Boa calidade, pero a maioría non serven para a chuvia
Dentro do calzado de montaña, o mercado ofrece diversas clases, entre as que témo-las botas de marcha ou paseo, as de travesía ou trekking, e as de alta montaña. No primeiro caso, o usuario transita por camiños ou sendeiros sinxelos e relativamente accesibles, mentres que as botas de trekking e de alta montaña permiten afrontar terreos máis difíciles e condicións máis desfavorables: rochas, lama, pendentes acusadas e esvaradías… Á hora de seleccionarmos este tipo de calzado, convén considerar aspectos como o tipo de percorrido que se vai realizar, o tipo de clima das zonas que se van percorrer, a duración dos traxectos habituais, as características do terreo polo que se vai transitar… En función destes factores, elixirase mellor o tipo de bota que interesa mercar. A comodidade e seguridade na montaña depende en boa medida da calidade do equipamento deportivo, especialmente das botas que calzamos.
As características fundamentais do calzado de trekking son a solidez e resistencia da bota e a comodidade de uso e a seguridade que lles proporcionan ós músculos e articulacións do deportista. Nesta análise comparativa analizáronse eses aspectos en sete modelos: Tuckland Pocker, Nike Brush Kicker Mid, Salomon Exit Mid, Hi-Tec Sierra Trilogy, Trezeta Springer, Asolo Elk High e Boreal Midi. Todos foron modelos masculinos, do número 41 ou próximo, de entre 10.000 e 13.000 pesetas de prezo. O modelo de Nike é o máis barato, e os de Salomon e Asolo, os máis caros. As botas de Tuckland, Hi-Tec, Boreal e Trezeta custan ó redor de 12.000 pesetas. Dos resultados obtidos das probas de laboratorio, extráese unha conclusión: soamente tres son axeitadas para terreos húmidos ou para a chuvia: Tuckland, Hi-Tec e Trezeta, todas con membranas impermeables como GoreTex ou Sympatex. As outras catro enchóupanse por dentro e mollan o pé do usuario. Outra conclusión é que os modelos estudiados de Asolo e Boreal carecen dunha resistencia suficiente: tende a despegarse a unión entre a cana e a punteira, o que pode prexudica-la estética e a impermeabilidade destas botas, aínda que non a súa solidez.
Unha terceira constatación: soamente a bota de Salomon absorbe suficientemente a humidade interior que no calzado causa a suor do pé. Para rematar, sinalemos que Hi-Tec, Trezeta e Boreal non aprobaron o test de amortecemento dos golpes na zona do calcañar, o que significa que a comodidade da marcha é insatisfactorio en terreos irregulares. Unha vez descritas as principais insuficiencias dalgunhas destas botas de trekking, cómpre sinalar que a calidade global das sete é en xeral satisfactoria e que cada unha é máis axeitada para un uso concreto (terreo chairo, abrupto, seco…) non sendo a de Tuckland, con prestacións satisfactorias en todo tipo de percorridos.
A mellor relación calidade-prezo é Tuckland Pocker, unha bota moi sólida, resistente, cómoda e apta para distintos tipos de terreo, amais de impermeable á auga. Só a súa escasa absorción da humidade da sola interior contraria os seus excelentes resultados. Para marcha ou paseos en terreos secos e relativamente lisos, sobresae Nike. En canto á comodidade de uso, a mellor é Salomon.
Resistentes e que non mollen
A resistencia ás esgazaduras determina a duración da bota e a súa aptitude á función. Tódolos modelos evidenciaron na proba (extráese da bota un anaco de tecido e sométese a fortes tensións ata conseguir rachalo) unha resistencia moi satisfactoria, e sobresaíu sobre todas a bota Asolo, extremadamente resistente. Na maioría dos modelos, a sola vai pegada ó resto da bota. Algúns compoñentes tamén poden ir cosidos, o que en principio garante unha maior solidez. O ensaio de laboratorio ofrece unha idea aproximada do comportamento dos compoñentes da bota ante o uso, amosando cál se podería desprender de xeito máis doado. As botas de Asolo e Boreal amosaron unha resistencia insuficiente nas unións dos seus compoñentes: en ámbalas dúas tende a despegarse a unión entre cana e punteira, o que non prexudica a solidez da bota pero si a súa impermeabilidade e a súa estética. En Salomon, a resistencia da unión entre cana e punteira é aceptable pero non tan satisfactoria coma nas catro restantes.
