Bonsais

Cultivar unha árbore moi especial

Entre arte milenaria e artesanía viva, o cultivo dos bonsais consegue cada día novos adeptos. España é un dos países europeos con maior número de afeccionados a estas pequenas árbores
1 Outubro de 2000
Img miscelanea listado 155

Cultivar unha árbore moi especial

Un dos motivos desta aceptación radica no excelente clima deste país, que se traduce nunhas inmellorables condicións para o crecemento das árbores. Sen embargo, o descoñecemento dalgunhas normas básicas de cultivo segue sendo frecuente, cando menos entre as persoas alleas a esta arte: ó contrario das crenzas máis estendidas, a maioría dos bonsais son especies de exterior, e malia ó seu fráxil aspecto, resultan tan resistentes coma os seus irmáns máis vellos, as árbores convencionais, sempre que se lles proporcionen uns coidados mínimos. O seu prezo varía moito: a partir das 5.000 pesetas pódese adquirir un bonsai que ofreza garantías, aínda que non é raro que cheguen a custar 600.000 ou 800.000 pesetas, e mesmo que superen o millón de pesetas cando se trata de variedades pouco habituais e dunha certa idade. Pero a mensaxe fundamental, curiosidades á parte, é que os bonsais non son simples elementos decorativos, senón seres vivos que dependen do seu dono para sobreviviren.

Cultura oriental milenaria

As referencias máis antigas sobre bonsais aparecen na China, reflectidas nunhas pinturas da dinastía Tang (anos 618-906). Ó parecer, foron os monxes budistas chineses quen, nos séculos X e XI, introduciron o bonsai no Xapón ó se trasladaren alí para daren a coñece-la súa filosofía, o budismo Zen, e os xaponeses algúns séculos despois estenderon en occidente o cultivo destas pequeniñas árbores. De aí que en occidente arraigase a idea de que os bonsais teñen orixe nipona. Durante séculos, a propiedade destas pequenas árbores estivo restrinxida a persoas nobres e de alto avoengo e hai tan só unhas décadas estendeuse o seu cultivo entre o resto dos cidadáns. Non se coñece a data da chegada a Europa da cultura de árbores en miniatura, pero pénsase que os gregos na época helénica xa plantaban en macetas os primeiros arbustos minúsculos, se ben non se trataba de bonsais, senón de especies medicinais que empregaban para abastece-las boticas sen necesidade de se desprazaren a outras latitudes nin agardar determinadas estacións.

Ó aire libre, coma o resto das árbores

Aínda que domina-las técnicas desta arte xaponesa resulta extremadamente difícil, iniciarse no seu cultivo é cuestión de interese, adaptación de determinados hábitos e, sobre todo, de lembrar que unha árbore, aínda que non berra, sofre e precisa coidados. O primeiro que hai que ter en conta é que entre estas árbores miúdas non existe ningunha especie de interior, un erro común, consecuencia de velos expostos no interior dos comercios. Os bonsais son árbores, e coma tódalas da súa especie, grandes ou pequenas, viven ó aire libre. Deben pasar frío no inverno e calor no verán; na primavera botan flores e no outono perden as follas. Aínda que nestas latitudes se poden atopar familias tropicais que, ó estaren fóra do seu hábitat natural, teñen que pasa-lo inverno dentro das vivendas ou protexidos dun clima que non é o seu, é recomendable comeza-la afección con especies autóctonas.

Elixi-la especie máis axeitada

Non é preciso dispor dun amplo espacio para cultivalos, abonda o pequeno recuncho dun balcón, ou mesmo a repisa dunha fiestra. Cómpre escolle-la especie que máis se adapte ó ambiente e para iso convén observa-la flora do contorno, as árbores dos parques ou bosques próximos. Nunha rexión seca, de clima caloroso, no que o vento sopra a miúdo e só se dispón de espacio ó sol, un piñeiro pode se-la árbore máis axeitada. Para climas húmidos e fríos e balcóns que só reciben o sol da mañá, unha faia será a mellor elección.

