As manías

Ritos que escravizan

Se precisamos facer as cousas dunha maneira rutineira, baixo un nivel de ansiedade moi elevado, estamos cativos dunha manía patolóxica
1 Marzo de 2005
Img interiormente listado 173

Ritos que escravizan

/imgs/20050301/interiormente01.jpg
Quen non tivo algunha vez a teima de non pisar as liñas das baldosas cando pasea pola rúa? Fixarse nas matrículas dos coches, contar fileiras de butacas, volver unha e outra vez comprobar se as billas non pingan, se a luz está apagada ou a porta ben pechada… Todas estas son pequenas manías que levadas a un extremo pódense tornar nun problema serio para quen o sofre e para a súa relación coa xente que o arrodea. De ter unha tendencia extravagante pódese pasar a estar sometido a condutas compulsivas, é dicir, a sentir unha necesidade imperiosa de realizar unha acción máis alá da propia vontade.

A existencia de certas teimas é algo normal. O problema xorde cando comezan a coartar o tempo e a estabilidade da persoa e converten en problemática a convivencia con ela. A comprobación do gas non é negativa, pero facelo tres, catro veces ou máis, aínda despois de ver que non estaba aberto, comeza a ser para a persoa un problema cada vez máis agoniante. De feito, estas manías adoitan ir acompañadas doutras semellantes, polo que a vida cotiá acaba enchéndose de comportamentos ritualizados.

A primeira sorprendida e molesta polo ritual das manías é a persoa que as ten. Non é quen de entender por que lle sucede nin de onde lle vén. Sente que non pode vivir sen se someter a eses rituais e sábese escrava deles. Por que se tornou unha maniática? Nuns casos deriva de personalidades obsesivas, de motivos inconscientes ou de hábitos culturais aprendidos, pero as máis das veces non se chega a saber por que se padecen. O que si é común é un certo grao de rixidez na estrutura da personalidade, unha rixidez que pode chegar a atormentar a persoa e a dificultar as súas relacións sociais. Se se lle preguntase ó maniático para que o fai, cal é o obxecto dos seus actos, non sabería contestar. Agora ben, si é consciente de que só queda tranquilo se cumpre co seu rito, pois só así acouga a súa ansiedade. O que acontece é que tamén consegue poñer fóra de si as persoas que o arrodean, que sofren a súa ansiedade pero non a dan calmado.

Hai persoas ou momentos da vida máis proclives ás manías?

Disque as manías ou os rituais de comportamento son máis frecuentes:

  • En persoas primarias e de escaso nivel cultural -e non é sempre o mesmo ter estudos, sona ou nivel económico que ter cultura-, os amuletos, as estampiñas, os xestos estereotipados poden determinar os seus actos.
  • En persoas maiores. A medida que unha persoa se vai sentindo máis vella, o temor á propia inseguridade impúlsaa a aferrarse a hábitos ríxidos, que converten en inflexibles: a hora de xantar, a de ler, a de pasear, a de…
  • As persoas afeitas a vivir soas foron elaborando o seu propio espazo vital inzado de costumes, usos e hábitos. Mentres non teñan que pórse en común por medio da convivencia circunstancial ou continua con outra ou outras persoas, non hai problema. Pero para convivir cómpre flexibilidade e algo de renuncia dos propios costumes.
  • Persoas moi ordenadas, perfeccionistas e proclives ó escrúpulo no traballo poden converter un bo hábito en comportamentos inflexibles, é dicir, en manías.
  • As persoas extravagantes adoitan ter rarezas, pero non teñen por que ser manías, e menos patolóxicas.

Hai manías ou rarezas máis frecuentes ca outras?

Case se podería dicir que existen tantas coma tipos de persoas. Pero se cumprise facer algún tipo de clasificación, salientariamos a imposición esaxerada de orde, a limpeza, os escrúpulos, a necesidade de seguridade e o perfeccionismo.

  • Manías relacionadas coa orde.
    • Necesidade de que todas as cousas da casa estean no seu sitio. A orde no fogar é positiva, pero cando se comproba e se esixe que cada obxecto ocupe o seu espazo e se non sucede así se sofre ansiedade e conflito, padécese unha manía.
    • A tendencia a colocar os obxectos de maneira simétrica e aliñada.
    • A preocupación por facer recontos unha e outra vez, pola necesidade de numerar e clasificar.
    • A rixidez extrema coa puntualidade propia e dos outros.
  • Manías arredor da limpeza, os escrúpulos e a saúde.
    • Medo irracional a enfermar, que conduce a tomar precaucións esaxeradas, a visitar herboristerías, a acudir a médicos por síntomas leves, a consultar curandeiros, a protexerse con temor das correntes, dos contaxios, de todo o que se albisca como un perigo.
    • Necesidade de lavar seguido as mans ou a boca.
    • Temor a tocar cousas que tocaran outros.
    • Aversión a darlles a man a outras persoas.
    • Costume compulsivo de limpar unha e outra vez a casa.
    • Medo esaxerado a contaminarse con produtos alimenticios e cos seus compoñentes.
    • Noxo das propias secrecións corporais.
  • Manías relacionadas coa seguridade.
    • Tendencia a comprobar unha e outra vez que as portas, fiestras, billas, chaves, luces están debidamente pechadas ou apagadas.

Como se sabe se unha persoa padece unha manía patolóxica?

O Manual Diagnóstico e Estatístico dos Trastornos Mentais da American Psychiatric Asociation sinala uns criterios para o diagnóstico do trastorno obsesivo-compulsivo da personalidade relacionado cos ritos compulsivos.

A aparición de catro ou máis dos seguintes síntomas pode ser motivo de consulta a un profesional.

  • Preocupación polos detalles, as normas, as listas, a orde, a organización ou os horarios ata o punto de perder de vista o obxecto principal da actividade.
  • Perfeccionismo que interfire na finalización das tarefas. Non se dá rematado un proxecto porque nunca cumpre as propias esixencias.
  • Dedicación excesiva ó traballo e á produtividade, con exclusión das actividades de lecer e das amizades (non atribuíble a necesidades económicas evidentes).
  • Excesiva teimosía, escrupulosidade e inflexibilidade en temas de moral, ética ou valores.
  • Incapacidade de guindar os obxectos gastados ou inútiles, ata cando non teñen un valor sentimental.
  • Receo a delegar tarefas ou traballos noutras persoas non sendo que estas se sometan ó seu xeito de facer as cousas.
  • Sobriedade nos gastos propios e dos demais; os cartos considéranse como algo que hai que amorear en previsión de catástrofes futuras.
  • Rixidez e obstinación de carácter.