Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, polo tanto, unha vixencia limitada.
Ximnasios e polideportivos : Non é só cuestión de imaxe, a saúde tamén conta
A camiño entre o culto ó corpo e o crecente interese que suscita todo o relacionado coa saúde, practicar deporte converteuse en algo máis ca nunha moda pasaxeira
A camiño entre o culto ó corpo e o crecente interese que suscita todo o relacionado coa saúde, practicar deporte converteuse en algo máis ca nunha moda pasaxeira. Así o testemuña o incremento do número de matrículas que se rexistra cada outono en ximnasios privados e polideportivos municipais.
Comezar a practicar unha actividade física implica tomar decisións que aseguren que o esforzo e os cartos investidos non serán baldíos. Debemos considerar detidamente cuestións como decantármonos por un centro próximo ó noso domicilio ou por un próximo ó lugar de traballo, a titulación dos profesores e a elección da actividade que máis se adapte ás nosas necesidades ou obxectivos (evitármo-lo estilo de vida sedentario, desenvolvermos musculatura, endurecérmo-lo corpo sometido a unha dieta adelgazante). E, por suposto, a tarifa tamén influirá, xa que as diferencias entre centros privados ou públicos son notables e, entre os primeiros, a variación nos prezos resulta tamén considerable.
Un amplo abano de actividades
- Aeróbic: Combina movementos coreográficos de baixa e alta intensidade ó ritmo da música. Actividade idónea para mellora-la coordinación e os reflexos.
- Gym-jazz, funky, aerodance…: Movementos aeróbicos seguindo diversos ritmos musicais.
- Body pump: Método integral e personalizado de adestramento que combina exercicios cardiovasculares e musculares. Tonifica e mellora a forma en moi pouco tempo. Inclúe elementos das sesións aeróbicas tradicionais combinados con todo tipo de material deportivo: step, gomas, pesas, cordas…
- Boxingaeróbic: Combina os movementos suaves de pernas e brazos do boxeo coa técnica tradicional do aeróbic. Desenvolve a capacidade cardíaca e o ton muscular. Ideal para mellora-la coordinación e o equilibrio.
- Acuaeróbic ou fitness acuático: Exercicios realizados baixo a auga nunha piscina de moi pouca profundidade. Estimulante e relaxante, é unha fonte terapéutica e correctora de problemas corporais. Causa menor tensión nas articulacións e músculos ca outros exercicios e o risco de lesións diminúe xa que o corpo pesa menos dentro da auga.
- Musculación: O traballo con pesas e aparellos fortalece os distintos músculos, marcando as súas formas ou aumentando o seu volume, segundo o obxectivo que se persiga.
- Stretching ou estiramento: Indicado para estimular músculos, tendóns e articulacións. Serve como quecemento para outras actividades e prevén lesións. Diminúe a tensión corporal e a fatiga mental. Permite recupera-la postura correcta do corpo.
- Ioga: Equilibra os catro sistemas principais do corpo: o nervioso, o arterial, o linfático e o enerxético. É un bo complemento deportivo, xa que aumenta a forza e a flexibilidade. Mellora trastornos funcionais como a taquicardia, o insomnio ou os síntomas de depresión.
Beneficios de practicar deporte
- Retarda os procesos dexenerativos da idade e a perda das funcións mentais.
- A partir dos 30 anos pódese aumentar ata o 25% da capacidade do sistema cardiovascular, co engadido de que axuda a controla-lo peso e incrementa o consumo de osíxeno dos músculos.
- Mellora a circulación sanguínea e axuda a previr trastornos coronarios, arteriais e cardiovasculares.
- Reduce a hipertensión, a osteoporose, a diabete e o síndrome de tensión premenstrual.
- Incrementa os niveis do colesterol bo (HDL) no sangue e contribúe a reduci-los triglicéridos (graxa).
- Fortalece o sistema inmunolóxico e prevén a aparición de diversos tipos de cancro, entre eles o de colon.
- Aumenta o nivel da serotonina (hormona) no cerebro, o que propicia un estado de ánimo máis positivo. Posúe efectos beneficiosos ante a depresión, a ansiedade, a tensión e a neurose. As melloras do aspecto físico repercuten positivamente a nivel psicolóxico, xa que cando unha persoa vai adquirindo a imaxe que lle agrada, séntese máis segura de si mesma e esquece traumas e complexos.
- A sensación de xúbilo e enerxía que proporciona a práctica de exercicio nun ambiente agradable resulta moi beneficiosa, xa que actúa a xeito de antidepresivo natural. De feito, os psicólogos defenden o efecto terapéutico do traballo físico nas persoas que sofren desequilibrios e desordes mentais.
- Incrementa a autoconfianza, a autoconciencia e a claridade de pensamento. E é bo mesmo para mellora-la memoria.
- Todo exercicio físico regular aumenta a eficacia do sono, se non se practica inmediatamente antes da hora de deitarse.
- Asistir ó ximnasio tamén mellora as relacións cos demais: as clases compartidas ofrecen a oportunidade perfecta de relación cos demais e de coñecer persoas con intereses semellantes ós nosos.
- Mellora a capacidade de concentración. Un exemplo claro constitúeno as clases de aeróbic: o nivel de concentración que esixen as coreografías obriga a quen as practica a permanecer nun estado de concentración elevado mentres as aprende e executa.
Paxinación dentro deste contido
- Non hai ningunha páxina anterior
- Estás na páxina: [Páx. 1 de 2]
- Ir á páxina seguinte Claves para obte-lo máximo proveito »