Un pracenteiro e beneficioso ritual
Calor seca na sauna e calor húmida no baño turco; en ambos os dous casos o común denominador é a temperatura e a transpiración o seu fin. Xa non existe ximnasio ou balneario que non conte con estes dous espazos. Agora ben, o invento non é novo. Desde a antigüidade, a calor utilizouse como terapia. Os maias, os aztecas, os romanos e os gregos, amais dos turcos, xa usaban os baños de vapor nas súas vidas cotiás, algo que se segue a manter nalgúns países. En Finlandia, por exemplo, a sauna está considerada case como unha filosofía de vida e son moi poucas as casas nas que non hai unha. Se o baño público era nas antigas civilizacións un símbolo de alta cultura e de prestixio, amais dun lugar de purificación, na actualidade prima a súa vinculación co lecer e co coidado do corpo.
Tanto o baño turco ou hammam coma a sauna teñen indiscutibles beneficios sobre a saúde e sobre o estado da pel. O seu uso regular permite previr enfermidades, doenzas ou desequilibrios do organismo. Ambos os dous son baños alternantes de calor e frío que se utilizan con fins hixiénicos e/ou terapéuticos. A diferenza radica en que mentres na sauna se dá unha calor elevada e seca, no baño turco a temperatura é menor e maior o seu grao de humidade, o que fai que, en contra do que poida parecer, neste último se súe menos ca na sauna. A explicación atópase no propio funcionamento corporal. Cando a temperatura externa é superior á do corpo, o organismo, para refrixerarse, súa, emite líquido a través dos poros dilatados, líquido que ó se evaporar dispersa a calor e, polo tanto, refrixera o organismo. Se a humidade do ambiente, como no caso do baño turco, recobre toda a pel, non se súa porque o vapor de auga fai a función de dispersión da calor.
Sauna
A sauna caracterízase por unha calor seca que oscila entre 80ºC e 100ºC e unha humidade relativa moi baixa, que non chega ó 15%. Os baños de sauna tómanse en cuartos herméticos de madeira, con gradas para poder descansar -canto máis arriba, máis calor-, nos que a temperatura se obtén quentando dentro dun receptáculo pedras non arenitas que, alimentadas por unhas resistencias eléctricas, chegan á incandescencia.
- Exercita o sistema cardiovascular. A alta temperatura fai que aumente o metabolismo muscular e vigoriza o corazón grazas a que a calor dilata os vasos capilares e incrementa o ritmo cardíaco.
- Elimina toxinas. Abre os poros e contribúe a limpar a pel de impurezas. A través da suor, o organismo elimina, entre outros “produtos de refugallo”, metais pesados (chumbo, mercurio, cinc, níquel, cadmio…), alcohol, nicotina e sodio.
- Mellora a respiración. Axuda a despexar as vías respiratorias. Fai máis fluída a mucosidade que poida existir nos bronquios. En caso de catarreiras ou arrefriados, despois dunha sesión notarase unha gran melloría. Está comprobado que os pacientes con enfermidades pulmonares obstrutivas melloran transitoriamente as súas funcións pulmonares.
- Mellora as doenzas articulares. A combinación de calor corporal, melloría da circulación, emisión de endorfinas e quecemento das articulacións ríxidas alivia a dor e as molestias. Un corpo quente é menos sensible á dor. Exerce un efecto positivo sobre o sistema locomotor e sobre o estado psicoemocional, amais de aliviar a dor artrítica.
- Prepara o corpo para outros tratamentos terapéuticos e estéticos. Logo dunha sauna, o estado da pel e dos músculos é ideal para se someter a unha sesión de masaxe ou a calquera tratamento que inclúa a aplicación dalgún tipo de produto (celulite, obesidade, hidratación da pel en profundidade…).
- Outras aplicacións. Axuda a recuperar os músculos e o organismo despois do exercicio, reduce a celulite e as adiposidades. Ademais, é beneficioso en caso de escordaduras, neuralxias, espasmos musculares, rixidez articular e, en xeral, de doenzas óseo-musculares.
O baño turco ou de vapor, tamén chamado hammam (baño, en árabe), practícase desde hai milenios. Trátase dun baño de calor húmida no que a temperatura non é uniforme; no chan hai entre 20 e 25 graos, a metro e medio uns 40 graos e uns 50 graos á altura da cabeza. Ademais, ten unha humidade relativa do 99%, que produce a clásica “néboa”.
Nestes habitáculos a calor xérase grazas á auga quente que circula a través de canos e radiadores situados nas paredes das salas.
- A calor á que é sometido o organismo obrígao a acelerar as súas funcións metabólicas: aumento de ventilación, aceleración da circulación sanguínea e estimulación dos sistemas nervioso e hormonal, o que produce unha melloría xeral da saúde.
- Permite unha maior osixenación e revitalización dos tecidos. Axuda a retardar o proceso de avellentamento da pel.