Con relación a outro aspecto da calidade destas botas, algunhas aseguran nas súas etiquetas que incorporan unha membrana impermeable, tipo GoreTex ou Sympatex. É o caso de Tuckland, Hi-Tec e Trezeta. Esta prestación compróbase cun test que simula que a bota camiña sobre herba mollada, medíndose o tempo que tarda a humidade en penetrar ata o interior do calzado e a cantidade de auga que se absorbe. Trezeta, Tuckland e Hi-Tec pódense considerar impermeables, xa que a humidade tarda máis dunha hora en penetrar no interior da bota. Os outros catro modelos resisten só 5 minutos sen se mollaren, e Nike e Salomon enchoupáronse coa entrada dunha importante cantidade de auga. Ningunha destas catro botas declara ser impermeable á auga, e poden ser perfectamente axeitadas para camiñar por terreos secos ou non moi húmidos.
A flexibilidade, segundo o uso da bota
A flexibilidade dunha bota determina a súa capacidade de acompaña-lo movemento natural do pé. Moitos usuarios antes de mercaren unha destas botas adoitan dobrala 45 graos segundo o seu eixe natural de flexión, aínda que este movemento debería realizarse calzando a bota, xa que unha vez no pé, a zona pola que se debe dobra-la bota non é pola metade do pé, senón algo máis adiante. No ensaio mediuse a forza precisa para dobra-la bota 45 graos. O nivel satisfactorio de flexibilidade nunha bota vai moi unido ó emprego que se faga dela: para camiños máis ben chairos en terreos pouco accidentados, mellor unhas botas flexibles, pero se se precisan para sendeiros rochosos e máis irregulares, nos que é esencial unha boa estabilidade, convén empregar botas con solas máis ríxidas. Os modelos de Nike, Hi-Tec e Tuckland son os máis flexibles, e Trezeta é o máis ríxido. Polo tanto, para terreos abruptos e difíciles son recomendables Trezeta e Boreal e, en menor medida, Asolo. A cualificación de “todo terreo” (mesmo en terreos moi húmidos) só se lle pode outorgar a Tuckland. Para rematar, para un paseo sen demasiadas esixencias, as máis axeitadas son as botas de Hi-Tec e Nike. As canas altas nas botas, xeralmente, protexen máis o nocello, mentres que as canas medias ou baixas permiten maior liberdade de movementos. De cana alta (axeitadas para terreos abruptos) son Trezeta e Tuckland, e de cana media-baixa (mellores e máis cómodas para terreos chairos) son tódalas demais. Continuando coa comodidade, analizouse a resistencia á abrasión da soleta ou sola interior. Por efecto deste rozamento ou abrasión, a sola interior pode orixinar pequenas partículas ou pezas que reducen o confort, e mesmo poden provocar pequenas feridas ou bochas no pé. Os resultados foron en xeral bos, aínda que en Trezeta foron simplemente discretos.
¿E que acontece coa suor do pé?
Durante a actividade deportiva, o pé introducido nunha destas botas produce unha media de 15 gramos de suor por hora, dos cales dous tercios se producen na planta do pé e deben ser absorbidos pola sola interior ou soleta. Comodidade e hixiene están relacionados con esta prestación. O test de laboratorio demostrou que só a bota de Salomon absorbe nunha cantidade aceptable a humidade interior. No resto, esta capacidade é baixa (Nike e Asolo) ou moi baixa (Tuckland, Trezeta, Hi-Tec e Boreal).