A ficha do bonsai

Cando adquirámo-la árbore, é conveniente esixir que xunto á maceta se nos entregue a ficha do exemplar. Nela indicarase o nome botánico e o común, a idade da árbore, que polo xeral anda entre os 3 e os 5 anos, a explicación de se se trata dunha especie tropical ou autóctona e o perfil que ten que debuxa-la copa para podela manter. Desde entón, o propietario será responsable dun ser vivo, polo que deberá atende-las súas necesidades de auga, fertilizantes, cambio de terra e poda.

Coidados dos bonsais

Non se pode fixar unha lista de coidados xenéricos, xa que dependendo da especie da que se trate precisará unhas atencións ou outras. Sen embargo, algúns consellos son aplicables a tódolos bonsais. Por exemplo, no verán o sol quenta as macetas, polo que é útil protexe-la terra cunha capa grosa de carriza para que a temperatura das raíces non suba demasiado. No inverno, nas zonas moi frías entérranse as macetas ou cóbrense con palla, para que a terra do bonsai non se conxele. Ademais, ó igual ca cunha mascota, convén acudir a un especialista se observamos algún problema. De tódolos xeitos, hai que lembrar que se trata de árbores coma as outras, máis cativas pero non máis fráxiles.

Auga: Deberase rega-lo bonsai cando o precise, botándolle a auga de arriba a abaixo, coma se fose chuvia, asegurándonos de que a raíz reciba auga. Se fixo moita calor, poderase somerxer, pero isto non se debe converter na práctica habitual. Fertilizante: Fertiliza-la terra significa proporcionarlle ó bonsai o seu sustento, polo que se debe estudia-la composición do substrato e elixilo dependendo da especie e do momento do seu desenvolvemento. A terra debe sustenta-la árbore, tanto no sentido físico coma nutritivo, e permitir drena-la auga da rega dun xeito doado; ó mesmo tempo, débese manter húmida, sen exceso de auga, rete-los nutrientes que se lle proporcionan á árbore cos fertilizantes e ser capaz de controla-lo seu grao de acidez ou alcalinidade PH. Aínda que cada afeccionado chega a compo-las súas mesturas, o substrato sempre debe conter arxila, turba e area. Por iso, debemos ser coidadosos coa terra na que o replantamos. Se non contén estes tres compoñentes, a árbore pode morrer en poucas semanas. Poda: O obxectivo é mante-la forma da copa. Cada un farao do xeito que prefira, pero tendo presente que hai que permitir que a luz pase ata a raíz.

Carriza e plantas decorativas

Para decora-las terras que alimentan o bonsai pódense empregar varias especies vexetais que adornarán a terra da maceta sen eclipsaren a beleza da árbore.

A carriza podémola apañar nós mesmos no monte. Despois, seca ó sol (proceso polo cal torna dura), desfaise en anacos e gárdase en bolsas. Deste xeito estará dispoñible para colocala enriba da terra da maceta cando se considere oportuno. A carriza tamén a hai que manter húmida e sometela a unhas normas para que non estrague a vista do bonsai: non debe rubir pola árbore (limparémo-lo tronco cun cepillo cada inverno), non ocupará toda a maceta nin sairá polos bordos, non tapará as raíces e arrincarémola se medra demasiado.

As plantas tamén poden compartir espacio co bonsai. Na fraga atoparemos algunhas plantas silvestres moi axeitadas. Para colocalas elixiremos un lugar no que non tape ningún detalle do bonsai, ou podemos tamén transplantalas a unha pequena maceta para poñelas á beira do bonsai. Tamén hai que seguir unhas normas, como colocalas nunha parte do tronco sen raíces ou nunha cicatriz grande que queiramos disimular e plantala a uns centímetros do bonsai para que non o oculte.