dificultar o seu crecemento.
- A terra procedente do xardín non é sempre a máis recomendable. Pode conter parasitos que se cadra traslada ó seu novo exemplar, polo que debe metela uns minutos no forno para matar todos os posibles axentes agresores que poida conter. Ademais, este tipo de substrato, constrinxido no reducido espazo dun recipiente, tende a compactarse e a producir bacterias daniñas para os exemplares.
- A mellor opción para os exemplares de testo son os substratos comerciais, que son estériles e están libres de malas herbas.
O substrato axeitado
- Debe poder acumular auga e nutrientes, írllelos cedendo ós poucos ás plantas e permitir que o líquido sobrante flúa con facilidade.
- Debe ofrecerlles unha boa base ás raíces, pero sen que se comprima.
- Ten que regular as oscilacións extremas de humidade e temperatura e recuperar así o equilibrio.
- Os substratos porosos e fibrosos están indicados para as plantas delicadas, de raíces carnosas e crebadizas (orquídeas, fieitos, etc.), que precisan un substrato moi permeable e que case non se descompoña.
- Os substratos porosos e lixeiros convéñenlles ás plantas que, polo xeral, medran no sotobosque, nun solo rico en humus. Empréganse no transplante de fieitos, begonias de follaxe, aráceas, bromeliáceas e xesneriáceas.
- Os rododendros, azaleas e ericas non soportan o cal e necesitan un substrato ácido (teñen un valor de pH baixo). Nestes casos só se deben utilizar substratos específicos para estas plantas.
Substratos máis habituais
- Mestura universal. Os máis habituais nos comercios. Corresponden á mestura clásica que outrora facían os xardineiros: un terzo de terra de cultivo ou de xardín, outro terzo de turba ou compost, e unha última parte de area. Achegan elementos fertilizantes e só se desaconsellan para a sementeira, pois é demasiado rico para as sementes e quéimaas. Indicado no transplante de case todas as plantas verdes (Codiaeum, Ficus, Schefflera, Monstera, etc.).
- Substrato de terra. Obtidos a partir dun solo franco. Son permeables e ricos en nutrientes. Non obstante, son pouco prácticos, xa que son pesados e difíciles de manexar en grandes cantidades, amais de que lixan bastante. Colocados en recipientes, son os máis adecuados para plantas de vida prolongada.
- Substrato sen terra. A maioría componse de turba e doutros materiais tales como anacos de codia e cortiza, agullas de abeto, serraduras ou areas, entre outros. Son limpos, lixeiros e bos de manexar, pero conteñen menos nutrientes cós seus equivalentes feitos con terra. Este tipo de substrato é o máis adecuado para plantas de vida curta, como as anuais ou as de xardín.