O peso da bota é outro aspecto interesante. Aínda que xeralmente se prefiren botas lixeiras, que esixan un menor esforzo ó camiñar, hai relación entre o peso dunha bota e características técnicas como a rixidez ou o apoio. Polo tanto, o peso axeitado diferirá en función do emprego que se lle vaia dar á bota. Os sete modelos pesaron de media 1,1 quilogramos cada par, e destacan os 830 gramos de Nike e os 1.340 gramos de Trezeta. Asolo é tamén “pesada” (1,23 quilos) e a segunda máis lixeira é Boreal (1,1 quilos).
A comodidade de uso, valiosa característica
Ó camiñar e saltar, o pé entra en contacto co chan a unha ve locidade determinada e detense máis ou menos bruscamente. Unha boa bota amortecerá o choque da pisada, e protexerá deste xeito os músculos e articulacións do pé do usuario. Segundo os test realizados para establece-la capacidade de amortecemento de choque na zona do calcañar, Nike, Tuckland e Asolo son excelentes, xa que amortecen o choque ata case un 40%. Salomon, co 22%, é tamén correcta, pero Hi-Tec, Boreal e Trezeta puxeron de manifesto unha insuficiente absorción de choques.
Unha boa bota ofrece, ademais, un alto coeficiente de restitución de enerxía na zona do talón, dato que mide a porcentaxe de enerxía que o calzado lle devolve ó pé. Este exame dá tamén unha idea do avellentamento dos materiais da sola. Trezeta é a peor das botas analizadas neste aspecto, xa que a súa restitución de enerxía é de só un 51%. En Hi-Tec tamén é baixa (53%). Só en Salomon (59%) e, especialmente, en Tuckland (72%) os resultados en restitución de enerxía na zona do talón foron moi bos.
A sola: o que máis sofre
A flexión da parte dianteira da bota é un movemento que se vai repetir innumerables veces ó longo da vida da bota, polo que é fundamental que a sola resista moito tempo sen danos nin rupturas. A proba estandarizada de resistencia da sola á flexión somete as botas a 100.000 ciclos de flexión observando o momento no que se produce dano e o tipo e número das gretas. Todas resistiron sen dano ningún, polo que a súa puntuación foi excelente. Esta proba non se realiza cando a sola é ríxida, como acontece no modelo de Trezeta, unha bota menos axeitada para camiñar por terreo chairo -onde un calzado ríxido podería sobrecarga-lo talón- pero moi axeitadas para percorridos abruptos, pola súa maior protección do pé.
A sola exterior, por outra banda, tamén debe ser resistente ó rozamento (ou abrasión) e duradeira: se non, o calzado avellentaría axiña e perdería as súas calidades, entre elas as de amarre ó chan. Tódolos modelos obtiveron bos resultados, se ben sobresaíron Salomon e Tuckland. A resistencia, aínda que boa, foi menor en Trezeta e Boreal.
Os amallós sofren continuas tensións e rozamentos contra os buratos e enganches da bota, polo que cómpre que sexan resistentes a ámbolos dous efectos. Os amallós sometéronse a un ensaio técnico no que se comproba a forza precisa para esgazalos. Os de Asolo e Nike amosáronse máis resistentes á tensión có resto, se ben tódolos amallós obtiveron resultados moi satisfactorios.
Por outra banda, algúns dos buratos ou enganches exercen sobre os amallós un efecto de corte que, co uso, os estraga. Para medir este efecto no laboratorio, os amallós móvense adiante a atrás dentro do burato baixo unha tensión constante, medíndose o número de ciclos precisos para rachalos. En Nike, Salomon, Tuckland e Asolo os resultados son moi satisfactorios (precísanse máis de 5.000 ciclos para rompe-lo cordón) mentres que en Boreal e Hi-Tec son deficientes. Estes dous modelos presentan distintos tipos de buratos ou enganches. En Boreal, o problema provócao o burato revestido de metal (o cordón só resistiu 1.100 ciclos), mentres que en Hi-Tec, os amallós sucumben doadamente fronte ó enganche tipo lazo (resistiron 800 ciclos).
