Saltar o menú de navegación e ir ao contido

EROSKI CONSUMER, o diario do consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa >

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, polo tanto, unha vixencia limitada.

Centros de día : Calidade asistencial mellorable e carencia de prazas

Os equipamentos de atención diúrna de persoas dependentes logran unha cualificación notable, pero o 60% teñen listas de espera e dous de cada dez suspende

10 respostas que axudan a acertar co Centro de día

1. Que é un centro de día?

Os centros de día son establecementos que prestan, durante o día, atención integral e individualizada ás persoas maiores que teñen problemas de dependencia, ben de tipo físico ou psicosocial. Este programa non residencial permítelle ao ancián durmir na súa casa. Algunhas comunidades autónomas dotaron a estes centros dunha denominación distinta (como o caso de Andalucía) e alí coñécense como Unidades de Estancia Diúrna.

RECOMENDACIÓN: Infórmese de se hai algún centro de día no seu concello – ou o máis próximo posible a el – que se adapte ás súas necesidades. Elixa un centro próximo a onde viva a súa familia ou as súas amizades.

2. Cal é o obxectivo dos programas de estancia diúrna?

Mellorar ou manter o nivel de autonomía persoal da persoa maior e apoiar á familia ou aos coidadores que afrontan a tarefa de atendelos, así como favorecer a súa compatibilidade laboral. Deben facer posible que os vellos, ademais de seren atendidos, poidan gozar do seu tempo libre.

RECOMENDACIÓN: Comprobe que os servizos que lle ofrece un centro de día cobren as súas necesidades e coñeza as demais alternativas. Fale cunha asistenta social para que o oriente.

3. Cales son os requisitos para acceder a estes centros?

  • A idade que determine cada autonomía (arredor dos 60-65 anos).
  • Estar empadroado no concello ou comunidade autónoma onde se solicite.
  • Non padecer enfermidades infecto-contaxiosas ou crónicas en estado terminal. Algunhas administracións restrinxen o acceso aos que padezan enfermidades mentais ou trastornos de conduta que poidan alterar gravemente a convivencia do centro; non é o caso dos centros psicoxeriátricos especializados en certas doenzas como as demencias ou o Alzheimer.
  • Acreditar a necesidade de axuda económica, persoal ou da unidade familiar.

RECOMENDACIÓN: Evite xestións e desprazamentos innecesarios. Chame por teléfono: pregunte cales son as condicións de acceso, que documentación ten que achegar, cal é a lista de espera (en caso de que exista) e pida cita previa en caso necesario.

4. De quen dependen?

Os centros de día poden ser de titularidade pública, privada ou concertada. Os primeiros son xestionados polas Administracións autonómicas ou locais, mentres que os privados os xestiona unha Entidade ou un particular. No caso dos concertados, combinan a titularidade privada con certas prazas públicas, e estas réxense polas mesmas condicións ca os centros públicos.

5. Tipos de centros de día

  • No tocante á titularidade: públicos, privados e concertados.
  • En función dos seus usuarios: centros para válidos, para asistidos, centros mixtos (que atenden tanto a válidos como a persoas con algún grao de dependencia) e os psicoxeriátricos. Estes últimos diríxense a persoas con certos problemas psíquicos (como o Alzheimer).
  • Pola modalidade asistencial do centro de día: laboral, continuos ou de fins de semana e festivos.

RECOMENDACIÓN: Se está interesado/a nalgún centro en particular, visíteo detidamente antes de tomar unha decisión. Comprobe que o centro está autorizado. Lea detidamente o Regulamento Interno e o Contrato de Admisión.

6. Que servizos se ofrecen?

Os máis habituais son os servizos de atención personalizada, de enfermería, de restauración, de asistencia social, de terapia ocupacional e fisioterapia e de animación sociocultural. Amais destes, hai outros servizos, nalgúns casos opcionais, que ofrecen os centros de día españois: servizo de transporte, salón de peiteado, podoloxía, capela…

RECOMENDACIÓN: Asegúrese de que o centro dispón de persoal abondo, coa titulación esixida e coa experiencia necesaria.

7. Mínimos materiais dos centros?

A maior parte dos centros de día contan cunha recepción e mobiliario de gardarroupa, zona de comedor, área de actividades, aseos adaptados ás necesidades dos maiores e ao paso dunha cadeira de rodas. O baño xeriátrico, por outra parte, non é obrigatorio en todas as CCAA e nalgúns págase unha tarifa extra por cada uso. Os materiais deben ser antiesvaradíos e bos de lavar.

Esíxeselles a todos os centros unha climatización e ventilación axeitada, e mais deben dispor de sistemas de calefacción e de auga quente. A iluminación é outro dos aspectos que contempla a normativa autonómica, xunto coa decoración; perséguese un ambiente natural e agradable.

Doutra banda, contar con iluminación de emerxencia, cunha boa sinalización de todas as dependencias e que exista polo menos un teléfono á disposición dos usuarios, son outros dos mínimos requiridos nestes establecementos. No tocante ao mobiliario, debe ser seguro para os maiores, cómodo, que permita o acceso con cadeira de rodas, duradeiros e cun mantemento axeitado.

RECOMENDACIÓN: Pida que lle ensinen as diferentes áreas do centro de día, comprobe que son amplas, que teñen unha ventilación e iluminación abonda e que dispoñen de aseos completos. Comprobe tamén que todas as dependencias dispoñen dunhas condicións de hixiene e salubridade extremas.

8. Horarios

Os vellos poden permanecer no centro de día unha media de 11 horas diarias (de 8.00 horas a 19.00 horas).

RECOMENDACIÓN: Pregunte se pode visitar ao seu maior durante a súa estancia diúrna e cal é o horario no que pode facelo.

9. Prezos

En moitos dos centros de día a tarifa mensual varía en función do nivel de dependencia dos maiores (a media mensual dun centro de día sitúase nos 508 euros mensuais: 336 euros nos públicos, 473 euros nos concertados e 638 euros nos privados). Neste prezo inclúese a atención básica ao usuario (alimentación, servizo médico e atención asistencial). Nos privados non se inclúe o transporte adaptado, e tanto nos privados como nos públicos e nos concertados os servizos catalogados como “extra” (podoloxía, salón de peiteado…) van á parte.

RECOMENDACIÓN: Solicite información sobre os servizos incluídos e excluídos no prezo. Lembre tamén que pode ter dereito a subvencións e axudas de diverso tipo, de modo que as consulte.

10. Calidade dos centros

Trátase, na medida do posible, de facer sentir a persoa como na súa propia casa e de axudala nas súas actividades da vida cotiá coma e mais na súa interacción con outros membros.

RECOMENDACIÓN: Interésese por aspectos do centro como os sistemas de emerxencia, o plan semanal de comidas (que sexa completo, variado, adaptado e supervisado polo médico), as vías de comunicación cos familiares, as actividades que se realizan cos maiores, os servizos de rehabilitación, etc.

Paxinación dentro deste contido

Pódeche interesar:

Infografía | Fotografías | Investigacións