- O vapor produce unha equilibrada dilatación dos poros e procura unha transpiración abundante que, amais de eliminar toxinas e impurezas, estimula a circulación sanguínea.
- Coa dilatación dos poros da pel, o vapor permite unha limpeza profunda e duradeira que deixa a epiderme lisa e suave.
- Desde un punto de vista terapéutico, o baño turco humedece as vías respiratorias, é expectorante en caso de arrefriado, tose e rouquén. Ademais, axuda a combater a bronquite, a sinusite e outras afeccións de tipo respiratorio.
- Os pulmóns e todo o seu sistema bronquial aumentan a súa capacidade de intercambio de osíxeno e ventilación xeral.
- Contribúe á limpeza dos xenitais femininos, vulva e vaxina e facilita a secreción do fluxo vaxinal. As dismenorreas ou menstruacións dolorosas son sempre aliviadas pola acción da calor.
- Relaxa o sistema nervioso e, polo tanto, ten resultados beneficiosos para todas as persoas que sofren estrés, ansiedade, depresión, etc.
- Indicado para os adolescentes con acne e para os homes, porque alisa e suaviza a pel, o que lles facilita o afeitado.
- É menos estresante para o organismo cá sauna, malia o efecto psicolóxico de ‘abafo’ que produce a ‘néboa’.
Precaucións coa sauna e co baño turco
- A alta temperatura á que se somete o corpo fai que o ritmo cardíaco se chegue a duplicar, pasando de 70 a 140 pulsacións por minuto. Isto fai que a sauna e o baño turco estean contraindicados para anciáns, embarazadas e persoas con problemas de saúde (hipertensión, cardiopatías).
- Desaconséllase a quen padeza trastornos de presión sanguínea ou a quen presenta problemas de veas varicosas.
- Contraindicados para quen sofre de dermatite ou de problemas de vasodilatación.
- Tamén deben evitalos as persoas que padezan unha enfermidade bronquial severa, epilepsia, anorexia ou cólicos renais.
Pasos que cómpre seguir
- Se é a primeira vez que toma unha sauna ou un baño turco, non está de máis que o faga en compañía de alguén con experiencia.
- Se a toma despois de practicar algún deporte, é recomendable descansar antes entre 15 e 30 minutos para que a temperatura do corpo descenda e evitar así someter o corpo a un golpe de calor.
- Non entre na cabina con fame, co estómago cheo (deixe que transcorra cando menos unha hora desde a comida) ou en estado de esgotamento.
- Antes de entrar, dúchese a fondo con auga morna.
- Non esqueza beber, xa que vai someter o seu corpo a unha moderada deshidratación.
- Se vai tomar unha sauna, comece a sesión nos asentos máis baixos, para que o seu organismo se vaia adaptando á calor.
- Déitese ou sente cos pés sobre o asento para que todo o corpo permaneza á mesma temperatura.
- Durante a sesión non beba líquidos, xa que non se produciría a desintoxicación corporal.
- Non realice exercicios de ximnasia durante a sesión, nin se dedique a conversar porque se cargan a respiración e a circulación.
- Se é a súa primeira vez, non debe superar os dez minutos para evitar unha baixada de tensión.
- O normal é que ós 8-12 minutos o corpo sinta xa ganas de se refrixerar. Saia da cabina aínda que considere que non transpirou o suficiente. As persoas moi afeitas poden permanecer ata 15 minutos, pero recoméndase descansar despois dese período.
- Antes de abandonar a cabina, sente cos pés pendurando no banco para que a circulación se adapte de novo á posición vertical. Érgase a modiño, pois se o fai de súpeto o sangue pódese acumular e producir unha especie de vertixe ou síncope.
- Permaneza uns minutos (poucos, para non chegar a tremelicar) fóra da sauna (se se pode, ó aire libre) para arrefriar as vías respiratorias. Os pulmóns necesitarán aire exterior.
- Despois, dúchese con auga fría (se a presión sanguínea é alta, que sexa morna). Dirixa o chorro desde as extremidades cara ó centro do corpo, na dirección do corazón, para devolverlle o ritmo.
- Se aínda lle queda tempo -e ganas-, un baño de inmersión en auga fría fará reaccionar os vasos sanguíneos e aumentará a presión arterial.
- É conveniente alternar as sesións con duchas de auga fría para acadar unha vasoconstrición (contracción dos vasos sanguíneos) pola que se estimula a circulación sanguínea e se eliminan os produtos de refugallo dos músculos, á vez que os nutre. Se acaba de iniciarse nestas cuestións non debería repetir máis ca unha vez o ciclo calor-frío; se ten experiencia, pode facer unha segunda, e, como máximo, ata unha terceira entrada na sauna. Máis de tres ciclos non proporcionan beneficios complementarios, e si fatiga.
- Despois da sauna debe beber auga ou unha bebida isotónica para recuperar os sales minerais perdidos coa excesiva transpiración.
- Non é recomendable tomar máis de dúas sesións semanais.