En síntese
En síntese
- Analizáronse sete modelos de botas de trekking que custan entre 10.000 e 13.000 pesetas, de Tuckland, Nike, Salomon, Hi-Tec, Trezeta, Asolo e Boreal.
- A calidade global das sete botas é, en xeral, satisfactoria.
- Soamente tres serven para terreos húmidos ou para a chuvia: Tuckland, Hi-Tec e Trezeta, que incorporan membranas impermeables. As outras enchóupanse e mollan o pé do usuario.
- Asolo e Boreal presentan unha unión deficiente da cana coa punteira, o que prexudica a impermeabilidade e a estética destas botas.
- Só a de Salomon absorbe en medida abonda a humidade que no interior do calzado causa a suor do pé.
- Hi-Tec, Trezeta e Boreal non aproban o test de amortecemento de golpes na zona do calcañar.
- Para camiñar por sendeiros máis ben chairos a través de terreos pouco accidentados, convén empregar botas con solas flexibles; para sendeiros rochosos ou irregulares, mellor solas ríxidas.
- Tuckland é a única que serve para todo tipo de terreos, mesmo para os moi húmidos.
- A mellor relación calidade-prezo é Tuckland Pocker (11.900 pesetas), unha bota moi sólida, resistente e cómoda, e apta para distintos tipos de terreo, amais de impermeable. Só falla na absorción da humidade da sola interior. Para paseos sen grandes complicacións no terreo, a bota de Nike, a máis barata (9.995 pesetas), é a mellor opción.
Un a un
Cinco botas de trekking de gama media, unha a unha
Tuckland Pocker
- 11.900 pta. A mellor relación calidade-prezo. Emprego recomendado: para todo tipo de terreos.
- Excelentes propiedades mecánicas, que permiten un uso prolongado debido á súa resistencia. A súa sola permite un bo amortecemento, que perdurará debido á súa elevada restitución de enerxía.
- Impermeable á auga e moi flexible. Único punto débil: moi escasa absorción de humidade da sola interior.
- Cualificación global (máx. de 5 puntos): 4,7 puntos.
Nike Brush Kicker Mid
- 9.995 pta, a máis barata. A mellor opción para camiñar en terreos pouco accidentados e secos.
- Excelentes propiedades mecánicas, que permiten un emprego prolongado debido á súa resistencia.
- A sola, amais de ser moi flexible, posibilita un amortecemento de choque moi satisfactorio. Puntos débiles: permeabilidade á auga e escasa absorción de humidade da sola interior.
- Cualificación global: 4,2 puntos.
Salomon Exit Mid
- 12.995 pta. Emprego recomendado: para todo tipo de terreos, sempre que sexan secos. Excelentes propiedades mecánicas, que permiten un uso prolongado debido á súa resistencia.
- Bo amortecemento, e un bo compromiso entre unha bota flexible (mellor para sendeiros chairos) e unha ríxida (para chans abruptos).
- A única cunha soleta que absorbe satisfactoriamente a humidade interior. Non é impermeable á auga.
- Cualificación global: 3,8 puntos.
Asolo Elk High
- 12.995 pta. Emprego recomendado: terreos chairos e secos. Propiedades mecánicas: a unión cana-punteira é demasiado débil, o que prexudica a estética e a impermeabilidade á auga.
- Excelente amortecemento de choques da sola. Insuficiente capacidade de absorción de humidade da sola interior.
- Cualificación global: 3,7 puntos.
Boreal Midi
- 11.995 pta. Emprego recomendado: terreos secos e abruptos. A unión cana-punteira é demasiado débil, o que prexudica a impermeabilidade á auga e a estética.
- Escaso amortecemento de golpes na zona do calcañar. Permeable á auga. Os amallós non superaron a proba de resistencia ó efecto de corte.
- Insuficiente capacidade de absorción de humidade da soleta.
- Cualificación global: 3 puntos.